Amosando publicacións coa etiqueta curiosidades. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta curiosidades. Amosar todas as publicacións

16/06/26

Bloomsday


O 16 de xuño de 1904, Leopold Bloom percorre as rúas de Dublín, atopándose con xente variada e describindo ata o último detalle o seu día. Isto é o que nos contaba James Joyce na súa novela "Ulises" en 1922 durante unhas 267000 palabras a un ritmo lento e de forma minuciosa, case exhaustiva.

(James Joyce e a súa obra)

En lembranza desta imaxinaria efeméride, ou non tan imaxinaria xa que a data parece ser un recordo do día no que coñeceu a súa futura esposa, cada 16 de xuño celébrase en Dublín o Bloomsday, no que moita xente se viste de época e emula as andanzas de Leopold Bloom e demais personaxes do libro deste premio Nobel de literatura. Hai roteiros que seguen coa exactitude do libro o percorrido de Bloom e incluso reproducen as comidas do protagonista.

Como curiosidade, podemos lembrar que hai lugares nos que se reproducen roteiros similares como poden ser Ourense con "A esmorga" de Blanco Amor, Madrid con "Luces de Bohemia" de Valle-Inclán ou incluso celebracións como o Día da Toalla en homenaxe á "Guía do autoestopista galáctico" de Douglas Adams.

23/04/26

Día do Libro

Bo día, lectores e demais xente que pisades a nosa biblioteca!

Hoxe é 23 de abril e celebramos un dos días grandes deste espazo do centro. Pero, por que hoxe e non outro día calquera do ano?

Orixe

(San Xurxo e o dragón. Paolo Uccello, 1470
Imaxe de historia-arte.com)

A orixe da celebración pódese situar na Cataluña do século XV, na chamada Diada de Sant Jordi, data na que os namorados tiñan como costume regalar ás súas amadas unha rosa vermella, símbolo do sangue do dragón que matou San Jordi/Xurxo (ver despois a explicación completa).En febreiro de 1926, o goberno de Miguel Primo de Rivera aprobou a celebración do Día do Libro, que empezou sendo o 7 de outubro, aniversario do nacemento de Miguel de Cervantes, pero xa no 1930, alguén caeu na conta de que podía ser un bo punto comercial xuntar a tradición de regalar rosas coa feliz coincidencia de que a morte de Cervantes tamén fora o 23 de abril, co cal a tradición modificouse e nun xesto de igualdade pouco común na época, as namoradas tomaron como costume agasallar aos seus amados cun libro en correspondencia co de recibir rosas.

O dragón

Di a lenda que San Xurxo foi un soldado romano orixinario da Capadocia (actual Turquía), o que crea confusión con outro Xurxo de Capadocia (arcebispo arriano que usurpou o arcebispado de Alexandría medio século despois da morte do primeiro). Seguindo a lenda, durante a persecución dos cristiáns por parte do emperador Diocleciano, Xurxo formaba parte da garda persoal do emperador e despois de confesar a súa fe, negouse a renunciar a ela, polo que foi executado por orde do emperador o 23 de abril do ano 303.
Moito máis tarde, no século IX, xorde a lenda do dragón. A historia pode formar parte dun mito común a varias culturas e que tomaría varias formas. Neste caso conta que, no que sería hoxe Beirut, capital do Líbano, un dragón fixo o seu niño nunha fonte de auga que abastecía ao lugar. Os habitantes do lugar tiñan que ofrecer sacrificios diarios para alimentar o dragón e que este lles permitira ter auga, pero o que empezou sendo un par de ovellas pasou a ser un ser humano, ata que un día chegou a tocarlle ser ofrenda á princesa filla do rei local, a cal, cando estaba a punto de ser devorada pola besta foi salvada por Xurxo, que pasaba por alí nunha viaxe a cabalo (nin as pelis hollywoodienses teñen tal sentido da oportunidade), salvou á princesa e matou o dragón. E aquí é onde aparece a rosa, que brotou no chan onde foi derramado o sangue do dragón. (Se estas alturas non se ve o porqué de repetir tanto a palabra lenda, xa non sabemos que máis se pode explicar.)

