24/12/08

Exposición sobre Verne

As viaxes é o tema que escolleu a nosa Biblioteca para traballar este curso. E en materia de viaxes, probablemente ninguén dea máis xogo que o francés Xulio Verne, a quen adicamos a primeira xeira de actividades, cunha exposición montada no vestíbulo do Instituto á que corresponden as fotos seguintes.
Despois das vacacións, un xogo de preguntas e respostas sobre o autor homenaxeado e a súa obra; pero iso virá máis adiante.

11/12/08

Visita ao xornal e á televisión

Máis de corenta alumnos de 3º de ESO (A, B e C) do noso Instituto, acompañados polos profesores Eva López, Lupe Enríquez, Saúl e Marta López, desprazáronse o día 10 de decembro a Lugo para coñecer in situ as instalacións de Telelugo e El Progreso, ambas no polígono industrial do Ceao. Alumnos e profesores dividíronse en dous grupos: mentres un acudía á televisión, o outro ía ao periódico, e viceversa.


No xornal, os participantes coñeceron de primeira man o funcionamentoda rotativa na que cada madrugada se materializa en papel o diario El Progreso e outras cabeceiras do grupo de comunicación nacidas a partir do centenario periódico lugués. Ao tempo, explicábanselles os diferentes pasos para a elaboración dun diario ata que este chega ao quiosco.
Nas instalacións da televisión local, o director técnico amosoulles todas as dependencias, dedicándolle unha boa parte do tempo ao plató, no cal foron gravados varios alumnos que exercían de presentadores dun telexornal.


Concluíndo, os discentes e mailos docentes gozaron inmensamente desta actividade, sobre todo tendo en conta que ambos os dous medios de comunicación os tiveron en conta nos seus seguintes informativos.
Moitas grazas pola colaboración de todos.

01/12/08

O lazo vermello é o símbolo da loita internacional contra a sida, cuxo día celebramos hoxe

26/11/08

Exposición contra a Violencia ás Mulleres

A Biblioteca, para conmemorar o Día contra a Violencia de Xénero, realizou no corredor de entrada á sala de lectura unha proxección ininterrumpida de power point e unha exposición de cartaces de diferentes países, en diferentes linguas e con diferentes imaxes, pero todos cun denominador común, coma un berro unánime dixirido a todas as conciencias.
Desde a Biblioteca queremos agradecer a colaboración da profesora Isolina Luís (do IES 12 de Outubro de Ourense) e o traballo dos alumnos de 4º de PDC; sempre se di isto cando se agradece algo, pero esta vez é absolutamente certo.

07/11/08

Outono


Cando chega o Outono e celebramos o San Martiño...


...mellor con castañas...

...e con libros.

24/10/08

Fernández Paz, premiado

O Ministerio de Cultura concedeu a Agustín Fernández Paz o Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil en recoñecemento á mellor obra publicada no 2007 en calquera das linguas peninsulares, pola súa novela O único que queda é o amor. O libro está editado por Xerais e mostra unha trama en varios relatos as vidas de personaxes que descobren que o amor é un sentimento tan forte que é capaz de transformalos por enteiro e facerlles a vida doutro xeito. Algúns experimentan a amargura do desamor e a saudade, pero ao final, en palabras do Nobel de Literatura turco de 2006, Orhan Pamuk: na vida o único que queda é o amor.
O autor, Agustín Fernández Paz (Vilalba, 1947),ten unha ampla obra narrativa, principalmente dirixida ao público xuvenil e traducida a diferentes linguas, entre a que destacamos: Rapazas (Xerais, 1993, 2003), Amor dos quince anos, Marilyn (Xerais 1995, 2001), Tres pasos polo misterio (Xerais 2004), Trece anos de Branca (1994, Premio EDEBÉ de literatura xuvenil), Cartas de inverno (Xerais, 1995, Premio Rañolas ao mellor libro xuvenil), O centro do labirinto (Xerais 1997), Aire negro (Xerais 2000, Lista de Honra do IBBY 2002 e Premio Protagonista Jove 2001), Noite de voraces sombras (Xerais 2002), e Corredores de sombra (Xerais 2006).
Se queres, podes ler unha entrevista co autor premendo aquí.
Como cada 24 de Outubro, celébrase o Día Internacional das Bibliotecas. Pero este será o último ano: a partir de agora celebrarase, en todo o mundo, todo un mes.
O Mes Internacional das Bibliotecas.
(Tamén da nosa Biblioteca: a túa, en defiintiva!)

