Hoxe é un día de alegría para o alumnado do centro, chegan as vacacións de Semana Santa. Unha festividade católica sen data fixa, o que constitúe unha anomalía estando acostumados ao santoral, no que cada santo, mártir, virxe ou beato ten un día concreto sinalado.
Entón, a que se debe este baile de datas que tanto desconcerta e tanto incordia a profesores e demais xente que ten que organizar calendarios como o escolar?
Subamos na nosa máquina do tempo, que para iso somos unha biblioteca e podemos dispor de recursos pouco usuais e fantasiosos ata onde a nosa imaxinación nos leve, e viaxemos ata o século VI da nosa era. Nun contexto de asentamento do cristianismo como relixión de masas, as relixións seguían un proceso de sincretismo e/ou asimilación/apropiación das festividades xa existentes transformándoas en festividades propias. Coincidindo con estas circunstancias, tamén se produce un intento de organización oficial dos festivos da, naqueles momentos, nova e crecente relixión.
Como na maioría de casos, as festividades pagás do equinoccio de primavera foron collendo nomes variados segundo os credos que as asimilaban, e o relato bíblico situaba a morte de Cristo na Pascua xudía, entón Dionisio o Exiguo, monxe e matemático, argallou un combo do máis apañado e fixo unha proposta: a Semana Santa remataría o primeiro domingo de lúa chea despois do equinoccio de primavera, o que tamén marcaba distancias co xudaísmo, detalle importante no afianzamento da nova relixión.
Como dixemos antes, o contexto é importante. Falamos dunha época na que os calendarios aínda non estaban unificados, algunha cousiña ao respecto se ten comentado por aquí, e unha das cousas que hoxe nos parece exótica na cultura occidental é o de usar as fases da lúa como referencia temporal, o que viña sendo a base dos calendarios lunares.
Un calendario lunar é aquel baseado nas fases da lúa e que mide o mes como o intervalo entre dúas lúas cheas consecutivas: lunación, por se queredes usar unha palabra pouco frecuente e quedar de cultos nunha conversa intrascendente.
Isto fai que, xogando coa data do equinoccio e os veinte e oito días da lunación, o Domingo de Resurrección (data de finalización da Semana Santa) terá que caer sempre entre o 22 de marzo e o 25 de abril.
Por se o queremos complicar un pouco máis, lembrar que non tódolos cristiáns festexan igual, xa que as igrexas orientais (ortodoxas) seguen a usar o calendario xuliano para as datas rituais, que é polo que vemos que no leste de Europa ou no caso da maior parte dos coptos exipcios, o Nadal e a Pascua van cunha diferenza de dez días, resultante de non ter aplicado o cambio ao calendario gregoriano.
Como dato cultural, o do calendario lunar non é unha rareza obsoleta, senón que hai culturas que seguen con el. Por exemplo, o calendario musulmán, que é puramente lunar. Como a correspondencia entre este calendario e o noso non é inmediata nin simple, queda aquí unha explicación detallada do seu funcionamento. Aínda que por razóns comerciais, o calendario ao que estamos acostumados está estendido por todo o mundo, en moitos lugares que usan calendarios lunares non pasa de ser unha ferramenta diaria de gran utilidade, pero só por esa razón comercial, xa que o predominio corresponde a calendarios propios, como no citado calendario musulmán, ou outros como os lunisolares, que teñen en conta as estacións do ano, de gran uso en países como China ou a India. Aí tedes a explicación de porque o Ano Novo Chinés non cae nunha data fixa do noso calendario, senón que vai cambiando dunha forma moi parecida á Semana Santa, a segunda lúa nova despois do solsticio de inverno, época pola que xa vai aparecendo a primavera, razón pola que os chineses denominan a esta festividade Festival da Primavera.
Pois agora que xa sabedes porque tedes libre xusto estes días, só nos queda recomendar que os aproveitedes, o pasedes o mellor posible e descansedes para darlle un último empurrón ao que nos queda de curso á volta. E se sodes crentes, incluso ir a algunha procesión e rezar, que nunca se sabe de onde pode vir unha axudiña coas notas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario