Amosando publicacións coa etiqueta RAG. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta RAG. Amosar todas as publicacións

09/12/25

Palabra do Ano 2025

A Real Academia Galega convoca un ano máis o concurso para elixir a palabra do ano 2025. De xeito que “desfeita”, “foliada”, “loia”, “lume”, “retrinco” e “xenocidio” son as seis voces que optan a se converter na #PalabraDoAno2025.
Votade pola vosa favorita ata o 21 de decembro no noso Portal das Palabras.


02/12/25

Novas palabras no DRAG

 Cada ano, o Dicionario da Real Academia Galega incorpora termos que existen no uso real da lingua e que precisan ser recoñecidos oficialmente. A lingua evoluciona e aparecen tecnoloxías novas, conceptos importados doutros ámbitos, fenómenos culturais recentes e palabras que xa empregamos na rúa e nas redes sociais. Que a RAG as incorpore significa que forman parte do galego estándar e que xa teñen definición e uso recomendados.

Neste artigo de As chaves da lingua recóllense algunhas das novas palabras que entraron no dicionario durante o ano 2025. Son termos de ámbitos moi distintos: redes sociais, meteoroloxía, vida cotiá, gastronomía e cultura.

auguista

Persoa que toma as augas ou os baños medicinais nun balneario.

autofoto

Fotografía tomada a un mesmo, só ou acompañado doutros, polo xeral cun teléfono intelixente, tableta ou cámara web.

bolboretario

Espazo onde se crían, estudan ou exhiben bolboretas vivas. Sinónimo: xardín de bolboretas.

bongó

Instrumento de percusión de orixe afrocubana, composto por dous tambores de madeira de diferente tamaño fixados un ao outro.

dina

Depresión illada en niveis altos que se separou completamente da corrente en chorro e que, asociada a outros fenómenos meteorolóxicos, pode dar orixe a chuvias intensas e catastróficas, maiormente na área mediterránea.

eis

Presenta ou anuncia elementos que se mencionarán a continuación.

estragafestas

Persoa que estraga ou rompe a diversión dos demais.

galeguística

Estudo científico da lingua, da literatura e da cultura galegas.

gazano, gazana

Da Franxa de Gaza ou dos seus habitantes. Persoa natural ou habitante da Franxa de Gaza.

lubre

Bosque sagrado onde os celtas celebraban os seus rituais relixiosos.

longueiro, longueira

Pau horizontal superior dunha portería. Sinónimos: pau longueiro, traveseiro.

naipelo, naipela


Bebé antes de que comece a andar.

noz pacana

Froito da Carya illinoinensis, de casca escura e semente comestible, oleaxinosa e acastañada.

pintoresquista

Relativo ao pintoresquismo. Persoa que aprecia ou representa temas pintorescos.

parafusaría

Tenda ou sección onde se venden parafusos e ferraxes. Conxunto de parafusos e ferraxes.

pasmoso, pasmosa

Que causa pasmo ou asombro.

trombonista

Persoa que toca o trombón.

Queres coñecer máis actualizacións?

Se queres consultar todas as incorporacións, cambios e novidades do Dicionario da Real Academia Galega, preme aquí.

20/03/25

Castelao na RAG

 O conxunto da produción literaria e artística de Castelao constitúe unha das creacións máis importantes da cultura galega. Na sección da páxina web da RAG dedicada ao Ano Castelao podesdes descubrir, entre outros contidos, unha selección dos seus libros.

18/02/25

Cantar para gañar galegofalantes, por Antón Santamarina

O Día das Letras Galegas de 2025 está dedicado ás cantareiras. Personificouse en seis mulleres, catro delas figuran no Cancioneiro de Dorothé Schubarth cun número elevado de cantigas, melodías e letras, como é o caso de Adolfina e Rosa Casás, de Cerceda; ou o de Asunción Garrido e Manuela Lema, de Mens. A outra cantareira de Mens, Prudencia Garrido, non foi informante de Schubarth pero consérvanse dela documentos sonoros importantes. Igual ocorre con Eva Castiñeira, de Muxía.

Cando presentamos esta candidatura para dedicarlle un Día das Letras Galegas á lírica popular sabiamos que había por toda Galicia, e mesmo fóra, moitas máis candidatas posibles con méritos semellantes. Reducimos o número a esas poucas pero a nosa intención era que representasen a todas cantas mulleres cumpriron un papel parecido, moitas con nomes coñecidos e outras xa (ou aínda) anónimas. Todos os etnógrafos salientaron que as mulleres foron as principais transmisoras da lírica popular, pero non podemos esquecer que o fenómeno non é exclusivo delas e que nos cancioneiros tamén hai con frecuencia informantes homes. Todos eles, mulleres e homes, estean na nómina dos lembrados como dos omitidos (non esquecidos), serán protagonistas festexados nesta celebración.

