Amosando publicacións coa etiqueta Galiza. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Galiza. Amosar todas as publicacións

19/11/25

O nome das cidades


Por que Lugo se chama así? E de onde vén a palabra Compostela? Detrás de cada topónimo hai pegadas de pobos prerromanos, da presenza romana e mesmo de lendas medievais que marcaron a nosa cultura. Nesta viaxe pola etimoloxía imos descubrir con A Chave da Lingua a orixe dos nomes das sete cidades galegas.




A Coruña

Nas fontes clásicas, a cidade era coñecida como Brigantium ou Brigantia, nomes de orixe céltica. No entanto, durante séculos, a vila foi chamada Faro, pola presenza da Torre de Hércules, denominación que se mantivo ata a Idade Media e mesmo perdurou no ámbito eclesiástico.

En 1208, produciuse un cambio de nome. O rei Afonso IX modificou a denominación da vila a Crunia (en latín) e A Cruña (en romance). Este topónimo non parece ter unha raíz prerromana, senón que probablemente foi tomado dunha obra literaria medieval, a Historia Turpini do Códice Calixtino. Así, co tempo, a vila pasou de ser coñecida como Faro a chamarse oficialmente A Cruña, orixe do actual topónimo A Coruña.

Ferrol

A primeira mención escrita de Ferrol aparece xa no século XI, con documentos que citan sancto Iuliano de Ferrol (1087). O nome procede do xenitivo latino Ferreoli, derivado dun nome persoal, Ferreolus, que funcionaba como antropónimo en Galicia polo menos ata o século X.

Cómpre lembrar que o topónimo Ferrol non é exclusivo da cidade actual. Tamén aparece en lugares dos concellos de Carballo, Ortigueira e Xove, o que mostra a súa difusión histórica en Galicia.

Lugo

Lugo procede do latín Lucus Augusti. Os romanos fundaron a cidade como campamento arredor do ano 25 a.C. e bautizárona co nome do emperador Augusto. Lucus significaba “bosque sagrado”, de modo que o nome pode traducirse como “o bosque de Augusto”. 

Non é casualidade, a zona xa debía de ser considerada un espazo especial para os pobos prerromanos que vivían no lugar.

Ourense

Ourense está ligado á riqueza natural da súa terra. Bautizada polos romanos como Auriense, “a cidade de ouro”, pola abundancia deste metal precioso nas ribeiras do Miño, a cidade tivo un papel destacado na Hispania romana ata que se esgotaron os depósitos auríferos.

Porén, existen outras hipóteses sobre a orixe do topónimo. Ben podería proceder de Oira, nome da actual praia fluvial próxima, ao que se lle engadiría o sufixo latino -(e)nse, ben derivar do latín aquae urente (“augas abrasadoras”) ou do xermánico Warmse (“lago quente”), en alusión ás fontes termais de As Burgas —cuxo nome procede do latín burca, “pía”—, que desde a antigüidade marcan a identidade da cidade.

Pontevedra

Pontevedra é un caso transparente. O seu nome procede de Pontem Veterem, que significa “ponte vella”. Fai referencia á primeira ponte levantada polos romanos para cruzar o río Lérez e a ría de Pontevedra, un paso estratéxico na comunicación entre o norte e o sur de Galicia.

Coa evolución lingüística, a expresión pontem veterem deu lugar a formas medievais como Ponteveter e finalmente á forma galega actual Pontevedra. O topónimo mostra ata que punto a ponte foi a infraestrutura clave que deu sentido ao asentamento e determinou o nacemento da cidade.

Santiago de Compostela

O nome de Santiago de Compostela está directamente ligado ao descubrimento do suposto sepulcro do apóstolo no século IX. Nos primeiros textos fálase do sepulcrum sub arcis marmoricis, “sepulcro baixo arcos de mármore”, e pouco despois comeza a empregarse o haxiónimo “Sancti Iacobi” como denominación do lugar.

