26/04/10

Exposición do Día do Libro

Para celebrar o Día do Libro, o equipo da Biblioteca tamén empapelou os corredores do Instituto con paneis e cartaces coas respostas que nos enviaron e puidemos reunir a aquela pregunta Para que les?




24/04/10

Día do Libro 2010


Toda esta semana tivo lugar unha rolda de lecturas nas aulas da ESO, feitas por profesores voluntarios en horas de titoría. Como remate, o Día do Libro, que celebramos con lecturas públicas na biblioteca por parte de alumnos e un profesor.
Este ano apostamos pola sensibilidade, elixindo "A vendedora de mistos" de Hans Christian Andersen e "O príncipe Feliz" de Óscar Wilde, para 1º e 2º ciclo, respectivamente. Enriba destas liñas mostramos as imaxes, e embaixo a música que as acompañou.

"Carballeira" é unha peza tradicional coa que abrimos todas as sesións de lectura. Está interpretada pola agrupación "Leña verde" de Pol, que dirixe Óscar Trigo, profesor de Música no noso instituto hai uns anos. El é compositor, intérprete e arreglista desta versión.

22/04/10

Día da Terra

Como sabes, hoxe, 22 de Abril, é o Día da Terra. Os nenos e nenas de Infantil do Colexio Público "Ana Mª Diéguez" de Asados, en Rianxo, fixeron este vídeo para lembrar a todos a importancia que para a vida no noso planeta ten o ben máis prezado: a auga.

19/04/10

Tamén len...

Enlazamos un documento elaborado pola compañeira de Malpica, Olga Rodríguez, no que se recollen as opinións de persoeiros coñecidos nos medios de comunicación en relación coa lectura, xunto coas súas recomendacións.
Estes carteis forman parte do traballo colaborativo levado a cabo por iniciativa da ONG Implicadas no Desenvolvemento e secundado por moitas bibliotecas escolares, entre elas, a nosa.
Estes e outros materiais interesantes estanse comezando a organizar para unha exposición no noso centro con motivo da Semana do Libro e da Poesía.
Esperamos contar coa vosa atención.

17/04/10

Lingua de amor 2010

O Consello da Xuventude de Galicia (CXG), a través do seu Servizo de Normalización Lingüística, puxo en marcha a IV.ª edición de Lingua de amor, o concurso de cancións e declaracións de amor en galego a través da internet.
Lingua de amor ten como obxectivo principal estender o uso do galego como lingua habitual entre a xente moza nas súas comunicacións a través da rede.
Establécense dúas modalidades de participación: declaracións e cancións de amor. Os premios serán os seguintes:

Modalidade 1: declaracións de amor en galego a través da rede

Categoría A (de 14 a 19 anos):
1.º Un computador portátil Netbook.
2.º Unha consola Nintendo DSI XL.
3.º Unha cámara de fotos dixital.


Categoría B (de 20 a 35 anos):
1.º Un computador portátil Netbook.
2.º Unha cámara de vídeo dixital.
3.º Unha consola Nintendo DSI XL.

Modalidade 2: cancións de amor en lingua galega.
1.º Un computador portátil Netbook.
2.º Un iPod de 3.ª xeración.
3.º Unha consola Nintendo DSI XL.

Para participar no concurso só hai que rexistrarse na páxina www.linguadeamor.eu. O prazo permanecerá aberto ata o 28 de maio de 2010 e para as votacións será do 29 de maio ata o 6 de xuño de 2010.

14/04/10

Concurso de relatos curtos

Como en anos anteriores, o Equipo de Normalización e Dinamización Lingüística do noso Centro convoca o Concurso de Relatos Curtos "Letras Galegas 2010", que se rexerá polas seguintes

BASES:
  • Poderá participar todo o alumnado do Centro.
  • Os relatos, de tema libre, presentaranse en lingua galega.
  • Extensión máxima: tres folios.
  • Deberán presentarse escritos a ordenador por unha soa cara e a dobre espazo.
  • Os relatos só se poden facer e enetregar de forma individual ao profesor correspondente de Lingua Galega.
  • Os relatos que resulten gañadores serán publicados no Blog da Biblioteca do Centro.
  • Haberá dous premios para cada categoría, por un lado 1º, 2º e 3º de ESO; por outro, 4º de ESO e 1º e 2º de Bacharelato.
1º PREMIO: Vale de 30'00 euros en material.
2º PREMIO: Vale de 15'00 euros en material.
  • Data límite de entrega: 10 de maio de 2010.
  • O xurado estará formado por membros do ENDL, e o seu fallo será inapelable.

04/04/10

Para que les?

Recentemente, desde a nosa Biblioteca participamos nunha actividade organizada polo blog Implicadas; tratábase de escribir en poucos caracteres a resposta á pregunta Para que les?

Agora o blog publica as respostas que enviamos desde o noso centro xunto ás doutros lectores que libremente quixeron participar.

Se queres, entra neste enlace e le.

Compromisos

Sempre que for posible, neste blog informaremos da autoría de textos, fotos e demais material audiovisual, que en todo caso é empregado con finalidade educativa e sen lucro. Se houber algo suxeito a dereitos de autor ou outras restricións, por favor, facédenolo saber para retirármolo o antes posible.
Por outro lado, os autores do blog non son responsables dos comentarios que os lectores poidan enviar. Todos aqueles comentarios obscenos, ofensivos contra persoas, crenzas ou ideas, ou contrarios á Lei serán eliminados en canto teñamos coñecemento deles.
Avísanos para axudarnos a cumprir estes compromisos.