31/03/09

White Raven 08

A nosa literatura xuvenil volveu ser recoñecida: o certame White Raven, unha das convocatorias máis importantes no mundo para a literatura infantil e xuvenil, seleccionou tres libros galegos de 2008 entre os máis destacados no seu xénero.
Os White Raven son a prestixiosa lista que a Biblioteca Xuvenil Internacional de Munich, centro de referencia na valoración dos libros infantís e xuvenís, realiza anualmente entre os libros que destacan pola súa calidade no conxunto mundial.
Nesta ocasión, as obras escollidas foron A cabeza de Medusa, de Marilar Alexandre; O prodixio dos zapatos de cristal, de Xosé A. Neira Cruz; e finalmente Fume, de Antón Fortes.
A lista elaborouse con 250 títulos editados en 32 linguas de 48 países.
Resulta chamativo que dos sete libros seleccionados entre os publicados na Península, Galicia aporte estes tres, número superior aos dous que aporta Portugal e aos outros dous que aportan as outras literaturas de España, proba do nivel alcanzado na literatura xuvenil galega actual.
Algunha das obras está xa na nosa Biblioteca; as outras chegarán pronto.

30/03/09

Visionarios

Meter a pata é algo completamente humano, e posiblemente ningún de nós estea libre de dicir algo do que logo se vaia arrepentir; é máis, algunhas veces, as nosas meteduras de pata até nos sobreviven. Eis algúns exemplos; son opinións de eminentes visionarios sobre tolos inventos e cacharros inútiles.



"Seguir a experimentar coa corrente alterna é unha perda de tempo. Ninguén a vai utilizar. Nunca". (Crítica de Thomas Edison ao seu competidor Westinghouse).


"A idea de que a cabalería vai ser subsituída por eses rudos carros de metal é totalmente absurda".
(Ditame do Estado Maior británico tras unha demostración de tanques en 1916).


"Whittle, rapaz, isto é moi interesante pero non vai funcionar nunca"
(Comentario do seu profesor de ciencias aeronáuticas de Cambridge a Frank Whittle cando este lle ensinou os planos do motor a reacción que acababa de inventar).


"Iso dos Raios X é unha completa farsa".
(Lord Kelvin en 1883 nun comunicado á Royal Society).



"Non nos interesa, non ten futuro. Como moito daranse vendido 5.000 unidades en todo o mundo".
(Resposta da IBM aos que logo habían de fundar Xerox, en referencia á fotocopiadora).


"As viaxes en tren a alta velocidade non son posibles, pois os pasaxeiros, ao non daren respirado, habían de morrer asfixiados".
(opinión do profesor Larder, catedrático de Ciencias Naturais do University College of London).



"A televisión non ten futuro. A xente logo se ha de fartar de sentar cada noite a mirar unha caixa".
(Darryl Zanuck, produtor de cine de Hollywood, en 1946).

Crear o futuro


Non fai falta crer no utopismo (nada malo en pequenas doses) para que poidamos afirmar que o futuro nos podería pertencer.
Que o futuro –en importante medida- podería facerse e formularse segundo os nosos desexos.
Sen embargo, a maior parte da xente –manipulada e ignorante- sabe que moi pouco ou nada terán que ver o seus proxectos e desexos co futuro. O futuro –como sempre- construirano outros. Sabermos que esa idea (e esa resignación) pode ser mentira, constituiría un nada desdeñable avance. Se todos actuasemos, se todos participasemos, se perdesemos as anteolleiras das ideas preconcibidas, da preguiza e do medo, poderiamos ser, a maioría, construtores do futuro. Poucos o son, sen embargo.

Texto: LUIS ANTONIO DE VILLENA
Imaxe: SEBASTIÃO SALGADO

26/03/09

A caza de focas


Abriuse, un ano máis, a veda para a caza de focas no Canadá, e as primeiras das 280.000 autorizadas empezaron a perecer sobre o xeo no Golfo de San Lourenzo.
Os pescadores canadenses redondean así os seus ingresos, mentres o seu goberno xustifica a medida na abundancia da especie, calculada en máis de 5 millóns de animais.
O que dificilmente se xustifica é a brutalidade dos medios empregados, algo que volve desencadear a polémica entre Otawa e as organizacións ecoloxistas e de defensa dos dereitos dos animais, que a consideran a maior matanza de mamíferos mariños do mundo.