A mediados do século X aparece un novo termo, Compostella, que acabará consolidándose como nome da cidade. Durante a Idade Media a vila medrou arredor do culto ao Apóstolo, converténdose na capital relixiosa de Galicia e, máis tarde, na capital política do país.

Sobre o significado de Compostela existen dúas explicacións. A máis popular, de orixe lendaria, é a de campus stellae, “campo da estrela”, asociada á visión milagrosa que levou ao achado do sepulcro. Porén, a etimoloxía máis aceptada hoxe é a que deriva de composĭta, “ben composta, adornada”, que probablemente fai referencia ás obras realizadas arredor do sepulcro no tempo do rei Afonso III e do bispo Sisnando.

Vigo

O nome de Vigo procede do latín vicus, termo empregado para designar pequenos poboados semiurbanos ou aldeas sen fortificación. Non é un topónimo exclusivo, pois en Galicia existen outras parroquias e lugares chamados Vigo, todos coa mesma orixe. A forma Vicus aparece xa documentada nos séculos IX e X, en textos altomedievais.

No caso concreto da cidade actual, o asentamento xorde aos pés do Castro tras o declive, nos séculos VI-VII, da antiga cidade romana que se levantaba nese lugar, probablemente chamada Burbida. A vila empedrada e estruturada que nace entón pasará a ser coñecida como Vicus, denominación que co tempo evolucionou cara á forma galega Vigo.


 

30/10/23

A Carta de Fontán


Esta é a Carta Xeométrica de Galicia, na que Domingo Fontán investiu dezasete anos da súa vida, entre 1817 e 1834. Esta obra foi o primeiro mapa topográfico e trigonométrico feito en calquera dos territorios de España con métodos científicos e medicións matemáticas, é dicir, medición de bases, triangulación, altimetría barométrica e outros.

Para cartografar Galicia aproveitou os avances científicos, chegados sobre todo de Francia, e estableceu unha rede xeodésica, establecendo diversos puntos de medición e realizando neles todo tipo de cálculos astronómicos, para o que empregou instrumentos cedidos pola Universidade de Santiago de Compostela e adquiridos en París e Londres.

Tomou como punto cero a torre da Berenguela, na catedral compostelá. En 1817 iniciou os traballos da carta, realizada a unha escala 1:100 000, pero ata 1830 non obtivo o apoio oficial para redactala. Nese momento quedou exento de impartir clases na Universidade de Santiago. Para realizar esta carta tivo que percorrer a pé e a cabalo toda Galicia. Na Carta aparecen localizadas as 4.000 parroquias galegas, que até daquela non foran catalogadas. Ademais recóllense todos os accidentes xeográficos importantes, acadando un nivel de detalle que non foi superado ata a aparición da cartografía por satélite.

[Fonte: Galipedia]

07/03/22

A transmisión do galego complícase: menos falantes nas xeracións novas e máis retroceso nas cidades

 

Máis castelán que galego no día a día de Galicia. Eses son os datos que revela o barómetro trimestral de Sondaxe, onde a porcentaxe de falantes que priorizan o castelán fronte ao galego é maior tanto na vida persoal como no eido laboral e educativo. Aqueles que escollen de forma maioritaria o castelán coa familia son un 40,9 % (case un 21 % do total só usa esa lingua), fronte a un 38,4 dos que prefiren expresarse en galego (o 22,5 son monolingües). Entre os demais falantes, o 17,8 di que se expresa por igual en ambos idiomas, o 1,2 usa outros e o resto preferiu non responder.


