Amosando publicacións coa etiqueta calendario. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta calendario. Amosar todas as publicacións

16/09/26

A vendima

Estamos xa en setembro,  e achégase un dos momentos máis importantes do ano no campo galego: a vendima. 

Nas Rías Baixas, na Ribeira Sacra, en Valdeorras, no Ribeiro ou en Monterrei, as viñas énchense de xente disposta a recoller a uva que dará lugar aos nosos viños. 

É unha época de traballo duro, pero tamén de encontro, de tradición e de festa, un ritual que se repite desde hai séculos e que forma parte da nosa identidade.

E como todo oficio, a vendima ten o seu propio vocabulario. Desde a planta ata o recipiente onde repousa o viño, aquí tes as palabras que necesitas coñecer para vivir a vendima.

Acio

O conxunto de uvas que colgan dun mesmo pé. É unha das palabras clave da vendima e na fala ten como sinónimos cacho ou piña.

Adega

O establecemento onde se elabora o viño tamén recibe o nome de bodega. É o corazón de todo o proceso.

Bagazo

O residuo que queda da uva despois de espremela e sacarlle o líquido. Tamén se di bagaño, bagullo ou bullo. Deste residuo destílase, precisamente, a augardente.

Bocoi

Un recipiente de madeira dos grandes, cunha capacidade de entre trescentos e setecentos litros. Máis grande que o barril e que a pipa.

Borra

O depósito de materiais sólidos que se forma no fondo dos recipientes que conteñen viño. Ten moitos sinónimos: feces, fondón, madre, pouso, sarrio ou tártaro. Adoita usarse tamén en plural.

Cangallo

Cada unha das ramificacións que forman un acio, para o que tamén se usa a palabra en feminino: cangalla. Emprégase igualmente para o que queda do acio despois de quitarlle ou esmagar as uvas. Neste segundo sentido, na fala tamén se di canga, cangalla ou raspallo.

Espicha / espicho

O pau ou tubo de madeira pequeno que se mete nun furado do barril para tapalo ou para extraer o viño.

Fustalla

O conxunto de recipientes de madeira dunha adega: barrís, bocois, cubas, pipas, toneis… Todo o que serve para envasar e conservar o viño.

Lagar

O aparello onde se prensan as uvas para que solten o mosto. Un dos elementos máis simbólicos da cultura do viño en Galicia.

Lagarada

A acción de pisar a uva no lagar. A Lagarada é tamén o título dunha obra de teatro de Ramón Otero Pedrayo, publicada en 1929. A súa acción transcorre durante a vendima nunha casa grande da provincia de Ourense, á beira do Miño.

Pipa

Recipiente de madeira máis pequeno que o bocoi, de entre douscentos cincuenta e cincocentos litros. A versión pequena chámase pipote ou pipo.

Uva

O froito da vide e a protagonista absoluta da vendima. De aquí sae todo.

Vendimador/a

Quen recolle a uva durante a vendima. O traballo máis visible destas datas e o que enche as viñas de mans e de conversas.

Vide

A planta da que sae a uva. Coñécese tamén como cepa, cepeira ou videira, e é ese arbusto de talo retorto e follas dentadas que se cultiva, sobre todo, no sur de Galicia.

Viña

O terreo plantado de vides. Tamén se pode chamar viñedo. É a paisaxe que define comarcas enteiras de Galicia, especialmente nos socalcos da Ribeira Sacra.

Viñateiro/a

A persoa que se dedica á produción e venda de viño. Non confundir co vendimador, xa que o viñateiro está detrás de todo o proceso, non só da recollida.

14/09/26

Regreso

Ola, lectores e lectoras! Estamos de volta.

Comeza un novo curso e en poucos días abriremos: pronto a Biblioteca estará a plena marcha coa formación de usuarios/as, os préstamos, a Hora de Ler na aula e as outras actividades que coñeces doutros anos.

Benvida a todos e todas, e felices libros!

30/04/26

Chegan os Maios



Se nunca te preguntaches por que hai coches con ramas de flores amarelas no parabrisas cada 1 de maio, este artigo de As Chaves da Lingua é para ti. 

