29/01/09

Ano Internacional da Astronomía

En 1609 Galileo mirou o ceo por primeira vez a través dun telescopio. Catrocentos anos despois conmemórase o Ano Internacional da Astronomía (AIA-IYA 2009), que será unha celebración global das contribucións da Astronomía á sociedade e á cultura. Un dos seus obxectivos principais é estimular, en todo o mundo, o interese pola Astronomía e pola ciencia en xeral, especialmente entre a xente nova.

É unha boa ocasión para familiarizarse con algunha das constelacións máis importantes e fermosas do noso ceo nocturno. Nestas frías noites invernais serán protagonistas as constelacións de Orión, Gemini e Taurus. A Vía Láctea cruza desde Orión ata a constelación de Aquila, pasando por Auriga, Perseus, Cassiopeia, Cepheus e Cygnus.







Entre os meses de Novembro e Febreiro, podemos localizar facilmente a preciosa constelación de Orión, unha das xoias máis marabillosas do ceo, formada por estrelas moi brillantes. Destacan a estrela vermella Betelgeuse a 466 anos luz, que é unhas 400 veces máis grande có Sol, e Rigel, de cor azul claro, a 1305 anos luz.
No medio do cuadrilátero vemos as chamadas tres Marías ou cinturón de Orión formadas por Mintaka, Alnilam y Alnitak, todas de cor azul.







A partir de Orión, se imaxinamos unha liña que parta do cinturón de Orión cara ó leste localizaremos a estrela máis brillante do ceo, chamada Sirio ou Sirius, na constelación do Can Maior ou Canis Major.





Se a partir do cinturón de Orión a liña imaxinaria a diriximos en sentido contrario a Sirius, chegaremos a Aldebarán, da constelación do Touro ou Taurus. E se continuamos a liña chegaremos a localizar as sete cabritiñas ou Pléiades.






Con Orion de fronte, e seguindo a liña desde unha das estrelas do cinturón de Orión en dirección a Betelgeuse, chegaremos a localizar a unha distancia dunhas catro veces a Castor, que xunto con Pollux forma parte da fermosa constelación dos Xemelgos ou Gemini.



Localizamos a Osa Maior ou Ursa Major.
Logo mentalmente debuxamos unha liña imaxinaria que una as dúas estrelas máis brillantes da Osa, que corresponden ás estrelas Dubhe, de cor laranxa claro, e Merak, de cor branco; prolongámola cinco veces e atoparemos a estrela polar ou Polaris, de cor amarelo claro, na constelación da Osa Menor, ou Ursa Minor.


Localizadas a Osa Maior e a Osa Menor, encontramos Casiopea na parte diametralmente oposta á Osa Maior. Segundo a época do ano en que a observemos, terá forma de M ou forma de W.

A partir da Osa Maior podemos localizar unha estrela amarela chamada Capella, na constelación do Cocheiro ou Auriga. Capella ten a mesma cor co noso Sol, e atópase a 44 anos luz.

1 comentario:

Maria dixo...

Moi interesante e bonito

Compromisos

Sempre que for posible, neste blog informaremos da autoría de textos, fotos e demais material audiovisual, que en todo caso é empregado con finalidade educativa e sen lucro. Se houber algo suxeito a dereitos de autor ou outras restricións, por favor, facédenolo saber para retirármolo o antes posible.
Por outro lado, os autores do blog non son responsables dos comentarios que os lectores poidan enviar. Todos aqueles comentarios obscenos, ofensivos contra persoas, crenzas ou ideas, ou contrarios á Lei serán eliminados en canto teñamos coñecemento deles.
Avísanos para axudarnos a cumprir estes compromisos.