Shakespeare

(Shakespeare. imaxe de Wikipedia)
Despois destes datos, xa temos claro que o que se di de que o Día do Libro veña da conmemoración da morte no mesmo día de William Shakespeare e Miguel de Cervantes ten unha parte de verdade. pero non é así e a razón xa está explicada aquí. De todas maneiras, ímoslle dar outra volta ao asunto.

Para empezar, Shakespeare e Cervantes non morreron o mesmo día. Nominalmente si, pero non na realidade, porque Inglaterra aínda non tiña adoptado o calendario gregoriano en 1616, non o fixeron ata 1752, mentres que España xa levaba uns trinta anos vixentes. Polo tanto, William Shakespeare, morreu un 23 de abril, pero, a efectos do noso calendario, o seu 23 de abril foi o 3 de maio de Cervantes, e cando o inglés morreu, o español xa levaba dez días enterrado.

Como curiosidade macabra, lembrar que o autor inglés morreu o día do seu aniversario, xa que tamén nacera un 23 de abril. Na súa tumba deixou un epitafio no que quedaba claro que quería descansar eternamente: "Bos amigos, polo amor de Xesús, deixádevos levar, de escavar os ósos aquí encerrados! Bendito sexa o home que perdoe estas pedras, E maldito sexa o que mova os meus ósos."
O da efectividade da maldición non está comprobado, pois hai investigadores que sosteñen que o cranio do escritor foi roubado da tumba a finais do século XVIII.

Pola contra, o da tumba de Cervantes non estaba tan claro, hai hoxe unha sepultura no convento das Trinitarias en Madrid na que hai unha mestura de ósos de supostamente ata quince persoas diferentes e, tamén supostamente, unha delas sería o autor do Quixote e o resto, familiares varios.


27/03/26

De festas e calendarios

Hoxe é un día de alegría para o alumnado do centro, chegan as vacacións de Semana Santa. Unha festividade católica sen data fixa, o que constitúe unha anomalía estando acostumados ao santoral, no que cada santo, mártir, virxe ou beato ten un día concreto sinalado.
Entón, a que se debe este baile de datas que tanto desconcerta e tanto incordia a profesores e demais xente que ten que organizar calendarios como o escolar?

Subamos na nosa máquina do tempo, que para iso somos unha biblioteca e podemos dispor de recursos pouco usuais e fantasiosos ata onde a nosa imaxinación nos leve, e viaxemos ata o século VI da nosa era. Nun contexto de asentamento do cristianismo como relixión de masas, as relixións seguían un proceso de sincretismo e/ou asimilación/apropiación das festividades xa existentes transformándoas en festividades propias. Coincidindo con estas circunstancias, tamén se produce un intento de organización oficial dos festivos da, naqueles momentos, nova e crecente relixión.
Como na maioría de casos, as festividades pagás do equinoccio de primavera foron collendo nomes variados segundo os credos que as asimilaban, e o relato bíblico situaba a morte de Cristo na Pascua xudía, entón Dionisio o Exiguo, monxe e matemático, argallou un combo do máis apañado e fixo unha proposta: a Semana Santa remataría o primeiro domingo de lúa chea despois do equinoccio de primavera, o que tamén marcaba distancias co xudaísmo, detalle importante no afianzamento da nova relixión.

Como dixemos antes, o contexto é importante. Falamos dunha época na que os calendarios aínda non estaban unificados, algunha cousiña ao respecto se ten comentado por aquí, e unha das cousas que hoxe nos parece exótica na cultura occidental é o de usar as fases da lúa como referencia temporal, o que viña sendo a base dos calendarios lunares.