Tampouco parece aceptable que o máis alto número de vítimas se dea entre as crías de poucas semanas, moi vulnerables por seren incapaces de nadar para fuxiren dos captores.


A morte das focas prodúcese de maneira lenta e agónica, sen que na maior parte dos casos se tente evitar o sufrimento dos animais, que son esfolados vivos; as fotos, sobrecolledoras, demostran a crueldade deste sacrificio.
Cómpre sinalar que este ano Rusia prohibiu a caza das focas menores de un ano.

25/03/09

A hora do Planeta


O próximo sábado, 28 de marzo, ás 20:30, tes unha cita co Planeta para demostrar que a loita contra o Cambio Climático é posible.
A iniciativa consiste, coma outras veces, en apagar as luces da casa e reducir o consumo eléctrico ao mínimo entre as 20'30 e as 21'30. Os cidadáns do mundo estamos convocados a este acto para chamar a atención sobre os efectos do aquecemento global e para exixir aos políticos que actúen para controlar as emisións de CO2 antes de que for demasiado tarde. Se queres máis información, entra aquí e aquí.

24/03/09

Telescopios


O Ano Internacional da Astronomía celebra en realidade o cuarto aniversario da primeira vez que Galileo Galilei se asomou ao espazo através dun telescopio, instrumento fundamental desde aquela para a investigación do cosmos. Canto sabes ti de telescopios? Serías capaz de poñerte á proba?

Se te atreves, entra aquí... e sorte!

23/03/09

Viajeros

Un paso en el océano, una mirada sobre los mares del tiempo, ocho mil millones, viajamos, viajamos juntos sobre un meteoro que llaman Tierra y al que ponen edades, y sueños, en el mismo asiento, en el mismo vagón, en el mismo tren, relojes, calendarios y piedras tatuadas por el sol, fronteras, viajamos, ocho mil millones…


ANTONIO SOLER

22/03/09

Palabras para Goytisolo

Seguimos coa celebración do Día Mundial da Poesía, e queremos cumprir a nosa promesa de celebralo enchendo este espazo de poesía en variadas linguas e con temáticas variadas, como para demostrar que en realidade a poesía é universal.
Hai dez anos, por estes días, deixábanos traxicamente un dos poetas máis íntimos e persoais da poesía española contemporánea; pero certamente non nos deixou a súa obra, que segue tan viva como cando foi escrita, nin sequera a súa voz, que tan frecuentemente se intercambiou e confundiu coa de Paco Ibáñez, cantor que a difundiu e popularizou ao longo de polo menos dúas xeracións.
A seguir presentamos unha montaxe sobre Palabras para Julia na voz de Paco Ibáñez; as imaxes que acompañan a canción son de Hopper, e Rockwell, pero principalmente de Gustavo Aimar, xenial ilustrador arxentino que amablemente accedeu á nosa petición de utilizarmos algunhas ilustracións do seu excelente blog para esta entrada.


As lúas de Saturno


O telescopio Hubble cazou o tránsito de catro lunas á vez por Saturno. Son, de esquerda a dereita, Encélado, Dione, Titán e Mimas. Este acontecemento excepcional tivo lugar o día 24 de febreiro pasado, pero a noticia difundiuse estes días; se queres saber máis e ver imaxes sorprendentes capturadas polo Hubble, entra no seu sitio.

21/03/09

Día Mundial da Poesía

Desde que a UNESCO o instituiu no ano 2000, cada 21 de marzo, no equinoccio de primavera, celébrase en todo o mundo o Día da Poesía. O blog da Nosa Biblioteca quere sumarse a esta celebración, non sen lembrar antes as palabras do Director Xeral da Organización na súa mensaxe, e que teñen un significado especial para os galegos do noso tempo: "A diversidade lingüística é unha das formas máis valiosas que asume a diversidade cultural. Grazas a que son capaces de captaren a infinita variedade do mundo e a que se prestan á tradución, as linguas poden articular a singularidade e a universalidade. Este vínculo maniféstase con máxima intensidade na poesía. Toda lingua ten a súa".
Nos vindeiros días iremos publicando textos poéticos escollidos polos amigos do blog e da Nosa Biblioteca para a celebración. De momento, vai esta antoloxía inzada de grandes poemas e grandes poetas. Le e escoita.