Detrás dese xesto hai séculos de tradición, crenzas e unha relación profunda coa natureza que os galegos e as galegas levamos no sangue.

Que é a xesta?

A xesta é unha planta silvestre que medra nos montes e camiños de Galicia. A máis común é a de flor amarela, aínda que tamén existe a variedade de flor branca.

Florea precisamente nesta época do ano, o que a converte nun símbolo natural da chegada da primavera. Mais na cultura popular galega vai moito máis aló dun simple elemento decorativo.

Cal é o seu significado?

Disque a xesta ten fama de planta protectora. Na tradición galega atribúenselle propiedades para afastar o meigallo e o mal de ollo, e por iso se coloca nos lugares que máis importan como a porta da casa, as fiestras, o coche, as embarcacións ou as cortes onde están os animais.

O momento no que hai que actuar tamén forma parte do ritual. As xestas deben recollerse antes de que se poña o sol o día 30 de abril, porque deste xeito conserva a forza da luz. Despois, esa mesma noite, as xestas colócanse nos lugares elixidos para que, como di o dito, non poida entrar o maio, nin collan o meigallo.

De onde vén esta tradición?

A orixe está na festa dos Maios, a celebración popular que en Galicia marca a fin do inverno e a chegada do bo tempo. Aínda que se asocia especialmente coas Rías Baixas, a tradición está documentada en todo o territorio galego e tamén no norte de Portugal. Nalgunhas zonas conservouse mellor que noutras, pero nunca desapareceu do todo.

Antigamente, a noite anterior ao primeiro de maio era un momento de ritos de protección. A veciñanza saía cos fachos polas terras sementadas e as xestas poñíanse nas portas, nas cortes e nos carros. O obxectivo era sempre o mesmo, protexer o fogar, a familia e a colleita do que puidese vir co cambio de estación.

Como chegou ata hoxe?

A tradición adaptouse sen perderse. Os carros convertéronse en coches e o xesto de colgar unhas xestas na porta o 30 de abril continúa a estar vivo. Este costume é o fío que nos conecta cunha forma de entender o mundo onde a natureza e o calendario marcan o ritmo da vida.

Este ano, se ves un ramo de xestas nun coche ou nunha porta, xa sabes o que significa. E se tes ocasión, non está de máis poñer a túa!

22/04/26

Día da Terra Nai

Cada 22 de abril celébrase o Día Mundial da Nai Terra, data consagrada polas Nacións Unidas co obxectivo de concienciar a humanidade sobre o cambio climático, a contaminación e a importancia da conservación da biodiversidade e o solo. Anímase ademais ás entidades nacionais e internacionais a convocaren e organizaren nesta xornada actividades relacionadas co coidado, protección e conservación da natureza.

10/04/26

Refráns de abril

Abril é un mes de contrastes: chove, sae o sol, arrefría, logo quenta… e mentres o tempo cambia de humor, a tradición popular lévanos acompañando séculos cun feixe de refráns que recollen a experiencia da terra e da xente que a traballa. En galego, coma noutras linguas, abril está cheo de ditos que falan do tempo, das colleitas, das esperanzas e dos medos.

Neste artigo de As Chaves da Lingua recóllense algúns dos refráns máis coñecidos sobre abril en galego.

Refráns sobre a predición do tempo

  • A auga de abril enche o carro e o carril.
  • Abril, augas mil, escoadas por un mandil.
  • Abril e maio son a chave de todo o ano.
  • Abril, se por mal quere vir, nin as portas deixa abrir.
  • Cando abril recacha, aínda a vella queima a racha.
  • Cando abril recacha, queima a vella a maza.
  • En abril cear sen candil.
  • En abril, chuvias ir e chuvias vir.
  • Marzo ventoso e abril chuvioso, sacan o maio florido e fermoso.

Refráns sobre a agricultura

  • Abril, pendoril; maio, engraio; san Xoán, segaio.
  • Abril que non chove deixa ao labrego pobre.
  • Abril quente e mollado, carga o carro e enche o gado.
  • Auga de abril e xiada de maio, herba para todo o ano.
  • Cando chove por San Xorxe, de cen cereixas quedan catorce.
  • Coida de podar en marzo, que o que poda en abril é ruín.