No eido laboral e educativo a diferenza é maior: o 34,3 emprega sempre ou case sempre o castelán, mentres que un 23,5 prioriza o galego. O 17,4 faino nas dúas por igual e case unha cuarta parte preferiu non pronunciarse ao respecto na enquisa de Sondaxe. Esta fenda, máis ampla na vida profesional que na persoal, debuxa por tanto unha realidade diglósica en Galicia; isto é, que nunha comunidade onde se falan dúas linguas, hai unha con maior reputación no seu uso (o castelán) fronte a outra que os falantes consideran, implícita ou explicitamente, inferior á outra, neste caso o galego. Agora, segundo o barómetro, a relación xa sería, por primeira vez, de predominancia do castelán en Galicia.

Este barómetro confirma unha tendencia que xa viña apuntando o Instituto Galego de Estatística ao longo dos últimos vinte anos: o galego non deixa de perder peso en favor do castelán. Segundo os datos do IGE, a lingua galega pasou de ser a de uso habitual do 61,2 % da poboación no 2003 a representar só un 51,8 no 2018, último ano en que hai datos. Distinta situación viviu o castelán, que aumentou nese período do 38,3 % ao 47,3.

Por idades, ao longos destes anos houbo unha suba do castelán entre os cativos e unha diminución do galego entre as franxas de máis anos. A transmisión da lingua, por tanto, complícase debido á morte das franxas galegofalantes e o aumento do castelán entre as novas, que serán os maiores do medio e longo prazo.

Por núcleos de poboación tamén hai unha relación clara: nos territorios máis poboados destaca o uso do castelán, mentres que nos que teñen menos poboación falan máis galego. Nas cidades a lingua que máis se oe é o castelán (56,4 %), fronte ao 26,6 que lle dá preferencia ao galego. O resto usa ambas por igual ou emprega outros idiomas. Porén, nos concellos con menos de 5.000 habitantes máis da metade da veciñanza é monolingüe en galego e o 15,3 % do total di usalo máis que o castelán. Isto é, case o 67 % fálao de xeito maioritario. Neses municipios o uso predominante do castelán redúcese ao 13,3, sendo minoría os que non cambian.

Nos concellos de entre 5.000 e 10.000 habitantes (un tamaño como o de Allariz ou Chantada) e nos de menos de 20.000 (como Sada ou Cambados) o galego tamén é maioritario. No entanto, a cousa cambia nos de entre 20.000 a 50.000 (Vilagarcía ou Narón), onde xa predomina o castelán.

Por provincias, os falantes de Lugo son os que máis usan o galego no seu día a día. O 56,6 % dos lucenses fálano maioritariamente, seguidos dos de Ourense (47), A Coruña (35,9) e Pontevedra (32). En canto ao maior uso do español, as provincias en que máis o escollen son as da Coruña (46) e Pontevedra (42,8). E nesta última é onde máis se empregan os dous idiomas por igual (22,5).

Por comarcas: O uso da lingua tamén muda en función do lugar, sendo unhas comarcas máis galegofalantes que outras. Destaca a zona de Ourense sur cun 73,3 % de predominancia do galego, seguida moi de preto por Barbanza (72,7) e Ourense central (72,6). Xa por detrás, pero aínda sendo maioritario a respecto do castelán, estarían as comarcas de Lugo oriental, a Costa da Morte, Pontevedra Nororiental, A Mariña lucense, Lugo central e a do Carballiño. Tamén a de Santiago, sempre recoñecida polo uso do galego que fan os universitarios chegados de distintas partes de Galicia, mais os datos do barómetro de Sondaxe revelan que un 52,4 % dos seus habitantes fálano máis que o castelán. Os lugares con maior porcentaxe de monolingües en galego son Barbanza-Noia (57,9 %), seguido de Pontevedra Nororiental (57,5).

