Aquí tedes unha pequena mostra fotográfica da decoración do Samaín na nosa biblioteca:

Aquí tedes unha pequena mostra fotográfica da decoración do Samaín na nosa biblioteca:

A nosa biblioteca organiza un concurso de decoración de cabazas, que serán expostas esta semana do Samaín. Animádevos, deixade voar a parte máis terrorífica e creativa da vosa imaxinación, e entregade as vosas creacións na biblioteca.
| (Nabo esculpido a modo de cabeza de fantasma. Foto do Museo Nacional de Irlanda) |
Se vos preguntades a que obedece este costume, teriamos que lembrar de onde procede esta festividade e as súas adaptacións nas culturas que coñecemos, a nosa e a anglosaxona que nos ten colonizados a través dos medios de comunicación e entretemento.
Tradición católica
Na inmensa maioría de culturas antigas xa se rendía culto ou facíase lembranza das figuras dos nosos antepasados falecidos. No século X, un frade benedictino, Odilón de Cluny, recolleu un costume que levaba anos funcionando en zonas de Alemaña e instituíu un día sinalado a tal efecto, o 2 de novembro. A Igrexa de Roma foino xeralizando a partires do século XVI, enlazando co Día de Tódolos Santos que se celebraba o 13 de maio e cambiou para o 1 de novembro, e así foi chegando ata a festividade que hoxe coñecemos como o Día dos Fieis Defuntos. Desta festividade, e coa exportación do catolicismo polos conquistadores europeos a América, xurdiron outras tan vistosas e cheas de cor como o Día dos Mortos de México que tantas veces temos visto en documentais, series ou películas como esa fermosa xoia da animación tan recomendable que é Coco.
Samaín/Halloween. Viaxe de ida e volta
Na tradición celta, a noite do Samhain (fin do verán, en gaélico) era especial, xa que a fronteira entre o mundo dos vivos e o dos mortos diluíase nas sombras e as ánimas do outro lado. Existía o costume de facer fogueiras para protexer aos vivos (e queimar os restroballos da fin da tempada da colleita, que era a razón practica e menos espiritual do asunto) e outros rituais de orixe pagá.
O das cabazas veu cando a tradición deu o salto para os Estados Unidos a mediados do s. XIX cos emigrantes, maioritariamente irlandeses, que fuxían das grandes fames provocadas pola crise das pragas que arrasaron os cultivos de patacas en Irlanda e Gran Bretaña. E despois, como todo o que nos chegou do outro lado do Atlántico vía cine e televisión, recuperamos a festa como Halloween e desde uns anos atrás, coa súa denominación orixinal, aínda que con toda a parafernalia importada, tampouco imos poñernos tan puntillosos, que o que queremos é andar de troula.
(Halloween é unha contración da tradución do Día de Tódolos Santos, All Hallows' Eve, a súa véspera para ser exactos.)
Pero aínda non explicamos o das cabazas e tampouco o título desta entrada, así que imos co tema.
O das cabazas fíxose nos EE.UU. pola abundancia deste cultivo, pero a tradición orixinal deste lado do Atlántico usaba nabos, como o da foto. Podedes consultar aquí a historia de Jack-o'-Lantern, da que existen varias versións, pero coincidentes en que andaba deambulando entre o ceo e o inferno (non foi moi bo en vida e non o querían no ceo, pero tivo un problema co demo que tampouco acabou ben e tamén quedou excluido do inferno) alumeando cunha vela no interior dun nabo esculpido a modo de lámpada como podería ser o da foto. Esta lenda acabou fundíndose coa tradición das fogueiras e acabou xerando o costume de poñer nabos alumeando o exterior das casas e os camiños na noite do Samaín para protexer aos vivos das ánimas que visitaban este lado aproveitando que a fronteira entre ambos mundos desaparecía.
Unha vez dada esta pequena nota histórica, lembrámosvos outra vez que podedes participar no concurso de decoración de cabazas, e por suposto, se alguén quere presumir de fidelidade histórica, tamén pode traer un nabo. Oíche Shamhna shona!
Nesta páxina de As chaves da Lingua atoparás sopas de letras, enforcados e encrucillados, todos eles deseñados para que practiques palabras sobre animais, plantas, tradicións, vivenda, xogos, deportes e moito máis.
