30/04/09

En galego somos...

Despois das recentes declaracións do Presidente da Xunta sobre a nosa lingua e o ensino, que non comentamos á espera de informacións definitivas, só nos queda esperar que a cordura, a sensibilidade e o sentido común venzan calquera tentación de oportunismo político.
Porque en galego... somos!
(Ilustración: As gabarras)

Hora de ler

O noso proxecto lector xa está dando os seus primeiros pasos. Arrancamos hai dúas semanas coa hora de ler, e desde entón todos os cursos e niveis da E.S.O adícanlle media hora diaria á lectura individual.
A hora de ler está sendo unha extraordinaria experiencia. Durante trinta minutos as clases convértense nun espazo distinto: cada un de nós submérxese no seu libro nun absoluto e inusual silencio. Os alumnos comezan a recomendarse libros, e a biblioteca móvese. A proposta tivo unha plena aceptación por parte do claustro –todos os profesores colaboran- e dos alumnos e alumnas, os grandes protagonistas, que non permiten olvidos ou retrasos.
A hora de ler, que iniciaba andadura coa pequena incertidume asociada ao novo –o equipo da biblioteca non deixabamos de preguntarnos se funcionaría- quedará incluída como actividade permanente no proxecto lector que estamos rematando.

(Ilustración: Dani Jiménez)

29/04/09

Mar profundo

Con razón se negaba o Capitán Nemo a abandonar o seu reino mergullado cheo de tesouros vivos e misterios. Mira.
Mar profundo

Lituania


Por fin nos envían o enlace do blog Old stories, new resources, en que se expoñen os traballos dos alumnos e alumnas do noso Instituto, así como outras actividades relacionadas co intercambio Comenius cun centro de ensino de Lituania.
Se queres entrar no blog, non tes máis que facer clic aquí.

28/04/09

Meme dos oito desexos

Os amigos d' O recanto de Mik metéronnos na lea de responder este Meme dos Oito Desexos para continuarmos unha cadea na que, segundo nos din, nos meten porque antes o meteu a eles o blog Blogstórias Essenciais, que previamente convidara o blog Labirintos no Sótão e antes aínda outros, até case facernos remontar Pleistoceno.
Aínda que con algo de retraso, expresamos hoxe con todo cariño os nosos oito desexos mais un, e este último é deixarmos aberto o meme a quen quixer respostalo;
Os oito restantes tédelos a seguir:
1) Que a ningún neno ou nena do mundo lle falte nunca quen lle conte un conto antes de se ir deitar cada noite.
2) Que todos os adultos lembren ao longo da súa vida polo menos un dos contos ou unha das cancións que lles contaran ou cantaran na infancia, e que ao lembralos lembren tamén a dulzura da cara de quen llelo contaba ou cantaba.
3) Que ningunha nena ou neno do mundo deixe de ter perto unha escola e unha biblioteca ás que poder ir, e que nada ou ninguén lle impida nunca a entrada.
4) Que todos os pais e mais se acorden de que os fillos non só necesitan ser alimentados e vestidos senón que tamén teñen dereito a xogar, a recibiren educación e a sentírense queridos e respectados.
5) Que ningún neno ou nena sexa nunca discriminado ou relegado pola cor da súa pel, relixión, nacionalidade, aspecto ou orixe.
6) Que ningunha nena ou neno teña que renunciar ao uso e aprendizaxe da súa propia lingua, a que falan seus pais e a primeira que escoitou ao nacer, e iso sen prexuízo de que poida aprender outras, porque todas as linguas son igualmente válidas e merecentes de respecto.
7) Que nunca máis un neno ou nena teña medo a sufrir violencia ou calquera xeito de crueldade, e moito menos na súa propia casa.
8) Que a ningún adulto se lle olvide nunca que unha vez foi pequeno, que cada vez que o lembre sorría, e que ese sorriso arda non se lle apague no corazón.

