Amosando publicacións coa etiqueta Rosalía de Castro. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Rosalía de Castro. Amosar todas as publicacións

11/02/26

As constelacións en galego


As constelacións son agrupacións de estrelas que, vistas dende a Terra, forman figuras recoñecibles no ceo nocturno. 
Dende a antigüidade, as diferentes culturas déronlles nomes a estas formacións estelares e o galego conta coas súas propias denominacións para identificalas.

Neste artigo de As chaves da Lingua imos explorar os nomes das constelacións máis importantes en galego.

Constelacións zodiacais en galego

As doce constelacións do zodíaco, que marcan o camiño aparente do Sol ao longo do ano, teñen os seus nomes propios en galego.

As doce constelacións do zodíaco, que marcan o camiño aparente do Sol ao longo do ano, teñen os seus nomes propios en galego: Carneiro, Touro, Xemelgos, Cangrexo, León, Virxe, Balanza, Escorpión, Arqueiro, Capricornio, Augadeiro e Peixes .

Descubre o teu signo zodiacal en galego

Se queres saber que signo do zodíaco es segundo a túa data de nacemento, consulta o noso artigo sobre os 12 signos do zodíaco en galego, onde atoparás información detallada sobre cada signo, as súas datas exactas e as variantes en galego. Así poderás dicir “Eu son carneiro” ou “O meu signo é Balanza” na nosa lingua.

Outras constelacións importantes en galego

Osa Maior

A Osa Maior é unha constelación boreal de sete estrelas moi brillantes que ten forma de carro. É unha das constelacións máis recoñecibles do ceo nocturno e visible durante todo o ano no hemisferio norte. En galego tamén se coñece como Carro das Estrelas ou Carro Grande pola súa forma característica.

Osa Menor

A Osa Menor é unha constelación boreal de sete estrelas menos brillantes que as da Osa Maior. Unha das súas estrelas é a Polar (estrela do Norte), que marca o norte xeográfico. Popularmente tamén se chama Carriño ou Carro Pequeno en contraposición á Osa Maior.

Setestrelo

O Setestrelo é un grupo de sete estrelas pertencentes á constelación do Touro que destacan sobre as demais. En astronomía coñécese como Pléiades e é un dos cúmulos estelares máis famosos e facilmente visibles a simple vista. O nome galego fai referencia ás sete estrelas principais que se poden ver sen necesidade de telescopio.

Centauro

Centauro é unha constelación extensa situada no hemisferio celeste austral. É a novena constelación máis grande do ceo e contén Alpha Centauri, o sistema estelar máis próximo ao noso Sol.

Alción

Alción é a estrela máis brillante das Pléiades (Setestrelo), situada na constelación de Touro.

Rosalía de Castro: a primeira galega que dá nome a unha estrela

En decembro de 2019, a Unión Astronómica Internacional aprobou que a estrela HD 149143 pasase a chamarse oficialmente ‘Rosaliadecastro’ e o seu exoplaneta ‘Riosar’, en homenaxe á escritora galega e ao río que atravesa Santiago de Compostela.

Características da estrela Rosalía de Castro

A estrela Rosalía de Castro é unha anana amarela semellante ao Sol situada a 240 anos luz da Terra na constelación de Ofiúco. Ten unha magnitude de 7,89, o cal a converte nun obxecto visible con prismáticos en ceos escuros.

O exoplaneta Río Sar

O exoplaneta Río Sar (HD 149143 b) foi descuberto en 2005. Trátase dun xigante gasoso lixeiramente maior que Xúpiter que orbita moi preto da súa estrela, a só oito millóns de quilómetros de distancia. Tarda só 4,1 días en dar unha volta completa arredor dela.

26/02/24

Día de Rosalía 2024


Pois si, o pasado venres nós tamén celebramos o Día de Rosalía cun acto organizado pola Biblioteca, e coa colaboración do Departamento de Lingua Galega e Literatura e o ENDL do Instituto. A celebración contou coa interpretación de poemas musicados de Rosalía de Castro a cargo do cuarteto vocal "Son de corda", formado por Antón Castro, Fernando Gómez Jácome, Esperanza Iglesias e Carmen Prendes, e co recitado do poema "A xustiza pola man" con acompañamento de piano. Posteriormente, deuse lectura ao manifesto da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega e ao poema "Negra Sombra" por alumnas do Centro.