Un calendario lunar é aquel baseado nas fases da lúa e que mide o mes como o intervalo entre dúas lúas cheas consecutivas: lunación, por se queredes usar unha palabra pouco frecuente e quedar de cultos nunha conversa intrascendente.
Isto fai que, xogando coa data do equinoccio e os veinte e oito días da lunación, o Domingo de Resurrección (data de finalización da Semana Santa) terá que caer sempre entre o 22 de marzo e o 25 de abril.
Por se o queremos complicar un pouco máis, lembrar que non tódolos cristiáns festexan igual, xa que as igrexas orientais (ortodoxas) seguen a usar o calendario xuliano para as datas rituais, que é polo que vemos que no leste de Europa ou no caso da maior parte dos coptos exipcios, o Nadal e a Pascua van cunha diferenza de dez días, resultante de non ter aplicado o cambio ao calendario gregoriano.

Como dato cultural, o do calendario lunar non é unha rareza obsoleta, senón que hai culturas que seguen con el. Por exemplo, o calendario musulmán, que é puramente lunar. Como a correspondencia entre este calendario e o noso non é inmediata nin simple, queda aquí unha explicación detallada do seu funcionamento. Aínda que por razóns comerciais, o calendario ao que estamos acostumados está estendido por todo o mundo, en moitos lugares que usan calendarios lunares non pasa de ser unha ferramenta diaria de gran utilidade, pero só por esa razón comercial, xa que o predominio corresponde a calendarios propios, como no citado calendario musulmán, ou outros como os lunisolares, que teñen en conta as estacións do ano, de gran uso en países como China ou a India. Aí tedes a explicación de porque o Ano Novo Chinés non cae nunha data fixa do noso calendario, senón que vai cambiando dunha forma moi parecida á Semana Santa, a segunda lúa nova despois do solsticio de inverno, época pola que xa vai aparecendo a primavera, razón pola que os chineses denominan a esta festividade Festival da Primavera.

Pois agora que xa sabedes porque tedes libre xusto estes días, só nos queda recomendar que os aproveitedes, o pasedes o mellor posible e descansedes para darlle un último empurrón ao que nos queda de curso á volta. E se sodes crentes, incluso ir a algunha procesión e rezar, que nunca se sabe de onde pode vir unha axudiña coas notas.

16/01/26

Os días da semana

Como xa vimos aquí a pasada semana, os nomes dos meses proveñen da antiga Roma. E que pasa cos días? Por que non usamos un sistema tan simple e claro como no chinés moderno ou no portugués?

Na China moderna, salvo o domingo, o resto dos días son "semana-un", "semana-dous", e así ata o seis. Para o domingo tiñan a solución que tamén veremos noutras culturas, o día do Sol.

En portugués, o sistema tamén é simple: segunda feira, terceira feira... ata o sábado e o domingo, que por influencia cultural do cristianismo, quedaron como no galego e o castelán, aínda que coa particularidade de comezar a semana en domingo, igual que en moitos outros países.

Pero imos volver ao noso idioma e repasar un por un de onde sacamos estes nomes. Para empezar, volvemos á antiga Roma e lembremos o coñecemento astronómico que tiñan. Consideraban que había sete corpos celestes importantes (o das estrelas xa era outro tema) aparte da Terra: a Lúa, o Sol, Mercurio, Venus, Marte, Xúpiter e Saturno. Cada día tiña asignado un destes corpos.

Luns
O antigo dies Lunae, parece bastante evidente que toma o nome da nosa lúa. Nas linguas xermánicas (inglés incluído), tamén. Montag en alemán (a Lúa é Mond, como curiosidade, único idioma no que é masculino) ou Monday en inglés (Moon).

Martes
O antigo dies Martis tiña como orixe o nome do deus Marte, de gran importancia no panteón romano. 

Mércores
O dies Mercurii derivou no noso mércores desde o nome do deus Mercurio.

Xoves
dies Jovis corresponde ao nome romano do deus Xúpiter, o xefe do panteón, e a súa adaptación, especialmente ao galego, é bastante evidente.

Venres
A deusa Venus, ademais de proporcionarnos nome para as vieiras e as enfermidades venéreas, asociadas a asuntos propios do seu negociado (amor, beleza e fertilidade), tamén nos deixou o dies Veneris.

