30/01/13

Agustín Fernández Paz, Doutor Honoris Causa


Agustín Fernández Paz, o ilustre escritor vilalbés, vén de ser nomeado Doutor Honoris Causa pola Universidade de Vigo, polos seus "méritos vitais, literarios, humanísticos e universais; por ser un narrador elegante e absolutamente comprometido coa defensa da lingua; por ser unha persoa coherente que buscou sempre transformar a sociedade desde a escola pública e se implicou na vangarda da renovación pedagóxica; por ser un dos narradores galegos máis universais, un dos mellores facedores de lectores, coñecido dentro e traducido fóra, por ser un exemplo de ética e dinamismo ao servizo da terra nosa e da terra enteira…”.

Autor dunha extensa obra de literatura infantil e xuvenil, así como de narrativa para adultos, ensaios e obras colectivas, consegue captar como poucos a atención dos lectores. Defensor e promotor do emprego e a  dignificación da lingua galega e namorado da súa profesión, o ensino, soubo comunicar a cantos o escoitamos as súas inquedanzas innovadoras na pedagoxía. Tiven a sorte de asistir a algunhas xuntanzas que faciamos un grupo de mestres no comezo dos anos oitenta na zona de Ferrolterra  para tentar renovar a nosa bagaxe docente e alí estaba el,  falando de Freinet, de Rodari, de obradoiros, de diferentes recantos na aula...  e de tantos conceptos didácticos que hoxe seguen vixentes.

Se queredes saber os libros deste autor que temos na nosa biblioteca, entrade  aquí e tamén  aquí.

29/01/13

Fina Casalderrey, académica


Fina Casalderrey Fraga, mestra e escritora galega (Pontevedra, 1951) ven de ser elixida académica da Real Academia da Lingua Galega. Son moitos os seus méritos: máis de cincuenta obras, algunhas delas traducidas a varias linguas (catalan, bretón, castelán, euskera, portugués...), Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil por O misterio dos fillos de Lúa, e Premio Edebé de Literatura Infantil e Xuvenil por O estanque dos parrulos pobres; méritos aos que engadimos dende agora o de ser a quinta muller nesta Academia e o de ser unha excelente representante da literatura infantil e xuvenil en tan ilustre institución.

Se queredes saber os libros desta escritora que hai na nosa biblioteca, pinchade aquí.

15/01/13

La Verbena de la Paloma


La Verbena de la Paloma, zarzuela con texto de Ricardo de la Vega e música de Tomás Bretón, foi representada con grande éxito nos auditorios de Xove, Vilalba e Lugo. Trátase dunha iniciativa na que colaboraron a aula de canto do Centro de Música Fingoi, a Orquestra de Xove e a Escola de danza Teresa Neri. Este extraordinario traballo foi coordinado e dirixido artísticamente por Pilar Martínez (Pilocha), con coreografía de Teresa Neri, dirección escénica de María Barcala e dirección musical de Xan Carballal.

Disfrutamos do bo son da orquestra de Xove acompañando a representación e do coro de adultos de Fingoi, que dirixe Paloma Suances, interpretando as pezas corais da obra. Entre os personaxes, queremos destacar a Darío Sánchez, no papel de taberneiro, a Francisco Fernández e Ángel Lage nos papeis de mozo 1 e mozo 2, respectivamente; dos cales, o primeiro e o terceiro son profesores no noso instituto, e o segundo, alcalde da vila. Todas as actuacións foron excelentes, sen dúbida, pero aquí salientamos a Santiago Díaz de Freijo, Silvia Nadela, Manuela Guardado e Javier Rodríguez, membros do Orfeón Lucense e a  estupenda interpretación de Esperanza Iglesias (Susana), profesora neste centro; Pilocha (Seña Rita); Josefina Ledo (tia Antonia) e Marcos Manuel Fernández Mosquera (Julián), director adxunto do Orfeón Lucense; quen, ademais de deleitarnos coa súa  magnífica voz, mostrou unha faceta de excelente actor, para nós descoñecida.

Como dixo Pablo Coria no blog da Orquestra de Frautas de Galicia, lembraremos por moito tempo que estivemos alí
Bravo por eles!!!

Compromisos

Sempre que for posible, neste blog informaremos da autoría de textos, fotos e demais material audiovisual, que en todo caso é empregado con finalidade educativa e sen lucro. Se houber algo suxeito a dereitos de autor ou outras restricións, por favor, facédenolo saber para retirármolo o antes posible.
Por outro lado, os autores do blog non son responsables dos comentarios que os lectores poidan enviar. Todos aqueles comentarios obscenos, ofensivos contra persoas, crenzas ou ideas, ou contrarios á Lei serán eliminados en canto teñamos coñecemento deles.
Avísanos para axudarnos a cumprir estes compromisos.