15/02/24

Manifesto da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega no Día de Rosalía de Castro 2024

ROSALÍA: O AMOR DA PATRIA GALEGA


Hai século e medio, unha moza con pouco máis de vinte anos mudou a Historia. Iso de mudar a Historia non é cousa que aconteza todos os días. Ela era consciente de que os seus libros abrían camiños, que con eles “levantaba unha bandeira” da que non ía desertar. De feito, este recanto do mundo chamado Galiza non é o mesmo após Rosalía de Castro. Hai un antes e un despois.

As palabras que lanzou abriron moitos ollos e calmaron moitas sedes. Non é difícil decatarse da sequidade nos beizos desa cultura silenciada por xeracións e xeracións, mesmo con violencia. Na escola —nunca o esquezamos—, a rapazada que usaba a lingua de Follas novas era castigada vilmente.

As palabras de Rosalía dábanlle dignidade e sentido á fala do pobo galego e ás súas vidas sen nome. As traballadoras e os traballadores conseguían un espello para pensar e un altofalante para denunciar os abusos que padecían:

Por xiadas, por calores, 
desde que amañece o día 
dou á terra os meus sudores 
mais canto esta terra cría,
 todo... todo é dos señores.

 As mulleres, condenadas desde o berce a unha cadea perpetua de explotación e mudez, gañaban o dereito á palabra:

O que me conmoveu sempre, e polo tanto non podía deixar de ter un eco na miña poesía, foron as innumerables coitas das nosas mulleres (...). No campo compartindo mitade por mitade cos seus homes as rudas faenas, na casa soportando valerosamente as ansias da maternidade, os traballos domésticos e as arideces da probeza. Soias o máis do tempo, tendo que traballar de sol a sol, e sin axuda pra mal manterse (...).

 Diversas formas de amar e de vivir a sexualidade (o que hoxe chamamos LGBTQ) sobardaban as censuras:

Solo a virxe é máis hermosa 
que eres ti, bendita santa, 
i o teu rostro pelegrino
o temido demo espanta. 

De ti, vivo namorada, 
en ti penso con fervore. 
Que eu ben sei que che contenta 
este puro e santo amore. 

Quen poidera...! Quen poidera...! 
Xunta ti vivir segura, 
manantial que mel derrama 
pura fonte de ternura!

 E Galiza, a quen ela, a pesar de tantos ataques, sempre defendeu con perseveranza como a súa “patria”, forxaba as chaves para soñar un mañá diferente:

Probe Galicia, non debes 
chamarte nunca española,
que España de ti se olvida 
cando eres, ai!, tan hermosa.
 “O amor da patria me afoga”, escribiu na obra con que inaugurou a literatura galega contemporánea. O seu inmenso segundo libro no noso idioma vai dedicado ás persoas que se organizaban “volvendo para a súa patria os ollos e o corazón”. A patria galega, sempre a patria galega no centro dos seus desacougos, tamén na súa obra en castelán:

...que es el silencio hermano de la muerte 
y yo no quiero que mi patria muera, 
sino que como Lázaro, ¡Dios bueno!,
 resucite a la vida que ha perdido, 
y con voz alta que a la gloria llegue, 
le diga al mundo que Galicia existe.

 Ese amor que ela aqueceu e proxectou é un alento que aínda hoxe mapea horizontes, abre porvires e renace día a día en cada persoa que levanta a cabeza para que Galiza exista, nun mundo mellor, diverso e igualitario. Un mundo, en fin, máis rosaliano.

Carlos Callón 

Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) 

#_rdc2024 #oamordapatriagalega

 

15/02/23

Manifesto da AELG no día de Rosalía



Salvádeme, berrei. Axudáime, berrei, berrei, berrei...

Rosalía de Castro


As palabras outorgan existencia. Nomeamos as cousas, os sentimentos, os desexos, as accións pasadas e as futuras. Nomeamos para compartir, para saber ou para coñecer o mundo. Nomeamos para vivir.

Mais as palabras son esixentes: requiren da nosa lectura, da nosa escoita, da nosa mirada atenta. Necesitan do silencio para ser comprendidas. Tal é o ruído do mundo que transitamos que as palabras non chegan aos ouvidos, non pasan de ser grafías sen sentido. No noso cotián os berros das desigualdades, as violencias e as inxustizas baten contra muros de ruído e ignorancia. Non escoitamos. Estamos xordas. Xordos de tanta información sobre a información da información. Non escoitamos nada, nin a ninguén. Alguén berra. Está lonxe. Está noutra rúa, noutra clase, noutra cidade, noutro país, noutra lingua. Noutra pantalla.