Refráns sobre animais

  • A ovella en Pascua florida está lustrosa e parida.
  • Abril frío e mollado, enche o celeiro e farta o gado.
  • Coas xarapadas de abril, mexa o porco no cubil.
  • Cóbregas en marzo, neves en abril.
  • En abril ronca o porco no cubil.
  • En abril sae o cuco do cubil.
  • Entre marzo e abril, se non ven o cuco quere vir o fin.

27/03/26

De festas e calendarios

Hoxe é un día de alegría para o alumnado do centro, chegan as vacacións de Semana Santa. Unha festividade católica sen data fixa, o que constitúe unha anomalía estando acostumados ao santoral, no que cada santo, mártir, virxe ou beato ten un día concreto sinalado.
Entón, a que se debe este baile de datas que tanto desconcerta e tanto incordia a profesores e demais xente que ten que organizar calendarios como o escolar?

Subamos na nosa máquina do tempo, que para iso somos unha biblioteca e podemos dispor de recursos pouco usuais e fantasiosos ata onde a nosa imaxinación nos leve, e viaxemos ata o século VI da nosa era. Nun contexto de asentamento do cristianismo como relixión de masas, as relixións seguían un proceso de sincretismo e/ou asimilación/apropiación das festividades xa existentes transformándoas en festividades propias. Coincidindo con estas circunstancias, tamén se produce un intento de organización oficial dos festivos da, naqueles momentos, nova e crecente relixión.
Como na maioría de casos, as festividades pagás do equinoccio de primavera foron collendo nomes variados segundo os credos que as asimilaban, e o relato bíblico situaba a morte de Cristo na Pascua xudía, entón Dionisio o Exiguo, monxe e matemático, argallou un combo do máis apañado e fixo unha proposta: a Semana Santa remataría o primeiro domingo de lúa chea despois do equinoccio de primavera, o que tamén marcaba distancias co xudaísmo, detalle importante no afianzamento da nova relixión.

Como dixemos antes, o contexto é importante. Falamos dunha época na que os calendarios aínda non estaban unificados, algunha cousiña ao respecto se ten comentado por aquí, e unha das cousas que hoxe nos parece exótica na cultura occidental é o de usar as fases da lúa como referencia temporal, o que viña sendo a base dos calendarios lunares.

Un calendario lunar é aquel baseado nas fases da lúa e que mide o mes como o intervalo entre dúas lúas cheas consecutivas: lunación, por se queredes usar unha palabra pouco frecuente e quedar de cultos nunha conversa intrascendente.
Isto fai que, xogando coa data do equinoccio e os veinte e oito días da lunación, o Domingo de Resurrección (data de finalización da Semana Santa) terá que caer sempre entre o 22 de marzo e o 25 de abril.
Por se o queremos complicar un pouco máis, lembrar que non tódolos cristiáns festexan igual, xa que as igrexas orientais (ortodoxas) seguen a usar o calendario xuliano para as datas rituais, que é polo que vemos que no leste de Europa ou no caso da maior parte dos coptos exipcios, o Nadal e a Pascua van cunha diferenza de dez días, resultante de non ter aplicado o cambio ao calendario gregoriano.

Como dato cultural, o do calendario lunar non é unha rareza obsoleta, senón que hai culturas que seguen con el. Por exemplo, o calendario musulmán, que é puramente lunar. Como a correspondencia entre este calendario e o noso non é inmediata nin simple, queda aquí unha explicación detallada do seu funcionamento. Aínda que por razóns comerciais, o calendario ao que estamos acostumados está estendido por todo o mundo, en moitos lugares que usan calendarios lunares non pasa de ser unha ferramenta diaria de gran utilidade, pero só por esa razón comercial, xa que o predominio corresponde a calendarios propios, como no citado calendario musulmán, ou outros como os lunisolares, que teñen en conta as estacións do ano, de gran uso en países como China ou a India. Aí tedes a explicación de porque o Ano Novo Chinés non cae nunha data fixa do noso calendario, senón que vai cambiando dunha forma moi parecida á Semana Santa, a segunda lúa nova despois do solsticio de inverno, época pola que xa vai aparecendo a primavera, razón pola que os chineses denominan a esta festividade Festival da Primavera.