Sábado
E como ata aquí estaba sendo moi fácil, deixaremos de lado o dies Saturni, en memoria do deus Saturno (si, ese que devoraba ao seu fillo e constitúe un claro precursor do cine gore de man de Francisco de Goya e antes de Rubens), pai de Xúpiter, que non foi devorado, sendo o único que se salvou. Outra curiosidade respecto a Saturno é que na súa honra celebrábanse en Roma as saturnais, festas de finais decembro nas que se producía unha relaxación importante das normas sociais ("o mellor dos días", dicía o poeta Catulo). Estas festas, xunto coas propias do solsticio doutros pobos, foron refundidas e absorbidas polo cristianismo e deron lugar ao actual Nadal, no que en vez de deixar que os instintos máis primarios anden soltos sen control, facemos gala da nosa civilización en orxías de consumo. A orixe do nome do día neste caso sería a evolución do latín tardío sabbatum no século IV, que significaba descanso, e que á súa vez tería orixe no hebreo shabat, de idéntico significado.
Como curiosidade, en inglés, mantívose a denominación cunha simple contracción de saturn day.

Domingo
Aquí tamén decaeu o do dies Solis, outra vez conservado no inglés sunday e no alemán Sonntag, e pasamos pola influencia cristiá ao dies dominicus, o día do Señor. Dada a importancia de poñerlle o nome de Deus a un día, este é o que ocupa o primeiro lugar ou último na semana. No caso de ser o primeiro, por ser o máis importante, e cando se considera o último, despois do descanso e purificación do sábado, para estar na mellor disposición posible ante Deus para rematar a semana e empezar o luns con novos folgos e a alma en perfecto estado.

Dado que falamos tamén do inglés e o alemán, podemos lembrar que o martes e xoves corresponden de formas variadas ao nome do deus Thor, e o mércores inglés a unha variante do deus xermánico Wotan (en alemán é máis facil, mittwoch é literalmente o medio da semana). E para rematar, o venres nestes idiomas non correspondería a unha tradución trapalleira como "día libre", senón que sería o día da semana correspondente a Freia, deusa da fertilidade (como Venus) e lideresa das valquirias.

E ata aquí, este repaso mitolóxico e onomástico do calendario. Agardando que vos resultara interesante, pronto volveremos con outras historias.

08/01/26

Os nomes dos meses

Bo día!

Hoxe temos que volver á dura realidade das aulas, erguernos cedo e pensar nos deberes e nos exames. Síntomas de que empezou xaneiro e remataron as vacacións, pero, por que xaneiro se chama así? E febreiro, marzo...? Imos tratar de solucionar estas cuestións e contar algunhas curiosidades relacionadas co tema. Como adianto, xa deixamos caer que hoxe viaxaremos á antiga Roma e á súa mitoloxía.

Xaneiro

O primeiro mes do ano debe o seu nome ao deus romano Jano/Ianus, representado de forma bifronte (dúas caras opostas), simbolizando as transicións, polo que se situaba presidindo portas. As dúas caras opostas representaban tamen as miradas ao pasado e ao futuro, polo que a súa ubicación como marcador de inicio do ano, aínda co recordo recente do ano que acababa de finalizar era bastante lóxico. Como curiosidade na mitoloxía romana, este deus xa existía ao principio de todo, polo que non se menciona que teña proxenitor algún.

Febreiro
O segundo mes non sempre estivo no inicio, senón que nas súas orixes estaba situado no final do ano. A razón era que o nome procede das Februa, festival que celebraba a purificación e que probablemente tivese orixe etrusca. Esta purificación de fin de ano tiña como obxectivo entrar no novo ano limpos a tódolos niveis, físico e espiritual, e dispostos a afrontalo con renovadas enerxías. Como vedes, dous milenios despois non cambiamos tanto. O nome do mes quedou definitivamente asociado ao do deus Februus, que personificaba esta festividade.

Marzo
Aquí temos unha orixe bastante clara e coñecida. Marte era o deus da guerra e un dos máis importantes do panteón romano. Pero Marte tamén tiña unha vertente menos popular, que era unha relación coa agricultura na orixe do mito, que algún sitúan no deus Mavortis dos oscos, antigo pobo da península itálica. Esta relación coa agricultura é a que o sitúa no inicio da primavera.

