11/09/25

Bo día ou bos días? Os saúdos en galego

Neste artigo, imos explorar as fórmulas máis habituais para saudar e despedirse en galego, tanto as máis formais como as máis coloquiais. Así poderás escoller a máis axeitada en cada contexto e comunicarte con naturalidade, sexa nun ámbito profesional, entre amizades ou no día a día.

Saúdos en galego

O saúdo máis habitual en galego, tanto en contextos formais como informais, é un simple ola, usado en calquera momento do día. Se queremos ser máis específicos, empregamos fórmulas como bo día, pola mañá, boa tarde, desde o mediodía ata a noite, e boa noite, cando xa é de noite ou antes de marchar a durmir.

Como curiosidade, antigamente era común saudar facendo un chapeirazo, un xesto que consistía en levantar lixeiramente o chapeu e facelo oscilar en sinal de respecto. Este saúdo, moi habitual entre homes, era especialmente frecuente en contextos formais ou cando se saudaba unha persoa de maior idade ou rango.

Ollo! As formas bos días, boas tardes, boas noites non son incorrectas, mais non se recomenda o seu uso. Prefírese usar a forma en singular ao igual que se fai noutras linguas románicas: bonjour (francés), buongiorno (italiano) e bom dia (portugués).

Despedidas en galego

Á hora de despedirse en galego, temos varias opcións segundo o grao de confianza e a situación. As máis habituais son abur, unha despedida coloquial e moi común, adeus, máis neutra e universal, e chao, unha forma informal compartida con outras linguas.

Tamén podemos empregar expresións que indican que nos veremos máis tarde, como deica agora (vémonos en seguida), deica logo (ata logo), ou deica un pouco (vémonos en breve). Estas fórmulas, propias do galego, engaden matices de proximidade e espontaneidade ás nosas despedidas.

Ningún comentario:

Compromisos

Sempre que for posible, neste blog informaremos da autoría de textos, fotos e demais material audiovisual, que en todo caso é empregado con finalidade educativa e sen lucro. Se houber algo suxeito a dereitos de autor ou outras restricións, por favor, facédenolo saber para retirármolo o antes posible.
Por outro lado, os autores do blog non son responsables dos comentarios que os lectores poidan enviar. Todos aqueles comentarios obscenos, ofensivos contra persoas, crenzas ou ideas, ou contrarios á Lei serán eliminados en canto teñamos coñecemento deles.
Avísanos para axudarnos a cumprir estes compromisos.