Os ollos tamén outorgan existencia. Ou deberían. Se cadra fixérono noutro tempo e agora, cansos de tempestuosas imaxes, non son quen de mirar. Din aquelxs que aínda teiman en escribir Filosofía, que a dixitalización fai desaparecer o outro como mirada. Afirman que acentúa o noso egocentrismo nunha obsolescencia programada do mundo, da alteridade que nos configura en humanos. Malia ter sempre os ollos conectados, atentos a unha luz que se ilumina na pantalla, conectados a outro golpe de información, a outra mensaxe, ao próximo “gústame”; renunciamos a mirar.

Rosalía ensínanos a mirar e a escoitar. É unha guía, por momentos unha amiga ou unha camarada, que nos acompaña entre poemas, novelas e ensaios para superar a banalidade ética do noso tempo. As súas palabras dan existencia a un mundo de inxustizas e opresións contra as mulleres, os pobres, a lingua galega ou os migrantes. O seu narrar é a escoita do noso mundo. En cada verso xorde unha interpelación para nós: que ou quen permite e lexitima as desigualdades, as vulnerabilidades impostas, as guerras, as violencias, os corpos esquecidos e desposuídos de valor. Os que teñen fama de honrados seguen practicando a violencia? A mocidade que migra vai como rosas... e como volven? Ou volven? Poderá deterse o fascismo que vai percorrendo o mundo? Hai guerras que merecen a nosa atención e outras condenadas ao esquecemento? Só o consumo será o pracer do futuro? Merece a natureza ser oída? Que é unha vida vivíbel? Cada interrogante ábrenos unha nova cuestión ata que nos topamos de fociños contra o noso propio muro de ruído e ignorancia: Onde están as nosas palabras?

Hai un eco de vellas derrotas que nos paraliza.
Volvamos escoitar… Aí vén unha meniña gaiteira!

Moito máis forte é o eco das vitorias. Un eco indomábel que chega ata nós dándolle forma de dereitos a palabras como igualdade ou liberdade. Palabras activistas. Palabras que se resisten a ser esquecidas ou usurpadas. A xustiza é moito máis que unha palabra, si. Moito máis. Non obstante, necesita das palabras.

“Que a man tembrosa no papel só escriba
palabras, e palabras e palabras!”

Dos moitos legados de Rosalía de Castro, destacamos un, o da filósofa que sabe libre o seu pensar e non cede ante as cadeas impostas. Rosalía ensinounos da liberdade do pensamento que se afunde na realidade para interrogala por un futuro mellor. Se só cantamos as pombas e as flores, as luces de cores dos nosos autorretratos dixitais, de que teremos a alma?

Se desoímos os berros do noso tempo, de que teremos a alma?


                                                                                                                              Carme Adán
Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG)
#rdc_2023 #cumpriuseaxustiza


23/02/22

Audiolibros da obra galega de Rosalía

Estiquecantas.gal é un proxecto para espallar nas redes o legado de Rosalía de Castro.

Na web podes encontrar diferentes formas de achegamento á obra de Rosalía de Castro, ben a través de audiolibros e pílulas audiovisuais, ou mesmo mediante unha unidade didáctica e un concurso. Todas as propostas teñen en común que “a voz de cada persoa atope na de Rosalía un camiño de descubrimento”, indica o equipo responsábel da posta en marcha deste proxecto, o equipo de Rebordelos.


Un poema de Rosalía no seu Día

Cantarte hei, Galicia,
teus doces cantares,
que así mo pediron
na beira do mare.
Cantarte hei, Galicia,
na lingua galega,
consolo dos males,
alivio das penas.
Mimosa, suave,
sentida, queixosa;
encanta se ríe,
conmove se chora.

24/02/14

Día de Rosalía

Hoxe celébrase o 177 aniversario do nacemento de Rosalía de Castro. Para conmemorar esta data, a Asociación de Escritores en Lingua Galega promove unha serie de actos culturais nos concellos e centros de ensino, así como o agasallo dun libro en galego e unha flor.

Nós inserimos un vídeo dun disco de Abe Rábade, titulado  Rosalía XXI,  no que o músico galego rende homenaxe á poeta de Compostela. Escoitade a súa versión de Alborada.



Compromisos

Sempre que for posible, neste blog informaremos da autoría de textos, fotos e demais material audiovisual, que en todo caso é empregado con finalidade educativa e sen lucro. Se houber algo suxeito a dereitos de autor ou outras restricións, por favor, facédenolo saber para retirármolo o antes posible.
Por outro lado, os autores do blog non son responsables dos comentarios que os lectores poidan enviar. Todos aqueles comentarios obscenos, ofensivos contra persoas, crenzas ou ideas, ou contrarios á Lei serán eliminados en canto teñamos coñecemento deles.
Avísanos para axudarnos a cumprir estes compromisos.