Abril
A orixe do nome deste mes é algo máis dubidosa, aínda que a teoría máis estendida afirma que o latín Aprilis derivaría dunha variante do nome da deusa Afrodita, asociada ao erotismo, e máis amplamente á reproducción e florecemento, feito moi propio da época do ano.
Outra teoría situaría a orixe do nome nunha derivación do verbo aperire (abrir), que correspondería á época na que abren as flores, pero isto parece ser máis unha etimoloxía popular que real.

Maio
Aquí apúntanse dúas teorías. A primeira e máis probable fala de Maia, nai do deus Mercurio (xenealoxía herdada do panteón grego, no que Maia tiña o mesmo nome e Hermes era o antecesor de Mercurio). Na mitoloxía romana xa tiña asumido o papel de deusa da primavera, e aquí enlaza coa outra teoría, a do adxectivo comparativo maius, que tanto podía facer referencia ao crecemento, como nunha posibilidade máis remota, aos maiores, por contraposición ao seguinte mes.

Xuño
Este mes ten unha etimoloxía aparentemente clara, sería o mes dedicado á deusa Xuno, esposa de Xúpiter e, polo tanto, raíña dos deuses no panteón romano, aínda que non unha das deidades máis importantes. Era deusa das mulleres e do matrimonio, o que tamén a asociaba á xuventude, en contraste co dos maiores no mes anterior.

Setembro, outubro, novembro e decembro
A pesar abundancia de personaxes no panteón romano, con estes meses non se complicaron demasiado, a orixe é tan simple como sete, oito, nove e dez.

E agora, como supoñemos que xa caestes na conta de que faltan dous meses, imos coas súas historias.

Xullo e agosto

(Xulio César)
Estes dous meses eran os últimos do ano, pero cambiaron de lugar en homenaxe a dous dos gobernantes máis famosos da antiga Roma, Caio Xulio César, que adoita ser mencionado como emperador aínda que nunca tivo tal título, xa que foi o seu sobriño-neto adoptivo Caio Octavio Augusto o primeiro en ser nomeado emperador en Roma.Por razóns que sería demasiado longo para contar nesta entrada, o calendario foi cambiando moito, incluso as duracións dos meses (por iso hoxe temos que usar os cotenos para lembrar canto dura cada mes), e os meses que pechaban o ano pasaron a ser os mensis quintilis e sextilis. Esta é a causa de que os meses sete, oito, nove e dez sexa agora os derradeiros e non ocupen a posición que indican os seus nomes. O de poñerlle tan ilustres nomes aos meses non ía acorde con deixalos para o final.


(Augusto)
 quintilis pasou a levar o nome de Xulio César, e houbo que poñerlle trinta e un días, para remarcar a grandeza do personaxe. E claro, se Augusto era tan grande, que menos que dedicarlle o sextilis e poñerlle tamén trinta e un días. O de poñerse por diante dos deuses xa eran palabras maiores e noutro dos cambios que houbo ata que o calendario alcanzou un certo consenso, que non uniformidade polo mundo, os meses cinco e seis remataron por quedar colocados nas posicións sétima e oitava que lles damos hoxe.

E ata aquí chegamos hoxe con este pequeno recordatorio etimolóxico e, en parte, das nosas orixes como civilización. Non se pretende que isto sexa un libro de texto, sobre todo porque moitas afirmacións das que recollemos veñen de fontes históricas tan antigas que en moitos casos poden ser as máis estendidas pero sen garantía de ser verdades absolutas, así que desde aquí animamos a que busquedes máis información e que vos deixedes levar pola curiosidade e aprender máis cousas que vos irán aparecendo polo camiño.

15/10/25

Longo velorio

Este luns pasado celebrouse a décima edición do Día das Escritoras, iniciativa da Biblioteca Nacional de España que leva en marcha desde o ano 2016 para compensar a discriminación histórica da muller no campo da literatura.