20/10/08

Os pasados venres e sábado celebráronse no Palacio de Congresos de Santiago os segundos Encontros de Bibliotecas Escolares de Galicia, aos que acudiron en representación da nosa biblioteca os profesores Carmen Muñoz e Luís Pereira.
Covocados baixo o lema Bibliotecas para ler e aprender, os Encontros son sempre unha excelente oportunidade de que os case mil encargados e encargadas das bibliotecas dos centros de ensino galegos asistentes puidesen intercambiar experiencias e aprender uns dos outros. Algunhas das exposicións máis destacables foron a de Isabel Solé Gallart sobre os procesos de lectura, Rosa Piquín (Premio Nacional de Bibliotecas Escolares 2005), Carmen Fernández sobre os clubes de lectura, ou a de Margarita Puga e Margarita Antón sobre a reactivación cultural da área grancanaria de Telde.
A conferencia de peche foi pronunciada por Antonio Basanta Reyes, da Fundación Germán Sánchez Ruipérez.

09/10/08

Le Clézio

O premio Nobel de literatura foi este ano para un francés, Jean-Marie Le Clézio (Niza, 1940), a quen Academia Sueca cualifica de novelista da ruptura, da aventura poética e da sensualidade extasiada, grande viaxeiro, autor de novelas de aventuras, ensaios e libros de literatura infantil e xuvenil cheos de humanidade.
Ao parecer, o seu nome non estaba entre os favoritos, pero unha enquisa de hai algúns anos considerábao o mellor escritor francés vivo. Le Clézio, tras coñecer a concesión do premio, declarou sentirse francés, pero suliñou que a súa patria está nas Illas Mauricio, ex colonia da que procede a súa familia e nacionalidade que comparte coa francesa.
Con el son xa catorce os escritores de franceses que obtiveron o Nobel, que nesta ocasión está dotado con 10 millóns de coroas suecas (algo máis de un millón de euros), e que lle será entregado, como é costume, o próximo 10 de decembro en Estocolmo.

08/10/08

Concurso de cartas sobre violencia de xénero

Tamén nos chegaron as bases do VI Concurso de Cartas Dillo a quen maltrata, que convoca a Oficina de Igualdade do Concello de Lalín para promover a reflexión a violencia de xénero.
Poderán participar todas as persoas que así o desexen, con traballos inéditos cunha extensión máxima de dous folios, por unha cara, galego ou castelán, e en soporte informático se é posible.
O prazo para a presentación das cartas remata o 7 de novembro de 2008.
Para máis información sobre a ficha de inscrición, premios, fallo do xurado, etc. podedes contactar coa Oficina de Igualdade (R/Castelao, 4-36500 LALÍN/ Tlf.: 986.78.23.52) e nos enderezos: igualdade@lalin.org e www.lalin.org/dilloaquenmaltrata

06/10/08

XIV Certame Trapero Pardo

O Concello de Lugo convoca o XIV certame de Contos e Relatos Curtos Trapero Pardo entre os alumnos da provincia, con 2 categorías: de 12 a 14 anos, e de 15 a 18, respectivamente, podéndose presentar un máximo de 3 traballos, dos que só un poderá resultar premiado.
Os contos serán inéditos e en galego, de tema libre e extensión non superior a 10 páxinas; presentaranse por triplicado, escritos por unha soa cara, a máquina ou a man con letra lexible.
Os traballos enviaranse á Concellería de Educación. Centro Social Uxío Novoneyra 3º andar; R/Quiroga Ballesteros, 1 (27001) LUGO, nun sobre sen remite e baixo lema, indicando no sobre que é para o certame; nun sobre cerrado á parte baixo o memo lema indicarase o nome do autor/a, enderezo, idade, teléfono e centro onde estuda.
O prazo de presentación remata o 20 de novembro de 2008.
Concederanse 3 premios por categoría, dotados con diploma, lote de libros, medalla e premio valorado en 200, 100 e 60 (para 12 a 14 anos), e de 250, 150 e 100 € (para 15 a 18 anos) respectivamente. O fallo do xurado será no mes de decembro.
Para dúbidas ou pedir as bases podedes dirixirvos á Concellería de Educación por teléfono (982.297.497) ou correo educacion@concellodelugo.org

