19/03/09

A Livraria Lello

Neste blog da Nosa Bibioteca non só che queremos falar de libros, iso xa o sabes; desde hoxe tamén queremos presentarche algúns lugares extraordinarios relacionados cos libros. Por exemplo, este:


A Livraria Lello & Irmão, da cidade portuguesa do Porto, foi considerada en 2008 polo xornal británico The Guardian unha das tres librarías máis fermosas do mundo.
Mira as fotos que veñen a seguir, e opina.



A historia da libraría remóntase a 1869, cando foi fundada na Rua dos Clérigos por Ernesto Chardron, nome co que aínda hoxe é coñecida. Após o imprevisto falecemento de Chardron, aos 45 anos de idade, a casa foi vendida á firma Lugan & Genelioux Sucessores.



Em 1894 Mathieu Lugan vendíaa novamente a José Pinto de Sousa Lello que posuía daquela unha libraría na Rua do Almada, no Porto. Asociado ao irmán, António Lello, manteñen a Livraria Chardron até 1919, ano em que o nome da sociedade muda para Lello & Irmão Lda.


O actual edificio, en estilo neogótico e con influenzas victorianas, foi inaugurado em 1906, coa presenza, entre outros, de Guerra Junqueiro, José Leite de Vasconcelos e Afonso Costa.

Desde aquela, a libraría e o seu local permaneceron, xeración tras xeración, nas mans da mesma familia. Em 1995, José Manuel Lello, o propietario, decide realizar unha profunda transformación no interior da libraría, así como a restauración completa, que correu baixo os proxectos do arquitecto Vasco Morais Soares.



Nos pilares, á esquerda e á dereita, distínguense os bustos de distintos homes de letras: Eça de Queirós, Camilo Castelo Branco, Antero de Quental, Tomás Ribeiro, Teófilo Braga e Guerra Junqueiro.


O gran vitral existente no teito, que permite o paso dunha luz acolledora e cálida, ostenta o monograma e a divisa da libraría: "Decus in Labore".




A escada de acceso ao piso superior constituiu unha das primeiras construcións de cimento armado realizadas na cidade do Porto.


18/03/09

Fernández Paz

Supoñemos que é difícil, pero, polo si ou polo non, queremos lembrarvos que a Nosa Biblioteca ten unha boa provisión de obras do admirable autor chairego. Podes pedir axuda aos profesores, ou ben probar directamente.
Lembra que é un acerto seguro.

14/03/09

De estrelas e galaxias

Desde o blog da nosa Biblioteca seguimos celebrando cunha nova entrega o Ano Internacional da Astronomía. Así pois, mira e admira estas fotos tiradas con telescopio dalgunhas fermosas galaxias. Se queres averiguar máis, podes entrar aquí.


Eis a belísima nebulosa Roseta, a 3.000 anos luz de nós, unha das nebulosas máis grandes e masivas que se coñecen.

Esta imaxe é dunha das rexións máis belas da Vía Láctea, tamén chamada Camiño de Santiago, desde latitudes septentrionais.

Imaxe en falsa cor do corazón do cúmulo estelar aberto sigma Orionis. O cúmulo é moi novo (uns tres millóns de anos) e rico en ananas marróns, estrelas con discos protoplanetarios e emisión de raios X. A estrela brillante do centro é a cuarta máis brillante do Cinto de Orión, visible a simple vista. En realidade, é un sistema múltiple de estrelas moi quentes que dá nome ao cúmulo. Os outros obxectos vermellos son galaxias lonxanas con pó e gas, por exemplo, quásares. O amarelecidos e alaranxados son estrelas do cúmulo sigma Orionis.


A galaxia NGC 7331 foi descuberta polo astrónomo William Herschel en 1784.


A nebulosa Messier 8 ou da Lagoa é unha nube de gas interestelar xigante que está na constelación de Saxitario.

A nebulosa do Cangarexo é remanente dunha explosión de supernova que apareceu nos ceos occidentais en 1054. Este obxecto está en continua expansión, o que se pode ver claramente en fotos tomadas con poucos meses de diferenza. Estudando esta expansión deduciuse que a nebulosa se formara 900 años atrás, e eran os restos da famosa supernova observada por astrónomos chineses e árabes o 4 de xullo de 1054; foron observados por primeira vez en 1731 por John Bevis, e debuxados en 1844 por William Parsons con semellanza a un cangarexo, de aí o nome. Está formada por restos do material exectado pola explosión da supernova. Estes obxectos teñen tal densidade que é equivalente a concentrar toda a masa do noso Sol nun volume duns 30 km, é dicir, que unha culler de té deste material pesaría uns 100 millóns de toneladas.