20/03/09

Pintura galega


Na Sala de Exposicións de Caixa Galicia, na Praza Maior de Lugo, pódese visitar Miradas. Galicia ata 1975, unha mostra moi interesante dos fondos de pintura galega contemporánea da Colección Caixa Galicia.
A exposición, con cadros de Castelao, Maside, Colmeiro, Seoane, Díaz Pardo, Granell, Urbano Lugrís, Laxeiro ou Maruja Mallo, entre outros, estará aberta até o 7 de xuño (mañás de 12 a 14; tardes de 18-21; domingos e festivos, pecha ás tardes).

(Ilustran esta entrada pinturas de Maruja Mallo presentes na mostra)

19/03/09

A Livraria Lello

Neste blog da Nosa Bibioteca non só che queremos falar de libros, iso xa o sabes; desde hoxe tamén queremos presentarche algúns lugares extraordinarios relacionados cos libros. Por exemplo, este:


A Livraria Lello & Irmão, da cidade portuguesa do Porto, foi considerada en 2008 polo xornal británico The Guardian unha das tres librarías máis fermosas do mundo.
Mira as fotos que veñen a seguir, e opina.



A historia da libraría remóntase a 1869, cando foi fundada na Rua dos Clérigos por Ernesto Chardron, nome co que aínda hoxe é coñecida. Após o imprevisto falecemento de Chardron, aos 45 anos de idade, a casa foi vendida á firma Lugan & Genelioux Sucessores.



Em 1894 Mathieu Lugan vendíaa novamente a José Pinto de Sousa Lello que posuía daquela unha libraría na Rua do Almada, no Porto. Asociado ao irmán, António Lello, manteñen a Livraria Chardron até 1919, ano em que o nome da sociedade muda para Lello & Irmão Lda.


O actual edificio, en estilo neogótico e con influenzas victorianas, foi inaugurado em 1906, coa presenza, entre outros, de Guerra Junqueiro, José Leite de Vasconcelos e Afonso Costa.

Desde aquela, a libraría e o seu local permaneceron, xeración tras xeración, nas mans da mesma familia. Em 1995, José Manuel Lello, o propietario, decide realizar unha profunda transformación no interior da libraría, así como a restauración completa, que correu baixo os proxectos do arquitecto Vasco Morais Soares.



Nos pilares, á esquerda e á dereita, distínguense os bustos de distintos homes de letras: Eça de Queirós, Camilo Castelo Branco, Antero de Quental, Tomás Ribeiro, Teófilo Braga e Guerra Junqueiro.


O gran vitral existente no teito, que permite o paso dunha luz acolledora e cálida, ostenta o monograma e a divisa da libraría: "Decus in Labore".




A escada de acceso ao piso superior constituiu unha das primeiras construcións de cimento armado realizadas na cidade do Porto.


18/03/09

Fernández Paz

Supoñemos que é difícil, pero, polo si ou polo non, queremos lembrarvos que a Nosa Biblioteca ten unha boa provisión de obras do admirable autor chairego. Podes pedir axuda aos profesores, ou ben probar directamente.
Lembra que é un acerto seguro.

14/03/09

De estrelas e galaxias

Desde o blog da nosa Biblioteca seguimos celebrando cunha nova entrega o Ano Internacional da Astronomía. Así pois, mira e admira estas fotos tiradas con telescopio dalgunhas fermosas galaxias. Se queres averiguar máis, podes entrar aquí.


Eis a belísima nebulosa Roseta, a 3.000 anos luz de nós, unha das nebulosas máis grandes e masivas que se coñecen.

Esta imaxe é dunha das rexións máis belas da Vía Láctea, tamén chamada Camiño de Santiago, desde latitudes septentrionais.