Durante séculos a nosa literatura quedou reducida á oralidade. Quen repentizaba unha cantiga sabía que a súa fortuna ía depender de que uns poucos ou moitos a fixasen na memoria e a repetisen. Só ben andado o século XVIII comezan algúns eruditos a interesarse por transcribir estas mostras do folclore, interese que se incrementou moito no século XIX por toda Europa e que tivo un florecemento especial nas renaixenças ou rexurdimentos de comunidades subestatais con lingua propia. Ocorreu aquí en Galicia e a partir de 1745 comezamos a ter rexistradas por escrito recollas de cantigas, en xeral dispersas, cristalizadas en cancioneiros só a finais do s. XIX. As transcricións de melodías comezaron máis tarde co xurdimento de orfeóns urbanos. O primeiro, se non estou errado, o Orfeón Coruñés (1875) que dirixiu Pascual Veiga e o segundo, Aires da Terra en Pontevedra (1883), fundado por Perfecto Feijoo, seguidos máis tarde por outros. Nestes orfeóns transcribíanse a harmonizábanse melodías de cantigas.

O que veu despois xa é máis coñecido; o máis salientable é un cancioneiro promovido polo redondelán Casto Sampedro con melodías transcritas por el mesmo ou por un número moi importante de correspondentes (inédito cando el morreu en 1937), ou o que polos anos 1928-34 recollían, para o Centro de Estudios Históricos, Eduardo Torner e Jesús Bal, incompleto a causa da guerra civil e publicado en 1973.

Os que nos temos dedicado ó estudo da cultura material e inmaterial deste país sabemos por experiencia propia o que cambiou a nosa sociedade nestes últimos 80 anos. Cando polos anos 1960 ou 1970 recolliamos «palabras e cousas» podiamos preguntar a calquera polas partes do carro ou do muíño ou por oracións para levantar a paletilla ou curar os tirizós; hoxe xa non existen informantes (ou hai que buscalos cun candil). No referente ó cancioneiro, nos anos 80 aínda había moitos informantes con grandes repertorios, como é o caso das cantareiras que imos festexar no ano 2025; pero os informantes que quedan hoxe xa son escasos e o seu repertorio reducido.

Mais no caso do cancioneiro dáse un fenómeno contrario ó que acabamos de mencionar referente ás «palabras e cousas» que, en 50 anos, pasaron a ser arqueoloxía e só figurarán nos dicionarios e nos libros de etnografía, pois xa quedan poucos galegos que viran e saiban o que son o minle, o rangueiro ou o tentemozo dun carro. As cantigas seguen vivas aínda que cambiasen os escenarios; antes animaban fías ou segas ou mazas de liño ou os seráns e agora as mesmas cantigas son actualizadas nos repertorios dos infinitos grupos de tocadores e cantadores que inzan o país, algúns mesmo profesionais do canto. E cousa máis extraordinaria aínda (non sei se soñada algunha vez por Castelao ou por Risco): as músicas e letras desas cantareiras son materia de ensino nos conservatorios.

Moitos destes cantadores comezan de nenos nas tradescolas que hai na maioría das cidades e vilas do país. A celebración do Día das Letras Galegas de 2025 vai propiciar (iso agardamos na Real Academia) que as cantigas de Adolfina, Rosa, Eva, Prudencia, Asunción e Manuela e de moitas outras e outros sexan recuperadas dos cancioneiros e cantadas en medios e escenarios moi diversos; vai mesmo propiciar que se volvan escoitar as súas voces auténticas porque, en moitos casos, están gardadas en arquivos sonoros accesibles na rede (como é o gardado no Museo do Pobo Galego).

Este ano das Letras Galegas vai ser o da lírica popular e esperamos que teña unha repercusión moi importante; se é así servirá sen dúbida para axudar a fidelizar os galegofalantes coa súa lingua e tamén para enganchar na súa práctica e defensa a moitos galegos, especialmente mozos e nenos, que polas razóns que fose non a recibiron no ambiente familiar como primeira lingua. Nas cantigas populares hai xoias poéticas extraordinarias e hai ademais un galego enxebre e saboroso. Coa axuda das cantareiras homenaxeadas (que xa non están entre nós) e de tantos intérpretes que por Galicia adiante beben do seu legado, esperamos que no 2025 o Día das Letras Galegas empece o 1 de xaneiro e dure todo o ano, aínda que a festa maior sexa o 17 de maio.