A galaxia brillante descuberta en 1781 por Pierre Méchain levou o nome de Galaxia do Sombreiro pola súa aparencia, na que destaca unha perfillada banda de pó moi grosa. Ten un núcleo moi brillante e brazos espirais moi ben definidos. Tamén unha aura pronunciada e infrecuente, cun rico sistema de cúmulos globulares.




A nebulosa da Chama ou da Árbore de Nadal ou NGC2024, é unha rexión de gas e pó escurecido no complexo da nube molecular de Orión, que inclúe a famosa nebulosa da Cabeza do Cabalo, situada a 1.500 anos luz de distancia do Sistema Solar. Esta nebulosa é fácil de localizar, dado que se atopa moi perto da estrela brillante que está máis á esquerda no cinto de Orión: Alnitak, que envía luz enerxética á nebulosa da Chama.





A nebulosa Dumbbell, ou M27, descuberta en 1764 por Charles Messier. Foi a primeira nebulosa planetaria observada e unha das máis impresionantes; o seu nome inglés provén da forma de pesa que mostra através do telescopio. Supónselle unha idade duns 4.000 anos e está a uns 500 anos luz da Terra.

13/03/09

As cores do galego

O seguinte texto, de indubidable interese, foi publicado o 7 de marzo por María do Carmo Fernández Pazos, Coordinadora do ENDL do IES Breamo, no blog irmán As gabarras:

O galego non é, nin debe ser, monopolio de ningún partido político, porque é a lingua das galegas e galegos de todas as ideoloxías e mesmo dos que non a teñen ou cren non tela. Porque o galego non ten color política e aínda é a lingua da maioría dos galegos e galegas de todos os partidos. Porque o galego fálano galegos de dereitas e de esquerdas, nacionalistas e non nacionalistas, galegos que se senten máis españois que galegos e galegos que se senten máis galegos que españois. Porque as linguas son patrimonio universal e non son propiedade de ninguén.
Pero despois dunha precampaña electoral tan agresiva contra o proceso de recuperación do galego por parte de xente que utiliza a palabra "bilingüe" para defender o seu monolingüismo militante, chega a resaca post-electoral e Alberto Núñez Feijoo, o que vai ser o noso Presidente durante os próximos catro anos, promete como primeirísima medida derrogar o vixente
decreto 124/2007 do galego, que pretende garantir un mínimo do 50% do ensino en galego e que foi redactado en aplicación do Plan Xeral de Normalización Lingüística aprobado no Parlamento de Galicia por unanimidade no 2005, sendo presidente da Xunta Manuel Fraga Iribarne, e promete eliminar a obrigatoriedade do ensino en galego nas materias troncais que defendía o anterior decreto 247/1995, que o seu propio partido apoiara no ano 1995 estando tamén como presidente da Xunta Manuel Fraga, que gobernaba daquela en Galicia con maioría absoluta. Así que nos topamos con que o que se apoiou como protección necesaria
do galego polo PP que lideraba o que fora ministro de Franco do ano 1962 ao 1969, agora é rexeitado como imposición do galego polo PP liderado pola nova cara do PP do século XXI.
Quen o diría? Que o dereito a non aprender galego sexa o primordial para o novo presidente da Xunta de Galicia! Quen o tería imaxinado? Un home que presume de ser un home do seu tempo, defendendo o dereito a ser analfabeto funcional na lingua propia de Galicia e a ser monolingüe en castelán en Galicia.
Bo xeito de comezar unha lexislatura en tempos de crise..., dándolle as costas ás
directrices europeas e ao que xa hai tempo que as empresas comezan a recoñecer, que os cidadáns bilingües son máis versátiles, algo indispensable nunha sociedade tan cambiante como a que nos toca vivir.
Pois a verdade é que as grandes empresas por fin recoñecen que o galego vende máis na publicidade, que a atención en galego mellora o rendemento de moitos negocios e á hora de contratar novos traballadores cada vez máis grandes empresas, mesmo multinacionais, esixen aos seus traballadores máis cualificados o coñecemento de, polo menos, unha lingua autonómica, sen falar de que, lonxe de dificultar a aprendizaxe de novas linguas, a inmersión nunha segunda lingua na infancia, facilita a aprendizaxe de novas linguas no futuro e a xente verdadeiramente
bilingüe ten máis facilidade para aprender terceiras e cuartas linguas.
Pero nada diso debe ser importante para o señor Feijoo cando se permite defender a lei do máis forte e desprotexer unha lingua desde a súa formación política, prometendo lexislar para un sector minoritario da poboación que non quere coñecer a lingua dos galegos, rompendo así o consenso acadado por todos os partidos políticos no ano 1983 cando se aprobou a
Lei de Normalización Lingüística, como desenvolvemento da cooficialidade defendida polo Estatuto
de Autonomía de Galicia
aprobado en 1981.
Así que, aínda que o galego non teña cores políticas, podemos dicir sen temor a equivocarnos, que neste momento o ataque á nosa lingua propia si ten cor política, algo dobremente grave se temos en conta que o galego non naceu para enfrontar o pobo que a creou, senón para unilo e vertebralo, igual que todas as linguas do mundo, aínda que haxa quen siga pensando na diversidade lingüística e no plurilingüismo como maldicións no canto de riqueza.

