18/12/09

Guía de lectura para o Nadal 2009

Para viaxar tan lonxe como queiramos nestas longas e xeadas tardes, propoñémosvos a compaña dun libro, polo menos.


Na portada das nosas recomendacións de lectura está un home bonachón que habita nas devesas da montaña de Lugo. Noutros tempos, baixaba ás casas na Noitevella a apalparlles as barrigas ós nenos cando xa durmían. Despois de comprobar que estaban ben mantidos, deixáballes castañas quentes para o almorzo. Por este costume seu, chámanlle O Apalpador. Preme no seu nome se queres saber máis.
Se cadra, este ano déixase ver nas rúas, quen sabe... Ademais doutras cousas, trae unha mensaxe: a de regalar cousas feitas por un mesmo, ou mercadas no pequeno comercio.

A Biblioteca do IES Río Miño deséxalle a toda a nosa comunidade educativa, e a todo o mundo, moita FELICIDADE nestas Festas e un BO ANO 2010.


29/11/09

Conferencias e concertos

Desde o Museo Provincial infórmannos dun ciclo de conferencias e concertos sobre Músicas galegas de actualidade, organizado pola AS-PG e a Vicepresidencia Primeira da Deputación de Lugo, que se celebrará desde o 30 de novembro e ata o 4 de decembro de 2009 entre as 19:30 e as 21:30 horas no Museo Provincial de Lugo.
Impartirán relatorios Rosa Mª Fernández, Luis Costa, Xan Fraga, Xurxo Souto e Carlos Villar.
Os concertos serán por conta de Cuarteto de Cordas Santart, Sólo Voces, Miro Casabella e The Homens.
Para máis información, podes consultar o programa aquí, ou contactar coa web do Museo.

27/11/09

Non clausura

Cando poidades, escoitade a Non clausura que fixo o ministro de Educación, Ángel Gabilondo, do congreso Leer.es
Pareceunos fermosa e diferente. Ao mellor este ministro cambia algunha cousa se lle deixan.

Mirade aquí.

Onde está...?

Mira con atención a imaxe; nela atoparás máis de cen figuras de personalidades históricas, de todos os tempos e dos catro puntos cardinais, perfectamente recoñecibles. Se dás descuberto... digamos 25... poderás considerar que a túa cultura, aínda que mellorable, tampouco está tan mal.
Proba e sorte!
(Naturalmente, se fas clic sobre a imaxe poderás ampliala)


24/11/09

Contra a violencia de xénero

A Biblioteca amiga do IES Sánchez Cantón de Pontevedra realizou unha preciosa presentación a partir de obras de diferentes autores extraídos de culturas diversas, como un achegamento ao diálogo para evitar a violencia.
Fai clic para ampliar, e mira.


19/11/09

A lingua inútil

Recollemos para colgar no noso blog o seguinte artigo de opinión de Manuel Rivas, publicado na prensa de hoxe como resposta á abraiante resolución en que un eminente xuíz da Comunidade de Madrid alega a inutilidade da nosa lingua para impedir a escolarización dunhas nenas en Vigo tras se divorciaren seus pais.
O artigo leva por título "A lingua inútil", e foi publicado en castelán por tratarse dun xornal de ámbito estatal, idioma que nós mantemos (e que nunca consideramos inútil).


Se equivoca usted, señor titular del juzgado número 6 de Alcorcón, al proclamar la carencia de "utilidad pública" del idioma gallego. En una caricatura de Castelao, un campesino dice: "Deus nos libre da Xustiza!". Quizás estaba pensando en usted, señor juez. Fíjese que útiles y previsoras son las lenguas "subalternas".

Fíjese si son previsoras que en los cuentos gallegos de Álvaro Cunqueiro hay personajes que como último deseo piden que en el ataúd, además de la Biblia, le metan el Código Civil por si tienen que pleitear en la otra vida. A la vista de como reculan los tiempos, me adelanto a pedir para el postrer viaje un ejemplar de la Declaración Universal de los Derechos Humanos, además de la Constitución española (subrayado el artículo 3º, apartado 2) por si el barquero Caronte se pone pesado, dispensando, y me niega la "utilidad pública del gallego" en el Más Allá, siguiendo la doctrina de su señoría.

