Amosando publicacións coa etiqueta Biblioteca. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Biblioteca. Amosar todas as publicacións

06/05/26

Bookcrossing

A Semana do Libro púxose en marcha un punto de bookcrossing no noso instituto. Esta iniciativa da biblioteca non é nada orixinal, senón que nos facemos eco dun movemento internacional que pretende convertir todo o mundo nunha biblioteca mediante a liberación de libros en lugares accesibles ao público de tal forma que a xente poida collelos prestados ou quedarse con eles, tendo a opción tamén de depositar aqueles que xa temos lidos e non temos maior interese en ocupar sitio nas nosas bibliotecas (a ver quen non ten o problema na casa de querer ter máis libros e non saber xa onde metelos).

(punto de intercambio do IES Río Miño)

No noso caso, aínda que é unha iniciativa da biblioteca, decidiuse que o punto estea na entrada do instituto para que sexa un lugar que non haxa que buscar a propósito e que estea ben á vista de toda comunidade educativa, incluídas as familias do alumnado cando veñen ata o centro.

Unha vez presentado, só nos queda animarvos a participar traendo libros e movendo os que xa están, a ver se temos un pouquiño de sorte e se nos queda a mesa pequena con falta de dispoñer de máis espazo.


24/04/26

Libros singulares

Un ano máis, xa temos aquí a nosa xa case tradicional exposición de libros singulares, curiosos, bonitos, e toda a panoplia de adxectivos que queirades utilizar para describir os exemplares que nos cederon por uns días varios membros da nosa comunidade educativa.

Aquí deixamos unhas pouquiñas imaxes para que vos fagades unha idea do que podemos ver estes días na nosa biblioteca. E como non pode ser doutra forma, agradecerlles o detalle a tódalas persoas que colaboraron nesta iniciativa da biblioteca.

(visita dos nosos alumnos)

(vista xeral)




(carteis de cine)

(A Divina Comedia)

(E, por suposto, Un Quixote en formato grandísimo)




08/03/26

8M na nosa biblioteca

Con motivo da conmemoración do Día Internacional da Muller, o noso equipo preparou esta exposición na entrada do centro cunha escolma dos nosos fondos relacionados con este día.

Aquí tedes a selección cun pouco máis de detalle:


Aínda que, se queredes máis detalle, o mellor é que vos pasedes pola biblioteca e vos fagades con algunha destas obras para profundizar. Como exemplos, os seguintes:

- "Flor del desierto" (1998), de Waris Dirie. Historia autobiográfica dunha modelo e activista somalí, vítima da mutilación xenital forzada e que escapou con trece anos da súa familia e o seu país para evitar un matrimonio concertado.

- "Las chicas..." "...van donde quieren", "...son guerreras", "...son de ciencias", de Irene Cívico e Sergio Parra, ilustrados por Nuria Aparicio. Un conxunto de biografías de mulleres inspiradoras e transformadoras que contribuíron a cambiar o noso mundo.

- "Hipatia. La verdad en las Matemáticas" (2017), de Jordi Bayarri e Dani Seijas. Unha breve novela gráfica que conta a historia dunha das mulleres matemáticas máis antigas coñecida, a súa época e a súa morte a mans de fanáticos relixiosos.

22/01/26

Novidades da biblioteca

Hoxe traemos un breve repaso por algunha das últimas incorporacións que temos no catálogo da biblioteca, algunhas delas novidades editoriais e outras non tanto, pero que aínda chegaron agora.


"La selva de los números" (Ricardo Gómez, 2000)
Para os máis novos do instituto, aínda que tamén pode ser interesante para os maiores, un libro que fala da importancia das matemáticas e a creatividade na resolución de problemas, así como de valores a ter en conta na vida diaria.

"Alicia en el país de las ideas" (Roger-Pol Droit, 2025)
Unha viaxe de introdución á filosofía nesta viaxe imaxinaria da man de Alicia, unha rapaza que nos levará polo mundo adiante a coñecer aos filósofos máis coñecidos na busca dunha frase que defina a súa vida e lle sirva para facer unha tatuaxe. Cal será?

