01/06/26

Por que os galegos non podemos mandar “ubicación” de Google Maps?


 Estás nun bar novo, queres compartir o sitio cunha amiga e escribes no WhatsApp: Mándoche a ubicación. A que algunha vez dixeches algo parecido? O problema é que nin *ubicación nin *ubicar existen en galego.

 Son castelanismos tan estendidos que os usamos sen pensar, pero o galego ten as súas propias palabras para dicir exactamente o mesmo e neste artigo de As Chaves da Lingua vas descubrilas.


Como se di ubicación en galego?

Por moito que a vexamos escrita en aplicacións, ubicación é unha palabra castelá. As formas correctas en galego para substituíla son:

localización → Comparte a túa localización comigo.
posición → Cal é a túa posición exacta?
situación → A situación do local non aparece ben no mapa.

Entón, como se di ubicar en galego?

O mesmo acontece co verbo ubicar. Trátase dunha forma castelanizada que non pertencen ao sistema léxico do galego. Cando nos referimos a poñer ou instalar algo ou a alguén nun lugar determinado, temos os verbos situar, acomodar, colocar, dispoñer, instalar, localizar e poñer.

Exemplos:

Situaron o novo centro de saúde nas aforas da cidade.
Colócate na entrada e agardo por ti.

Pon a proba a túa localización: xogos de xeografía galega

Se che gusta situar lugares no mapa e coñeces ben o territorio galego, temos dous xogos en galego que non podes perder.

GaliciaGuessr é un quiz de xeografía no cal tes que localizar lugares de Galicia no mapa. A través de mapas e pistas, tes que demostrar o ben que coñeces o noso territorio.

Logaliza é o xogo para descubrir as comarcas galegas a través de imaxes.

E se queres descubrir máis xogos dispoñibles en galego, bótalle unha ollada a este artigo con todos os que fomos recollendo: Xogos en galego.

Compromisos

Sempre que for posible, neste blog informaremos da autoría de textos, fotos e demais material audiovisual, que en todo caso é empregado con finalidade educativa e sen lucro. Se houber algo suxeito a dereitos de autor ou outras restricións, por favor, facédenolo saber para retirármolo o antes posible.
Por outro lado, os autores do blog non son responsables dos comentarios que os lectores poidan enviar. Todos aqueles comentarios obscenos, ofensivos contra persoas, crenzas ou ideas, ou contrarios á Lei serán eliminados en canto teñamos coñecemento deles.
Avísanos para axudarnos a cumprir estes compromisos.