Ya que estamos con la verdad narrativa de los cuentos y las últimas voluntades, permítame una breve historia. Un anciano campesino manda llamar al notario para hacer el testamento definitivo. Dice: "De la tierra, dejo un tercio para Ramón, un tercio para María, un tercio para Concha, un tercio para Manuel, otro tercio para Andrés..." El notario le interrumpe: "Pero, ¿no serán muchos tercios?" Y el campesino responde: "¡No sabe usted lo grande que es la tierra!" Pues con las lenguas ocurre algo parecido. Que hay sitio para todas. Que no pesan en la cabeza. Que no hay lengua inútil.

Inútiles, inútiles no le somos, señor juez. Hay muchas personas que nos comunicamos normalmente en gallego y no nos consideramos del todo inútiles. Como ocurre incluso en la judicatura, unos somos menos útiles que otros, hacemos lo que podemos, pero respetamos. Eso si, tenemos una educación mínima del respeto. Nuestros padres nos acunaron, nos criaron y nos contaron cuentos en gallego para espantar el miedo. Y no eran unos inútiles, créame. Gracias a ellos, no le tengo miedo, señor juez.

En su Tesis sobre el concepto de la Historia, dice Walter Benjamin: "No hay ningún documento de la civilización que no sea al mismo tiempo un documento de barbarie". Yo antes no entendía muy bien esta frase, se lo juro, pero se me han aclarado de repente las ideas, como por un rayo, después de leer su fundamento "lingüístico" para negar el traslado escolar a Vigo de unas niñas en el auto tramitado en un caso de divorcio. En ese aspecto, el documento no resiste el principio de realidad. En Galicia, las niñas no sólo aprenderían gallego, sino que podrían enriquecer su castellano con las "maravillosas curvas" que Unamuno admiraba en Valle-Inclán.

No voy a hablarle ahora de Alfonso X el Sabio, ni de Rosalía de Castro, ni del tronco común galaico-portugués, patrimonio lingüístico que nos permite comunicarnos con millones de personas en el mundo, desde Brasil al Timor Oriental. Como además tenemos la suerte de compartir el castellano, vea usted, señor juez, que no vamos tan mal pertrechados, siempre, claro, que a los niños no les amputen la lengua "inútil". Creo que lo que procede en este momento es ir al argumento protoecológico enunciado por Julio Camba. Según demostró en un irónico artículo, el gallego es un idioma muy apto para hablar no sólo entre las personas sino también con todo tipo de animales. ¡Fíjese usted si será útil!

17/11/09

Antes de colgar a túa imaxe... pénsao

Nada que dicir contra as novas aplicacións da tecnoloxía, contra os usos da internet ou contra as redes sociais, sempre e cando se empreguen con responsabilidade e intelixencia.
Desde este blog e desde a Biblioteca temos advertido en máis dunha ocasión dos riscos que conleva colgar na Rede datos persoais e fotografías (propias ou alleas) por parte dos internautas.
Mira este vídeo da Oficina do Defensor do Menor da Comunidade de Madrid, a ver que che parece.


15/11/09

Xornadas PROA

Fomos invitados a participar na Xornada do Programa PROA que se celebrou onte no CFP Monte do Conxo de Santiago; alí puidemos expor a experiencia da Hora de Ler e algunhas liñas do funcionamento da nosa Biblioteca.
O noso relatorio, titulado "Os recursos da Biblioteca do centro e a competencia lingüística", foi acollido con simpatía e interés por parte dos case douscentos asistentes.
Vaia para todos eles e a organización o noso agradecemento.

14/11/09

12/11/09


Celanova: Non ao desaloxo!

Ao parecer, xa hai quen volve cismar con construír paradores e conseguir comisións.
Esta vez tócalle a Celanova, cun teimudo alcalde que anda á procura de que lle constrúan un novo instituto para poder desaloxar o que agora está instalado no vello Mosteiro de San Salvador, coartada perfecta para alí levantar un parador para disfrute duns poucos.
Pois ben, existe unha plataforma en defensa do uso público do Mosteiro de Celanova que está disposta a dicir NON a este parador e a este despilfarro. Só tes que entrar e asinar aquí.
Eu xa asinei... e ti?