Pois agora que xa sabedes porque tedes libre xusto estes días, só nos queda recomendar que os aproveitedes, o pasedes o mellor posible e descansedes para darlle un último empurrón ao que nos queda de curso á volta. E se sodes crentes, incluso ir a algunha procesión e rezar, que nunca se sabe de onde pode vir unha axudiña coas notas.

16/01/26

Os días da semana

Como xa vimos aquí a pasada semana, os nomes dos meses proveñen da antiga Roma. E que pasa cos días? Por que non usamos un sistema tan simple e claro como no chinés moderno ou no portugués?

Na China moderna, salvo o domingo, o resto dos días son "semana-un", "semana-dous", e así ata o seis. Para o domingo tiñan a solución que tamén veremos noutras culturas, o día do Sol.

En portugués, o sistema tamén é simple: segunda feira, terceira feira... ata o sábado e o domingo, que por influencia cultural do cristianismo, quedaron como no galego e o castelán, aínda que coa particularidade de comezar a semana en domingo, igual que en moitos outros países.

Pero imos volver ao noso idioma e repasar un por un de onde sacamos estes nomes. Para empezar, volvemos á antiga Roma e lembremos o coñecemento astronómico que tiñan. Consideraban que había sete corpos celestes importantes (o das estrelas xa era outro tema) aparte da Terra: a Lúa, o Sol, Mercurio, Venus, Marte, Xúpiter e Saturno. Cada día tiña asignado un destes corpos.

Luns
O antigo dies Lunae, parece bastante evidente que toma o nome da nosa lúa. Nas linguas xermánicas (inglés incluído), tamén. Montag en alemán (a Lúa é Mond, como curiosidade, único idioma no que é masculino) ou Monday en inglés (Moon).

Martes
O antigo dies Martis tiña como orixe o nome do deus Marte, de gran importancia no panteón romano. 

Mércores
O dies Mercurii derivou no noso mércores desde o nome do deus Mercurio.

Xoves
O dies Jovis corresponde ao nome romano do deus Xúpiter, o xefe do panteón, e a súa adaptación, especialmente ao galego, é bastante evidente.

Venres
A deusa Venus, ademais de proporcionarnos nome para as vieiras e as enfermidades venéreas, asociadas a asuntos propios do seu negociado (amor, beleza e fertilidade), tamén nos deixou o dies Veneris.

Sábado
E como ata aquí estaba sendo moi fácil, deixaremos de lado o dies Saturni, en memoria do deus Saturno (si, ese que devoraba ao seu fillo e constitúe un claro precursor do cine gore de man de Francisco de Goya e antes de Rubens), pai de Xúpiter, que non foi devorado, sendo o único que se salvou. Outra curiosidade respecto a Saturno é que na súa honra celebrábanse en Roma as saturnais, festas de finais decembro nas que se producía unha relaxación importante das normas sociais ("o mellor dos días", dicía o poeta Catulo). Estas festas, xunto coas propias do solsticio doutros pobos, foron refundidas e absorbidas polo cristianismo e deron lugar ao actual Nadal, no que en vez de deixar que os instintos máis primarios anden soltos sen control, facemos gala da nosa civilización en orxías de consumo. A orixe do nome do día neste caso sería a evolución do latín tardío sabbatum no século IV, que significaba descanso, e que á súa vez tería orixe no hebreo shabat, de idéntico significado.
Como curiosidade, en inglés, mantívose a denominación cunha simple contracción de saturn day.