10/03/09

Rosalía en xaponés

Sabías que a poesía de Rosalía de Castro acaba de ser traducida ao xaponés? O profesor Takekazu Asaka publica os poemas de Cantares galegos despois de ter traducido ao xaponés autores galegos ou que escribiran na nosa lingua, como os poemas galegos de García Lorca, e textos de Castelao, Pondal, Pardo Bazán e Wenceslao F. Flórez. De Rosalía xa traducira anteriormente En las orillas del Sar. Asaka, nacido en Tokio, imparte docencia de Filoloxía Románica na Universidade Tsudajuku e está considerado embaixador do galego no seu país. A edición inclúe un CD cunha selección de poemas da autora de Padrón interpretados pola pianista Rika Nishikawa e a soprano Miho Hago: "Cando vos oio tocar", "O meu corasón", "As de cantar" e "Un home San Antonio". Non o sabías? Pois xa o sabes. 

09/03/09

Texto da Semana


Suena la sirena.
El barco se va
y yo con los deberes por hacer.
Nunca es triste la verdad;
lo que no tiene es remedio.



Texto: Joan Manuel Serrat

08/03/09

26/02/09

Cine


Desde hai algúns días, a Biblioteca ofrece a alumnos, profesores e persoal a posibilidade de préstamo de películas; contamos cun fondo máis que aceptable de cine en soporte DVD, que iremos mellorando co tempo e as suxestións da comunidade escolar.
O préstamo farase co carné da Biblioteca, como se se tratase de calquera outro documento, aínda que unicamente en fins de semana, vésperas de festivos ou inicio de vacacións, e polo tempo que duren estas.
As suxestións de compra de películas, libros ou calquera outro documento de interese podedes facelas a través dos comentarios deste blog, ou directamente aos profesores encargados da Biblioteca.

25/02/09

II Premio Carlos Caneiro

O C.P.I. Laureano Prieto da Gudiña (Ourense) convoca entre os mozos de 2º ciclo da ESO e Bacharelato o II Premio Carlos Caneiro de relato curto en lingua galega.
Para participar, debes enviar un RELATO, lingua galega, orixinal e inédito, de tema e estilo libres, e unha extensión de 3 páxinas como máximo.
A recepción de orixinais rematará o 23 de marzo de 2009, e os traballos serán enviados por correo electrónico ao enderezo cpi.laureano.prieto arroba edu.xunta.es.
Este é un resumo das bases; para máis información sobre a convocatoria, premios, data do fallo e demais, podes telefonar ao número 988 421140.

24/02/09

Día de Rosalía

Hoxe, 24 de febreiro, cúmprense 172 anos do nacemento da escritora en Santiago de Compostela, polo que desde varias institutucións culturais e sociais galegas se celebra o Día de Rosalía. Aínda que desde a nosa Biblioteca apoiamos esta conmemoración, tamén cremos que con un só día ao ano non basta, que a obra e a mensaxe da poeta padronesa debería estar presente na nosa memoria e no noso corazón os 364 días restantes.

22/02/09

Antonio Machado

O 22 de febreiro de 1939, hai xustamente 70 anos, falecía Antonio Machado, triste, canso e enfermo, recén comezado o seu exilio en Francia. Alí, no cemiterio da cidade costeira de Collioure, segue enterrado xunto á súa mai, que morreu poucos días despois.Añadir imagen
A que ilustra esta entrada é a última foto tirada a Antonio Machado, xa moi enfermo, poucas semanas antes de morrer.