Imaxe en falsa cor do corazón do cúmulo estelar aberto sigma Orionis. O cúmulo é moi novo (uns tres millóns de anos) e rico en ananas marróns, estrelas con discos protoplanetarios e emisión de raios X. A estrela brillante do centro é a cuarta máis brillante do Cinto de Orión, visible a simple vista. En realidade, é un sistema múltiple de estrelas moi quentes que dá nome ao cúmulo. Os outros obxectos vermellos son galaxias lonxanas con pó e gas, por exemplo, quásares. O amarelecidos e alaranxados son estrelas do cúmulo sigma Orionis.


A galaxia NGC 7331 foi descuberta polo astrónomo William Herschel en 1784.


A nebulosa Messier 8 ou da Lagoa é unha nube de gas interestelar xigante que está na constelación de Saxitario.

A nebulosa do Cangarexo é remanente dunha explosión de supernova que apareceu nos ceos occidentais en 1054. Este obxecto está en continua expansión, o que se pode ver claramente en fotos tomadas con poucos meses de diferenza. Estudando esta expansión deduciuse que a nebulosa se formara 900 años atrás, e eran os restos da famosa supernova observada por astrónomos chineses e árabes o 4 de xullo de 1054; foron observados por primeira vez en 1731 por John Bevis, e debuxados en 1844 por William Parsons con semellanza a un cangarexo, de aí o nome. Está formada por restos do material exectado pola explosión da supernova. Estes obxectos teñen tal densidade que é equivalente a concentrar toda a masa do noso Sol nun volume duns 30 km, é dicir, que unha culler de té deste material pesaría uns 100 millóns de toneladas.


A galaxia brillante descuberta en 1781 por Pierre Méchain levou o nome de Galaxia do Sombreiro pola súa aparencia, na que destaca unha perfillada banda de pó moi grosa. Ten un núcleo moi brillante e brazos espirais moi ben definidos. Tamén unha aura pronunciada e infrecuente, cun rico sistema de cúmulos globulares.




A nebulosa da Chama ou da Árbore de Nadal ou NGC2024, é unha rexión de gas e pó escurecido no complexo da nube molecular de Orión, que inclúe a famosa nebulosa da Cabeza do Cabalo, situada a 1.500 anos luz de distancia do Sistema Solar. Esta nebulosa é fácil de localizar, dado que se atopa moi perto da estrela brillante que está máis á esquerda no cinto de Orión: Alnitak, que envía luz enerxética á nebulosa da Chama.





A nebulosa Dumbbell, ou M27, descuberta en 1764 por Charles Messier. Foi a primeira nebulosa planetaria observada e unha das máis impresionantes; o seu nome inglés provén da forma de pesa que mostra através do telescopio. Supónselle unha idade duns 4.000 anos e está a uns 500 anos luz da Terra.

13/03/09

As cores do galego

O seguinte texto, de indubidable interese, foi publicado o 7 de marzo por María do Carmo Fernández Pazos, Coordinadora do ENDL do IES Breamo, no blog irmán As gabarras:

