20/05/23

Hoxe celebramos o Día Internacional da Abella


 Por que se lles dedica un día a estes insectos?

Pois porque a súa importancia é capital, e o mundo en que vivimos sería moi diferente sen elas.

Se queres averiguar por que, podes entrar nos seguintes sitios da rede. Seguro que te sorprendes.



18/05/23

Estadísticas



No Día dos Museos

 Que tal, nun día coma este, se entramos no Museo do Prado? Estiveches nel algunha vez?

No seguinte vídeo, o seu director, Miguel Falomir, fala das coleccións que garda un museo que non só contén pinturas.

Consulta as actividades programadas no teu museo máis próximo


Xunta publicou o programa para a conmemoración do Día Internacional dos Museos, que comezará este mércores 17 con actividades para todos os públicos e estenderase ata este domingo, día 21. A programación recolle máis de medio centenar de actividades que se desenvolverán en diversos museos, nos que se destacan visitas guiadas, talleres, xornadas de portas abertas, actividades didácticas e eventos musicais.

A maior parte da actividade comeza o mesmo mércores e dura ata o próximo fin de semana, con motivo da Noite dos Museos. Os eventos pódense consultar nos respectivos sitios webs, e nas redes sociais, dos centros repartidos por todo o territorio galego e na axenda da Consellería de Cultura.

Entra aquí e verás

17/05/23

O Carrabouxo

As corais de Lugo cantarán as Letras Galegas polo centro da cidade

Francisco Fernández del Riego, homenaxeado nas Letras deste ano


Naceu en Vilanova de Lourenzá (Lugo) en 1913, e tras os estudos iniciais en Mondoñedo, estuda Dereito entre Madrid e Santiago de Compostela, exercendo desde 1934 como profesor axudante de Dereito Civil. 

Ao comezar a guerra civil en 1936 alístase para evitar as represalias por ser secretario das Mocidades Galeguistas e polo seu fervoroso apoio ao estatuto de autonomía de Galicia plebiscitado en xuño dese ano; ademais, era un activo membro do Seminario de Estudos Galegos. 

Tras a guerra, casou e instalouse en Vigo, cidade na que exerceu como avogado. Alí, na clandestinidade, colabora desde 1943 na reorganización do Partido Galeguista, e en 1950 na fundación, con outros galeguistas, da emblemática Editorial Galaxia, da que foi xerente.

Membro desde 1960 da Real Academia Galega (da que había de ser presidente entre 1997 e 2001), a el débese a instauración do Día das Letras Galegas, que desde aquela se celebra cada 17 de maio, para conmemorar unha destacada figura da literatura en lingua galega. Desde 1963 codirixiu con Ramón Piñeiro a revista Grial, e tamén ese mesmo ano participou na creación da Fundación Penzol, de cuxa biblioteca foi director. biblioteca —de consulta imprescindible para temas gallegos— dirigió. Fundou en 1964, tamén na clandestinidade, o Partido Socialista Galego (PSG), no que militou deica 1978. 

Foi ademais un destacado orador e conferenciante, así como un prolífico articulista a prol da lingua e a cultura galegas, sendo a súa presenza constante na prensa galega desde a República. Neste aspecto, é moi significativa a función de ponte que desempeñou Fernández del Riego coa Galicia da emigración e o exilio americanos, publicando en revistas como Galicia emigrante, Vieiros ou Galicia. Revista del Centro Gallego de Buenos Aires. 
Ademais dos seus artigos xornalísticos, dispersos e aínda non recompilados, Fernández del Riego é autor de dicionarios, libros de viaxes, escolmas de poesía galega, ensaios e biografías de personaxes da historia galega, (como o Manual de historia da literatura galega, de 1971), e a novela de 1992: O cego de Pumardedón.

Faleceu en Vigo o 26 de novembro de 2010.

Feliz Día das Letras Galegas!!


 

15/05/23

Manifesto. En galego, aquí e agora!

