Este artigo naceu da colaboración entre Fala.gal e As chaves da lingua, coa mesma idea de sempre, isto é, axudar a que o galego dure mil primaveras máis.
Blog ou bitácora?
Antes de escribir a primeira liña, convén ter claras algunhas palabras que vas usar acotío:
Un blog tamén se pode chamar bitácora en galego, así que tes dúas opcións igualmente válidas. Quen escribe nel é un blogueiro ou unha blogueira, e cada texto que publicas é unha entrada ou un artigo.
E ollo cunha maiúscula que moita xente esquece! Internet considérase un nome propio. Por iso mesmo, debemos escribilo con maiúscula inicial, aínda que non sexa un lugar físico.
Esquece a arroba!
Seguro que máis dunha vez viches iso de “ola amig@s”. Pois convén saber que as gramáticas consideran incorrecto o uso da arroba como recurso para a linguaxe inclusiva, xa que non é un signo lingüístico nin ten correspondencia oral (non se pode pronunciar).
Se queres usar unha linguaxe inclusiva, tes alternativas mellores e correctas: desdobrar (amigos e amigas), usar termos colectivos (a amizade, o público) ou reformular a frase.
Os destaques: cursiva, negra e versaleta
Cando escribimos, temos varias formas de destacarmos unha palabra ou expresión. Cada unha ten o seu nome en galego e o seu uso:
- A letra cursiva ou itálica: para estranxeirismos, títulos de obras ou palabras cun matiz especial.
- A letra grosa: para destacar o verdadeiramente importante. Úsaa con moderación. Se destacas todo, non destacas nada.
- A letra versaleta: menos habitual, úsase, por exemplo, para escribir os números romanos nos séculos.
O importante non é enchelo todo de formatos, senón usar cada un co seu sentido e de forma coherente en todo o artigo.
Como crear o teu blog en galego de balde
Agora que xa coñeces as claves para escribir ben, chega o momento de saber onde publicar. E aquí é onde entra Fala.gal.
En Fala.gal podes crear o teu propio blog desde cero, de balde e co dominio .gal, de forma sinxela. Podes escoller o nome que máis che guste, crear as túas páxinas a partir dun modelo, subir as túas fotos e escribir sobre o que ti queiras. E se non estás afeito a estas ferramentas, Fala.gal conta con guías e titoriais que te acompañan en todo o proceso.
Se antes de empezar queres inspirarte, bótalle unha ollada á lista de sitios xa creados. Vas descubrir unha morea de cousas interesantes que fai a xente en galego na rede.
Agora xa tes as chaves. Só queda o máis importante: atreverte a empezar!

Ningún comentario:
Publicar un comentario