Se che gustan os retos de palabras, os encrucillados son para ti. Trátase de resolver definicións e completar o taboleiro practicando vocabulario galego dun xeito entretido e estimulante.
Os encrucillados están pensados para todas as idades e niveis, polo que son unha ferramenta útil tanto para estudantes de galego como para persoas que simplemente queiran pasar o tempo.
As sopas de letras son un clásico que nunca falla. Son perfectas para ampliar vocabulario, mellorar a atención e reforzar a memoria.
Cada sopa de letras está adaptada para distintos niveis, polo que tanto se estás a estudar galego como se queres repasar, sempre terás un reto á túa medida.
O xogo do enforcado é ideal para practicar a ortografía. Tes que adiviñar a palabra agochada antes de esgotar as vidas.
Ademais, cada partida permíteche descubrir vocabulario temático: animais, deportes, plantas, tradicións e moito máis. Un método perfecto para aprender sen te decatares.
O Equipo da Biblioteca e o de Dinamización da Lingua Galega do IES Río Miño convocan un
Concurso de microrrelatos.
As bases que rexen este certame son:
1. Poderá participar todo o alumnado do Centro. Cada participante poderá presentar un único
microrrelato.
2. Os microrrelatos deberán ser presentados escritos en lingua galega e á man.
3. Temática: Sensibilización fronte á violencia de xénero.
4. Extensión máxima de 100 palabras.
5. Os microrrelatos entregaranse ao titor ou titora ou ao profesor/a de Lingua Galega correspondente.
6. O prazo de admisión finaliza o mércores 20 de novembro.
7. O xurado estará composto por membros do Equipo da Biblioteca e o de DLG e o seu fallo será
inapelable.
8. Concederanse dous premios por nivel, isto é:
Nivel 1 para o alumnado de 1º e 2º de ESO
Nivel 2 para o alumnado de 3º e 4º de ESO
Nivel 3 para o alumnado de 1º e 2º de Bac
Os premios consistirán nun diploma e mais un vale de 20 € para material escolar para o primeiro
clasificado/a, e de diploma e vale de 15 € para material para o segundo clasificado/a en cada categoría.
9. A decisión do xurado darase a coñecer na Biblioteca do Centro o luns 25 de novembro no segundo
lecer e será publicada no blog da Biblioteca xunto cos relatos.
10. A participación no presente certame supón a aceptación destas bases.
Moitas grazas.
Neste artigo os de As chaves da lingua recollemos algúns deses refráns galegos de outubro para descubrir que nos contan sobre o tempo, as colleitas e os costumes.
A data escollida é variable, non ten un día fixo, senón que corresponde ao luns máis próximo á data de hoxe, 15 de outubro, festividade de Santa Tareixa de Ávila, que ademais de ter ascendido aos altares, tamén e recordada por ser autora de varias obras de carácter místico e espiritual.
A polémica en torno aos seus escritos e a orixe da súa inspiración podería dar pé a derivar esta entrada a chismorreos do máis diverso, pero ímonos centrar nun feito obxectivo e que podería causar un certo asombro baixo o punto de vista dos nosos costumes de hoxe en día.
Teresa Sánchez de Cepeda Dávila y Ahumada (sen nome non estaba) morreu na tarde do xoves 4 de outubro e foi enterrada o venres 15 de outubro. Este longo, moi longo, velorio é algo que non se leva hoxe en día, especialmente desde o paso da pandemia do 2020, no cal os protocolos funerarios fixeron posible estar vivo un día e enterrado ao día seguinte sen ter que cometer delictos graves.
A tradición ata non vai moito tempo facía que desde o falecemento dunha persoa ata o seu enterro tiveramos dous ou tres días. A causa deste período de tempo ten a súa orixe no medo a ser enterrados vivos que tiñan os nosos antepasados debido á falta de coñecemento por parte da ciencia médica para detectar casos de morte aparente, o que facía prudente este prazo para esperar os primeiros signos da descomposición, feito que tamén nos dá a orixe histórica do uso das flores nos velorios como disfrace de posibles malos olores. En casos excepcionais, como podían ser monarcas ou outros funerais de estado, o prazo podía alongarse para permitir a presenza de outras autoridades con viaxes longas para asistir a estes funerais.
