BASES DO CONCURSO DE PODCAST: "BEGOÑA CAAMAÑO, UNHA VOZ PROPRIA"
1. OBXECTIVO
O obxectivo deste certame é dar a coñecer a figura de Begoña Caamaño (xornalista, activista e escritora), promovendo o uso do galego e o desenvolvemento da competencia dixital e lingüística do alumnado, coincidindo coa celebración das Letras Galegas 2026.
2. PARTICIPANTES
Poderá participar todo o alumnado matriculado na ESO repartido en dúas categorías:
• Categoría A: 1º e 2º de ESO.
• Categoría B: 3º e 4º de ESO.
Os traballos poderán ser individuais ou en parellas.
3. FORMATO E TEMÁTICA
Os podcasts deben ser orixinais, inéditos e realizados integramente en lingua galega. A temática xirará arredor das seguintes facetas da autora:
1º e 2º ESO
• Biografía e obra de Begoña Caamaño.
• Reportaxe sobre o seu compromiso social.
3º e 4º ESO
• "Dándolle a volta ao conto”: De malas e secundarias (Circe e Morgana) a mulleres donas do seu destino.
• "Ficción sonora": Recreación de pasaxes de Morgana en Esmelle ou Circe ou o pracer azul.
4. REQUISITOS TÉCNICOS
• Duración: Entre 3 e 6 minutos.
• Formato: Arquivo de audio (MP3 ou WAV).
• Recursos: Valorarase o uso de sintonías, efectos de son e limpeza de voz.
5. ENVÍO E PRAZO
Os traballos enviaranse ao correo do EDLG do centro: edlg@iesriomino.gal. O arquivo deberá ir acompañado do título e os nomes dos integrantes. Data límite de entrega: 5 de maio.
6. XURADO E CRITERIOS
O xurado estará composto por membros do Equipo de Dinamización da Lingua Galega (EDLG) e do departamento de Lingua. Valorarase:
1. Riqueza lingüística e calidade do guión.
2. Creatividade no enfoque do tema.
3. Calidade técnica (montaxe e efectos).
4. Capacidade de transmitir os valores de igualdade de Begoña Caamaño.
7. PREMIOS
Establécese un primeiro e segundo premio por categoría consistente en:
• 1º Premio: Un diploma e un vale de 40€ para gastar en material escolar.
• 2º Premio: Un diploma e un vale de 20€ para gastar en material escolar.
8. RESOLUCIÓN DO CONCURSO
A decisión do xurado darase a coñecer na Semana das Letras Galegas e será publicada no blog da Biblioteca xunto cos podcast.
A participación no presente certame supón a aceptación destas bases.
En Rábade, a 23 de marzo de 2026