05/11/26

Novamente, os pronomes de segunda persoa

Identificar correctamente os pronomes te e che é unha das dúbidas máis recorrentes entre neofalantes e estudantes de galego. A diferenza parece pequena, pero cambia o sentido das oracións. A maioría dos erros aparecen porque o castelán usa o “te” para todo, mentres que o galego mantén unha distinción clara entre o complemento directo (te) e o complemento indirecto (che).

A boa noticia é que esta diferenza é doada de dominar se coñeces dous principios básicos e un par de trucos fiables. Neste artigo de As chaves da Lingua explícanche como funcionan e como aplicar estes pronomes en calquera frase real.

Cando se utiliza o pronome te en galego?

Usamos o pronome te cando actúa como complemento directo, é dicir, cando a acción do verbo recae directamente sobre ti. Dáse con verbos transitivos e nas oracións que se poden pasar a pasiva o pronome te convértese no suxeito paciente (ti).

Voz activa: Vinte na cafetería
Voz pasiva: Ti fuches visto na cafetería.

O pronome te utilízase cando ten a función de CD, propio dos verbos transitivos, xa que alude ao ser ou ao obxecto sobre o que recae a acción verbal.

Cando se utiliza o pronome che en galego? 

Empregamos o pronome che cando funciona como complemento indirecto, é dicir, cando indica o destinatario, beneficiario ou prexudicado da acción verbal. Exemplos:

Díxenche a verdade.
Compreiche unhas lambonadas.
Púxenche un café na mesa.

Aquí, a acción do verbo non recae directamente sobre ti, senón que ti recibes algo: a verdade, as lambonadas, o café.

Truco para saber diferencialos

Un truco moi rápido para diferenciarmos os pronomes te e che é substituír eses pronomes de segunda persoa polos de terceira. 

Se podemos cambiar o pronome te por o/lo/no ou a/la/na, quere dicir que o pronome vai ser de CD. Polo tanto, temos que poñer te e non che.

Saudeite onte pola rúa / Saudeino onte pola rúa.

Chameite por teléfono / Chameina por teléfono.

Se podemos substituílo por un lle, significa que é un pronome de CI e que debemos utilizar o che.

Lévoche mañá os apuntamentos / Lévolle mañá os apuntamentos.

Collinche as entradas do concerto / Collinlle as entradas do concerto.

Se ao cambiarmos o pronome te por un o/lo/no ou a/la/na e a frase non ten sentido, quere dicir que non é CD, senón CI. Neste caso, se mudamos o te por un lle e a frase ten sentido, quere dicir que o pronome é de CI.

Escribinte unha carta → Escribino unha carta ❌

Escribinche unha carta → Escribinlle unha carta ✅

En resumo, o pronome te (CD) podémolo substituír por un o/lo/no ou a/la/na e o pronome che podémolo substituír por un lle.

Ningún comentario:

Compromisos

Sempre que for posible, neste blog informaremos da autoría de textos, fotos e demais material audiovisual, que en todo caso é empregado con finalidade educativa e sen lucro. Se houber algo suxeito a dereitos de autor ou outras restricións, por favor, facédenolo saber para retirármolo o antes posible.
Por outro lado, os autores do blog non son responsables dos comentarios que os lectores poidan enviar. Todos aqueles comentarios obscenos, ofensivos contra persoas, crenzas ou ideas, ou contrarios á Lei serán eliminados en canto teñamos coñecemento deles.
Avísanos para axudarnos a cumprir estes compromisos.