(Imaxe: Jean Renoir pintando, de A. Renoir)

27/04/09

Festival de Música Cidade de Lugo

Cun fermoso concerto de THE SCHOLARS BAROQUE ENSEMBLE DAVID VAN ASCH, interpretando a Haendel, inaugurouse o venres a XXXVII edición da Semana de Música do Corpus de Lugo.
Este é un dos poucos eventos que nos permitiron ós lucenses escoitar música clásica en vivo, durante moito tempo e que, pouco a pouco, foi gañando un merecido lugar a nivel nacional, dentro dos festivais deste tipo.
Serán dezaoito concertos que van dende a música para os recéns, ata as cancións de Britten, cunha atención especial a Purcell, polo 350 aniversario do seu nacemento; Haydn, polo segundo centenario do seu pasamento e a Haendel no 250 cabodano do seu falecemento.
Para máis datos sobre os lugares, horas e intérpretes, enlazamos o programa.
Pensamos con Platón que "a música é para a alma o que a ximnasia é para o corpo"... e coincidimos con Yehudi Menuhin, violinista e director de orquestra, que di que "a boa música alarga a vida" ; por iso pensamos ir a todos os que nos sexa posible. Para que vos animedes, aí tedes unha mostra:



Georg Friedrich Haendel: O Mesías. Aleluia.


Franz Joseph Haydn: Cuarteto de corda, Op.76, nº 3, "Emperador", 2º mov.

Henry Purcell: Trumpet voluntary

25/04/09

Mankind is no island

Tal vez en épocas coma esta en que vivimos é cando a humanidade menos debería ser unha illa, como se encarga de lembrarnos este vídeo de Jason van Genderen, no que participan homeless, mendigos de Nova York, e que nós localizamos no Youtube.
Pon os cascos e escoita: belo, sinxelo e solidario.

24/04/09

Lectura na Biblioteca


A nosa celebración do Día do Libro e a Lectura consistiu precisamente niso, en ler.
Durante toda a mañá de onte, como mostran as imaxes, e nunha Biblioteca transformada para a ocasión pero moi pertiño dos libros, os nosos rapaces e raparigas escoitaron relatos na voz dos seus compañeiros. Ao fondo, na pantalla que o presidía todo, evocadoras imaxes ilustraban os textos.

Tamén maneiros!

Parece que o do noso blog esta semana foi cousa de chegar e encher; despois de tantos meses en crisálida, a Ponte Vella parece que abriu á luz deste mes amigo dos libros e non deixamos de agradecer agasallos e premios. O último, e non por iso o menos importante, é a entrada na categoría dos blogs maneiros por conta dos nosos veciños e amigos do Ollos Grandes, que nos recordan os requisitos que hai que cumprir para ser maneiro de pleno dereito, e son

- Exhibir a imaxe do premio “Olha que blog Maneiro”.
- Exhibir o nome do blogue que concedeu o premio.
- Indicar outros 10 blogues propostos para seren maneiros.
- Comunicar o premio aos blogues seleccionados.
- Publicar as regras.
- Comprobar que os blogues premiados seguen as normas.

Só nos resta seleccionar os blogs maneiros, o que non é nada fácil chegamos tarde á cita, e porque case todos son maneiros e os que non é porque son en realidade moi maneiros, así que con grande esforzo e tento, nominamos os seguintes: Bibliomelide, Biblioteca As Mariñas, Bibliocabe, As Gabarras, Friol: Algo máis que queixo, Os Leóns de Medeiros, Bibliomasa, Milprimaveras, O recanto de Mik, e Andel.

23/04/09

Marsé, Premio Cervantes



Como cada 23 de abril, tivo lugar a entrega do máis importante galardón da literatura en español, que nesta edición correspondeu ao narrador Juan Marsé, nacido en Barcelona en 1933 e autor de novelas como Últimas tardes con Teresa, Si te dicen que caí, El amante bilingüe, La muchacha de las bragas de oro ou El embrujo de Shanghai.

A seguir ofrecemos un pequeno fragmento do seu discurso de aceptación do Premio, lido hoxe diante das autoridades en Alcalá de Henares.