40 anos de lei de normalización lingüística non serviron para garantir a presenza e dispoñibilidade do galego en todos os espazos da vida pública. Os avances para a lingua conseguidos pola acción do movemento social pola lingua encontráronse coa pasividade, cando non coa oposición, das institucións, nomeadamente daquelas que teñen obriga de promovela e defendela.

A actual situación de emerxencia lingüística é en grande parte consecuencia do desleixo dos poderes públicos, que abandonaron e desprezaron a crecente conciencia social sobre a lingua e a vontade de repoñela e normalizala. O mal chamado Decreto de plurilingüismo contribuíu decisivamente a que hoxe, por primeira vez na historia, un de cada catro menores de 15 anos declare ser incapaz de se expresar en galego. Á exclusión do galego no ensino, agravada por una dixitalización educativa que engade a imposibilidade de uso do galego noutras sete materias ademais das tres nas que está prohibido, súmanse a imposibilidade de uso no lecer e no audiovisual, agás na presenza mínima que conquistou a acción da sociedade; o descenso na oferta positiva dentro da administración galega; as dificuldades, cando non a imposibilidade de uso na administración do Estado ou na xustiza; as trabas ás empresas que optan polo galego como indicativo de calidade e compromiso, ou a presenza limitada a certos espazos nos medios de comunicación.

A emerxencia lingüística é reversíbel co compromiso de todas e todas, comezando polas institucións que deben asumir as súas obrigas e acompañar unha sociedade cada vez máis activa na normalización da lingua galega. Sen galego en todo e para todo non é posíbel o seu uso nin a incorporación de novas persoas falantes. 

Neste 17 de maio reclamamos de todas as entidades locais que fagan visíbel o seu compromiso coa lingua galega, a que nos une e nos fai existir, non só con celebracións, senón garantindo aquí e agora a súa dispoñibilidade en todos os servizos de competencia municipal con xestión directa ou privatizada, reclamándoo á súa vez en todos os contratos con calquera tipo de fornecedor, e fomentándoo en todos os eidos da sociedade.

Podes asinar o Manifesto entrando aquí

03/05/23

Bases

 


O Equipo de Dinamización da Lingua Galega e o Departamento de LGL do IES Río Miño convocan un Concurso de relatos curtos dirixido aos alumnos e alumnas do Centro.

As bases que rexen este certame son:

1. O concurso está dirixido ao alumnado da ESO. Cada participante poderá presentar un único relato curto.

2. Os relatos deberán ser escritos en lingua galega e á man.

3. Temática: libre. Incluiranse as seguintes palabras (estas irán subliñadas no texto):

esbardallar, sarabia, aperta, ledicia, xeonllo, salouco.

4. Extensión máxima de 100 palabras.

5. Os microrrelatos serán elaborados no transcurso dunha sesión lectiva na clase de Lingua Galega e Literatura e entregaranse ao/á profesor/a correspondente.

6. Concederanse dous premios por nivel, isto é:

  • Nivel 1 para o alumnado de 1.º e 2.º de ESO
  • Nivel 2 para o alumnado de 3.º e 4.º de ESO

Os premios consistirán nun diploma e mais un vale de 15 € para material escolar para o primeiro clasificado/a, e de diploma e un libro en lingua galega para o segundo clasificado/a en cada categoría.

7. O xurado estará composto por membros do EDLG e o seu fallo será inapelable.

8. A decisión do xurado darase a coñecer na Semana das Letras Galegas e será publicada no blog da Biblioteca xunto cos relatos.

9. A participación no presente certame supón a aceptación destas bases.

Rábade, a 2 de maio de 2023

Compromisos

Sempre que for posible, neste blog informaremos da autoría de textos, fotos e demais material audiovisual, que en todo caso é empregado con finalidade educativa e sen lucro. Se houber algo suxeito a dereitos de autor ou outras restricións, por favor, facédenolo saber para retirármolo o antes posible.
Por outro lado, os autores do blog non son responsables dos comentarios que os lectores poidan enviar. Todos aqueles comentarios obscenos, ofensivos contra persoas, crenzas ou ideas, ou contrarios á Lei serán eliminados en canto teñamos coñecemento deles.
Avísanos para axudarnos a cumprir estes compromisos.