Amosando publicacións coa etiqueta refraneiro. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta refraneiro. Amosar todas as publicacións

10/04/26

Refráns de abril

Abril é un mes de contrastes: chove, sae o sol, arrefría, logo quenta… e mentres o tempo cambia de humor, a tradición popular lévanos acompañando séculos cun feixe de refráns que recollen a experiencia da terra e da xente que a traballa. En galego, coma noutras linguas, abril está cheo de ditos que falan do tempo, das colleitas, das esperanzas e dos medos.

Neste artigo de As Chaves da Lingua recóllense algúns dos refráns máis coñecidos sobre abril en galego.

Refráns sobre a predición do tempo

  • A auga de abril enche o carro e o carril.
  • Abril, augas mil, escoadas por un mandil.
  • Abril e maio son a chave de todo o ano.
  • Abril, se por mal quere vir, nin as portas deixa abrir.
  • Cando abril recacha, aínda a vella queima a racha.
  • Cando abril recacha, queima a vella a maza.
  • En abril cear sen candil.
  • En abril, chuvias ir e chuvias vir.
  • Marzo ventoso e abril chuvioso, sacan o maio florido e fermoso.

Refráns sobre a agricultura

  • Abril, pendoril; maio, engraio; san Xoán, segaio.
  • Abril que non chove deixa ao labrego pobre.
  • Abril quente e mollado, carga o carro e enche o gado.
  • Auga de abril e xiada de maio, herba para todo o ano.
  • Cando chove por San Xorxe, de cen cereixas quedan catorce.
  • Coida de podar en marzo, que o que poda en abril é ruín.

Refráns sobre animais

  • A ovella en Pascua florida está lustrosa e parida.
  • Abril frío e mollado, enche o celeiro e farta o gado.
  • Coas xarapadas de abril, mexa o porco no cubil.
  • Cóbregas en marzo, neves en abril.
  • En abril ronca o porco no cubil.
  • En abril sae o cuco do cubil.
  • Entre marzo e abril, se non ven o cuco quere vir o fin.

03/02/26

Comezan a chegar...

Tradicionalmente, este era o día a partir do cal se podían ver na nosa Península as primeiras cegoñas recén chegadas da África subsahariana; o refraneiro así o recolle: "Por san Bras, a cegoña verás". Nos nosos días, e por culpa do cambio climático, as cousas van mudando, e algunhas destas aves xa non migran senón que permanecen entre nós todo o ano.
Se tes interese nos mitos e lendas á volta de san Brais e os días próximos á súa celebración, podes entrar neste enlace de Galicia encantada.

Compromisos

Sempre que for posible, neste blog informaremos da autoría de textos, fotos e demais material audiovisual, que en todo caso é empregado con finalidade educativa e sen lucro. Se houber algo suxeito a dereitos de autor ou outras restricións, por favor, facédenolo saber para retirármolo o antes posible.
Por outro lado, os autores do blog non son responsables dos comentarios que os lectores poidan enviar. Todos aqueles comentarios obscenos, ofensivos contra persoas, crenzas ou ideas, ou contrarios á Lei serán eliminados en canto teñamos coñecemento deles.
Avísanos para axudarnos a cumprir estes compromisos.