Amosando publicacións coa etiqueta castelanismos. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta castelanismos. Amosar todas as publicacións

01/06/26

Por que os galegos non podemos mandar “ubicación” de Google Maps?


 Estás nun bar novo, queres compartir o sitio cunha amiga e escribes no WhatsApp: Mándoche a ubicación. A que algunha vez dixeches algo parecido? O problema é que nin *ubicación nin *ubicar existen en galego.

 Son castelanismos tan estendidos que os usamos sen pensar, pero o galego ten as súas propias palabras para dicir exactamente o mesmo e neste artigo de As Chaves da Lingua vas descubrilas.


Como se di ubicación en galego?

Por moito que a vexamos escrita en aplicacións, ubicación é unha palabra castelá. As formas correctas en galego para substituíla son:

localización → Comparte a túa localización comigo.
posición → Cal é a túa posición exacta?
situación → A situación do local non aparece ben no mapa.

Entón, como se di ubicar en galego?

O mesmo acontece co verbo ubicar. Trátase dunha forma castelanizada que non pertencen ao sistema léxico do galego. Cando nos referimos a poñer ou instalar algo ou a alguén nun lugar determinado, temos os verbos situar, acomodar, colocar, dispoñer, instalar, localizar e poñer.

Exemplos:

Situaron o novo centro de saúde nas aforas da cidade.
Colócate na entrada e agardo por ti.

Pon a proba a túa localización: xogos de xeografía galega

Se che gusta situar lugares no mapa e coñeces ben o territorio galego, temos dous xogos en galego que non podes perder.

GaliciaGuessr é un quiz de xeografía no cal tes que localizar lugares de Galicia no mapa. A través de mapas e pistas, tes que demostrar o ben que coñeces o noso territorio.

Logaliza é o xogo para descubrir as comarcas galegas a través de imaxes.

E se queres descubrir máis xogos dispoñibles en galego, bótalle unha ollada a este artigo con todos os que fomos recollendo: Xogos en galego.

10/12/24

20 castelanismos frecuentes que debes eliminar da túa fala

 En aschavesdalingua.gal están empeñados en que melloremos a nosa lingua, eliminando dela algúns dos castelanismos máis frecuentes.

Eliminar os castelanismos da nosa fala é un paso importante para dignificar o galego e preservar a súa autenticidade. Aínda que ás veces non nos decatemos, moitas palabras e expresións do castelán infiltráronse no noso vocabulario diario.

Velaquí che deixo unha selección de 20 castelanismos que usamos acotío e que é importante substituír polas formas correctas en galego.

Aportar

Un dos exemplos máis habituais é o verbo *aportar, que, aínda que parece natural de tanto escoitalo, non é galego. O verbo achegar é a opción axeitada para expresar que alguén contribúe con algo. Ex.: Tareixa achega boas ideas.

Buzón

Outro castelanismo común é *buzón, cando en realidade en galego dicimos caixa do correo.

Casilla

Tamén está *casilla, que aparece moito nos formularios e en contextos administrativos, cuxa forma correcta é casa. Ex.: Marca a casa adecuada.

Chicle

Se che gusta mascar *chicle, debes saber que en galego é goma de mascar.

Conlevar

Cando queremos expresar que unha acción implica consecuencias, ás veces, empregamos o verbo *conlevar, que é un calco do castelán. En galego, é mellor usar implicar ou supor. Ex.: Este proxecto implica moito esforzo.

Cumpreanos

Non é raro escoitar *cumpreanos, pero esa palabra é unha mala tradución do castelán. En galego, dicimos aniversario.

Enterarse

Seguro que algunha vez dixeches algo así como “*Enterácheste do que pasou?”. Pois en galego non existen os verbos *enterarse e moito menos *enteirarse. O correcto é decatarse. Ex.: Xa me decatei de que hoxe non hai clase.

Espalda

Outro erro común é dicir *espalda cando deberiamos dicir lombo ou costas. Por exemplo, se estás falando dunha dor física, cómpre dicires Dóeme o lombo ou Dóenme as costas.

Gafas

Outro exemplo que se nos escapa son *gafas, que en galego é lentes ou anteollos.

Grifo

E que dicir de *grifo? En lugar de *Abre o grifo da auga, o correcto é dicir Abre a billa da auga.

Lexos

Unha palabra que tamén se meteu na nosa fala é *lexos, que en galego debe ser lonxe.

Orquesta

Tampouco debemos esquecer *orquesta, que é incorrecto en galego. A forma correcta é orquestra. Ex.: Non sabería dicir se a Panorama é a mellor orquestra de todas.

Pegatina

Algo semellante ocorre con *pegatina, que en galego é adhesivo.

Plantexar

En canto a *plantexar, a forma axeitada é expor. Se tes unha idea, non a *plantexes, senón expona.

Plantilla

Outro termo incorrecto é *plantilla. Se falamos dun grupo de persoas, como os xogadores dun equipo, debemos usar cadro. Ex.: O cadro de xogadores é moi bo.

Se te refires a algo que se usa dentro dos zapatos, a palabra correcta é soleta. E se queres nomear a peza que serve de referencia para elaborar outras iguais, en galego dicimos modelo.

Pobo

Moitos de nós tamén usamos pobo incorrectamente para referirnos a unha vila ou aldea. En galego, deberíamos dicir vila ou aldea (dependendo do tamaño).

Soer / soler

A confusión tamén chega con *soer, unha forma incorrecta derivada do castelán soler. En galego, o verbo correcto é adoitar ou acostumar.

Sen embargo

Un dos erros máis estendidos é *sen embargo, cando o correcto é porén ou con todo.

Ubicar

Cando queremos falar de onde se sitúa algo, non debemos dicir *ubicar, senón situar ou localizar. Por iso, desde Google Maps non podemos mandar a nosa *ubicación, mais si a nosa localización ou situación.

Xove

Por último, mais non menos grave, está *xove, que en galego debe ser novo/a. Se falas dunha persoa nova, non digas *A miña irmá é moi xove, senón A miña irmá é moi nova.

Compromisos

Sempre que for posible, neste blog informaremos da autoría de textos, fotos e demais material audiovisual, que en todo caso é empregado con finalidade educativa e sen lucro. Se houber algo suxeito a dereitos de autor ou outras restricións, por favor, facédenolo saber para retirármolo o antes posible.
Por outro lado, os autores do blog non son responsables dos comentarios que os lectores poidan enviar. Todos aqueles comentarios obscenos, ofensivos contra persoas, crenzas ou ideas, ou contrarios á Lei serán eliminados en canto teñamos coñecemento deles.
Avísanos para axudarnos a cumprir estes compromisos.