O galego non é, nin debe ser, monopolio de ningún partido político, porque é a lingua das galegas e galegos de todas as ideoloxías e mesmo dos que non a teñen ou cren non tela. Porque o galego non ten color política e aínda é a lingua da maioría dos galegos e galegas de todos os partidos. Porque o galego fálano galegos de dereitas e de esquerdas, nacionalistas e non nacionalistas, galegos que se senten máis españois que galegos e galegos que se senten máis galegos que españois. Porque as linguas son patrimonio universal e non son propiedade de ninguén.
Pero despois dunha precampaña electoral tan agresiva contra o proceso de recuperación do galego por parte de xente que utiliza a palabra "bilingüe" para defender o seu monolingüismo militante, chega a resaca post-electoral e Alberto Núñez Feijoo, o que vai ser o noso Presidente durante os próximos catro anos, promete como primeirísima medida derrogar o vixente
decreto 124/2007 do galego, que pretende garantir un mínimo do 50% do ensino en galego e que foi redactado en aplicación do Plan Xeral de Normalización Lingüística aprobado no Parlamento de Galicia por unanimidade no 2005, sendo presidente da Xunta Manuel Fraga Iribarne, e promete eliminar a obrigatoriedade do ensino en galego nas materias troncais que defendía o anterior decreto 247/1995, que o seu propio partido apoiara no ano 1995 estando tamén como presidente da Xunta Manuel Fraga, que gobernaba daquela en Galicia con maioría absoluta. Así que nos topamos con que o que se apoiou como protección necesaria
do galego polo PP que lideraba o que fora ministro de Franco do ano 1962 ao 1969, agora é rexeitado como imposición do galego polo PP liderado pola nova cara do PP do século XXI.
Quen o diría? Que o dereito a non aprender galego sexa o primordial para o novo presidente da Xunta de Galicia! Quen o tería imaxinado? Un home que presume de ser un home do seu tempo, defendendo o dereito a ser analfabeto funcional na lingua propia de Galicia e a ser monolingüe en castelán en Galicia.
Bo xeito de comezar unha lexislatura en tempos de crise..., dándolle as costas ás
directrices europeas e ao que xa hai tempo que as empresas comezan a recoñecer, que os cidadáns bilingües son máis versátiles, algo indispensable nunha sociedade tan cambiante como a que nos toca vivir.
Pois a verdade é que as grandes empresas por fin recoñecen que o galego vende máis na publicidade, que a atención en galego mellora o rendemento de moitos negocios e á hora de contratar novos traballadores cada vez máis grandes empresas, mesmo multinacionais, esixen aos seus traballadores máis cualificados o coñecemento de, polo menos, unha lingua autonómica, sen falar de que, lonxe de dificultar a aprendizaxe de novas linguas, a inmersión nunha segunda lingua na infancia, facilita a aprendizaxe de novas linguas no futuro e a xente verdadeiramente
bilingüe ten máis facilidade para aprender terceiras e cuartas linguas.
Pero nada diso debe ser importante para o señor Feijoo cando se permite defender a lei do máis forte e desprotexer unha lingua desde a súa formación política, prometendo lexislar para un sector minoritario da poboación que non quere coñecer a lingua dos galegos, rompendo así o consenso acadado por todos os partidos políticos no ano 1983 cando se aprobou a
Lei de Normalización Lingüística, como desenvolvemento da cooficialidade defendida polo Estatuto
de Autonomía de Galicia
aprobado en 1981.
Así que, aínda que o galego non teña cores políticas, podemos dicir sen temor a equivocarnos, que neste momento o ataque á nosa lingua propia si ten cor política, algo dobremente grave se temos en conta que o galego non naceu para enfrontar o pobo que a creou, senón para unilo e vertebralo, igual que todas as linguas do mundo, aínda que haxa quen siga pensando na diversidade lingüística e no plurilingüismo como maldicións no canto de riqueza.

10/03/09

Rosalía en xaponés

Sabías que a poesía de Rosalía de Castro acaba de ser traducida ao xaponés? O profesor Takekazu Asaka publica os poemas de Cantares galegos despois de ter traducido ao xaponés autores galegos ou que escribiran na nosa lingua, como os poemas galegos de García Lorca, e textos de Castelao, Pondal, Pardo Bazán e Wenceslao F. Flórez. De Rosalía xa traducira anteriormente En las orillas del Sar. Asaka, nacido en Tokio, imparte docencia de Filoloxía Románica na Universidade Tsudajuku e está considerado embaixador do galego no seu país. A edición inclúe un CD cunha selección de poemas da autora de Padrón interpretados pola pianista Rika Nishikawa e a soprano Miho Hago: "Cando vos oio tocar", "O meu corasón", "As de cantar" e "Un home San Antonio". Non o sabías? Pois xa o sabes. 

09/03/09

Texto da Semana


Suena la sirena.
El barco se va
y yo con los deberes por hacer.
Nunca es triste la verdad;
lo que no tiene es remedio.



Texto: Joan Manuel Serrat

Compromisos

Sempre que for posible, neste blog informaremos da autoría de textos, fotos e demais material audiovisual, que en todo caso é empregado con finalidade educativa e sen lucro. Se houber algo suxeito a dereitos de autor ou outras restricións, por favor, facédenolo saber para retirármolo o antes posible.
Por outro lado, os autores do blog non son responsables dos comentarios que os lectores poidan enviar. Todos aqueles comentarios obscenos, ofensivos contra persoas, crenzas ou ideas, ou contrarios á Lei serán eliminados en canto teñamos coñecemento deles.
Avísanos para axudarnos a cumprir estes compromisos.