"Na sala dos espellos" (Liv Strömquist, 2021)
Este título que fai lembrar a Kraftwerk, trae unha novela gráfica na que o tema é a relación que temos coa nosa imaxe, a tiranía que impón a sociedade sobre a mesma e un interesante repaso histórico das posibles orixes destas tendencias e da construción dos parámetros que temos para considerar atractiva a outra persoa.

"Made in Galiza" (Sechu Sende, 2007)
Un libro de relatos no que podemos ir reflexionando sobre o que somos como sociedade e os diversos aspectos que van sumando ata resumir o que somos os galegos. Todo desde un punto de vista que ben podería estar a medio camiño entre as observacións dun antropólogo e as dun humorista.

"Planilandia" (Edwin Abbott, 1884)
Un clásico da novela científica que baixo a aparencia dunha fantasía matemática sobre o manexo das dimensións e a percepción do mundo agocha unha sátira da sociedade victoriana británica de finais do século XIX, época da que data este pequeno relato.


11/12/25

Obradoiro de ciencia


Este venres teremos uns obradoiros de ciencia nos recreos con
actividades interactivas e experimentos en vivo.
Anímate a visitar a biblioteca e pasar un anaco entretido coa ciencia!


07/12/25

Novidades editoriais na biblioteca

Aquí tedes unha imaxe das últimas cousas que nos foron chegando á nosa biblioteca.

Como mostra, imos citar catro títulos variados destas últimas adquisicións:
  • "De nais a fillas. Receitas para non esquecer" (coord. Ana Cancela)

"Ao longo da historia, as mulleres foron as verdadeiras gardiás e creadoras da cociña galega tradicional. Elas preservaron e transmitiron un saber culinario que hoxe é patrimonio da nosa cultura. Queremos honrar todas esas mulleres que, durante séculos, compartiron os seus coñecementos de xeración en xeración, creando unha ponte entre o pasado e o presente mediante receitas nadas nos fogares, transmitidas de nais a fillas.

De nais a fillas. Receitas para non esquecer busca rescatar esas historias de esforzo, de creatividade e de sacrificio, dándolles a visibilidade e o recoñecemento que sempre mereceron."

  • "Rábade comercial. Calzada, camino y vía" (Manuel Lage)
Unha ollada á historia da vila na que está este instituto como parte da responsabilidade que temos como centro de ser membros activos da comunidade.

  • "Rosalía oculta" (Paula Mayor) (Premio Castelao de Banda Deseñada 2023)

"Rosalía de Castro foi, sen ningunha dúbida, unha muller avanzada ao seu tempo.
En pleno século XIX, cando a vida das mulleres practicamente se reducía ao fogar, unha escritora nova loita por expresarse libremente nunha sociedade que a ignora e a censura. 
A súa obra fálanos da súa terra, da opresión e da marxinación do pobo, de temas tan actuais como o feminismo, as diferenzas entre clases, a emigración, a Igrexa e a androxinia.
Só podemos alcanzar a xuntar unha pequena parte do quebracabezas que compón a súa persoa e iso é, en definitiva, o que tenta mostrar esta novela gráfica."
  • "Os xéneros musicais tradicionais e populares galegos" (Moisés Quintas e Victoria Pérez)
"Os xéneros musicais tradicionais e populares galegos consta de dúas partes complementarias. Por unha banda, un texto onde quedan clasificados de xeito didáctico os xéneros cantados, instrumentais, bailados e danzados da nosa terra, afondando nas súas características, momento da interpretación, finalidade? E por outra parte, un CD con 31 melodías escollidas dos nosos cancioneiros e de fontes vivas, que recompilan a maior parte dos xéneros musicais que se tratan no texto, incluíndo as súas partituras. Unha viaxe no tempo para sentir o alalá na voz cálida de Uxía, que nos leva séculos atrás, a esa hora do serán onde as notas melancólicas do alalá falan da alma de Galicia, para escoitar un arrieiro solitario turrando pola besta na impoñente voz de Xisco Feijoó, o anguriante canto de cego ao son da zanfona na profunda voz de Tino Baz, ou mesmo melodías de gaita inéditas do gaiteiro Libardón, escoitadas na montaña de Lobeira. O noso desexo é que te achegues, coñezas e desfrutes dos xéneros musicais tradicionais e populares da nosa terra a través destas páxinas e audios, e así, valorar e apreciar este gran legado musical que nos pertence a todas e a todos."

