Amosando publicacións coa etiqueta Encontros. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Encontros. Amosar todas as publicacións

13/03/13

Encontros PLAMBE 2013

Á presente edición dos Encontros do Plan de Mellora das Bibliotecas Escolares asistimos  504 representantes doutros tantos centros de ensino de Galicia. Tivemos a ocasión de escoitar a José Manuel Pérez Tornero, director do grupo de investigación Gabinete de Comunicación e Educación e catedrático da Universidade Autónoma de Barcelona, disertando sobre Pensamento crítico e comunicación.

Das experiencias de centros, asistimos á interesante exposición do compañeiro do IES Poeta Díaz Castro de Guitiriz, titulada Compartindo contos, coa que levaron a lectura máis aló dos muros do seu recinto, aos centros de Primaria veciños e ao mesmo mercado da vila.

Antonio Rodríguez Menéndez, promotor de varias iniciativas en favor da lectura (Proxecto Fahrenheit 451, Escuela de Lectura de Madrid e La voz a ti debida) é partidario da palabra vinculada, palabras humanas que crean cercanía. Para el todas as palabras son vinculadas se sabemos entregalas a aqueles con quen queremos establecer un verdadeiro vínculo, un encontro coa súa maneira de entender a vida.

Pero, sen dúbida, todos lembraremos esta xuntanza pola emotiva e entrañable conferencia de clausura que correu a cargo de Agustín Fernández Paz, recentemente nomeado Doutor Honoris Causa pola Universidade de Vigo. Percorrendo a súa infancia e adolescencia, amosou un camiño para construir lectores, que pasa  ineludiblemente pola afectividade e polo exemplo insubstituible das persoas máis próximas ao neno. Ao docente correspóndelle ser o mediador que fai posible o encontro do alumno cos libros e emprender a revolución da lectura, imprescindible para conseguir sociedades democráticas. 

26/04/12

Encontros de Bibliotecas Escolares

                                                  Imaxe da exposición de traballos

O pasado venres, 20 de Abril, celebrouse unha nova edición da xuntanza das bibliotecas esolares de Galicia; nesta ocasión, os responsables da 4ª, 5ª, 6ª e 7ª convocatoria. (Cantos somos xa!!!)
Como sempre, foi unha boa ocasión para renovar e recargar as enerxías que, especialmente este curso, non andan moi sobradas.
Cun programa tan interesante, sería imposible decantarse por algunha das intervencións.  Elena Martín (Facultade de Psicoloxía da Universidade Autónoma de Madrid) formulou as súas hipóteses sobre Aprender a aprender, unha competencia básica desde a biblioteca escolar, con gran claridade e inxenio. José Antonio Millán (escritor, editor e lingüista) disertou sobre A lectura sen libros, con rigor e moi bo sentido do humor. Ambas ponencias foron amenas e do maior interese no momento que estamos a vivir nas bibliotecas escolares.
En canto ás experiencias de centros, exemplar a de Benigno Nerga, do IES Alexandre Bóveda, pola traxectoria que demostran ter en canto a traballos interdisciplinares de investigación. Foi especialmente atractivo para nós  Facer Lugo,  pola proximidade do tema e o bo facer de Rosa Rodríguez, a compañeira do IES Leiras Pulpeiro de Lugo. Trátase dun traballo moi complexo que abrangue diversos aspectos do pasado da nosa cidade,  dirixido e coordinado por Rosa.  Noraboa!
E..., como sempre, grazas a Cristina e Pilar pola súa adicación e acerto.

12/04/11

Encontros de Bibliotecas Escolares 2011

O pasado venres, 8 de abril, asistimos en Santiago ós Encontros de Bibliotecas Escolares Galegas 2011. Igual que noutras ocasións, o programa foi minuciosamente planificado por Cristina e Pilar, pode consultarse entrando como convidado no Moodle da redeBE. Foi de particular interese a conferencia sobre Prácticas de Avaliación na biblioteca escolar a cargo de Teresa Maña e Mónica Baró e as mesas sobre cine.