Por debaixo do 50 % de uso maioritario estarían as zonas urbanas de Pontevedra, Ourense, Vigo e A Coruña, así como a de Ferrol e o Salnés. Os lugares con menor presenza do galego como lingua maioritaria son a área da Coruña (20,4), a de Vigo (20,9) e a do Morrazo (23,3). Con todo, o dato da coruñesa correspóndese coa súa zona máis urbana, xa que en parte da súa contorna, concretamente na Coruña suroriental, o galego si que é maioritario cun 54,5. As zonas con máis persoas que só falan castelán son a área coruñesa (31,2) e a ferrolá (28,4). No caso da primeira, como tamén lle pode pasar a Vigo (25,3 de monolingües en castelán), cómpre sinalar a cantidade de xente que non naceu en Galicia que vive nesas dúas cidades, en moitos casos por razóns laborais, e que non sabe galego.

En canto aos lugares con maior preferencia polo castelán están, loxicamente, os antes citados con menor uso do galego. A lista dos que teñen máis da metade de falantes primando o castelán inclúe as zonas da Coruña, Vigo, e a de Ferrol, Eume e Ortegal. Iso si: hai que ter en conta que en certas comarcas destaca a resposta de igual uso. Chama a atención esta taxa no Morrazo: predomina o castelán entre o 40,3 %, pero un 36,4 di que tamén emprega o galego de forma semellante. Nesa liña está O Salnés, con case un terzo de falantes maioritariamente de castelán e un 23 % que optan polas dúas. E tamén a área de Vigo (23,3 % usa ambas).

O galego só é maioritario entre os falantes de máis de 65 anos, mentres que esmorece no resto.

Por idades, o uso do galego na vida persoal tan só predomina entre os falantes de maior idade e diminúe entre a xente nova, que fala máis castelán. Máis da metade da franxa de 65 en adiante usan maioritariamente o galego (56,4 %, dos que un 35,9 son monolingües). En canto ao resto, hai menos dunha cuarta parte que usan fundamentalmente o castelán (24 %) e o resto falan ambas por igual (17 %) ou usan outras.

Na beira oposta están os que teñen entre 18 e 29 anos, que empregan maioritariamente o castelán no seu día a día (53,1 % deles, sendo case un 26 os monolingües en castelán). A xente nova que fala maiormente galego non chega á cuarta parte do total: son un 24,3 % (14,5 monolingüe). Os que din falar ambas por igual nesta franxa representan o 17,7, sendo o 1,8 os que falan outra lingua e 3,1 os que non responderon na enquisa de Sondaxe.

Noutras franxas acontece o mesmo: canto máis novas, menor uso do galego. Nos falantes de entre 30 e 44 anos predominan os que usan o castelán (45,5 %) fronte a quen escolle o galego (33,4). Na seguinte franxa, de 45 a 64 anos, a relación é a mesma, pero a diferenza diminúe: 44,7 % de castelán e 34,6 de galego.

Estes datos poden anticipar, por tanto, unha perda progresiva do galego entre os falantes ao longo dos próximos anos: isto é, a xente nova de hoxe (maioritariamente castelanfalante) non usará nun futuro o galego coas novas xeracións e a transmisión da lingua non estará asegurada, como veñen avisando institucións como o Consello da Cultura. A tendencia tamén implica unha diminución de paleofalantes (aqueles galegofalantes que usan o idioma como lingua nai desde o nacemento) e o uso quedaría en mans dos neofalantes, aqueles que se pasan ao galego tendo sido educados desde cativos en castelán.

Os monolingües en castelán son os que máis conservan a súa lingua no traballo.

No ámbito profesional, ben sexa laboral ou educativo, o idioma que predomina é o castelán. Sobre todo entre os estudantes; emprégano maioritariamente un 59,4 % deles, tal e como indica o barómetro de Sondaxe. Logo estarían os traballadores asalariados (45,4), seguidos dos autónomos (45,3), os desempregados (41,6). Xa por detrás quedaría quen se encarga dos labores do fogar (23,1) e, moi por debaixo, os xubilados que só empregan maioritariamente o galego nun 9,2 % dos casos.

