27/10/25

Nabos e cabazas

A nosa biblioteca organiza un concurso de decoración de cabazas, que serán expostas esta semana do Samaín. Animádevos, deixade voar a parte máis terrorífica e creativa da vosa imaxinación, e entregade as vosas creacións na biblioteca.

(Nabo esculpido a modo de cabeza de fantasma.
Foto do Museo Nacional de Irlanda)

Se vos preguntades a que obedece este costume, teriamos que lembrar de onde procede esta festividade e as súas adaptacións nas culturas que coñecemos, a nosa e a anglosaxona que nos ten colonizados a través dos medios de comunicación e entretemento.

Tradición católica
Na inmensa maioría de culturas antigas xa se rendía culto ou facíase lembranza das figuras dos nosos antepasados falecidos. No século X, un frade benedictino, Odilón de Cluny, recolleu un costume que levaba anos funcionando en zonas de Alemaña e instituíu un día sinalado a tal efecto, o 2 de novembro. A Igrexa de Roma foino xeralizando a partires do século XVI, enlazando co Día de Tódolos Santos que se celebraba o 13 de maio e cambiou para o 1 de novembro, e así foi chegando ata a festividade que hoxe coñecemos como o Día dos Fieis Defuntos. Desta festividade, e coa exportación do catolicismo polos conquistadores europeos a América, xurdiron outras tan vistosas e cheas de cor como o Día dos Mortos de México que tantas veces temos visto en documentais, series ou películas como esa fermosa xoia da animación tan recomendable que é Coco.

Samaín/Halloween. Viaxe de ida e volta
Na tradición celta, a noite do Samhain (fin do verán, en gaélico) era especial, xa que a fronteira entre o mundo dos vivos e o dos mortos diluíase nas sombras e as ánimas do outro lado. Existía o costume de facer fogueiras para protexer aos vivos (e queimar os restroballos da fin da tempada da colleita, que era a razón practica e menos espiritual do asunto) e outros rituais de orixe pagá.
O das cabazas veu cando a tradición deu o salto para os Estados Unidos a mediados do s. XIX cos emigrantes, maioritariamente irlandeses, que fuxían das grandes fames provocadas pola crise das pragas que arrasaron os cultivos de patacas en Irlanda e Gran Bretaña. E despois, como todo o que nos chegou do outro lado do Atlántico vía cine e televisión, recuperamos a festa como Halloween e desde uns anos atrás, coa súa denominación orixinal, aínda que con toda a parafernalia importada, tampouco imos poñernos tan puntillosos, que o que queremos é andar de troula.
(Halloween é unha contración da tradución do Día de Tódolos Santos, All Hallows' Eve, a súa véspera para ser exactos.)
Pero aínda nos explicamos o das cabazas e tampouco o título desta entrada, así que imos co tema.
O das cabazas fíxose nos EE.UU. pola abundancia deste cultivo, pero a tradición orixinal deste lado do Atlántico usaba nabos, como o da foto. Podedes consultar aquí a historia de Jack-o'-Lantern, da que existen varias versións, pero coincidentes en que andaba deambulando entre o ceo e o inferno (non foi moi bo en vida e non o querían no ceo, pero tivo un problema co demo que tampouco acabou ben e tamén quedou excluido do inferno) alumeando cunha vela no interior dun nabo esculpido a modo de lámpada como podería ser o da foto. Esta lenda acabou fundíndose coa tradición das fogueiras e acabou xerando o costume de poñer nabos alumeando o exterior das casas e os camiños na noite do Samaín para protexer aos vivos das ánimas que visitaban este lado aproveitando que a fronteira entre ambos mundos desaparecía.

Unha vez dada esta pequena nota histórica, lembrámosvos outra vez que podedes participar no concurso de decoración de cabazas, e por suposto, se alguén quere presumir de fidelidade histórica, tamén pode traer un nabo. Oíche Shamhna shona!

Ningún comentario:

Compromisos

Sempre que for posible, neste blog informaremos da autoría de textos, fotos e demais material audiovisual, que en todo caso é empregado con finalidade educativa e sen lucro. Se houber algo suxeito a dereitos de autor ou outras restricións, por favor, facédenolo saber para retirármolo o antes posible.
Por outro lado, os autores do blog non son responsables dos comentarios que os lectores poidan enviar. Todos aqueles comentarios obscenos, ofensivos contra persoas, crenzas ou ideas, ou contrarios á Lei serán eliminados en canto teñamos coñecemento deles.
Avísanos para axudarnos a cumprir estes compromisos.