06/11/09

Gervasio Sánchez, un compromiso

Coñecemos hoxe que o xornalista e fotógrafo Gervasio Sánchez (Córdoba, 1959) foi galardoado co Premio Nacional de Fotografía, dotado con 30.000 euros, e o xuri destaca "o seu compromiso continuado coa fotografía como ferramenta de denuncia da violencia nos conflitos armados, polo seu continuado labor a prol da xustiza e especialmente polo seu traballo sobre os nenos soldado e as minas anti-persoa", que o propio fotógrafo caracterizou de asasinos ocultos.
Asimesmo valorouse "como a través da fotografía de prensa se dignifica as vítimas fotografadas, cunha ollada particular que enaltece los mellores valores do fotoxornalismo".
"Para min o xornalismo é compromiso", asegura Gervasio Sánchez, que cubriu os principais conflitos armados do mundo, como a guerra do Golfo, os da antiga Iugoslavia, África, Asia y América Latina. Desde 1995, realiza o seu proxecto fotográfico 'Vidas Minadas' sobre o impacto das minas antipersoa nas poboacións dos países máis minados do planeta: Afganistán, Angola e Cambodia, que callou en 1997 cun libro e unha exposición.
Na nosa Biblioteca fixemos unha recompilación dalgunhas das súas fotos máis impactantes; que sirva de homenaxe a un fotógrafo que engrandece o seu oficio, e de medio de concienciación e reflexión para todos.

03/11/09

Biblioteca Dixital Mundial


Chéganos o aviso do lanzamento na Rede da WDL, a Biblioteca Dixital Mundial.
A Biblioteca, impulsada pola UNESCO e outras trinta e dúas institucións, reúne textos, fotos, gravacións e películas de todos os tiempos, e contén información en sete idiomas sobre os tesouros e reliquias culturais de todas as bibliotecas do planeta.
A BDM no ofrecerá documentos correntes, senón "cun valor de patrimonio, que permitirán apreciar e coñecer mellor as culturas do mundo en idiomas diferentes: árabe, chinés, inglés, francés, ruso, español e portugués. Pero hai tamén documentos en liña en máis de cincuenta idiomas".
Entre os documentos máis antigos hai códices precolombinos cedidos por México; os primeiros mapas de América, debuxados por Diego Gutiérrez para El-rei de España en 1562; o Hyakumanto darani, documento xaponés de 764, considerado o primeiro texto impreso da historia; un relato dos aztecas que constitúe a primeira mención do Neno Xesús no Novo Mundo; traballos de científicos árabes sobre a álxebra; ósos utilizados como oráculos e estelas chinesas; a Biblia de Gutenberg; antigas fotos latinoamericanas da Biblioteca Nacional do Brasil; e a célebre Biblia do Diabo, do século XIII, conservada na Biblioteca Nacional de Suecia; a Declaración de Independencia americana e as constitucións de numerosos países; a guía de Magalhães cando deu a volta ao mundo e até o orixinal das fábulas de La Fontaine.
De fácil navegación, ao pé de cada entrada atopamos unha breve explicación do seu contido e significado; o acceso é de balde e os usuarios poden entrar e navegar sen necesidade de se rexistraren previamente.

Basta con entrar aquí.

28/10/09

Proxecto Lector de Centro

Por fin, rematamos o noso Proxecto Lector de Centro. Nel basearanse os Plans Anuais de Lectura dos próximos cursos.

Se todo sae ben, conseguiremos do noso alumnado que sexan lectores/as competentes

Que é un lector/a competente?
- Unha persoa que comprende o que le, que sabe facer xuizos críticos sobre as súas lecturas e que sabe buscar información eficazmente en fontes fiables de todo tipo.



27/10/09

Participamos nas Xornadas

Como en anos anteriores, tamén este a Biblioteca do IES de Rábade asistiu ás Xornadas das Bibliotecas Escolares que se celebraron en Santiago a fin de semana pasada.
Pero nesta ocasión dunha maneira moi especial, e é que a organización invitou a Lupe Enríquez, a coordinadora da nosa Biblioteca, a participar nunha mesa redonda con outras compañeiras responsables de bibliotecas escolares para contar a nosa experiencia na "Hora de Ler", que por segundo ano consecutivo funciona no noso Centro.
Para deixar constancia, e para que as difrutedes, a seguir ofrecémosvos algunhas fotos.