07/07/08

Entrevista a Xaneco Tubío

A pesar das vacacións (ou precisamente por iso), o equipo do Blog da Biblioteca segue a rescatar materiais, vellos só no tempo. Como este ano, os alumnos de 2º de ESO do curso 2005-06 visitaron o obradoiro de instrumentos tradicionais que ten Xaneco Tubío en Outeiro de Rei, onde coa dedicación e amabilidade de sempre, lles mostrou os instrumentos que fabrica e a maneira de construílos e tocalos.
Naquela ocasión, tres alumnos (Noemí Cobas, Carlos Díaz e José Luis González) volveron para lle facer ao luthier a seguinte entrevista:

PREGUNTA.- Con cantos anos comezaches a facer instrumentos?
XANECO.- O primeiro tambor que fixen debeu ser por aí aos vintedous anos.

P.- Foiche difícil facer a túa primeira pandeireta?
X.- Pois si, porque eu no tema dos instrumentos de percusión fun completamente autodidacta, non fun a xunto de ninguén aprender como se viraba a madeira, como se elaboraba unha pandeireta. De feito, coas primeiras tiña un conflito, porque non me saían completamente redondas, ata que fun mellorando a técnica.

P.- Cal é o instrumento que máis tardaches en saber facer?
X.- A zanfona. Desde que me propuxen facer a primeira ata que rematei, foi un proceso de investigación, de coñecemento de instrumentos antigos, de lectura da bibliografía que hai, sobre todo francesa e inglesa; e despois houben de asistir a un par de cursos, un da Deputación de Lugo, e outro do luthier Xermán Arias de Sarria. Con iso completei as nocións mínimas para facer a primeira; despois, evidentemente, segundo vai pasando o tempo vas mellorando a técnica e mellorando os instrumentos.

P.- Tes músicos na familia?
X.- Na actualidade non, mais teño dous tíos avós que eran músicos. Eran de Bonxe, e alí naquela época había unha banda de música.

P.- Cal é o instrumento que mellor tocas?
X.- O que mellor domino é a percusión tradicional galega. Tanto o tamboril como a pandeireta, se cadra son os que mellor se me dan.

P.- E o teu instrumento favorito?
X.- É difícil de dicir, porque teñen o seu engado. A zanfona polo misticismo que pode ter, polo feito de ser un instrumento medieval, que practicamente se constrúe igual que hai cincocentos ou seiscentos anos, e polo son que ten, xa que é un dos instrumentos que máis soan a Galiza, tanto ou máis que a mesma gaita.

P.- Que coñecementos cres que fan falta para facer un instrumento?
X.- O primeiro é sabelo tocar. Non é preciso ser un virtuoso, pero si tes que saber como funciona, como afina, como debe soar. A miña profesión de artesán de instrumentos, ou de luthier ten moito que ver coa opinión que teñen os músicos dos instrumentos que saen do taller. Un músico profesional sempre che vai ir indicando as posibles melloras que lle podes facer ao instrumento, e ti tes que contrastala cos teus coñecementos sobre el.

P.- Cal é o instrumento que máis tempo che leva facer?
X.- Sen dúbida, a zanfona. A zanfona pódeme levar arredor de dous meses de traballo no obradoiro.

P.- Cal é o instrumento que máis che encargan?
X.- Os tamborís.

P.- Podes vivir de construír instrumentos?
X.- Si. Eu levo dez anos co obradoiro dado de alta en Facenda, e vivindo exclusivamente de facer instrumentos.