Sen dúbida, o mellor de todo, a clausura a cargo de D. Xosé Neira Vilas. Soubemos de primeira man como mercou libros "contra reembolso, con cartos gañados honradamente, vendendo cornello na feira", libros que seu pai lle permitiu seguir mercando "moderadamente"; o seu labor en prol da literatura, xunto con Anisia Miranda, a súa compañeira xa falecida; o respecto co que se trata ós mestres en países pouco desenvolvidos e a súa opinión sobre a nugalla dos nosos/as adolescentes.

A súa vitalidade, simpatía, entusiasmo e conciencia de galeguidade podedes comprobala na intervención que enlazamos aquí.









Video streaming by Ustream

20/04/09

Encontros PLAMBE, abril 2009

O día 16 de Abril celebrouse en Santiago a xuntanza dos responsables das bibliotecas do PLAMBE 4, acto ó que se engadiron, o día 17, os compañeiros das convocatorias anteriores. Foron dúas xornadas intensas, á vez que proveitosas, como é de costume, nas que fomos tratados con mimo.
Todas as intervencións previstas no programa estiveron á altura á que nos teñen acostumados as súas organizadoras, Cristina Novoa e Pilar Sampedro; sen elas non sería posible todo o entramado das bibliotecas escolares en Galicia. Parabéns, unha vez máis.
Ana Bernal, Felipe Zayas, Concha Costas, César Iglesias, Isabel Pemán, Encarnación López Chicano, Juana Vázquez , Emilio Pascual e Glòria Durban foron os expertos que nos asesoraron. Deles, gustaríame destacar polo seu contido, e entusiasmo na comunicación, a conferencia de Glòria Durban e o acto co que se puxo remate: a intervención de Emilio Pascual, escritor e editor, Premio Lazarillo 1998 e Premio Nacional de literatura infantil e xuvenil 2000, que nos deleitou cun discurso abondoso en citas literarias de todos os tempos, cheo de graza e ironía, titulado "A lectura dos outros". Del enlazamos a fábula de Samaniego "Los cangrejos", que reflexa algunhas realidades que, ás veces, vivimos.
(As fotos, mañá)

14/04/09

Encontros

Os días 16 e 17 de abril van ter lugar en Santiago os Encontros do Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares 2008-09. En representación da nosa irá Lupe Enríquez, como responsable que é dunha biblioteca integrada neste programa da Consellería de Educación.
Segundo lemos no blog da campaña de fomento da lectura Hora de ler, os encontros teñen como finalidade intercambiar experiencias e materiais, e continuar a formación en ámbitos diversos como a literatura infantil e xuvenil, a integración das TIC nas prácticas lectoras e escritoras, ALFIN e competencia informacional, os proxectos documentais, ou as posibilidades do programa Meiga, máis aló da súa función como aplicación informática común para as bibliotecas públicas e escolares.

20/10/08

Os pasados venres e sábado celebráronse no Palacio de Congresos de Santiago os segundos Encontros de Bibliotecas Escolares de Galicia, aos que acudiron en representación da nosa biblioteca os profesores Carmen Muñoz e Luís Pereira.
Covocados baixo o lema Bibliotecas para ler e aprender, os Encontros son sempre unha excelente oportunidade de que os case mil encargados e encargadas das bibliotecas dos centros de ensino galegos asistentes puidesen intercambiar experiencias e aprender uns dos outros. Algunhas das exposicións máis destacables foron a de Isabel Solé Gallart sobre os procesos de lectura, Rosa Piquín (Premio Nacional de Bibliotecas Escolares 2005), Carmen Fernández sobre os clubes de lectura, ou a de Margarita Puga e Margarita Antón sobre a reactivación cultural da área grancanaria de Telde.
A conferencia de peche foi pronunciada por Antonio Basanta Reyes, da Fundación Germán Sánchez Ruipérez.

Compromisos

Sempre que for posible, neste blog informaremos da autoría de textos, fotos e demais material audiovisual, que en todo caso é empregado con finalidade educativa e sen lucro. Se houber algo suxeito a dereitos de autor ou outras restricións, por favor, facédenolo saber para retirármolo o antes posible.
Por outro lado, os autores do blog non son responsables dos comentarios que os lectores poidan enviar. Todos aqueles comentarios obscenos, ofensivos contra persoas, crenzas ou ideas, ou contrarios á Lei serán eliminados en canto teñamos coñecemento deles.
Avísanos para axudarnos a cumprir estes compromisos.