Antón Santamarina, académico numerario

08/05/24

Sobre Luísa Villalta

 A Real Academia Galega presenta no seu espazo web Primavera das Letras (https://primaveradasletras.gal/) recursos lúdicos e didácticos para nos achegarmos á figura e obra de Luísa Villalta, homenaxeada nas Letras Galegas deste ano. Entre outras iniciativas, atoparedes unha biografía en forma de conto, actividades interactivas, unha serie documental de seis episodios e as bases do concurso Contádenos o voso Día das Letras.

03/05/24

Letras Galegas: recursos RAG

 

A Real Academia Galega mantén activa dende o pasado mes de xaneiro a sección dedicada á protagonista do Día das Letras Galegas 2024, na que reúne distintos contidos divulgativos sobre a súa vida e a súa obra. Entre eles destacan a serie documental web Luísa Villalta, a rebelión da palabra, seis episodios nos que máis dunha vintena de voces trazan un retrato coral sobre a poeta, narradora, ensaísta e articulista coruñesa á que a institución lle dedica o vindeiro 17 de maio; e a biografía da homenaxeada que asina a académica de número ana Romaní.

Primavera das Letras é outro dos proxectos centrais da RAG arredor da autora, neste caso con materiais concibidos para o público infantil. Nesta web a Academia ofrece Violino, Inglesa e o libro xigante. Pequena biografía de Luísa Villalta, unha historia de Xoán Babarro e Ana María Fernández ilustrada por Óscar Villán, así como actividades interactivas ou fichas para colorear. 

A través de Primavera das Letras, a RAG convoca ademais o concurso escolar Contádenos o voso Día das Letras 2024. A iniciativa diríxese a todos os centros escolares que impartan educación infantil e primaria e ao alumnado con necesidades especiais de apoio educativo, que poderán presentar os seus traballos sobre Luísa Villalta e a celebración da gran festa da nosa cultura ata o vindeiro 7 de xullo.

05/02/24

17/01/24

Ano Luísa Villalta

Este ano 2024 será o Ano Luísa Villalta, igual que o 23 foi o ano dedicado a Francisco Fernández del Riego. O 17 de maio a Real Academia Galega honrará a nosa poeta. En certa medida, honrará tamén a xeración de autores e autoras que comezan a expresarse na década dos anos 90 do pasado século e nos primeiros anos do século actual. Unha xeración nova, ilusionada, entusiasta, aberta ao mundo. Unha xeración sen complexos que xorde coa ambición de construír unha nova realidade, un novo tempo. Luísa representa ese impulso creativo, unha curiosidade intelectual e artística que a leva a ensaiar diversas formas de expresión, diferentes xéneros, nos que salienta moi especialmente (aínda que non exclusivamente) a poesía. Neste caso, encarna moi ben a xeración poética da transición entre séculos na que, por certo, tiveron especial protagonismo as mulleres.

 

Artigo completo de Víctor F. Freixanes, Presidente da Real Academia Galega, sobre Luísa Villalta, aquí

20/12/23

Elixe a Palabra do Ano (ata o 25 de decembro)

 

A lingua é un espello do que somos, do que queremos ser, do que nos ocupa e preocupa en cada momento a cadaquén, a todos e todas como sociedade. O lugar onde as palabras existen con máis intensidade é a actualidade, ese día a día compartido no que, como tan claro nos queda nestes tempos pandémicos, o público e o privado conflúen. Por iso escoller unha Palabra do Ano significa tomar ao mesmo tempo conciencia do valor da lingua e do que designan as palabras que eliximos e creamos.

Decidir colectivamente cal é a palabra que identifica o ano que remata é tamén un xeito de resumirmos como o vivimos. No bo ou no malo. E mesmo unha maneira de redimírmonos daquilo que se quere deixar atrás. Ou unha forma de agradecer o bo e de buscar acougo. Vós decidides. Vós tendes a palabra.

Vota aquí

Compromisos

Sempre que for posible, neste blog informaremos da autoría de textos, fotos e demais material audiovisual, que en todo caso é empregado con finalidade educativa e sen lucro. Se houber algo suxeito a dereitos de autor ou outras restricións, por favor, facédenolo saber para retirármolo o antes posible.
Por outro lado, os autores do blog non son responsables dos comentarios que os lectores poidan enviar. Todos aqueles comentarios obscenos, ofensivos contra persoas, crenzas ou ideas, ou contrarios á Lei serán eliminados en canto teñamos coñecemento deles.
Avísanos para axudarnos a cumprir estes compromisos.