Esta última franxa correspóndese por tanto coa realidade xeracional: os máis maiores son os que máis galego falan e, por tanto, menos castelán empregan. Da mesma forma, os estudantes, que pertencen ás xeracións novas, exprésanse fundamentalmente en castelán e deixan de lado o galego, sobre todo cando se relacionan nun ambiente distinto ao do seu entorno familiar.

En canto ao uso do galego, este destaca entre os autónomos. Segundo a enquisa de Sondaxe, un de cada tres traballadores por conta propia usa maioritariamente o galego no ámbito laboral. Os asalariados representan case a mesma porcentaxe (28%) e con menos uso estarían os desempregados, con case un 20 %, e os estudantes (18,8). As persoas que traballan na casa emprégano un 15,9 e os xubilados un 19, mais nas dúas categorías houbo altas taxas de non resposta. Con todo, os pensionistas son os únicos que se expresan máis en galego que en castelán. Iso si: chama a atención que non son os máis monolingües nese idioma, xa que tan só hai un 9,2 % que non cambia cando se expresa. Entre os autónomos hai un 13,5 % que só fala en galego e entre os traballadores por conta allea case un dez.

O estudo de Sondaxe tamén contempla os cambios lingüísticos dos falantes, en función do idioma que falan no seu entorno familiar e o que usan no traballo ou no eido educativo. Hai un terzo de monolingües en galego que non mudan na vida profesional. Logo hai un 18 % que mantén o galego, pero que tamén emprega ocasionalmente o castelán, aínda que en menor medida. Unha décima parte cambia e usa ambas por igual, mentres que un 4,1 % prioriza o castelán. Os que pasan de falar só galego na casa a empregar só o castelán no traballo non chegan ao 1 %. Pola contra, os monolingües en castelán conservan sempre a súa lingua nun 61 % e tan só antepoñen o galego nun 4,6 % dos casos.

Os votantes do BNG e do PP, os máis galegofalantes fronte aos de Ciudadanos e Podemos

En canto aos usos da lingua segundo o partido votado nas eleccións autonómicas do 2020, os que empregan maioritariamente o galego de forma habitual son os votantes do BNG (55,6 %) e os do PP (40,1). En terceiro lugar ficarían os electores do PSdeG (36,6) e, xa por detrás, os de En Común Podemos (30,6) e Ciudadanos (24,2

A orde é a inversa para o uso maioritario do castelán, quedando os seguidores do partido laranxa como os que máis castelán falan (58 %), seguidos dos de En Común (52,2) e do PSdeG (44). Entre os electores do PP, os que escollen maioritariamente o castelán son case os mesmos que prefiren o galego, e no caso do Bloque só predomina o uso do español na quinta parte dos que o votan (21,7%).

Á vista dos datos, os galegofalantes concéntranse nos partidos máis asentados en Galicia, mentres que os de recente creación, con menor penetración entre o electorado galego e cunha maior dependencia orgánica do partido en Madrid, como son En Común Podemos e Ciudadanos, optan máis polo castelán. A compoñente nacionalista é outra das claves que explica as cifras, sendo aqueles máis centralistas (como a organización de Inés Arrimadas) os que concentran os castelanfalantes, fronte aos nomeadamente nacionalistas, como é o BNG.

Caso á parte é o de Vox. Os seus votantes nas autonómicas do 2020 son os máis monolingües en castelán (32,3 %) e menos en galego (10).


Compromisos

Sempre que for posible, neste blog informaremos da autoría de textos, fotos e demais material audiovisual, que en todo caso é empregado con finalidade educativa e sen lucro. Se houber algo suxeito a dereitos de autor ou outras restricións, por favor, facédenolo saber para retirármolo o antes posible.
Por outro lado, os autores do blog non son responsables dos comentarios que os lectores poidan enviar. Todos aqueles comentarios obscenos, ofensivos contra persoas, crenzas ou ideas, ou contrarios á Lei serán eliminados en canto teñamos coñecemento deles.
Avísanos para axudarnos a cumprir estes compromisos.