19/05/25
Letras Galegas: as cantareiras e o cancioneiro popular galego
A Real Academia Galega decidiu, neste 2025, dedicar o Día das Letras Galegas á poesía oral e ao cancioneiro popular galego. Incluíndo nesta homenaxe ás cantareiras Adolfina e Rosa Casás Rama (A Vila da Igrexa, Cerceda), Eva Castiñeira (Aganzón, Muxía), tamén a Teresa García Prieto, Prudencia, Asunción Garrido Ameixenda e máis Manuela Lema Villar, as Pandereiteiras de Mens (Mens, Malpica de Bergantiños). Neste caso, a homenaxe non vai á individualidade, é dicir, a unha persoa en particular, senón á colectividade, mulleres que representan todas esas xeracións de galegos e galegas que desde hai séculos transmitiron arte popular.
Como as homenaxes no Día das Letras Galegas teñen que ser a persoas, decidiron centrala nunhas poucas mulleres, mais esta celebración vai a todas as que fixeron da nosa música parte da identidade colectiva.
Quen son as mulleres homenaxeadas?
Adolfina e Rosa Casás Rama
Adolfina e Rosa eran tía e sobriña -ambas fillas de nais solteiras-, foron dúas labregas que naceron na Vila da Igrexa (Cerceda) en 1912 e 1914 respectivamente. Aínda que a emigración separounas ao igual que sucedeu en milleiros de familias, foron dúas cantareiras que gravaron Dorothé Schubarth e Antón Santamarina nas súas recollidas e que hoxe, tanto elas como as súas cantigas forman parte do Cancioneiro Popular Galego
As Pandeireteiras de Mens
As Pandeireteiras de Mens foron un grupo de mulleres labregas, naceron nos primeiros anos do século XX en Mens e Asalo (Malpica de Bergantiños), da man da Agrupación Folklórica Aturuxo, levaron aos escenarios de todo o mundo a música popular que cantaron durante a súa vida. Nesta homenaxe non están Adela Rey Torrado e Teresa Lema Varela xa que aínda non se fixeron dez anos desde o seu falecemento. Da súa historia fala Beatriz Busto Miramontes no libro Pandereteiras de Mens (aCentral Folque)
Eva Castiñeira
Eva Castiñeira Santos naceu en Agranzón (Muxía) no ano 1925 e foi outra desas cantareiras que facían parte das festas e romarías xa desde ben nova. Traballou no servizo doméstico desde os 42 anos. Destacou pola súa participación no ano 1981 nun concerto de Milladoiro e din que foi a primeira pandeireteira en facer parte dun grupo de música tradicional. Fixo parte tamén do álbum “Recolleita” de Pablo Quintana.
Esta escolla colectiva foi unha sorpresa para moita xente mais o certo é que no ano 1998 a RAG acordou adicar o Día das Letras Galegas aos trobadores e á poesía medieval (como Meendinho, Martin Códax e Johan de Cangas). Esta segunda escolla colectiva nace da necesidade de dedicar a estas persoas – maioritariamente mulleres – que transmitiron a nosa lingua, cultura e tradicións até os nosos días.
Desde xa hai tempo contamos con multitude de bandas no campo da música tradicional que achegan a nosa lingua e tradición en diversos estilos e formatos. Grupos como Fuxan os Ventos, Leilía, Berroghetto, Tanxugueiras, Baiuca, Xose Lois Romero&Aliboria, Mondra, Boyanka Kostova, Luar na Lubre, etc. Beben da tradición desas xeracións de mulleres que transmitiron unha poesía popular que segue a deixar pegada na actualidade.
A poesía oral tivo un papel fundamental nun contexto onde a lingua galega foi prohibida na oficialidade, perseguida en moitos campos e os seus falantes ridiculizados e ridiculizadas. Estas cancións populares transmitidas nalgúns casos e creadas noutros, foron pasando de xeración en xeración, no traballo do campo, nas foliadas, polavilas ou seráns, transmitindo case sen querer non só unha canción senón un xeito de comprender certos contextos sociais, o modo de vida do noso país e tamén a riqueza e diversidade da que goza o noso idioma.