Debo hacer constar que en casa de mis padres, en la postguerra, apenas había una docena de libros. Antes hubo muchos en lengua catalana, según mi madre, pero, después de una purga preventiva por razones de seguridad, sólo quedaron dos. La purga la efectuó mi padre, que había estado preso por rojo separatista y republicano. [...] Los demás libros habían sido sacrificados en una hoguera nocturna, en el jardín de una convecina, junto con un montón de revistas gráficas, agendas y carnets, fotografías, cartas y documentos diversos, cuya posesión, por aquellos días, debía resultar comprometedora. Acudieron otros vecinos, todos traían algo que pensaban debía ser quemado. Era poco después de acabada la guerra, yo debía de tener siete años, pero recuerdo muy bien la fogata en medio del pequeño y sombrío jardín, los libros abriéndose al calor como flores rojas, las páginas desprendidas arrugándose y bailando sobre la cresta de las llamas,revoloteando un instante como grandes mariposas negras. Recuerdo la constelación de chispas y pavesas subiendo hacia la noche estrellada, la ceniza fugaz de las palabras y de las ilustraciones, sobre todo porque acabé pillando un gran berrinche al ver allí de pronto, devorado por el fuego, mi primer ejemplar de las hazañas del piloto Bill Barnes, el Aventurero del Aire, una novelita de quiosco de 60 céntimos, de la colección Hombres Audaces.
Mi padre la había cogido por descuido junto con otros libros. Entre los que quedaron en la pequeña librería casera, salvados porque eran en lengua castellana, y que pude leer a su debido tiempo, recuerdo cuatro o cinco títulos: El libro de la selva, Genoveva de Brabante, Tarzán de los monos, Humillados y ofendidos y La historia de San Michele.
Cuando el
Quijote entra en mi vida cumplo los 16, vivo en la barriada de la Salut, situada en lo alto de Gracia, cerca del parque Güell, y sigo en el taller. Años atrás había iniciado una intensa relación con la literatura de quiosco, y enseguida la amplié con autores que por aquel entonces, en los años cuarenta, gozaban de gran predicamento, como Somerset Maugham, Stefan Zweig, Knut Hamsun y otros.

Y no tardé en descubrir a mis admirados Baroja y Galdós, a Dickens y a los grandes novelistas del XIX, que nunca me he cansado de leer.

Verás...

...que non estamos aquí para dicirche que hoxe é o Día Internacional do Libro, nin que o é porque tal día coma este de 1616 morreron Cervantes, Shakespeare e o inca Garcilaso, nin que os libreiros sacan os libros á rúa cun desconto interesante, nin tampouco que nalgúns lugares a xente agasalla libros e rosas a quen máis quere, nin moito menos que a lectura é algo magnífico que nos pode axuda a ser libres e mellores, ou que hoxe mesmo pode ser unha boa ocasión para botarlle man a eses libros que esperan o seu momento na casa, ou que non quixemos ler no seu día porque nos obrigaban a lelos, ou polo que fose.

Non estamos aquí para dicirche nada diso, porque seguro que xa o sabes. Por iso tan só che imos ofrecer dous agasallos: o da imaxe e o da palabra.

Felices libros.




—La libertad, Sancho, es uno de los más preciosos dones que a los hombres dieron los cielos; con ella no pueden igualarse los tesoros que encierra la tierra ni el mar encubre; por la libertad, así como por la honra, se puede y debe aventurar la vida, y, por el contrario, el cautiverio es el mayor mal que puede venir a los hombres. Digo esto, Sancho, porque bien has visto el regalo, la abundancia que en este castillo que dejamos hemos tenido; pues en mitad de aquellos banquetes sazonados y de aquellas bebidas de nieve me parecía a mí que estaba metido entre las estrechezas de la hambre, porque no lo gozaba con la libertad que lo gozara si fueran míos, que las obligaciones de las recompensas de los beneficios y mercedes recebidas son ataduras que no dejan campear al ánimo libre. ¡Venturoso aquel a quien el cielo dio un pedazo de pan sin que le quede obligación de agradecerlo a otro que al mismo cielo!

(Quijote, II, LVIII)

22/04/09

Esta é a nova campaña de Tráfico, dirixida especialmente aos motoristas. É impactante e moi vistosa, pero completamente inútil se ti non colaboras. Así que...

polo que máis queiras, pono!