25/10/09

Música na rúa

En calquera momento, en calquera lugar, calquera cousa pode servir como instrumento e un transeúnte calquera como intérprete. A música sempre é un agasallo para os ouvidos (e para a vista).
Eis a demostración do que afirmamos.


23/10/09

Astérix e Obélix, medio século entre nós


Poderemos ler unha das nosas frases favoritas, por primeira vez ao mesmo tempo, nas catro linguas de España:


Están tolos estes romanos!

Burutik daude erromatar hauek!

¡Están locos estos romanos!

Són bojos, aquests romans!


...e é que vén de publicarse o último álbum de Astérix e Obélix (o 34 ou Libro de Ouro de Astérix e Obélix) que moi pronto teremos xunto aos outros da colección na Nosa Biblioteca.

22/10/09

Entrevista? Non, grazas

Queridos nenos e nenas:
O vídeo que veredes a seguir debería ser unha entrevista televisiva que un xornalista experimentado realiza a alguén que é noticia (en concreto o profesor Carlos Callón, presidente da Mesa pola Normalización Lingüística); sen embargo, e como podedes comprobar, o xornalista deixa de lado a súa obxectividade para discutir (cando non reprender ou abroncar) as opinións do seu invitado nunha televisión pública.
Colgamos este vídeo lamentable no noso blog para que todos aprendamos que cousas non se deben facer nunha entrevista, como non se debe tratar un entrevistado, que tipo de comportamentos e actitudes non son corteses nin educadas entre persoas, até que punto a grosería e a intolerancia nos repugnan.




21/10/09

Comedia bífida II

A seguir, algunhas fotos da representación (certamente de non moi boa calidade) que nos fixeron chegar os espectadores:



Comedia bífida


O martes ás 12 da mañá, os alumnos e alumnas de 1º e 2º de Bacharelato do noso centro acudiron ao Auditorio de Vilalba para asistir á representación da obra Comedia bífida, de Manuel Nuñez Singala, obra que expón a actitude dos galegos en relación coa súa propia lingua mediante a alegoría do Xuízo Final: San Pedro xulga os defuntos galegos conforme a lingua que usaron en vida, deixando ao descuberto as posturas diglósicas.
A actividade estivo organizada polo Departamento de Lingua e Literatura Galegas e o Equipo de Normalización e Dinamización Lingüística do Instituto, en colaboración coa Editorial Galaxia.

20/10/09

Unha novela de Herta Müller

Para sorpresa de case todos (como adoito sucede coa concesión dos Premios Nobel), este ano a galardoada no de Literatura foi a escritora romeno-alemá Herta Müller, nacida en 1953.
Na Nosa Biblioteca temos unha das súas obras máis coñecidas, O home é un faisán no mundo, título que, segundo lemos na contraportada, fai referencia a un refrán romeno que traslada a imaxe da torpeza do faisán, impedido de voar verdadeiramente, á torpeza e desgracia do home.
Unha familia da Romanía do ditador Ceaucescu que desexa recuperar as súas orixes emigrando a Alemaña vive na incertidume de se algún día dará conseguido o pasaporte que lles permita, e acaba comprendendo que a única saída vai ser a fuxida.
A novela organízase en cadros breves que constitúen o mosaico da vida, abafante e dura, nunha aldea romena.

14/10/09

A noite sobre Rapa-Nui


Había tempo que non colgabamos no blogue da Nosa Biblioteca unha fotografía do espazo.
Esta á que vos asomamos representa o ceo nocturno sobre a illa de Páscoa; máis perto, o contorno dun moai, unha desas misteriosas estatuas erguidas hai cinco séculos como testemuño dunha misteriosa civilización desaparecida; ao lonxe, a Gran Nube de Magalhães, en que refulxen Canopo e Sirio.

13/10/09

A imaxinación, fóra da UCI

Hai tempo que sabiamos da existencia destas fotos sorprendentes. Forman parte dunha campaña de lectura para mozos e mozas da Literacy Foundation, unha institución do Quebec para a alfabetización e o fomento da lectura.
Os cartaces son directos e conteñen un pé de foto rotundo: Cando un neno non le, a imaxinación desaparece.