06/12/25

Reformas na nosa biblioteca

 Aquí vos deixamos unha vista da nova área de lectura que vimos de estrear esta semana...



Agardamos que vos guste, mañá xa deixamos unhas recomendacións para que vaiades dándolle uso.

25/11/25

Microrrelatos (Gañadores Bacharelato)

Primeiro premio

Na aldea dixéranlle que aquela sombra no corredor era só un gato vello, sempre rosmando ás agachadas. Ela acostumouse ao ruído, a ese arrastre lento que atravesaba as táboas cada noite, coma un costume  doméstico máis.
Mesmo pensou que, quizais, debería darlle un nome para perderlle o medo.
Pero aquela noite a sombra falou, e non miou. Chamou por ela con voz coñecida, pesada de xenreira. E entón entendeu que non era un animal quen a seguía, era el, o mesmo que prometera amor, avanzando cara a ela coa paciencia do que sabe que non ten onde escapar.

("O gato". Leire García Rodríguez, 1º Bac. A)


Segundo premio

Ela pintaba os beizos con betadine e sombreaba os ollos sen pos.

(Manuel Veiga Ferro, 1º BAC B)


Microrrelatos (Gañadores 3º e 4º ESO)

Primeiro premio

Cando pechou a porta, a casa quedou en silencio, pero non era silencio de descanso, senón o que pasa antes dun trebón. Ela colleu o abrigo con mans frías. Non levaba nada máis que a decisión que tardara anos en tomar, hoxe non volvo atrás.

Ao cruzar o portal, o vento frío golpeoulle a cara como unha bofetada, a primeira que non doía, porque anunciaba liberdade.


("Bofetada". Daniel Vidal Martínez, 4º A)



Segundo premio


Na aldea sempre dicían que falaba baixo.

Ela sempre dicía que era por educación.

Ata que unha noite o vento levou un berro

e toda a ladea escoitou o que ela calara tantos.

Ao día seguinte, as campás tocaron por fin a liberdade dunha voz.


(Aarón Veiga López, 3º B)



Microrrelatos (Gañadores 1º e 2º ESO)

Primeiro premio

Esperta nun hospital tras un coma de 5 meses. A rapaza dille á enfermeira: foi o meu mozo. Tras esas palabras o monitor soa PIIIII...

("Silencio". Miguel Ángel Cortiñas Montoya, 2º A)


Segundo premio

Sentada na escaleira tápase a cara coas mans. Sentíase avergoñada. Vira o seu rostro no espello. A súa xuventude marchara e os anos pasados deixaron sucos imborrables. Vira o seu cabelo, xa non quedaba rastro daquel cabelo escuro. Agora era branco e estaba enredado. Non coñecía a esa muller. Onde quedou? Sabía a resposta, pero non quería aceptala... Aquel primeiro golpe, debía ser boa esposa, porque calou. E logo viñeron moitos máis. “Ven, Camila, nunca é tarde”. Aquela policía colleulle a man e fíxoa sentir unha muller por primeira vez.

("Unha mirada no espello". Aloia Cervantes Fernández, 1º A)


04/11/25

Despedida, ou máis ben ata pronto!

Bo día, lectores!

Hoxe temos a ben anunciar a despedida da persoa que puxo en pé este blog e leva termando del desde o seu inicio, Luís Pereira, profesor de Lingua e Literatura Galega neste centro, que desde mañá empeza unha nova etapa da súa vida como é a súa merecida xubilación.

Aparte da mágoa egoísta que podemos sentir os seus compañeiros por non telo con nós no día a día, só nos queda desexarlle o mellor nesta nova etapa e agradecerlle o traballo feito no centro ao longo destes anos. Aínda así, lembrarvos que sempre vai ter abertas as portas do blog e seguramente, entre paseo e paseo contemplando obras, fará ocos para que sigamos tendo publicacións súas por aquí.