Entón, que pasou neses dez días do velorio da santa abulense? En realidade, NADA, literalmente. Se ledes con atención dous parágrafos antes coas datas e botades contas, pódese aprezar que se o día 4 foi xoves, é imposible que o 15 fose venres. Pero como di o eslogan dunha marca deportiva, nada é imposible, e neste caso, tampouco. Só temos que poñer un dato clave omitido ata aquí, o ano do seu falecemento foi 1582.
Cal é a particularidade deste ano? Pois que xusto entre eses dous días tivo lugar en España e boa parte de Europa o cambio do calendario xuliano ao calendario gregoriano, promovido polo papa Gregorio XIII, no que para axustar o desfase de calendario que se viña producindo pouquiño a pouco, como grans dun reloxo de area, desde o século I a.C. tomouse a decisión de que os días do 5 ao 14 de outubro de 1582 non existirían, pasando dierectamente do solpor do día 4 ao amencer do día 15.
Este cambio non foi uniforme polo mundo adiante (de feito, había rexións na propia Europa nas que o ano non empezaba en xaneiro) e tardou séculos en ser máis ou menos universal. Iso deu lugar a feitos tan curiosos como que a Revolución de Outubro en Rusia comezara o noso 7 de novembro de 1917 porque alá o calendario vixente aínda era o xuliano.
Se repasasemos os calendarios polo mundo adiante, poderiamos atopar moitos datos e datas deste tipo, pero esa é outra historia e debe ser contada noutra ocasión, polo que hoxe chegamos ata aquí con esta historia e poñémoslle un punto final, ou punto e seguido, quen sabe!
Un ano máis, e como xa vén sendo case tradición, a Academia Sueca segue a súa busca do "Talento e gusto" lonxe dos libros de Murakami e neste 2025 a caprichosa fortuna foi conceder os seus favores a Hungría na persoa deste señor con aspecto de intelectual bohemio e formal, nado no 1951 e que atende polo dificilmente pronunciable nome para os non maxiarfalantes de László Krasznahorkai.
Pouco despois de ser anunciado, declarou: "Mi inspiración más profunda es la amargura. Me
entristece profundamente pensar en el estado del mundo de hoy. Vivimos tiempos
muy oscuros y necesitamos mucha más fuerza para sobrevivir que antes."
Pois iso, que se buscades optimismo e alegría fácil, aquí non
vai ser. Sen contar que a súa prosa ten como unha das características
destacadas as frases longas e inacabables, tanto que fan que os escritos de
Saramago semellen mensaxes de móbil.
Como curiosidade, a súa primeira e máis coñecida novela "Tango satánico" de 1985 foi levada ao cine polo director tamén húngaro Béla Tarr en 1994, tendo a ben crear unha obra en branco e negro de nada máis e nada menos que sete horas e dezanove minutos. Algo a ter en conta por aqueles que prefiren ver a película en vez de ver o libro, neste caso igual non compensa.
"San Froilán, mete a rella e tira o pan"
(refrán tradicional que recomenda comezar coa sementeira do centeo no inicio do outono)
Os falsos amigos son palabras que, polo seu aspecto semellante, fan que as confundamos cun significado que non lles corresponde. A maioría dos galegofalantes detectan facilmente estas diferenzas, mais, ás veces, cólanse na nosa fala sen decatármonos, especialmente ao traducirmos literalmente expresións do castelán. Neste artigo traémosche sete palabras que significan unha cousa en galego e outra moi distinta en castelán.
Para os galegos e galegas almorzar é tomar o almorzo, isto é, a primeira comida do día que adoita ir acompañada dun café. Porén, en castelán almorzar é o que para nós é xantar, é dicir, a comida do mediodía. Curiosamente, en Portugal, o jantar é a nosa cea.
Outra das palabras tramposas é desenrolar. En castelán, desarrollar pode referirse a facer medrar algo, traballar unha idea ou executar un proxecto. En galego, desenrolar ten un significado moito máis literal: quitar o rolo a algo. Por exemplo: desenrolar un cabo, unha venda ou un rolo de papel.
Para falar de evolución, progreso ou execución dun proxecto, a palabra axeitada é desenvolver: “desenvolver unha idea”, “desenvolver unha competencia” etc.
Outra palabra que xera confusión é largo. En castelán, cando alguén di “la mesa es muy larga”, está a referirse á súa lonxitude. Pero se en galego dicimos “a mesa é moi larga”, o que realmente estamos dicindo é que é moi ancha, non longa.