Estas cantareiras e pandereteiras non veñen dos escenarios nin das escolas de aprendizaxe, xorden nos traballos colectivos, dun mundo rural, sacrificado, mais que tamén atopaba momentos para bailar e tocar. Estas mulleres poderían ser as nosas avoas, bisavoas, tataravoas, dicionarios da vida e da arte que en ocasións foron silenciadas e non se lles deu o valor, status e importancia que mereceron. Por iso esta data é un punto de partida para facelo coas que non están mais tamén coas que aínda están, porque estas músicas e cantareiras non tiñan un espazo asignado nunha romaría, a súa arte ficou para o espazo privado, o que lle da aínda máis mérito.
A lingua galega foi prohibida e perseguida na escrita desde o século XV e principalmente desde o século XVI. Todo mapa, escrito ou documento tiña como lingua de uso o castelán, así a nosa cultura e tradicións sobreviviu, en grande medida, grazas a oralidade, e o que elas cantaban dun xeito normal como quen canta hoxe mentres fai deporte ou traballa, serviu para que hoxe a nosa música tradicional viva un novo boom e achegue estas cancións a xeracións que non chegaron a coñecelas, dalgún xeito podemos dicir que transmitiron historia.
17/05/25
16/05/25
15/05/25
13/05/25
12/05/25
09/05/25
08/05/25
Bases
Con motivo da celebración do Día das Letras Galegas
O Equipo de Dinamización da Lingua Galega e o Departamento de Lingua Galega e Literatura do IES Río Miño convocan un Concurso de relatos curtos dirixido aos alumnos e alumnas do Centro.
As bases que rexen este certame son:
1. O concurso está dirixido ao alumnado da ESO. Cada participante poderá presentar un único relato curto.
2. Os relatos deberán ser escritos en lingua galega e á man.
3. Temática: libre. Incluiranse as seguintes palabras (estas irán subliñadas no texto):
CANTAREIRA,
MANDIL, ALEGRÍA, SILVEIRA, FEITICEIRO
4.
Extensión máxima de 100 palabras.
5. Os microrrelatos serán elaborados no transcurso dunha sesión lectiva na clase de Lingua Galega e Literatura, e entregaranse ao profesorado correspondente.
6. Concederanse dous premios por nivel, isto é:
-
Nivel 1 para o alumnado de 1.º e 2.º de ESO
-
Nivel 2 para o alumnado de 3.º e 4.º de ESO
Os premios consistirán nun diploma e mais un vale de 15 € para material escolar para o primeiro clasificado/a, e de diploma e un libro en lingua galega para o segundo clasificado/a en cada categoría.
7. O xurado estará composto por membros do EDLG e o seu fallo será inapelable.
8. A decisión do xurado darase a coñecer na Semana das Letras Galegas e será publicada no blog da Biblioteca xunto cos relatos.
9. A participación no presente certame supón a aceptación destas bases.
18/02/25
Cantar para gañar galegofalantes, por Antón Santamarina
Cando presentamos esta candidatura para dedicarlle un Día das Letras Galegas á lírica popular sabiamos que había por toda Galicia, e mesmo fóra, moitas máis candidatas posibles con méritos semellantes. Reducimos o número a esas poucas pero a nosa intención era que representasen a todas cantas mulleres cumpriron un papel parecido, moitas con nomes coñecidos e outras xa (ou aínda) anónimas. Todos os etnógrafos salientaron que as mulleres foron as principais transmisoras da lírica popular, pero non podemos esquecer que o fenómeno non é exclusivo delas e que nos cancioneiros tamén hai con frecuencia informantes homes. Todos eles, mulleres e homes, estean na nómina dos lembrados como dos omitidos (non esquecidos), serán protagonistas festexados nesta celebración.
Durante séculos a nosa literatura quedou reducida á oralidade. Quen repentizaba unha cantiga sabía que a súa fortuna ía depender de que uns poucos ou moitos a fixasen na memoria e a repetisen. Só ben andado o século XVIII comezan algúns eruditos a interesarse por transcribir estas mostras do folclore, interese que se incrementou moito no século XIX por toda Europa e que tivo un florecemento especial nas renaixenças ou rexurdimentos de comunidades subestatais con lingua propia. Ocorreu aquí en Galicia e a partir de 1745 comezamos a ter rexistradas por escrito recollas de cantigas, en xeral dispersas, cristalizadas en cancioneiros só a finais do s. XIX. As transcricións de melodías comezaron máis tarde co xurdimento de orfeóns urbanos. O primeiro, se non estou errado, o Orfeón Coruñés (1875) que dirixiu Pascual Veiga e o segundo, Aires da Terra en Pontevedra (1883), fundado por Perfecto Feijoo, seguidos máis tarde por outros. Nestes orfeóns transcribíanse a harmonizábanse melodías de cantigas.
