30/10/26

Vocabulario a ter en conta nestes días

Volve esta época do ano na que as tradicións, ben sexa por devoción ou ben por gañas de festexar, fanse notar e con elas algúns costumes e obxectos que non están tan presentes no noso día a día. Imos lembrar un par deles referidos a produtos gastronómicos que perderon algo de importancia.

(Foto de Apatrigal en historiadegalicia.gal)
Castañas
Non parece moi necesario explicar o que é unha castaña nin o saborosas que resultan recén feitas nestes días nos que o frío xa comeza a apretar. Pero imos falar dunha tradición menos habitual nestes días, os colares de zonchos.
Antes de que alguén teña a tentación de pensar mal e a pesar da súa contundente sonoridade, zoncho non é un insulto, senón que é unha palabra para falar dunha castaña cocida sen quitarlle a casca.
Os colares, tal e como se pode aprezar na foto, eran preparados polos adultos na mañá do 1 de novembro e os nenos saín pasear coas castañas ofrecéndollas a aqueles que atopaban no seu camiño.
Para que? Ademais da amabilidade, existía outra razón, a crenza de que cada zoncho representaba un alma que estaba atrapada no Purgatorio e o acto de comer o zoncho facía que a alma fose liberada e puidera continuar o seu camiño cara o descanso eterno no ceo. 
Como dato curioso, aparte o descenso da relixiosidade na sociedade co longo dos anos, outro dos factores que levou á desaparición deste costume foi tamén que a castaña perdeu moito peso na alimentación do país, sendo amplamente substituída pola pataca. Un dos vestixios que quedou na nosa lingua foi que nalgúns lugares a pataca era denominada castaña de terra, nome que foi recibindo á chegada do tubérculo desde América.

Cabazas
Xa temos falado aquí da orixe do uso das cabazas no Samaín, produto que tamén recibe outros nomes pola nosa xeografía adiante, como abóbora, cabazo, calacú, melón de ola ou coco.
Ademais de alumear as encrucilladas dos camiños tanto para os moradores do máis alá como para axudar aos que aínda están por esta parte a non bater cos da outra, algo que tamén axudaba aos moradores do máis aquí era o seu uso gastronómico, case perdido hoxe, en parte polo predominio doutros cultivos extensivos máis rendibles para a industria alimentaria e, por outro lado, a unha certa asociación case xenética cos tempos de escaseza da primeira metade do século XX.
Tres das receitas máis notables eran as chulas (aínda sobreviven hoxe en moitas partes debido a que o postre é algo no que sempre caemos), os purés/cremas e o caldo de cabaza.
Como facer un caldo de cabaza?
Acostumados como estamos a que un caldo sexa unha escusa para papar medio porco a carón do caldo propiamente dito, que é unha sopa de verduras e hortalizas, a preparación do caldo de cabaza é relativamente sinxela se sabedes preparar un caldo de nabizas ou similares.
Ingredientes:
1/2 kg de cabaza
Un bo puñado de fabas (postas en remollo do día antes)
Tres patacas medianas
Un anaco de unto
Media cebola, pemento doce e aceite (para o sofrito)
A preparación é sinxela. En primeiro lugar, poñemos a cocer as fabas co unto (se nos sentimos xenerosos, tamén podemos engadir carne como costela, chourizo, etc., o caldo terma do que lle boten). Para isto podemos usar auga ou algún caldo que xa teñamos.
Despois, cando as fabas vaian estando brandas, engadimos as patacas e a cabaza cortadas en anacos pequenos e sal ao noso gusto.
Mentres isto vai cocendo, preparamos o sofrito fritindo a cebola con lume baixo ata que estea dourada e engadímoslle o pemento cando retiremos o tixolo do lume. Antes non, porque queimamos o pemento e fai o sofrito amargo. Botámolo na pota do caldo.
Agora só queda agardar a que a pataca e a cabaza se vaian desfacendo, non de todo, para que o caldo adquira unha textura máis densa. E desde aquí, só queda sentarse á mesa e usalo como remedio natural para o frío destes días.

E ata aquí chegamos hoxe coa nosa recomendación para estes días. Bo proveito!

Ningún comentario:

Compromisos

Sempre que for posible, neste blog informaremos da autoría de textos, fotos e demais material audiovisual, que en todo caso é empregado con finalidade educativa e sen lucro. Se houber algo suxeito a dereitos de autor ou outras restricións, por favor, facédenolo saber para retirármolo o antes posible.
Por outro lado, os autores do blog non son responsables dos comentarios que os lectores poidan enviar. Todos aqueles comentarios obscenos, ofensivos contra persoas, crenzas ou ideas, ou contrarios á Lei serán eliminados en canto teñamos coñecemento deles.
Avísanos para axudarnos a cumprir estes compromisos.