12/10/09

Don de linguas

O pasado 5 de outubro, Henrique Alvarellos publicou no Xornal de Galicia o seguinte artigo, titulado "Don de linguas", sobre o ficticio, espúreo e interesado problema da lingua galega, e sobre aqueles que se autoproclaman bilingües e perseguidos por unha máis que paciente e tolerante comunidade galego-falante.
Implicados como estamos na defensa da nosa lingua, consideramos de máximo interese seguir facéndovos chegar documentos coma este.

É sabido que en Galicia hai un colectivo que domina máis dunha lingua, esa é a masa (ás veces tan “silandeira”) de galegofalantes. Non existe galegofalante que non saiba, polo menos, outra lingua, e os máis capaces aínda lle dan a unha terceira ou cuarta. O único colectivo “mono” en termos lingüísticos é o castelán-militante. Precisamente é ese colectivo o que sempre se anda a proclamar bilingüe. Oh, paradoxo!.

Algúns dos bilingües e/ou multilingües de verdade, non de mentira, reuníronse o sábado pasado no salón de actos da Facultade de Filoloxía, en Santiago de Compostela, para constituír a plataforma Prolingua. Alí estabamos algo máis de 300 persoas. Prolingua nosa e, tras ela, “pro” todas as linguas. Porque, insisto, non hai bilingüe ou multilingüe real que non sexa, en Galicia, galegofalante. E un pregúntase: É que somos nós os únicos con don de linguas? Que lles pasa aos que rexeitan unha ou máis linguas? Son incapaces? Os monolingües castelán-militantes din que os seus fillos non entenden Matemáticas en galego. Que cousa máis rara! Son nenos menos espabilados?. Pensamos que non. Son seus pais os limitados?

Prolingua conta xa con máis de mil inscritos. Mil asinantes que van do propio ao universal sen rexeitar nada. Que queren “ser” no mundo desde Galicia e en galego. E aos que lles doen moito –como a calquera persoa de ben– as mentiras. O escritor Xabier Docampo, principal impulsor e animador de Prolingua, dixo na presentación da plataforma que “nós non contamos mentiras”. Algo tan sinxelo coma isto para defender o dereito a vivir en galego: dicir a verdade. Que a gusto se vai pola vida cando un non constrúe falsedades. E que “bipolar”, que raro, se debe de sentir un deses falsos bilingües, que perdido e limitado ao se mirar no espello a soas sen máscaras.

Tamén había xente do PPdeG o sábado. en Filoloxía. Rafael Cuíña (si, fillo do falecido Xosé Cuíña), cualificou de “obscena” a actitude esa dos monolingües que andan todo o día a falar de bilingüismos. Porque a defensa da lingua non sabe (non pode saber) de partidos mais si de políticas. De políticas honestas coa nosa historia e co noso futuro.

08/10/09

O San Froilán de antes

Cómpre ter en conta que as festas do San Froilán non sempre foron como as coñecemos, nin se celebraban onde se celebran hoxe, nin as casetas e barracas se pareceron sempre ás que agora veñen. Propoñémosche unha viaxe no tempo, con axuda de vellas fotos procedentes do arquivo do Concello de Lugo.

07/10/09

Misterios romanos

Acabamos de recibir na Nosa Biblioteca catro novas entregas de Misterios Romanos, a serie de misterio de Caroline Lawrence ambientada na Roma Imperial.
Son Ladrones en el Foro, Asesinos en Roma, Las sirenas de Sorrento e El auriga de Delfos. Todas elas moi recomendables para os amantes do misterio e as aventuras de detectives, que ademais aprenderán como era a vida no século I da nosa era en Roma.

Esperamos ter pronto a colección completa; se queres, podes entrar na web da serie.