Un saúdo e grazas por todo, compañeiro!

28/10/25

Metemos medo!

Aquí tedes unha pequena mostra fotográfica da decoración do Samaín na nosa biblioteca:

(Os nosos seres das sombras que axexan desde a
escuridade a aqueles que se portan mal entrando
na nosa biblioteca facendo ruídos indebidos.
Coidado, pode que os bibliotecarios volos envíen
para facervos unha visita inesquecible)

Por outro lado, temos o posto das nosas bibliotecarias e bibliotecarios:


E como non, as recomendacións literarias para pasar un bo anaco de medo:


05/11/24

Le libros. Vive vidas!

O alumnado de Dixitalización de 4º ESO e o de TIC de 2º de Bacharelato realizaron este vídeo de animación á lectura, do que é protagonista a nosa Biblioteca, precisamente no seu día. 

 

22/09/21

Voltamos!

Novo curso, mudanza de estación (o outono comeza xustamente hoxe ás 21.21 horas) e, aínda que con moita cautela, grandes esperanzas en que a situación sanitaria se normalice. Estamos xa de volta: en moi poucos días abrimos a Biblioteca para préstamos, faremos as actividades de iniciación e formación de usuarios (dirixidas principalmente ao alumnado de 1º de ESO), e poñeremos en marcha, como cada ano, a Hora de Ler.

Desde o Equipo da Biblioteca queremos darvos a benvida e desexarvos un curso feliz e lector.

 

23/11/20

Biblioteca en días de pandemia

 A nosa Biblioteca, coma as aulas, segue aberta e continúa co seu labor de préstamo e apoio á lectura, pero coas limitacións de espazo e as obrigacións de hixiene e ventilación necesarias.

Os libros non se prestan inmediatamente, senón que permanecen tamén eles confinados durante varios días antes de seren novamente prestados.

As mesas e cadeiras son desinfectadas con frecuencia, e as persoas que acoden á Biblioteca han de utilizar o xel de limpeza de mans ao entraren e ao saíren. 

10/01/18

Concurso de marcapáxinas

Convocado polo Equipo de Dinamización Lingüística e a Biblioteca do IES Río Miño de Rábade

BASES


  • Poderá participar todo o alumnado do Centro.
  • As ilustracións farán referencia, por un lado, á autora homenaxeada este ano polas Letras Galegas, María Victoria Moreno, e, por outro lado, á Biblioteca do Centro.
  • As ilustracións só se poderán elaborar e entregar de forma indivicual ao respectivo profesor de Lingua e Literatura Galegas.
  • A ilustración gañadora será publicada no blog da Biblioteca do Centro.
  • A data límite de entrega será o 30 de xaneiro de 2018.
  • PREMIO: Un vale de 30.00 euros en material escolar.
  • XURADO: Estará formado por membros do EDLG e da Biblioteca. O seu fallo será inapelable.


08/02/12

Medio pan y un libro


O pasado 4 de febreiro celebrouse o National Libraries Day. Hai algo máis de 80 anos, García Lorca saudaba a inauguración da biblioteca pública da súa vila natal, Fuente de Vaqueros (Granada), coas seguintes palabras.