15/02/09

Concurso de Relatos

Un ano máis, o equipo de Normalización e Dinamización Lingüística do IES "Río Miño" convoca o seu concurso de Relatos Curtos, que se rexerá polas seguintes BASES:

  1. Terán que estar escritos en lingua galega.
  2. O tema será libre. Poden tratar do que vós queirades.
  3. O relato non pode superar os tres folios por unha soa cara.
  4. Deberán presentare escritos a ordenador por unha soa cara e dobre espazo.
  5. Os relatos só se poden facer e entregar de forma individual.
  6. Os relatos que resulten gañadores serán publicados neste Blog.
  7. Haberá dous premios en cada categoría: por un lado 1º, º e 3º de ESO; por outro 4º de ESO, e 1º e 2º de Bacharelato.
  8. O 1º premio será de 25'00€; o 2º premio, de 15'00€.
  9. DATA LÍMITE DE ENTREGA: 30 DE MARZO DE 2009.
  10. Os relatos recóllenos os profesores/as de Lingua Galega.

03/02/09

Verne en 80 preguntas

Para imprimir as preguntas deste cuestionario tés que:

1.- Facer clic sobre o libro virtual ou no enlace Open publication, que está debaixo del.

2.- Seleccionar a 1ª páxina nas miniaturas que aparecen debaixo.

3.- Facer clic no icono da impresora, que está por enriba do libro.

4.- Facer clic no icono da páxina que queremos imprimir, dentro das posibilidades que

se desplegan.

5.- Seleccionar a seguinte páxina, imprimila seguindo o mesmo procedemento; e así con todas as

demais, ata a última.

Premios Minerva

O Colexio M. Peleteiro de Santiago envía un ano máis as bases do seu certame Minerva para alumnos de 3º e 4º de ESO e Bacharelato de Galicia, que non teñan cumpridos os 20 anos o 31 de decembro de 2009. Os traballos serán inéditos, orixinais, escritos en galego, e concorrerán nas modalidades de Poesía (3 poemas de tema e forma libres) e Narración (máximo 6 folios mecanografados a dobre espazo en letra Arial 14 e tema libre).
Concederanse tres premios (750€, 450€, 300€ respectivamente, medalla conmemorativa e publicación das obras premiadas) en cada modalidade, podendo outorgarse accésits, ou ficar o premio deserto se así o estimar o xurado.

O prazo de presentación remata o 30 de marzo de 2009, e o fallo terá lugar o 9 de maio.

Este é só un resumo das Bases; se queres, podes consultalas aquí, ou pedíndoas no Departamento de Lingua Galega do Instituto.

02/02/09

Certame de Poesía F. Añón

O Concello de Outes convoca o XIII Certame Francisco Añón para textos orixinais e inéditos en lingua galega, e varias categorías segundo a idade dos autores; así, na categoría C (12-14 anos) o premio será de 180€ en libros; na D (15-17 anos), premio de 230€; e na E (maiores de 18), premio de 1000€; os premios e os accésits conlevarán a publicación da obra premiada.
O prazo termina o 13 de abril , e nas categorías D e E as obras terán como mínimo 150versos.
Os autores enviarán orixinal e 5 copias en sobre pechado, baixo plica en que figurarán os datos persoais e fotocopia do DNI, á Casa de Cultura. Avda de San Campio 1 (15230) OUTES.
Máis información, aquí.

29/01/09

Ano Internacional da Astronomía

En 1609 Galileo mirou o ceo por primeira vez a través dun telescopio. Catrocentos anos despois conmemórase o Ano Internacional da Astronomía (AIA-IYA 2009), que será unha celebración global das contribucións da Astronomía á sociedade e á cultura. Un dos seus obxectivos principais é estimular, en todo o mundo, o interese pola Astronomía e pola ciencia en xeral, especialmente entre a xente nova.

É unha boa ocasión para familiarizarse con algunha das constelacións máis importantes e fermosas do noso ceo nocturno. Nestas frías noites invernais serán protagonistas as constelacións de Orión, Gemini e Taurus. A Vía Láctea cruza desde Orión ata a constelación de Aquila, pasando por Auriga, Perseus, Cassiopeia, Cepheus e Cygnus.







Entre os meses de Novembro e Febreiro, podemos localizar facilmente a preciosa constelación de Orión, unha das xoias máis marabillosas do ceo, formada por estrelas moi brillantes. Destacan a estrela vermella Betelgeuse a 466 anos luz, que é unhas 400 veces máis grande có Sol, e Rigel, de cor azul claro, a 1305 anos luz.
No medio do cuadrilátero vemos as chamadas tres Marías ou cinturón de Orión formadas por Mintaka, Alnilam y Alnitak, todas de cor azul.







A partir de Orión, se imaxinamos unha liña que parta do cinturón de Orión cara ó leste localizaremos a estrela máis brillante do ceo, chamada Sirio ou Sirius, na constelación do Can Maior ou Canis Major.