06/10/09

XV Certame Trapero Pardo

O Concello de Lugo convoca o XV certame de Contos e Relatos Curtos Trapero Pardo entre os alumnos da provincia, con 2 categorías: de 12 a 14 anos, e de 15 a 18, respectivamente, podéndose presentar un máximo de 3 traballos, dos que só un poderá resultar premiado.
Os contos serán inéditos e en galego, de tema libre e extensión non superior a 10 páxinas; presentaranse por triplicado, escritos por unha soa cara, a máquina ou a man con letra lexible.
Os traballos enviaranse á Concellería de Educación. Centro Social Uxío Novoneyra 3º andar; R/Quiroga Ballesteros, 1 (27001) LUGO, nun sobre sen remite e baixo lema, indicando no sobre que é para o certame; nun sobre cerrado á parte baixo o memo lema indicarase o nome do autor/a, enderezo, idade, teléfono e centro onde estuda.
O prazo de presentación remata o 20 de novembro de 2008.
Concederanse 3 premios por categoría, dotados con diploma, lote de libros, medalla e premio valorado en 200, 100 e 60 (para 12 a 14 anos), e de 250, 150 e 100 € (para 15 a 18 anos) respectivamente. O fallo do xurado será no mes de decembro.
Para dúbidas ou pedir as bases podedes dirixirvos á Concellería de Educación por teléfono (982.297.497) ou correo educacion@concellodelugo.org

05/10/09

Culturgal

Recibimos isto por correo electrónico. Lédeo, a ver que vos parece:

Como sabedes, o ano pasado levouse a cabo na Coruña o Culturgal (a Feira das Industrias Culturais de Galiza), organizada pola Consellería de Cultura.
Este ano, a Xunta decidiu que non se vai celebrar argumentando motivos orzamentarios. Hai un grupo de xente relacionada coa Cultura que quere que este ano SI haxa Culturgal, a pesar da falta de apoio dos actuais responsables da Consellería, e para iso crearon un blogue onde intentarán organizalo coa participación da cidadanía e da xente da Cultura.
O seu enderezo é
http://queremoscultura.blogaliza.org/consulta.
Apúntate, pode ser de voluntario para facer algún traballo, ou só para manifestar a túa adhesión. A idea é sacar un listado amplo de xente que apoia a Feira.
Faino circular todo o que poidas.

28/09/09

Lucy

Soubemos hoxe da morte de Lucy, aquela nena que inspirara a canción dos Beatles, aquela que a colocaba no ceo, con diamantes.



A lenda conta que Julian Lennon, o fillo de John, chegou á casa desde o parvulario dicindo que o debuxo que traía na man era a súa compañeira Lucy no ceo con diamantes. Así, surxiu a inspiración e naceu Lucy in the sky with diamonds, que foi incluída no álbum Sgt Pepper's Lonely Hearts Club Band e chegou a ser unha das cancións máis célebres da historia.
Pero Lucy O'Donnell xa non era ningunha nena: tiña 46 anos, e a historia do seu nome non acabou aí: en 1974, un grupo de científicos que procuraban restos de homínidos en Etiopía escoitaron na radio precisamente esta canción dos Beatles, despois de atoparen o esqueleto da australopithecus afarensis que consideraron a avoa da humanidade, e a quen chamaron Lucy.

22/09/09

Dúas exposicións

Se estás interesado na fotografía, e principalmente na fotografía antiga, ou tes curiosidade por ver como era a vida dos galegos de primeiros do século XX e as súas cidades, achégate á sala de exposicións da Fundación Caixagalicia: até o próximo domingo, 27 de Setembro estará aberta a mostra Ruth Matilda Anderson: unha mirada de antano, con instantáneas que a fotógrafa estadounidense realizou por encargo da Hispanic Society of New York.
A imaxe que ilustra esta entrada é unha delas.
Recoñeces o lugar?


Se, polo contrario, o que che interesa é a ourivería, no Museo Provincial podes visitar unha exposición de xoias tradicionais nunca antes expostas ao público: cincocentas cincuenta e catro pezas de entre o século XVI até o XX, en dous grandes grupos: ourivería devocional (relicarios, escapularios, medallas, cruces ou adornos de hábito) e alfaias civís (xoias de loito en acibeche ou ebonita, broches, sapos da indumentaria tradicional galega, pendentes, bolsiños, peitas, forcas ou agullas para o cabelo).