"Cuando alguien va al teatro, a un concierto o a una fiesta de cualquier índole que sea, si la fiesta es de su agrado, recuerda inmediatamente y lamenta que las personas que él quiere no se encuentren allí. ‘Lo que le gustaría esto a mi hermana, a mi padre’, piensa, y no goza ya del espectáculo sino a través de una leve melancolía. Ésta es la melancolía que yo siento, no por la gente de mi casa, que sería pequeño y ruin, sino por todas las criaturas que por falta de medios y por desgracia suya no gozan del supremo bien de la belleza que es vida y es bondad y es serenidad y es pasión.
Por eso no tengo nunca un libro, porque regalo cuantos compro, que son infinitos, y por eso estoy aquí honrado y contento de inaugurar esta biblioteca del pueblo, la primera seguramente en toda la provincia de Granada. No sólo de pan vive el hombre. Yo, si tuviera hambre y estuviera desvalido en la calle no pediría un pan; sino que pediría medio pan y un libro. Y yo ataco desde aquí violentamente a los que solamente hablan de reivindicaciones económicas sin nombrar jamás las reivindicaciones culturales que es lo que los pueblos piden a gritos. Bien está que todos los hombres coman, pero que todos los hombres sepan. Que gocen todos los frutos del espíritu humano porque lo contrario es convertirlos en máquinas al servicio de Estado, es convertirlos en esclavos de una terrible organización social.
Yo tengo mucha más lástima de un hombre que quiere saber y no puede, que de un hambriento. Porque un hambriento puede calmar su hambre fácilmente con un pedazo de pan o con unas frutas, pero un hombre que tiene ansia de saber y no tiene medios, sufre una terrible agonía porque son libros, libros, muchos libros los que necesita y ¿dónde están esos libros?
¡Libros! ¡Libros! He aquí una palabra mágica que equivale a decir: ‘amor, amor’, y que debían los pueblos pedir como piden pan o como anhelan la lluvia para sus sementeras. Cuando el insigne escritor ruso Fedor Dostoyevsky, padre de la revolución rusa mucho más que Lenin, estaba prisionero en la Siberia, alejado del mundo, entre cuatro paredes y cercado por desoladas llanuras de nieve infinita; y pedía socorro en carta a su lejana familia, sólo decía: ‘¡Enviadme libros, libros, muchos libros para que mi alma no muera!’. 
Tenía frío y no pedía fuego, tenía terrible sed y no pedía agua: pedía libros, es decir, horizontes, es decir, escaleras para subir la cumbre del espíritu y del corazón. Porque la agonía física, biológica, natural, de un cuerpo por hambre, sed o frío, dura poco, muy poco, pero la agonía del alma insatisfecha dura toda la vida.
Ya ha dicho el gran Menéndez Pidal, uno de los sabios más verdaderos de Europa, que el lema de la República debe ser: ‘Cultura’. Cultura porque sólo a través de ella se pueden resolver los problemas en que hoy se debate el pueblo lleno de fe, pero falto de luz".

12/04/11

Encontros de Bibliotecas Escolares 2011

O pasado venres, 8 de abril, asistimos en Santiago ós Encontros de Bibliotecas Escolares Galegas 2011. Igual que noutras ocasións, o programa foi minuciosamente planificado por Cristina e Pilar, pode consultarse entrando como convidado no Moodle da redeBE. Foi de particular interese a conferencia sobre Prácticas de Avaliación na biblioteca escolar a cargo de Teresa Maña e Mónica Baró e as mesas sobre cine.

Sen dúbida, o mellor de todo, a clausura a cargo de D. Xosé Neira Vilas. Soubemos de primeira man como mercou libros "contra reembolso, con cartos gañados honradamente, vendendo cornello na feira", libros que seu pai lle permitiu seguir mercando "moderadamente"; o seu labor en prol da literatura, xunto con Anisia Miranda, a súa compañeira xa falecida; o respecto co que se trata ós mestres en países pouco desenvolvidos e a súa opinión sobre a nugalla dos nosos/as adolescentes.

A súa vitalidade, simpatía, entusiasmo e conciencia de galeguidade podedes comprobala na intervención que enlazamos aquí.









Video streaming by Ustream

Compromisos

Sempre que for posible, neste blog informaremos da autoría de textos, fotos e demais material audiovisual, que en todo caso é empregado con finalidade educativa e sen lucro. Se houber algo suxeito a dereitos de autor ou outras restricións, por favor, facédenolo saber para retirármolo o antes posible.
Por outro lado, os autores do blog non son responsables dos comentarios que os lectores poidan enviar. Todos aqueles comentarios obscenos, ofensivos contra persoas, crenzas ou ideas, ou contrarios á Lei serán eliminados en canto teñamos coñecemento deles.
Avísanos para axudarnos a cumprir estes compromisos.