21/04/09

Selo Violeta

Decididamente, estamos en racha: agora é o Selo Violeta, que nos concede desde Monterrei un blog amigo cun nome feroz: Os Leóns de Medeiros, que aclaran que “O Selo Violeta representa as sensações que a cor violeta traz para a nossa mente. Este prêmio é dado aos blogs que têm algumas das sensações da cor violeta. São algumas delas: magia, encantamento, graciosidade, magnetismo... e tudo aquilo que parece mágico".
As regras para aceptar o Selo Violeta son:

  1. Exhibir o Selo Violeta no blog xunto coas regras.
  2. Indicar cantos blogs consideras que merecen este selo.
  3. Avisar aos indicados, non hai que esquecerse diso!
  4. Escribir dous poderes máxicos que xa imaxinaches ter.
Os blogs máxicos e amigos que escollemos son os das bibliotecas do IES Alexandre Bóveda, do C. P. de Cervo, Ollos Grandes, o BlogFesquío e As gabarras, que traballan arreo para encher de maxia os días dos que queren aprender.
E por último, os dous desexos: que en ningunha casa falten bos libros, e que tampouco ningún neno ou nena vaia nunca para a cama sen ler ou sen que lle lean un conto.

PLAMBE (e 2)

Como o prometido é débeda, aquí están as fotos dos Encontros.


20/04/09

Finalistas


Acaba de publicarse a nómina de finalistas dos Edublogs'09, e este noso blog que é tan voso aparece entre eles.
Para os que o facemos é case como se o camiño rematase aquí; somos tan novatos no mundo dos blogs e no das bibliotecas escolares que termos chegado a ver o Ponte Vella xunto a tantos e tan magníficos blogs nos enche de orgullo e nos dá máis forzas para seguirmos adiante.
Parabéns a todos, finalistas ou non: nunca imaxinamos que camiñar ao voso lado fose tan fermoso.

Encontros PLAMBE, abril 2009

O día 16 de Abril celebrouse en Santiago a xuntanza dos responsables das bibliotecas do PLAMBE 4, acto ó que se engadiron, o día 17, os compañeiros das convocatorias anteriores. Foron dúas xornadas intensas, á vez que proveitosas, como é de costume, nas que fomos tratados con mimo.
Todas as intervencións previstas no programa estiveron á altura á que nos teñen acostumados as súas organizadoras, Cristina Novoa e Pilar Sampedro; sen elas non sería posible todo o entramado das bibliotecas escolares en Galicia. Parabéns, unha vez máis.
Ana Bernal, Felipe Zayas, Concha Costas, César Iglesias, Isabel Pemán, Encarnación López Chicano, Juana Vázquez , Emilio Pascual e Glòria Durban foron os expertos que nos asesoraron. Deles, gustaríame destacar polo seu contido, e entusiasmo na comunicación, a conferencia de Glòria Durban e o acto co que se puxo remate: a intervención de Emilio Pascual, escritor e editor, Premio Lazarillo 1998 e Premio Nacional de literatura infantil e xuvenil 2000, que nos deleitou cun discurso abondoso en citas literarias de todos os tempos, cheo de graza e ironía, titulado "A lectura dos outros". Del enlazamos a fábula de Samaniego "Los cangrejos", que reflexa algunhas realidades que, ás veces, vivimos.
(As fotos, mañá)

18/04/09

Harry Potter, próxima entrega

Ao parecer, a última película do rapaz mago aterrará entre nós o próximo mes de xullo; ao parecer, tampouco esta vez os máis poderosos feitizos de Hogwarts conseguiron que teñamos dobraxe dela ao galego, o cal lamentamos novamente.
Se estás interesado, podes ver aquí o avance da que en España se titulará Harry Potter e o Misterio do Príncipe, ou pedir na nosa Biblioteca os libros, que temos tanto en galego como en castelán.

17/04/09

O Xabarín fai anos

Somos do clube da Galega,
por fuciños, por cacheiras,
somos do clube da Galega...
oink, oink, oink!

O berro cumpre 15 anos.

Desde o 18 de abril de 1994, coa canción entraba cada día na casas o porco bravo para acompañar a merenda de toda unha xeración de nenos e nenas de Galicia con debuxos animados, series, concursos e música de grupos que logo triunfarían, como Siniestro Total, Aerolíneas Federales, Os Diplomáticos de Montealto, The Killer Barbies ou Herdeiros da Crus .
Moitos deses nenos e nenas deixaron de selo hoxe, pero lembran con saudade aquel programa co que medraron e que chegou a ter nada menos que 165.000 socios. Con el algúns aprenderon a falar galego, e todos a cantar cousas como Eu o que quero é xamón, Estou na lavadora ou Non todo é o que parece.
Se queres lembrar e voltar a tempos que quizá che parecen mellores, entra aquí e verás.