Domingo
Aquí tamén decaeu o do dies Solis, outra vez conservado no inglés sunday e no alemán Sonntag, e pasamos pola influencia cristiá ao dies dominicus, o día do Señor. Dada a importancia de poñerlle o nome de Deus a un día, este é o que ocupa o primeiro lugar ou último na semana. No caso de ser o primeiro, por ser o máis importante, e cando se considera o último, despois do descanso e purificación do sábado, para estar na mellor disposición posible ante Deus para rematar a semana e empezar o luns con novos folgos e a alma en perfecto estado.

Dado que falamos tamén do inglés e o alemán, podemos lembrar que o martes e xoves corresponden de formas variadas ao nome do deus Thor, e o mércores inglés a unha variante do deus xermánico Wotan (en alemán é máis facil, mittwoch é literalmente o medio da semana). E para rematar, o venres nestes idiomas non correspondería a unha tradución trapalleira como "día libre", senón que sería o día da semana correspondente a Freia, deusa da fertilidade (como Venus) e lideresa das valquirias.

E ata aquí, este repaso mitolóxico e onomástico do calendario. Agardando que vos resultara interesante, pronto volveremos con outras historias.

08/01/26

Os nomes dos meses

Bo día!

Hoxe temos que volver á dura realidade das aulas, erguernos cedo e pensar nos deberes e nos exames. Síntomas de que empezou xaneiro e remataron as vacacións, pero, por que xaneiro se chama así? E febreiro, marzo...? Imos tratar de solucionar estas cuestións e contar algunhas curiosidades relacionadas co tema. Como adianto, xa deixamos caer que hoxe viaxaremos á antiga Roma e á súa mitoloxía.

Xaneiro

O primeiro mes do ano debe o seu nome ao deus romano Jano/Ianus, representado de forma bifronte (dúas caras opostas), simbolizando as transicións, polo que se situaba presidindo portas. As dúas caras opostas representaban tamen as miradas ao pasado e ao futuro, polo que a súa ubicación como marcador de inicio do ano, aínda co recordo recente do ano que acababa de finalizar era bastante lóxico. Como curiosidade na mitoloxía romana, este deus xa existía ao principio de todo, polo que non se menciona que teña proxenitor algún.

Febreiro
O segundo mes non sempre estivo no inicio, senón que nas súas orixes estaba situado no final do ano. A razón era que o nome procede das Februa, festival que celebraba a purificación e que probablemente tivese orixe etrusca. Esta purificación de fin de ano tiña como obxectivo entrar no novo ano limpos a tódolos niveis, físico e espiritual, e dispostos a afrontalo con renovadas enerxías. Como vedes, dous milenios despois non cambiamos tanto. O nome do mes quedou definitivamente asociado ao do deus Februus, que personificaba esta festividade.

Marzo
Aquí temos unha orixe bastante clara e coñecida. Marte era o deus da guerra e un dos máis importantes do panteón romano. Pero Marte tamén tiña unha vertente menos popular, que era unha relación coa agricultura na orixe do mito, que algún sitúan no deus Mavortis dos oscos, antigo pobo da península itálica. Esta relación coa agricultura é a que o sitúa no inicio da primavera.

Abril
A orixe do nome deste mes é algo máis dubidosa, aínda que a teoría máis estendida afirma que o latín Aprilis derivaría dunha variante do nome da deusa Afrodita, asociada ao erotismo, e máis amplamente á reproducción e florecemento, feito moi propio da época do ano.
Outra teoría situaría a orixe do nome nunha derivación do verbo aperire (abrir), que correspondería á época na que abren as flores, pero isto parece ser máis unha etimoloxía popular que real.

Maio
Aquí apúntanse dúas teorías. A primeira e máis probable fala de Maia, nai do deus Mercurio (xenealoxía herdada do panteón grego, no que Maia tiña o mesmo nome e Hermes era o antecesor de Mercurio). Na mitoloxía romana xa tiña asumido o papel de deusa da primavera, e aquí enlaza coa outra teoría, a do adxectivo comparativo maius, que tanto podía facer referencia ao crecemento, como nunha posibilidade máis remota, aos maiores, por contraposición ao seguinte mes.