P.- Cal dos instrumentos che levou máis tempo aprender a facelo?
X.- Bueno, dende que me propuxen facer o primeiro ata que montei o taller pasaron moitos anos, e neles non me adiquei só a investigar sobre a percusión senón que o fun compaxinando con outras facetas da vida, mesmo coa profesión de carpinteiro. A zanfona levoume, como vos dixen, tres ou catro anos; e a percusión, se cadra, máis. Tamén vos quero dicir outra cousa: nesta profesión non é que aprendas a facer tambores e bombos para despois repetilos, sempre igual, senón que tes que estar continuamente en contacto cos músicos, coas necesidades que eles van creando.

P.- Ti cres que poderías facer o teu propio grupo de música tradicional aquí en Outeiro?
X.- Eu teño certa vinculación con Outeiro, porque os grupos cos que toco durante certo tempo fixeron os ensaios aquí. Se te refires a formar un grupo con xente de Outeiro, non coñezo moita que saiba tocar instrumentos de música tradicional a un nivel profesional para poder manter un grupo. A non ser que veñan outras xeracións, como a vosa, na actualidade non o vexo moi factible.

P.- Onde consegues os materiais para facer os instrumentos, como a madeira e as peles de cabra?
X.- A madeira nos aserradeiros de aquí; trato de facer os instrumentos con madeiras autóctonas, como facían os nosos ancestros, porque penso que están adaptadas ao medio. E as peles de cabra estoullas pedindo a un curtidor tradicional, un señor de Noia, vila onde era unha industria moi potente na primeira metade do século XX. Hoxe xa só queda este home, que está practicamente retirado.

P.- Pedíronche algunha vez un encargo especial?
X.- Si. Por motivos decorativos, pedíronme nalgunha ocasión que a algunha peza lle fixese algunha incrustación especial ou algunha talla referida a algún tema, como hai dous anos, cando fixen unha zanfona con adornos mudéxares para Teruel, centro importante desa cultura. Logo, tamén reproducións de instrumentos antigos, e hai pouco uns tambores, tres veces máis grandes do normal, para un espectáculo que hai na Coruña chamado A Nova Danza Galega.

P.- Pensas ampliar os teus coñecementos e facer gaitas e violíns?
X.- Gaitas, non: non están dentro das miñas previsións, porque eu o fago todo de xeito artesanal, non teño máis xente traballando aquí comigo, e complicaríame a vida, xa que neste momento coas zanfonas teño unha lista de espera dun ano desde que me encargan o instrumento ata que o entrego. Para os violíns requiriría parar de producir e facer unha aprendizaxe, porque é un terreo moi difícil e moi específico.

P.- Sempre che gustou a música?
X.- Si, sempre me gustou, e cando tiña 14 ou 15 anos tiven a oportunidade de entrar nun grupo de gaitas que había aquí en Outeiro; despois coñecín outra xente e empecei a tocar en distintos grupos.

P.- Poderías máis adiante dar clases de zanfona?
X.- Noutros tempos dei clases de percusión, pero hai un tempo que deixei de dalas porque non me era compatible. Estamos intentando, un grupo de xente e máis eu, que en Lugo haxa clases de zanfona o ano que ven.

P.- Canto che veñen custando os materiais para facer cada instrumento?
X.- Arredor do 25% do prezo final do instrumento.

P.- Canto pode custar unha zanfona?
X.-Depende dos adornos que se lle poñan. Varía desde o 1.500 euros que custa unha de estudo ata os 4.000.

P.- E os de percusión?
X.-Os tamborís entre os 300 e os 500 €. As pandeiretas son máis baratas, de 50 a 90 €.

P.- Pensas que a música tradicional é máis importante agora ou antes?
X.- Desempeña distinto papel. Antes os músicos tradicionais amenizaban todas as festas, polo menos no medio rural; non había máis música que a que se tocaba en directo. Hoxe hai máis músicos, escolas de música e asociacións culturais que se ocupan de manter e apoiar a música tradicional.