16/04/09

Fotos de 2008

O ano 2008 é xa historia. De tantas cousas, tan poucas fotos; pero... cres que falta algo neste resumo gráfico que nos chegou? Mira a ver... Que opinas?
Fotos 2008
Fotos 2008 bibliotekade

15/04/09

O Courel no Parlamento Europeo


O enlace para o vídeo e o texto que reproducimos a seguir chegáronnos por correo electrónico e nós, como é natural, non podemos deixar de incluílos aquí xunto cos enlaces relacionados. Tal vez sexan estas as datas adecuadas para parar a desfeita; tal vez sexa xa demasiado tarde.


A raíz da denuncia nº 2005/4696, presentada por SOS Courel ante Comisión Europea, esta emprazou a España para levala ante os Tribunais de Xustiza Europeos. Pero algo alegaron dende a Xunta e do Goberno do Estado que tranquilizou as autoridades europeas.

Willy Meyer, solicitou á Comisión ver o expediente para saber das respostas das nosas Administracións e poder rebatelas, pero esta información demorouse de xeito inexplicable, polo que o parlamentario non tivo máis remedio que pedir esa información a través do propio Parlamento e así a Comisión está obrigada a contestarlle nun prazo moi breve.

SOS Courel enviou á Comisión Europea abundante documentación que deixa os distintos e sucesivos gobernos nun clamoroso ridículo, incluídas probas audiovisuais como:

- Un
programa enteiro de El Escarabajo Verde, emitido en todo o mundo.

- O documental
Unha lousa sobre o Courel coa opinión, entre outras, de varios científicos.

Estamos preparando unha nova queixa ante as Institucións Europeas, unha denuncia total; queremos que veñan ao Courel delegacións da Comisión, do Parlamento, da Oficina Antifraude. …
Porque isto para crelo hai que velo: Mentres as canteiras medraron, algúns politiquiños intelixentes e xenerosos emprenderon unha destrución paralela e maliciosa co fin de que a catástrofe non tivese volta atrás, para botar as veciñas e veciños e xustificar incluso unha futura saída da Rede Natura.

- Para non disimular, utilizaron Fondos Europeos a esgalla.

- Revolveron os montes sen piedade, con máquinas xigantes e por se non había combustible suficiente cambiaron hábitats protexidos por especies pirófitas; montaron un asombroso labirinto de pistas e cortalumes. Levantáronse varias casetas de vixilancia forestal e de seguido foron abandonadas. Xa levamos no inverno do 2009 dous incendios (Noceda e Campelo)

- Aproveitando que había que mellorar un pouco algunhas estradas, taparon vales enteiros, entubaron ríos e regatos, estenderon entulleiras polas ladeiras ata o río Lor, non habilitaron nin un só paso para a fauna.

- Inícianse as obras e logo abandónanse, así a estrada que comunica coa autovía A6, de catorce quilómetros, en seis anos non habilitaron para o paso nin a metade.

- Xa está aprobado o primeiro parque eólico, de momento o único que incorporará publicidade do Camiño de Santiago nas torres.

Non imos parar mentres sigamos a recibir tanto ánimo e axuda.
Grazas a todas e a todos por arriscar, por sufrir, por escribir, polas imaxes, pola música, pola política xusta...!
Perdoade que felicitemos a Raquel, polo grande éxito da fermosa montaxe audiovisual que ela lle regalou á súa Terra, o vídeo galego máis visto na rede.

A man cósmica


Entre as últimas imaxes captadas polo telescopio espacial Chandra, da NASA, atopamos esta dunha estensa nebulosa (150 anos luz) con forma de man: varios dedos azuis que tentan coller unha nube vermella.
Segundo a NASA, a estraña forma foi orixinada polos electróns e ións emitidos por un púlsar, unha estrela que xira tan rapidamente no espazo que crea estruturas complexas e intrigantes.
Tal púlsar, coñecido como B1509, é un dos máis poderosos xeradores electromagnéticos da galaxia, con todo ter só 1.700 anos de antigüidade, o que nos permite consideralo relativamente noviño.
Os dedos da man cósmica non son máis que nós de material liberados por unha nube de gas veciña.

