As adiviñas son máis que simples xogos, conectan coas tradicións orais galegas e permítennos observar o mundo con ollos curiosos. Neste artigo As chaves da lingua recolle unha selección de adiviñas do libro ¿Que cousa é cousa…? Libro das adiviñas de Paco Martín, todas relacionadas co outono.
Serás quen de adiviñalas todas? Se non, neste enlace tes a solución
Adiviñas
Alto coturiño,
verde coma o liño;
sabe como o mel
e amarga como o fel.
Alto está,
barbas ten
ri e guinda
o que contén.
Entre coto e recoto
hai un boi xoto;
non hai home nin muller
que lle bote un cordel.
Toda a noitiña me tes
posta de boca para arriba
agardando que me metas
un cacho de carne viva.
No alto estou,
ladróns vexo vir;
coa miña carapucha
non podo fuxir.
Ten pelexo como a xente,
e é moi boa para comer;
chega polo mes de Santos
e todo o ano a tes.
Zancarrandullo andaba na festa,
no medio inchaba,
no rabo roncaba,
tiña orellas e zangoneaba.
Ten un milleiro de dentes
e non come que só fende.
Que cousa é,
para adiviñar é,
que ten dúas caras
e as dúas enrugadas?
En alto nacín,
entre a terra e o ceo;
se algunha vez me río
téñocho todo perdido.
Que será unha cousiña, cousa
que cando dá o sol encóllese,
e cando chove estalícase
tornando a auga co carrelo?
Alto me vin,
baixo me vexo,
e aló arriba
quedoume o pelexo.

Ningún comentario:
Publicar un comentario