P.- Que lle recomendarías a quen queira aprender a tocar un instrumento de percusión?
X.- Que o tome con paciencia e con cariño, porque aprender a tocar un instrumento non é como aprender a andar en bicicleta, que sempre queda o aprendido. Nisto, se non o practicas, retrocedes, e mesmo podes esquecer como se toca. O que si é certo é que dá moitas satisfaccións porque permite coñecer outras xentes e outros sitios.

P.- Que habería que facer para darlle máis importancia á música tradicional?
X.- Tratar a súa aprendizaxe con normalidade, darlle carácter oficial como se lle dá a outros instrumentos, como o violín, o clarinete e outros; xa que un músico que toca a gaita fai un traballo de dificultade semellante a calquera outro músico, ha de ter a mesma importancia e recoñecemento ca os máis.

05/07/08

Ramón Piñeiro

A Real Academia Galega decidiu hoxe dedicar o Día das Letras Galegas 2009 a Ramón Piñeiro (Láncara, 1915–Santiago, 1990) pola “dedicación total e desinteresada da súa vida na defensa de Galicia e da súa cultura, que debe ser unha referencia moral indiscutible e necesaria cara ás novas xeracións”.
Os seus traballos sobre pensamento e as súas traducións de filósofos como Heidegger “supuxeron no seu momento un paso decisivo na normalización do galego como lingua con capacidade para expresarse en todos os campos do saber, superando a súa cualificación como lingua 'rural e poética' na que a tiñan encadrada moitos intelectuais españois da posguerra”. Entre os seus ensaios citaremos Olladas no Futuro, Galicia, A Linguaxe e as linguas, e Lembrando a Castelao.
Foi director literario de Galaxia e participou na fundación da colección Grial; membro da R.A.G. e primeiro preidente do Consello da Cultura Galega, até a súa morte.

01/07/08

Recomendamos...

...La invención de Hugo Cabret: un neno só que fai de reloxeiro na estación de ferrocarril parisina onde vive, e onde rouba xoguetes para completar un soño, unha invención.
Se che pareceu interesante, mira aquí; se non, tamén.

30/06/08

Balance


Estimados usuarios:
Con motivo do fin de curso o equipo da biblioteca quere facer un pequeno balance final das actividades levadas a cabo neste curso:


  • Reorganizamos o espazo da biblioteca.

  • Situamos dous puntos máis de busca informatizada.

  • Comenzamos o rexistro e catalogación dos fondos documentais no programa MEIGA.

  • Suscribímonosa oito publicacións periódicas de temática variada.

  • Atendemos ó préstamo e orientación dos rapaces na busca da información.

  • Colaboramos con varios departamentos e coordinamos diversas actividades:

    -"125 anos de Picasso".
    -"250 anos de Mozart".
    -"Dillo con versos".
    -"Semana da prensa", entre outras.
    Desde a Biblioteca do IES Río Miño, queremos agradecervos o voso interese e colaboración e esperamos seguir contando convosco no vindeiro curso.

25/06/08

Haikus

O haiku é un poema tradicional xaponés, con tres versos de 5, 7 e 5 sílabas, sen rima, que buscaba describir fenómenos naturais, os paso das estacións do ano ou o correr dos días.
Os alumnos de 3º de PDC compuxeron algúns, dos que seleccionamos os que vedes a seguir; a imaxe que ilustra a entrada é, naturalmente, de Monet.


Hay mariposas
por donde van mis amores
delante, detrás.
(Rocío Ruíz)


Noite de verán,
hai ras que cantan suave.

Ladran os cans.
(Javier Carballido)


El sonido del agua
hace calmar
todos mis miedos
(Fernando Álvarez)


09/06/08

Premios Xerais

A Editorial Xerais concedeu os Premios Xerais de Novela 2008, Fundación Caixa Galicia de Literatura Xuvenil e o Merlín de Literatura Infantil, aos escritores Manuel Lourenzo González, Marilar Aleixandre e Mar Guerra, respectivamente.
O fallo do xurado e a entrega dos galardóns tiveron lugar nun acto celebrado na Illa de San Simón.
Manuel Lourenzo obtivo o Xerais pola novela O xardín das pedras flotantes. O Premio Fundación Caixa Galicia de Literatura Xuvenil foi para a escritora Marilar Aleixandre por A cabeza da augamar. Por último, a xornalista e escritora Mar Guerra resultou vencedora do Premio Merlín de Literatura Infantil con Xenaro e ou misterio da mochila verde.
Estes libros, que xa desde agora recomendamos, pronto estarán na nosa Biblioteca.