14/04/09

Encontros

Os días 16 e 17 de abril van ter lugar en Santiago os Encontros do Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares 2008-09. En representación da nosa irá Lupe Enríquez, como responsable que é dunha biblioteca integrada neste programa da Consellería de Educación.
Segundo lemos no blog da campaña de fomento da lectura Hora de ler, os encontros teñen como finalidade intercambiar experiencias e materiais, e continuar a formación en ámbitos diversos como a literatura infantil e xuvenil, a integración das TIC nas prácticas lectoras e escritoras, ALFIN e competencia informacional, os proxectos documentais, ou as posibilidades do programa Meiga, máis aló da súa función como aplicación informática común para as bibliotecas públicas e escolares.

13/04/09

Primavera

Esperamos que a volta ás aulas sexa fácil e agradable; para aseguralo e celebrar o reencontro, poñemos estas fermosísimas imaxes da estación; esperamos que a súa beleza, a graza da súas cores e a serenidade da natureza que retratan enchan de alegría os corazóns de todos.

(Cómpre faceres clic nas imaxes para que a presentación avance)Primavera




12/04/09

Premio Caixanova


Restan poucos días para presentarse ao II Premio Literario Escolar Caixanova, dirixido aos escolares de Galicia dos niveis do terceiro ciclo de Primaria, ESO e Bacharelato. Lembrámosvos que o prazo termina o próximo día 20 de abril e que as bases do concurso poden consultarse na páxina web www.caixanova.es (Obra Social>Cultura>Premios y concursos).

10/04/09

Íberos

Até o 6 de maio podes visitar Íberos. A nosa civilización antes de Roma, instalada na Praza Nova (xunto ao Seminario).
Con esta exposición, organizada pola Fundación La Caixa, "preténdese trasladar o visitante ao mundo antigo, mostrarlle como era a vida cotiá nos poboados ibéricos, as relacións cos colonizadores, a importancia da agricultura, a olería, a metalurxia e o comercio. Invitalo a descubrir os misterios da lingua ibérica e introducilo nos rituais e as crenzas encol do alén".
Só lle atopamos unha chata: ese título que, sendo válido na Cataluña onde botou a andar a exposición e noutros territorios do Sur e Leste da Península, provoca confusión e interpretacións erradas no resto, pois é sabido que non foi a dos íberos "a nosa civilización antes de Roma".
Polo demais, unha exposición amena e interesante, á altura das que costuma programar La Caixa.

09/04/09

Cincuentenario d' A esmorga

Este ano en que se cumprirán as tres décadas da morte de Blanco Amor, tamén se cumpre o medio século da publicación da súa novela máis emblemática, e probablemente a máis importante novela galega: A esmorga.
Pero esta obra fundamental só puido ser publicada na editoria que Luís Seoane creara na Arxentina, Citania, o 3 de abril de 1959; a censura franquista nunca ía permitir unha obra que describía a brutalidade do sistema representado polos gardas civís e mailo xuíz invisible ou ausente, e que mostraba o lumpen de Auria-Ourense sen reparos.
A esmorga non se publicaría a este lado do Atlántico até os anos 70, cando se deu certa suavización da ditadura que permitiu o regreso de Blanco Amor a Galicia; e aínda así, a obra saiu sen algunhas frases que a censura considerou crúas.
A novela non envelleceu mal nin perdeu interese: a disposición telefónica da declaración d 'O Castizo, a progresiva evolución na súa actitude desde a astucia á desesperación que acaba con el, o xogo dos planos temporais, o abafo kafkiano que sofre o presunto culpable convertido en vítima, a confusión de realidade e ficción no relato, a descrición de escenarios urbanos e caracteres complexos, a verosimilitude da linguaxe verbal dos personaxes converten A esmorga nunha peza narrativa de valor indiscutible.
Antes de nos irmos, desde aquí recomendamos encarecidamente a lectura ou relectura da novela, con especial atención á Documentación coa que se abre, moitas veces ignorada non só polos alumnos senón tamén polos profesores, onde se crea un personaxe a miúdo esquecido polos lectores, e en que dá comezo o rico xogo de voces e versións que forma o relato.
Finalmente cómpre non nos esquecermos da navalla...
(Imaxe: portada da novela ilustrada por Seoane)

08/04/09

Lingua de amor 09


Está en marcha a edición deste ano.
Envía antes do 10 de maio as túas cancións e declaracións de amor, naturalmente na nosa lingua e, se gañas, poderás conseguir interesantes premios.
Ademais, entre o 11 e o 17 tamén podes votar para escoller as mellores entre as cancións e declaracións presentadas por outros concursantes.
Anímate e participa.
Se queres máis información, entra aquí.