20/09/09

Utiliza a túa biblioteca...
...acharala en falta cando a deixes

(Ilustración: Rebecca Cobb)

19/09/09

Lambetadas e tentacións

Oscar Wilde afirmaba que a mellor maneira de vencer unha tentación era, precisamente, caendo nela.
Á vista do que nos mostra o vídeo, pode que non tivese razón. Que opinas?

17/09/09

Valorar o profesor



Con este título, e en pleno debate sobre a o papel e a autoridade dos docentes, e tras o últimos e lamentables acontecementos, o diario El País publica hoxe un editorial que consideramos interesante e esclarecedor.


La penosa situación de muchos profesores de enseñanza secundaria, desprovistos de medios y de autoridad para mantener el orden en sus clases, no es un hecho menor cuya consideración pueda liquidarse como una simple cortina de humo para ocultar problemas mayores. Es un síntoma de que algo funciona mal en la escuela y, al tiempo, uno de los factores que contribuyen al bajo rendimiento general de los estudiantes.
El problema no tiene únicamente que ver con la organización interna de la escuela. Sus raíces hay que buscarlas en la pérdida de prestigio social de los profesores. Si los menores perciben en sus casas el menosprecio por los docentes, no es de extrañar que se muestren indisciplinados y renuentes a seguir sus instrucciones. Si la intervención de las familias en los casos de conflicto escolar contribuye a debilitar todavía más la posición de los docentes, entonces no puede esperarse de los menores que tengan un comportamiento más responsable. No se trata de volver a las épocas superadas de los castigos corporales o de las imposiciones despóticas en la escuela, pero no vendría mal recuperar el convencimiento por parte de las familias de que el trabajo de los docentes es esencial para el futuro de los escolares.
Las medidas que empiezan a tomar algunas Comunidades Autónomas, en el sentido de considerar autoridad pública a algunos profesores, pueden tener algún efecto positivo pero inciden sólo en uno de sus aspectos, quizá el menos importante. El problema del deterioro de la figura del profesor es de suficiente gravedad como para requerir una acción concertada de los poderes públicos, tanto en lo que se refiere a las distintas competencias territoriales como a los distintos ámbitos en los que es preciso actuar, hacia el interior de la escuela pero también hacia las familias y la sociedad en su conjunto, y no sólo inscribiendo formalmente en
la ley una mejor protección legal contra las agresiones.

Semana de Cine

Os cinéfilos están de noraboa: unha vez máis, como cada outono, volta a Lugo a Semana Internacional de Cine de Autor que organiza Fonmiñá.O domingo terá lugar a inauguración, e as proxeccións seguirán até o venres nas seccións infantil, de cine galego e italiano, o ciclo sobre igualdade, a homenaxe ao actor Eduardo Fajardo, "O mellor cine do ano", "5 directores italianos", cine do Xacobeo e, naturalmente, a Sección Oficial, con seis películas en competición.
Os prezos son reducidos.
Se queres información sobre horarios, carteleira, lugares de proxección e outras actividades relacionadas, entra aquí



Esta é unha pequena selección de bandas sonoras de películas que nos gustan. Escoitádeas!

14/09/09

Máis que mans

Ás veces, as nosas mans poden ser moito máis que unhas mans.
Que non? Mira aquí e xa me contarás.
Hands

06/09/09

Fotos

Mira estas belísimas fotos que nos enviaron por correo electrónico. O mundo, ás veces, non pode ser máis fermoso.


04/09/09

A torre de Hércules

A comezos deste mesmo verán que pronto nos deixará, a UNESCO, entidade da ONU para a educación, a ciencia e a cultura, acordou incluír na súa lista de monumentos patrimonio da humanidade o máis antigo faro romano en funcionamento; desde a Nosa Biblioteca apoiaramos a campaña naquela altura; agora é xusto que nos congratulemos dos resultados da mellor maneira: admirando o propio monumento, a sólida Torre que segue guiando barcos e mariñeiros á vista das nosas costas.

