Como xa vimos aquí a pasada semana, os nomes dos meses proveñen da antiga Roma. E que pasa cos días? Por que non usamos un sistema tan simple e claro como no chinés moderno ou no portugués?
Na China moderna, salvo o domingo, o resto dos días son "semana-un", "semana-dous", e así ata o seis. Para o domingo tiñan a solución que tamén veremos noutras culturas, o día do Sol.
En portugués, o sistema tamén é simple: segunda feira, terceira feira... ata o sábado e o domingo, que por influencia cultural do cristianismo, quedaron como no galego e o castelán, aínda que coa particularidade comezar a semana en domingo, igual que en moitos outros países.
Pero imos volver ao noso idioma e repasar un por un de onde sacamos estes nomes. Para empezar, volvemos á antiga Roma e lembremos o coñecemento astronómico que tiñan. Consideraban que había sete corpos celestes importantes (o das estrelas xa era outro tema) aparte da Terra: a Lúa, o Sol, Mercurio, Venus, Marte, Xúpiter e Saturno. Cada día tiña asignado un destes corpos.
Luns
O antigo dies Lunae, parece bastante evidente que toma o nome da nosa lúa. Nas linguas xermánicas (inglés incluído), tamén. Montag en alemán (a Lúa é Mond, como curiosidade, único idioma no que é masculino) ou Monday en inglés (Moon).
Martes
O antigo dies Martis tiña como orixe o nome do deus Marte, de gran importancia no panteón romano.
Mércores
O dies Mercurii derivou no noso mércores desde o nome do deus Mercurio.
Xoves
O dies Jovis corresponde ao nome romano do deus Xúpiter, o xefe do panteón, e a súa adaptación, especialmente ao galego, é bastante evidente.
Venres
A deusa Venus, ademais de proporcionarnos nome para as vieiras e as enfermidades venéreas, asociadas a asuntos propios do seu negociado (amor, beleza e fertilidade), tamén nos deixou o dies Veneris.
Sábado
E como ata aquí estaba sendo moi fácil, deixaremos de lado o dies Saturni, en memoria do deus Saturno (si, ese que devoraba ao seu fillo e constitúe un claro precursor do cine gore de man de Francisco de Goya e antes de Rubens), pai de Xúpiter, que non foi devorado, sendo o único que se salvou. Outra curiosidade respecto a Saturno é que na súa honra celebrábanse en Roma as saturnais, festas de finais decembro nas que se producía unha relaxación importante das normas sociais ("o mellor dos días", dicía o poeta Catulo). Estas festas, xunto coas propias do solsticio doutros pobos, foron refundidas e absorbidas polo cristianismo e deron lugar ao actual Nadal, no que en vez de deixar que os instintos máis primarios anden soltos sen control, facemos gala da nosa civilización en orxías de consumo. A orixe do nome do día neste caso sería a evolución do latín tardío sabbatum no século IV, que significaba descanso, e que á súa vez tería orixe no hebreo shabat, de idéntico significado.
Como curiosidade, en inglés, mantívose a denominación cunha simple contracción de saturn day.
Domingo
Aquí tamén decaeu o do dies Solis, outra vez conservado no inglés sunday e no alemán Sonntag, e pasamos pola influencia cristiá ao dies dominicus, o día do Señor. Dada a importancia de poñerlle o nome de Deus a un día, este é o que ocupa o primeiro lugar ou último na semana. No caso de ser o primeiro, por ser o máis importante, e cando se considera o último, despois do descanso e purificación do sábado, para estar na mellor disposición posible ante Deus para rematar a semana e empezar o luns con novos folgos e a alma en perfecto estado.
Dado que falamos tamén do inglés e o alemán, podemos lembrar que o martes e xoves corresponden de formas variadas ao nome do deus Thor, e o mércores inglés a unha variante do deus xermánico Wotan (en alemán é máis facil, mittwoch é literalmente o medio da semana). E para rematar, o venres nestes idiomas non correspondería a unha tradución trapalleira como "día libre", senón que sería o día da semana correspondente a Freia, deusa da fertilidade (como Venus) e lideresa das valquirias.
E ata aquí, este repaso mitolóxico e onomástico do calendario. Agardando que vos resultara interesante, pronto volveremos con outras historias.
Ningún comentario:
Publicar un comentario