15/10/25

Longo velorio

Este luns pasado celebrouse a décima edición do Día das Escritoras, iniciativa da Biblioteca Nacional de España que leva en marcha desde o ano 2016 para compensar a discriminación histórica da muller no campo da literatura.

A data escollida é variable, non ten un día fixo, senón que corresponde ao luns máis próximo á data de hoxe, 15 de outubro, festividade de Santa Tareixa de Ávila, que ademais de ter ascendido aos altares, tamén e recordada por ser autora de varias obras de carácter místico e espiritual.

A polémica en torno aos seus escritos e a orixe da súa inspiración podería dar pé a derivar esta entrada a chismorreos do máis diverso, pero ímonos centrar nun feito obxectivo e que podería causar un certo asombro baixo o punto de vista dos nosos costumes de hoxe en día.

Teresa Sánchez de Cepeda Dávila y Ahumada (sen nome non estaba) morreu na tarde do xoves 4 de outubro e foi enterrada o venres 15 de outubro. Este longo, moi longo, velorio é algo que non se leva hoxe en día, especialmente desde o paso da pandemia do 2020, no cal os protocolos funerarios fixeron posible estar vivo un día e enterrado ao día seguinte sen ter que cometer delictos graves.

A tradición ata non vai moito tempo facía que desde o falecemento dunha persoa ata o seu enterro tiveramos dous ou tres días. A causa deste período de tempo ten a súa orixe no medo a ser enterrados vivos que tiñan os nosos antepasados debido á falta de coñecemento por parte da ciencia médica para detectar casos de morte aparente, o que facía prudente este prazo para esperar os primeiros signos da descomposición, feito que tamén nos dá a orixe histórica do uso das flores nos velorios como disfrace de posibles malos olores. En casos excepcionais, como podían ser monarcas ou outros funerais de estado, o prazo podía alongarse para permitir a presenza de outras autoridades con viaxes longas para asistir a estes funerais.

Entón, que pasou neses dez días do velorio da santa abulense? En realidade, NADA, literalmente. Se ledes con atención dous parágrafos antes coas datas e botades contas, pódese aprezar que se o día 4 foi xoves, é imposible que o 15 fose venres. Pero como di o eslogan dunha marca deportiva, nada é imposible, e neste caso, tampouco. Só temos que poñer un dato clave omitido ata aquí, o ano do seu falecemento foi 1582.

Cal é a particularidade deste ano? Pois que xusto entre eses dous días tivo lugar en España e boa parte de Europa o cambio do calendario xuliano ao calendario gregoriano, promovido polo papa Gregorio XIII, no que para axustar o desfase de calendario que se viña producindo pouquiño a pouco, como grans dun reloxo de area, desde o século I a.C. tomouse a decisión de que os días do 5 ao 14 de outubro de 1582 non existirían, pasando dierectamente do solpor do día 4 ao amencer do día 15.

Este cambio non foi uniforme polo mundo adiante (de feito, había rexións na propia Europa nas que o ano non empezaba en xaneiro) e tardou séculos en ser máis ou menos universal. Iso deu lugar a feitos tan curiosos como que a Revolución de Outubro en Rusia comezara o noso 7 de novembro de 1917 porque alá o calendario vixente aínda era o xuliano.

Se repasasemos os calendarios polo mundo adiante, poderiamos atopar moitos datos e datas deste tipo, pero esa é outra historia e debe ser contada noutra ocasión, polo que hoxe chegamos ata aquí con esta historia e poñémoslle un punto final, ou punto e seguido, quen sabe! 

Ningún comentario:

Compromisos

Sempre que for posible, neste blog informaremos da autoría de textos, fotos e demais material audiovisual, que en todo caso é empregado con finalidade educativa e sen lucro. Se houber algo suxeito a dereitos de autor ou outras restricións, por favor, facédenolo saber para retirármolo o antes posible.
Por outro lado, os autores do blog non son responsables dos comentarios que os lectores poidan enviar. Todos aqueles comentarios obscenos, ofensivos contra persoas, crenzas ou ideas, ou contrarios á Lei serán eliminados en canto teñamos coñecemento deles.
Avísanos para axudarnos a cumprir estes compromisos.