Xuño
Este mes ten unha etimoloxía aparentemente clara, sería o mes dedicado á deusa Xuno, esposa de Xúpiter e, polo tanto, raíña dos deuses no panteón romano, aínda que non unha das deidades máis importantes. Era deusa das mulleres e do matrimonio, o que tamén a asociaba á xuventude, en contraste co dos maiores no mes anterior.

Setembro, outubro, novembro e decembro
A pesar abundancia de personaxes no panteón romano, con estes meses non se complicaron demasiado, a orixe é tan simple como sete, oito, nove e dez.

E agora, como supoñemos que xa caestes na conta de que faltan dous meses, imos coas súas historias.

Xullo e agosto

(Xulio César)
Estes dous meses eran os últimos do ano, pero cambiaron de lugar en homenaxe a dous dos gobernantes máis famosos da antiga Roma, Caio Xulio César, que adoita ser mencionado como emperador aínda que nunca tivo tal título, xa que foi o seu sobriño-neto adoptivo Caio Octavio Augusto o primeiro en ser nomeado emperador en Roma.Por razóns que sería demasiado longo para contar nesta entrada, o calendario foi cambiando moito, incluso as duracións dos meses (por iso hoxe temos que usar os cotenos para lembrar canto dura cada mes), e os meses que pechaban o ano pasaron a ser os mensis quintilis e sextilis. Esta é a causa de que os meses sete, oito, nove e dez sexa agora os derradeiros e non ocupen a posición que indican os seus nomes. O de poñerlle tan ilustres nomes aos meses non ía acorde con deixalos para o final.


(Augusto)
O  quintilis pasou a levar o nome de Xulio César, e houbo que poñerlle trinta e un días, para remarcar a grandeza do personaxe. E claro, se Augusto era tan grande, que menos que dedicarlle o sextilis e poñerlle tamén trinta e un días. O de poñerse por diante dos deuses xa eran palabras maiores e noutro dos cambios que houbo ata que o calendario alcanzou un certo consenso, que non uniformidade polo mundo, os meses cinco e seis remataron por quedar colocados nas posicións sétima e oitava que lles damos hoxe.

E ata aquí chegamos hoxe con este pequeno recordatorio etimolóxico e, en parte, das nosas orixes como civilización. Non se pretende que isto sexa un libro de texto, sobre todo porque moitas afirmacións das que recollemos veñen de fontes históricas tan antigas que en moitos casos poden ser as máis estendidas pero sen garantía de ser verdades absolutas, así que desde aquí animamos a que busquedes máis información e que vos deixedes levar pola curiosidade e aprender máis cousas que vos irán aparecendo polo camiño.

11/11/25

Refráns galegos de novembro


 Novembro é o mes en que a natureza se recolle: as follas caen, as noites fanse longas e o frío comeza a facer presenza de verdade. O mundo rural galego tiña ben marcadas estas datas no calendario e, por iso, xurdiron tantos refráns que falan da choiva, da matanza, das colleitas que rematan e do inverno que se achega.

Neste artigo As chaves da Lingua recolle algúns refráns galegos de novembro que nos amosan como a lingua e a sabedoría popular se entrelazan co paso das estacións.


Refráns galegos de novembro

Refráns sobre a predición do tempo

  • Ata san Martiño, pan e viño. De san Martiño adiante, fame e frío.
  • Cando Santos acaba, o inverno empeza.
  • De Santos a Nadal é o inverno natural.
  • Desde Santos a Nadal é inverno caroal.
  • O verán de san Martiño dura mentres o can lambe o fuciño.
  • Polo san Martiño, trompos ao camiño.
  • Polo san Martiño, trompos ao camiño, e polo santo Amaro, trompos ao tellado.
  • Por Santos, nevan os campos.

Refráns sobre a agricultura

  • Castañas, noces e viño fan a ledicia de san Martiño.
  • Despois de san Martiño, deixa a auga e bebe o viño.
  • Horta de san Martiño mantén ao dono e mais o veciño.
  • O que queira ter bo alliño, que o semente polo san Martiño.
  • San Xoán garda a chave do pan, san Martiño a do viño e santo Andrés a do porquiño.