O que veu despois xa é máis coñecido; o máis salientable é un cancioneiro promovido polo redondelán Casto Sampedro con melodías transcritas por el mesmo ou por un número moi importante de correspondentes (inédito cando el morreu en 1937), ou o que polos anos 1928-34 recollían, para o Centro de Estudios Históricos, Eduardo Torner e Jesús Bal, incompleto a causa da guerra civil e publicado en 1973.
Os que nos temos dedicado ó estudo da cultura material e inmaterial deste país sabemos por experiencia propia o que cambiou a nosa sociedade nestes últimos 80 anos. Cando polos anos 1960 ou 1970 recolliamos «palabras e cousas» podiamos preguntar a calquera polas partes do carro ou do muíño ou por oracións para levantar a paletilla ou curar os tirizós; hoxe xa non existen informantes (ou hai que buscalos cun candil). No referente ó cancioneiro, nos anos 80 aínda había moitos informantes con grandes repertorios, como é o caso das cantareiras que imos festexar no ano 2025; pero os informantes que quedan hoxe xa son escasos e o seu repertorio reducido.
Mais no caso do cancioneiro dáse un fenómeno contrario ó que acabamos de mencionar referente ás «palabras e cousas» que, en 50 anos, pasaron a ser arqueoloxía e só figurarán nos dicionarios e nos libros de etnografía, pois xa quedan poucos galegos que viran e saiban o que son o minle, o rangueiro ou o tentemozo dun carro. As cantigas seguen vivas aínda que cambiasen os escenarios; antes animaban fías ou segas ou mazas de liño ou os seráns e agora as mesmas cantigas son actualizadas nos repertorios dos infinitos grupos de tocadores e cantadores que inzan o país, algúns mesmo profesionais do canto. E cousa máis extraordinaria aínda (non sei se soñada algunha vez por Castelao ou por Risco): as músicas e letras desas cantareiras son materia de ensino nos conservatorios.
Moitos destes cantadores comezan de nenos nas tradescolas que hai na maioría das cidades e vilas do país. A celebración do Día das Letras Galegas de 2025 vai propiciar (iso agardamos na Real Academia) que as cantigas de Adolfina, Rosa, Eva, Prudencia, Asunción e Manuela e de moitas outras e outros sexan recuperadas dos cancioneiros e cantadas en medios e escenarios moi diversos; vai mesmo propiciar que se volvan escoitar as súas voces auténticas porque, en moitos casos, están gardadas en arquivos sonoros accesibles na rede (como é o gardado no Museo do Pobo Galego).
Este ano das Letras Galegas vai ser o da lírica popular e esperamos que teña unha repercusión moi importante; se é así servirá sen dúbida para axudar a fidelizar os galegofalantes coa súa lingua e tamén para enganchar na súa práctica e defensa a moitos galegos, especialmente mozos e nenos, que polas razóns que fose non a recibiron no ambiente familiar como primeira lingua. Nas cantigas populares hai xoias poéticas extraordinarias e hai ademais un galego enxebre e saboroso. Coa axuda das cantareiras homenaxeadas (que xa non están entre nós) e de tantos intérpretes que por Galicia adiante beben do seu legado, esperamos que no 2025 o Día das Letras Galegas empece o 1 de xaneiro e dure todo o ano, aínda que a festa maior sexa o 17 de maio.
Antón Santamarina, académico numerario
Compromisos
Por outro lado, os autores do blog non son responsables dos comentarios que os lectores poidan enviar. Todos aqueles comentarios obscenos, ofensivos contra persoas, crenzas ou ideas, ou contrarios á Lei serán eliminados en canto teñamos coñecemento deles.
Avísanos para axudarnos a cumprir estes compromisos.