01/09/09

Ola... e adiante

Estamos de novo aquí, convosco, e unha vez máis para vos acompañar durante este novo curso que comezará en poucos días. E aínda que poida sorprender, comezamos cun cabodano.
Si, porque estes días conmemoramos os trinta anos da morte dun dos principais poetas galegos contemporáneos, Celso Emilo Ferreiro, que faleceu en Vigo, a cidade en que vivía, e foi soterrado en Celanova, a vila en que nacera.
Un dos poemas de Longa noite de pedra, o seu libro máis coñecido, titúlase María Soliña e consiste nunha denuncia contra a inxustiza; del fixéronse numerosas versións, como as Luar na Lubre e Eva Carreras que vos ofrecemos. Se queres ler a obra, xa sabes que a temos na nosa biblioteca, pero se a queres ler xa, podes entrar aquí; se o que queres é saber algo máis sobre a protagonista do poema, é aquí onde podes mirar e ouvir.
E botamos, pois, a andar con música, memoria e poesía.





10/07/09

Profesores bibliotecarios a tempo completo en Portugal

O noso blog amigo do IES Castro de Baronceli de Verín (Ourense) achéganos esta boa nova das bibliotecas en Portugal. Moi bo exemplo que deberiamos copiar. Moitas grazas por seguirnos e noraboa por esa entrada no PLAMBE.

Este é a novidade que acaba de facer pública a Rede de Bibliotecas Escolares de Portugal:



A partir do ano lectivo de 2009-2010 a organização e gestão das bibliotecas escolares estará a cargo de professores bibliotecários a tempo inteiro que devem desenvolver estratégias e políticas que garantam a rentabilização de recursos e investimentos e a(s) coloquem ao serviço da escola, do processo formativo e das aprendizagens dos alunos.
Divulga-se o texto da portaria que aguarda publicação em Diário da República e que regula a designação de professores bibliotecários a partir do ano 2009-2010.

30/06/09

Até logo

Acabaron as aulas e o blog da nosa Biblioteca necesita descansar e recuperar os folgos: 155 posts este curso, ás veces a un ritmo vertixinoso nos últimos meses, e o desexo de reorganizar e reformular algunhas cousas, fan que lle cumpran uns meses de repouso.
É hora de comezarmos as vacacións, e en agradecemento pola vosa paciencia, fidelidade e entusiasmo, queremos deixarvos, como despedida até o curso próximo, un agasallo sorpresa.



28/06/09

Estatísticas lectura 2008-09

Expoñemos aquí os resultados das contas referidas á lectura no noso instituto. Se comparamos o total de préstamos actual co do curso pasado, vemos que se multiplicou por cinco. A "hora de ler" foi posta en marcha no terceiro trimestre polo que cabe esperar que o ano que ven estas cifras se incrementen.
Felicidades ós nosos alumnos por apostar pola lectura. Grazas a todo o equipo docente por apoiar esta decisión.

27/06/09

Novoneyra

Xa coñecemos o nome do autor a quen se dedicará o Día das Letras Galegas 2010, e a nosa alegría é grande e triple: porque Uxío Novoneyra é un autor xeograficamente próximo, nacido no Courel e moi vinculado á Terra Chá e á comarca de Lugo; porque foron moitos os cursos en que explicamos a súa poesía, aparentemente sinxela pero profunda e chea de sinceridade; e finalmente porque é un autor ao que chegamos a tratar persoalmente.

Unha viaxe polo mundo

As vacacións están aí mesmo, e tal vez aínda non decidiches onde queres viaxar. Se é así, pode que o que vén a seguir che sirva para algo; se non, difrutaralo de todos xeitos.

26/06/09

De robots e sistemas

O Departamento de Tecnoloxía do noso Centro organizou unha interesante e divertida exposición de prototipos, robots e sistemas da que vos ofrecemos aquí unha pequena e atractiva mostra.


Compromisos

Sempre que for posible, neste blog informaremos da autoría de textos, fotos e demais material audiovisual, que en todo caso é empregado con finalidade educativa e sen lucro. Se houber algo suxeito a dereitos de autor ou outras restricións, por favor, facédenolo saber para retirármolo o antes posible.
Por outro lado, os autores do blog non son responsables dos comentarios que os lectores poidan enviar. Todos aqueles comentarios obscenos, ofensivos contra persoas, crenzas ou ideas, ou contrarios á Lei serán eliminados en canto teñamos coñecemento deles.
Avísanos para axudarnos a cumprir estes compromisos.