Refráns sobre animais

  • A cada porco lle chega o seu san Martiño.
  • No mes dos mortos mata os teus porcos.
  • Non hai cocho bo nin ruín que non lle chegue o seu Sanmartín.

Refráns sobre santos

  • Bendito mes, que empeza con Santos e acaba con santo Andrés.
  • San Simón proba o viño e o porco san Martiño.
  • San Xoán come pan e santo Andresiño touciño.

Sabías que novembro tamén recibe os nomes de san Martiño e santos?

En Galicia, é habitual chamarlle aos memes polos costumes ou polas festividades que se conmemoran neles. Se queres coñecer o nome dos outros meses, bótalle unha ollada ao seguinte artigo:

O nome dos meses en galego que, se cadra, non sabías.

30/10/25

Adiviñas. Saberás...?

As adiviñas son máis que simples xogos, conectan coas tradicións orais galegas e permítennos observar o mundo con ollos curiosos. Neste artigo As chaves da lingua recolle unha selección de adiviñas do libro ¿Que cousa é cousa…? Libro das adiviñas de Paco Martín, todas relacionadas co outono.

Serás quen de adiviñalas todas? Se non, neste enlace tes a solución


Adiviñas

Alto coturiño,
verde coma o liño;
sabe como o mel
e amarga como o fel.

Alto está,
barbas ten
ri e guinda
o que contén.

Entre coto e recoto
hai un boi xoto;
non hai home nin muller
que lle bote un cordel.

Toda a noitiña me tes
posta de boca para arriba
agardando que me metas
un cacho de carne viva.

No alto estou,
ladróns vexo vir;
coa miña carapucha
non podo fuxir.

Ten pelexo como a xente,
e é moi boa para comer;
chega polo mes de Santos
e todo o ano a tes.

Zancarrandullo andaba na festa,
no medio inchaba,
no rabo roncaba,
tiña orellas e zangoneaba.

Ten un milleiro de dentes
e non come que só fende.

Que cousa é,
para adiviñar é,
que ten dúas caras
e as dúas enrugadas?

En alto nacín,
entre a terra e o ceo;
se algunha vez me río
téñocho todo perdido.

Que será unha cousiña, cousa
que cando dá o sol encóllese,
e cando chove estalícase
tornando a auga co carrelo?


Alto me vin,
baixo me vexo,
e aló arriba
quedoume o pelexo.

 

17/10/25

Mes de Outubro: os seus refráns

Outubro chega co arrecendo da terra mollada, coas primeiras noites frías e cos ourizos das castañas espallados polos soutos. É un mes de transición, o verán xa quedou atrás e o inverno comeza a asomar. A xente do rural miraba ao ceo e ás colleitas para marcar o ritmo da vida e desa observación naceron refráns que aínda hoxe perduran.

Neste artigo os de As chaves da lingua recollemos algúns deses refráns galegos de outubro para descubrir que nos contan sobre o tempo, as colleitas e os costumes.

Refráns de outubro

  • A lúa de outubro a sete cubre e se chove, nove.
  • A verdura de san Simón dá para o amo e mais para o ladrón.
  • Áncoras ao fondo, que chega san Simón.
  • As avenidas de san Simón, antes ou despois sonadas son.
  • Polo Pilar, os nabos na terra e o viño a envasar.
  • Por san Quintín castañas ao rolín.
  • Por san Xudas e san Simón, collidas as uvas son.
  • Santiago manda o pan, san Migueliño manda o viño, san Francisco manda a landra e san Andrés o touciño.

Compromisos

Sempre que for posible, neste blog informaremos da autoría de textos, fotos e demais material audiovisual, que en todo caso é empregado con finalidade educativa e sen lucro. Se houber algo suxeito a dereitos de autor ou outras restricións, por favor, facédenolo saber para retirármolo o antes posible.
Por outro lado, os autores do blog non son responsables dos comentarios que os lectores poidan enviar. Todos aqueles comentarios obscenos, ofensivos contra persoas, crenzas ou ideas, ou contrarios á Lei serán eliminados en canto teñamos coñecemento deles.
Avísanos para axudarnos a cumprir estes compromisos.