En galego, largo significa ancho, mentres que para falar da lonxitude usaremos longo ou longa. Así que se queres describir correctamente esa mesa no noso idioma, deberías dicir “a mesa é moi longa”. É un erro moi común ao traducir directamente do castelán sen pensar no cambio de significado.
Pasamos agora a rato. En castelán, “venir en un rato” significa chegar en pouco tempo. Pero se traducimos iso literalmente ao galego e dicimos “veño nun rato”, o que estamos dicindo é que vimos subidos enriba dun roedor.
En galego, rato non ten connotación temporal, senón que se refire exclusivamente ao animal ou ao aparello electrónico. Na nosa lingua, para expresar que imos en pouco tempo, diríamos cousas como “veño nun momento”, “veño decontado” ou “veño nun intre”.
Reparar tamén ten o seu aquel. En castelán, reparar é sinónimo de arreglar: “reparar una moto”. Porén, en galego, cómpre empregar os verbos arranxar ou amañar para falar de cousas que se descompoñen: “amañei a porta”, “arranxei o computador”.
Ambas as linguas si coinciden no significado de reparar cando se refire a fixarse en algo ou decatarse, nun uso moi estendido. Por exemplo: “non reparei en que hoxe era domingo”.
A palabra rojo en castelán tradúcese ao galego como vermello. Non hai dúbida de que un “coche rojo” é un coche de cor vermella. Porén, en galego roxo significa outra cousa moi distinta. Pode referirse a algo que está moi quente, como “o ferro estaba roxo”, ou tamén á cor do cabelo que tira a dourado ou cobre escuro.
Outra palabra que adoita xerar confusión é rubio. En castelán, unha persoa rubia é aquela que ten o pelo claro, tirando a amarelo. En galego, non. Na nosa lingua esa cor de cabelo chámase louro e non *rubio.
A palabra rubio en galego úsase para describir a cor do cabelo ou do pelo tirando a vermello, acastañado ou cobre, o que en castelán sería pelirrojo. Polo tanto, se dis que alguén é rubio en galego, non estás dicindo que é louro, senón que ten o pelo avermellado.
O saúdo máis habitual en galego, tanto en contextos formais como informais, é un simple ola, usado en calquera momento do día. Se queremos ser máis específicos, empregamos fórmulas como bo día, pola mañá, boa tarde, desde o mediodía ata a noite, e boa noite, cando xa é de noite ou antes de marchar a durmir.
Como curiosidade, antigamente era común saudar facendo un chapeirazo, un xesto que consistía en levantar lixeiramente o chapeu e facelo oscilar en sinal de respecto. Este saúdo, moi habitual entre homes, era especialmente frecuente en contextos formais ou cando se saudaba unha persoa de maior idade ou rango.
Ollo! As formas bos días, boas tardes, boas noites non son incorrectas, mais non se recomenda o seu uso. Prefírese usar a forma en singular ao igual que se fai noutras linguas románicas: bonjour (francés), buongiorno (italiano) e bom dia (portugués).
Á hora de despedirse en galego, temos varias opcións segundo o grao de confianza e a situación. As máis habituais son abur, unha despedida coloquial e moi común, adeus, máis neutra e universal, e chao, unha forma informal compartida con outras linguas.
Tamén podemos empregar expresións que indican que nos veremos máis tarde, como deica agora (vémonos en seguida), deica logo (ata logo), ou deica un pouco (vémonos en breve). Estas fórmulas, propias do galego, engaden matices de proximidade e espontaneidade ás nosas despedidas.
Estamos xa de volta e as clases comezaron de novo. Tamén a Biblioteca abrirá en breve as súas portas e recuperaremos a formación de usuarios, os préstamos, a Hora de Ler e as demais actividades lectoras. Este curso, ademais, o equipo da Biblioteca renovarase a fondo con persoas novas e novas ideas.
E para irmos comezando, se vos parece, podemos facelo cunha escolla de refráns sobre este mes que, como tantas veces, agradecemos a Orgullo Galego. Aí vos van:
O curso termina, un ano máis. E hoxe queremos despedir a Marta e a Chus, dúas profesoras que formaron parte do Equipo da Biblioteca durante moitos anos e que deixan o Instituto. A elas vai o noso cariño e a nosa amizade.
E, como cada ano neste último día de curso a todos e todas queremos desexarvos...
un verán cheo de libros!!