07/04/09

O galego é útil

Nestes días en que estamos á expectativa coa designación das persoas que nos van gobernar nos próximos catro anos, tal vez non estea de máis reproducir aquí o seguinte manifesto que un grupo de galegos elaborou en Londres, que circula pola prensa escrita e a Rede e que nós atopamos no blog Brétemas.

Todos os idiomas valen e para moito.
A nós, o galego foinos útil e segue séndonos útil nas nosas vidas e aventuras polo mundo adiante:
1. O galego facilitounos a aprendizaxe doutros idiomas: fíxonos máis sinxela a comprensión oral e escrita doutras linguas, axudounos a identificar e pronunciar noutros idiomas sons que non existen en castelán e facilitounos a aprendizaxe de novas estruturas gramaticais.
2. A capacidade de falar galego fixo posible que nos comunicáramos con cidadáns de Portugal e Brasil (entre outras nacións posibles, que xuntas suman unha poboación de arredor de 200 millóns de persoas).
3. No estranxeiro, o feito de falar galego e polo tanto comprender o portugués deunos unha vantaxe competitiva frente a outros traballadores, xa que a nivel internacional o coñecemento de idiomas sempre é un bonus, sexa a industria que sexa.
Por estas tres razóns prácticas, concluímos, sen ningún tipo de dúbida, que o galego tamén é útil fóra de Galicia. Que non che quenten a cabeza dicindo que non.
Londres, 1 de abril de 2009
Queres asinar o manifesto? Entón envíanos unha mensaxe indicando o teu nome e se podes engade tamén o teu testemuño.


(Eu xa asinei. E ti?)

03/04/09

Non nos enganemos


Nada neste mundo é seguro, como sabemos, pero quizá o sexa menos aínda no cambiante e fugaz mundo dos blogs en que desde a Nosa Biblioteca nos internamos hai ben pouco.
Así que probemos a aclarar algunhas cousas con axuda de Corolarios de los blogs; por exemplo...

...actualizar con frecuencia non implica prover contidos de calidade.
...recibir moitos visitantes non significa ter moitos lectores.
...recibir moitos comentarios non implica escribir boas entradas.
...ter moitos comentaristas non implica ter moitos amigos.
...que enlacen o meu blog non significa que me lean.
...que non enlacen o meu blog non significa que non me lean.
...comentar non sempre implica que se teña lido a entrada.
...non comentar non implica que non se teña lido.
...estar nunha lista ou que nos enlacen moitos blogs non significa que o noso blog sexa bo.
...non estar nun ranking tampouco significa que o noso sexa sexa un mal blog.
...ter publicidade na páxina non sempre implica que che paguen por ela.
...levar máis tempo escribindo un blog non supón facelo mellor.

Gañadores


Chegou por fin o momento de publicar os nomes dos alumnos premiados no concurso sobre Xulio Verne organizado polo equipo da Biblioteca, dentro das actividades arredor das viaxes e os libros a que dedicamos este curso.
Unha vez comprobadas as respostas de todos os que participaran, procedeuse a sortear un MP3 entre os acertantes de cada unha das categorías (1º e 2º ciclo de ESO, respectivamente), resultando gañadores os alumnos Adrián Niño García (de 2ºB) e Javier Carballido Regueiro (de 4ºPDC).
Parabéns aos dous.

Compromisos

Sempre que for posible, neste blog informaremos da autoría de textos, fotos e demais material audiovisual, que en todo caso é empregado con finalidade educativa e sen lucro. Se houber algo suxeito a dereitos de autor ou outras restricións, por favor, facédenolo saber para retirármolo o antes posible.
Por outro lado, os autores do blog non son responsables dos comentarios que os lectores poidan enviar. Todos aqueles comentarios obscenos, ofensivos contra persoas, crenzas ou ideas, ou contrarios á Lei serán eliminados en canto teñamos coñecemento deles.
Avísanos para axudarnos a cumprir estes compromisos.