A data escollida é variable, non ten un día fixo, senón que corresponde ao luns máis próximo á data de hoxe, 15 de outubro, festividade de Santa Tareixa de Ávila, que ademais de ter ascendido aos altares, tamén e recordada por ser autora de varias obras de carácter místico e espiritual.

A polémica en torno aos seus escritos e a orixe da súa inspiración podería dar pé a derivar esta entrada a chismorreos do máis diverso, pero ímonos centrar nun feito obxectivo e que podería causar un certo asombro baixo o punto de vista dos nosos costumes de hoxe en día.

Teresa Sánchez de Cepeda Dávila y Ahumada (sen nome non estaba) morreu na tarde do xoves 4 de outubro e foi enterrada o venres 15 de outubro. Este longo, moi longo, velorio é algo que non se leva hoxe en día, especialmente desde o paso da pandemia do 2020, no cal os protocolos funerarios fixeron posible estar vivo un día e enterrado ao día seguinte sen ter que cometer delictos graves.

A tradición ata non vai moito tempo facía que desde o falecemento dunha persoa ata o seu enterro tiveramos dous ou tres días. A causa deste período de tempo ten a súa orixe no medo a ser enterrados vivos que tiñan os nosos antepasados debido á falta de coñecemento por parte da ciencia médica para detectar casos de morte aparente, o que facía prudente este prazo para esperar os primeiros signos da descomposición, feito que tamén nos dá a orixe histórica do uso das flores nos velorios como disfrace de posibles malos olores. En casos excepcionais, como podían ser monarcas ou outros funerais de estado, o prazo podía alongarse para permitir a presenza de outras autoridades con viaxes longas para asistir a estes funerais.

Entón, que pasou neses dez días do velorio da santa abulense? En realidade, NADA, literalmente. Se ledes con atención dous parágrafos antes coas datas e botades contas, pódese aprezar que se o día 4 foi xoves, é imposible que o 15 fose venres. Pero como di o eslogan dunha marca deportiva, nada é imposible, e neste caso, tampouco. Só temos que poñer un dato clave omitido ata aquí, o ano do seu falecemento foi 1582.

Cal é a particularidade deste ano? Pois que xusto entre eses dous días tivo lugar en España e boa parte de Europa o cambio do calendario xuliano ao calendario gregoriano, promovido polo papa Gregorio XIII, no que para axustar o desfase de calendario que se viña producindo pouquiño a pouco, como grans dun reloxo de area, desde o século I a.C. tomouse a decisión de que os días do 5 ao 14 de outubro de 1582 non existirían, pasando dierectamente do solpor do día 4 ao amencer do día 15.

Este cambio non foi uniforme polo mundo adiante (de feito, había rexións na propia Europa nas que o ano non empezaba en xaneiro) e tardou séculos en ser máis ou menos universal. Iso deu lugar a feitos tan curiosos como que a Revolución de Outubro en Rusia comezara o noso 7 de novembro de 1917 porque alá o calendario vixente aínda era o xuliano.

Se repasasemos os calendarios polo mundo adiante, poderiamos atopar moitos datos e datas deste tipo, pero esa é outra historia e debe ser contada noutra ocasión, polo que hoxe chegamos ata aquí con esta historia e poñémoslle un punto final, ou punto e seguido, quen sabe! 

05/10/25

Vidas de santos

"San Froilán, mete a rella e tira o pan"
(refrán tradicional que recomenda comezar coa sementeira do centeo no inicio do outono)

Como cada ano, nesta data celébrase San Froilán, día sinalado na contorna do noso centro e referencia festiva de parte do noso alumnado. Aparte da ameaza para a supervivencia do polbo como especie e o ambiente festivo que inunda a cidade de Lugo e arredores, o impulso de botarnos á rúa para festexar o que sexa, calquera pretexto é bo, fai que moita xente esqueza a pregunta obvia: Quen foi san Froilán?

