24/10/08

Fernández Paz, premiado

O Ministerio de Cultura concedeu a Agustín Fernández Paz o Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil en recoñecemento á mellor obra publicada no 2007 en calquera das linguas peninsulares, pola súa novela O único que queda é o amor. O libro está editado por Xerais e mostra unha trama en varios relatos as vidas de personaxes que descobren que o amor é un sentimento tan forte que é capaz de transformalos por enteiro e facerlles a vida doutro xeito. Algúns experimentan a amargura do desamor e a saudade, pero ao final, en palabras do Nobel de Literatura turco de 2006, Orhan Pamuk: na vida o único que queda é o amor.
O autor, Agustín Fernández Paz (Vilalba, 1947),ten unha ampla obra narrativa, principalmente dirixida ao público xuvenil e traducida a diferentes linguas, entre a que destacamos: Rapazas (Xerais, 1993, 2003), Amor dos quince anos, Marilyn (Xerais 1995, 2001), Tres pasos polo misterio (Xerais 2004), Trece anos de Branca (1994, Premio EDEBÉ de literatura xuvenil), Cartas de inverno (Xerais, 1995, Premio Rañolas ao mellor libro xuvenil), O centro do labirinto (Xerais 1997), Aire negro (Xerais 2000, Lista de Honra do IBBY 2002 e Premio Protagonista Jove 2001), Noite de voraces sombras (Xerais 2002), e Corredores de sombra (Xerais 2006).
Se queres, podes ler unha entrevista co autor premendo aquí.
Como cada 24 de Outubro, celébrase o Día Internacional das Bibliotecas. Pero este será o último ano: a partir de agora celebrarase, en todo o mundo, todo un mes.
O Mes Internacional das Bibliotecas.
(Tamén da nosa Biblioteca: a túa, en defiintiva!)

20/10/08

Os pasados venres e sábado celebráronse no Palacio de Congresos de Santiago os segundos Encontros de Bibliotecas Escolares de Galicia, aos que acudiron en representación da nosa biblioteca os profesores Carmen Muñoz e Luís Pereira.
Covocados baixo o lema Bibliotecas para ler e aprender, os Encontros son sempre unha excelente oportunidade de que os case mil encargados e encargadas das bibliotecas dos centros de ensino galegos asistentes puidesen intercambiar experiencias e aprender uns dos outros. Algunhas das exposicións máis destacables foron a de Isabel Solé Gallart sobre os procesos de lectura, Rosa Piquín (Premio Nacional de Bibliotecas Escolares 2005), Carmen Fernández sobre os clubes de lectura, ou a de Margarita Puga e Margarita Antón sobre a reactivación cultural da área grancanaria de Telde.
A conferencia de peche foi pronunciada por Antonio Basanta Reyes, da Fundación Germán Sánchez Ruipérez.

09/10/08

Le Clézio

O premio Nobel de literatura foi este ano para un francés, Jean-Marie Le Clézio (Niza, 1940), a quen Academia Sueca cualifica de novelista da ruptura, da aventura poética e da sensualidade extasiada, grande viaxeiro, autor de novelas de aventuras, ensaios e libros de literatura infantil e xuvenil cheos de humanidade.
Ao parecer, o seu nome non estaba entre os favoritos, pero unha enquisa de hai algúns anos considerábao o mellor escritor francés vivo. Le Clézio, tras coñecer a concesión do premio, declarou sentirse francés, pero suliñou que a súa patria está nas Illas Mauricio, ex colonia da que procede a súa familia e nacionalidade que comparte coa francesa.
Con el son xa catorce os escritores de franceses que obtiveron o Nobel, que nesta ocasión está dotado con 10 millóns de coroas suecas (algo máis de un millón de euros), e que lle será entregado, como é costume, o próximo 10 de decembro en Estocolmo.

08/10/08

Concurso de cartas sobre violencia de xénero

Tamén nos chegaron as bases do VI Concurso de Cartas Dillo a quen maltrata, que convoca a Oficina de Igualdade do Concello de Lalín para promover a reflexión a violencia de xénero.
Poderán participar todas as persoas que así o desexen, con traballos inéditos cunha extensión máxima de dous folios, por unha cara, galego ou castelán, e en soporte informático se é posible.
O prazo para a presentación das cartas remata o 7 de novembro de 2008.
Para máis información sobre a ficha de inscrición, premios, fallo do xurado, etc. podedes contactar coa Oficina de Igualdade (R/Castelao, 4-36500 LALÍN/ Tlf.: 986.78.23.52) e nos enderezos: igualdade@lalin.org e www.lalin.org/dilloaquenmaltrata

06/10/08

XIV Certame Trapero Pardo

O Concello de Lugo convoca o XIV certame de Contos e Relatos Curtos Trapero Pardo entre os alumnos da provincia, con 2 categorías: de 12 a 14 anos, e de 15 a 18, respectivamente, podéndose presentar un máximo de 3 traballos, dos que só un poderá resultar premiado.
Os contos serán inéditos e en galego, de tema libre e extensión non superior a 10 páxinas; presentaranse por triplicado, escritos por unha soa cara, a máquina ou a man con letra lexible.
Os traballos enviaranse á Concellería de Educación. Centro Social Uxío Novoneyra 3º andar; R/Quiroga Ballesteros, 1 (27001) LUGO, nun sobre sen remite e baixo lema, indicando no sobre que é para o certame; nun sobre cerrado á parte baixo o memo lema indicarase o nome do autor/a, enderezo, idade, teléfono e centro onde estuda.
O prazo de presentación remata o 20 de novembro de 2008.
Concederanse 3 premios por categoría, dotados con diploma, lote de libros, medalla e premio valorado en 200, 100 e 60 (para 12 a 14 anos), e de 250, 150 e 100 € (para 15 a 18 anos) respectivamente. O fallo do xurado será no mes de decembro.
Para dúbidas ou pedir as bases podedes dirixirvos á Concellería de Educación por teléfono (982.297.497) ou correo educacion@concellodelugo.org

Compromisos

Sempre que for posible, neste blog informaremos da autoría de textos, fotos e demais material audiovisual, que en todo caso é empregado con finalidade educativa e sen lucro. Se houber algo suxeito a dereitos de autor ou outras restricións, por favor, facédenolo saber para retirármolo o antes posible.
Por outro lado, os autores do blog non son responsables dos comentarios que os lectores poidan enviar. Todos aqueles comentarios obscenos, ofensivos contra persoas, crenzas ou ideas, ou contrarios á Lei serán eliminados en canto teñamos coñecemento deles.
Avísanos para axudarnos a cumprir estes compromisos.