Se a partir do cinturón de Orión a liña imaxinaria a diriximos en sentido contrario a Sirius, chegaremos a Aldebarán, da constelación do Touro ou Taurus. E se continuamos a liña chegaremos a localizar as sete cabritiñas ou Pléiades.






Con Orion de fronte, e seguindo a liña desde unha das estrelas do cinturón de Orión en dirección a Betelgeuse, chegaremos a localizar a unha distancia dunhas catro veces a Castor, que xunto con Pollux forma parte da fermosa constelación dos Xemelgos ou Gemini.



Localizamos a Osa Maior ou Ursa Major.
Logo mentalmente debuxamos unha liña imaxinaria que una as dúas estrelas máis brillantes da Osa, que corresponden ás estrelas Dubhe, de cor laranxa claro, e Merak, de cor branco; prolongámola cinco veces e atoparemos a estrela polar ou Polaris, de cor amarelo claro, na constelación da Osa Menor, ou Ursa Minor.


Localizadas a Osa Maior e a Osa Menor, encontramos Casiopea na parte diametralmente oposta á Osa Maior. Segundo a época do ano en que a observemos, terá forma de M ou forma de W.

A partir da Osa Maior podemos localizar unha estrela amarela chamada Capella, na constelación do Cocheiro ou Auriga. Capella ten a mesma cor co noso Sol, e atópase a 44 anos luz.

26/01/09

Texto da Semana


Hai un momento que é verdadeiramente extraordinario na lectura: cando un a interrompe. Cando un está a ler ten o libro coas follas abertas, pero de pronto levanta a vista do libro e olla adiante. Se suspende a lectura, algo ocorreu, algo máxico: é como se a lectura quixese transportar o lector a outro universo. E é que o lector, ao levantar o ollar, está a ollarse a si mesmo.


JOSÉ SARAMAGO, O noso libro de cada día

10/01/09


Aínda que non o pareza, Tintín, o famoso personaxe de Hergé, cumpre precisamente hoxe, 80 anos. Parabéns!
(E que cumpra moitos máis)

24/12/08

Exposición sobre Verne

As viaxes é o tema que escolleu a nosa Biblioteca para traballar este curso. E en materia de viaxes, probablemente ninguén dea máis xogo que o francés Xulio Verne, a quen adicamos a primeira xeira de actividades, cunha exposición montada no vestíbulo do Instituto á que corresponden as fotos seguintes.
Despois das vacacións, un xogo de preguntas e respostas sobre o autor homenaxeado e a súa obra; pero iso virá máis adiante.

11/12/08

Visita ao xornal e á televisión

Máis de corenta alumnos de 3º de ESO (A, B e C) do noso Instituto, acompañados polos profesores Eva López, Lupe Enríquez, Saúl e Marta López, desprazáronse o día 10 de decembro a Lugo para coñecer in situ as instalacións de Telelugo e El Progreso, ambas no polígono industrial do Ceao. Alumnos e profesores dividíronse en dous grupos: mentres un acudía á televisión, o outro ía ao periódico, e viceversa.


No xornal, os participantes coñeceron de primeira man o funcionamentoda rotativa na que cada madrugada se materializa en papel o diario El Progreso e outras cabeceiras do grupo de comunicación nacidas a partir do centenario periódico lugués. Ao tempo, explicábanselles os diferentes pasos para a elaboración dun diario ata que este chega ao quiosco.
Nas instalacións da televisión local, o director técnico amosoulles todas as dependencias, dedicándolle unha boa parte do tempo ao plató, no cal foron gravados varios alumnos que exercían de presentadores dun telexornal.


Concluíndo, os discentes e mailos docentes gozaron inmensamente desta actividade, sobre todo tendo en conta que ambos os dous medios de comunicación os tiveron en conta nos seus seguintes informativos.
Moitas grazas pola colaboración de todos.

01/12/08

O lazo vermello é o símbolo da loita internacional contra a sida, cuxo día celebramos hoxe

Compromisos

Sempre que for posible, neste blog informaremos da autoría de textos, fotos e demais material audiovisual, que en todo caso é empregado con finalidade educativa e sen lucro. Se houber algo suxeito a dereitos de autor ou outras restricións, por favor, facédenolo saber para retirármolo o antes posible.
Por outro lado, os autores do blog non son responsables dos comentarios que os lectores poidan enviar. Todos aqueles comentarios obscenos, ofensivos contra persoas, crenzas ou ideas, ou contrarios á Lei serán eliminados en canto teñamos coñecemento deles.
Avísanos para axudarnos a cumprir estes compromisos.