06/06/08

Visitamos un luthier

Organizada polo Departamento de Música, realizamos unha visita ao obradoiro de instrumentos musicais Xaneco, en Outeiro de Rei, que leva desde 1990 elaborando instrumentos e dando a coñecer a percusión tradicional.

Arriba, unha vista do obradoiro: a ferramenta e a mesa de traballo.

O luthier mostrou ao grupo os diferentes instrumentos confeccionados no obradoiro. Arriba, o tamboril; abaixo, o pandeiro. Nos dous casos, as materias primas foron a madeira e mais a pel de cabuxa.

O mestre mostra a seguir unhas tarrañolas,

...varias clases de castañolas,

...as culleres, feitas á man a partir dunha soa peza de madeira,

...o charrasco, máis habitual no suroeste de Galicia,

...e por fin, o máis complexo, elaborado e rico de todos: unha preciosa zanfona.

Abaixo, vista da zanfona, herdeira do organistrum medieval: durante os séculos do esplendor lírico galego-portugués acompañou os trobadores e xograres nas cortes, antes de entrar ela mesma en decadencia e servir de acompañamento só aos cegos dos cantares.

Grazas ao mestre Santalices, a zanfona é hoxe un elemento indispensable da nosa música.


Unha parte do grupo posa para o blog antes da visita ao obradoiro de Xaneco.

03/06/08

Recomendamos...

Gran libro dos retratos de animais, de Svjetlan Junakovic, que hoxe vos recomendamos, foi concibido como proba de que, ao longo da historia, os animais, vestidos coas súas mellores galas, posaron para os máis considerados e reputados retratistas.
Lonxe dos manuais convencionais, a verosimilitude dos retratados e as explicacións dos cadros que o ilustrador croata nos ofrece, xogan cunha base histórica, pero na que os animais son os verdadeiros protagonistas.
As explicacións que acompañan a obra ofrecen información sobre a época, o artista, o animal retratado... que serán a chave para quen desexe afondar no coñecemento dos cadros orixinais, punto de partida dos retratos.

02/06/08

Recomendamos...

...esta vez un comic, ou mellor dito, toda unha serie: O gato do rabino, de Joann Sfar.

Un rabino ten un gato que, tras comer un loro, pode falar. Desde aquela, o felino muda para sempre, e discute cos homes sobre a relixión, os costumes ou o sexo. Ama por riba de todo a súa querida ama, a filla do rabino, e a súa retranca vital é notable e deliciosa.

29/05/08

Visita a El Progreso

Os alumnos e alumnas de 3º de ESO do IES de Rábade visitaron as instalacións que o diario El Progreso ten no polígono industrial do Ceao (Lugo); acompañáronos os profesores Carmen Muñoz, Ángeles Serrano, Marta Cobas e Luís Pereira, dos Departamentos de Lingua Española e Lingua Galega, respectivamente.

Os alumnos recibiron explicacións detalladas do funcionamento da maquinaria e de como se elabora o xornal desde que se produce a noticia ao momento en que, unha vez distribuído, o diario chega ao punto de venda. (Arriba, o alumnado dun dos grupos posa na rotativa do diario. Abaixo, pouco antes de subir ao bus)


Compromisos

Sempre que for posible, neste blog informaremos da autoría de textos, fotos e demais material audiovisual, que en todo caso é empregado con finalidade educativa e sen lucro. Se houber algo suxeito a dereitos de autor ou outras restricións, por favor, facédenolo saber para retirármolo o antes posible.
Por outro lado, os autores do blog non son responsables dos comentarios que os lectores poidan enviar. Todos aqueles comentarios obscenos, ofensivos contra persoas, crenzas ou ideas, ou contrarios á Lei serán eliminados en canto teñamos coñecemento deles.
Avísanos para axudarnos a cumprir estes compromisos.