Ademais de ser o patrón da cidade de Lugo compartindo tal honra coa Virxe dos Ollos Grandes e dar nome a un potencial herdeiro ao trono de España, sabemos que Froilán naceu en Lugo no ano 832 (ou 833, depende das fontes consultadas) no Regueiro das Hortas, no actual Barrio do Carme, na ruta primitiva do Camiño de Santiago.

A pesar de vir dunha familia acomodada, dase a circunstancia de ter nacido fóra do recinto da Muralla, que era onde adoitaban vivir os nobles da cidade naqueles tempos. Os primeiros anos da vida de Froilán transcorren en Lugo formándose como sacerdote, aínda que non chega a ser ordenado como tal.

Con dezaoito anos, marcha cara o Bierzo vivindo como eremita na gruta de Ruitelán, no concello de Vega de Valcarce, predicando entre os habitantes da zona e organizando xunto con Atilano de Tarazona (futuro San Atilano) pequenas comunidades monásticas polos montes de León. Entre os dous evanxelizaron a zona e hoxe quedan pegadas tan importantes do seu paso como os mosteiros de San Salvador de Távora ou Santa María de Moreruela, ambos en Zamora.

A súa fama era tal entre o pobo, que á morte do bispo de León, Vicente, no ano 900, o rei Afonso III recibe a demanda popular do nomeamento de Froilán como bispo da diocese leonesa. Un dato curioso foi que Froilán ainda non era sacerdote, polo que na cerimonia de toma do báculo de bispo houbo que ordenalo antes como sacerdote.

(San Froilán na catedral lucense. Imaxe de Quincemil. El Español)

Parece que o seu mandato como bispo estivo caracterizado por un carácter xusto, benevolente, sendo defensor dos pobres, dos débiles e dos doentes; todo isto ata 5 de outubro de 905, día no que faleceu, sendo soterrado na catedral antiga de León. Anos máis tarde, no reinado de Ordoño II, o seus restos foron trasladados á catedral nova, a Pulchra Leonina, que ten unha campá chamada A Froilana. Por certo, tamén é patrón de León.

Como todo santo trae milagres ás costas, podemos preguntar cales foron os de San Froilán. Xunto cos habituais de sanar enfermos e salvar colleitas, cabe destacar o milagre do lobo. No seus desprazamentos, Froilán adoitaba ir acompañado dun burro, que ademais facía as labores de besta de carga. Un lobo intentou atacar o burro un día que Froilán estaba recollendo pedras para levantar unha ermida e Froilán non só detivo o ataque, senón que domesticou o lobo, que lle axudou a carrexar coas pedras e xa non se separou del, camiñando sempre a carón da súa perna dereita. Este feito é a orixe da representación dun lobo xunto ó santo nalgunha esculturas.

E finalmente, onde queda Lugo en toda esta historia? Ata aquí pode parecer que Froilán naceu en Lugo como podería ter nacido en calquera outro lugar e xa está, pero isto non explica o porqué de tanto festexo e veneración á beira do Miño. Pois resulta que na Idade Media era toda unha tendencia o tema das reliquias de santos, e dalgunha maneira, un anaco da tibia de San Froilán acabou chegando a Lugo, o que foi creando devoción. Esta reliquia sae do museo da catedral de Lugo tódolos 5 de outubro para formar parte da misa de 12. Tamén hai outro óso pequeno do santo que está na sacristía da catedral permanentemente.

E ata aquí, a historia de por qué boa parte da comunidade educativa do IES Río Miño de Rábade anda estes días de festa pola cidade de Lugo.




Compromisos

Sempre que for posible, neste blog informaremos da autoría de textos, fotos e demais material audiovisual, que en todo caso é empregado con finalidade educativa e sen lucro. Se houber algo suxeito a dereitos de autor ou outras restricións, por favor, facédenolo saber para retirármolo o antes posible.
Por outro lado, os autores do blog non son responsables dos comentarios que os lectores poidan enviar. Todos aqueles comentarios obscenos, ofensivos contra persoas, crenzas ou ideas, ou contrarios á Lei serán eliminados en canto teñamos coñecemento deles.
Avísanos para axudarnos a cumprir estes compromisos.