12/06/25

O nome das árbores froiteiras en galego: da abeleira ao kiwi

 O galego, como lingua enraizada na terra e no mundo rural, conta cun léxico riquísimo para referirse ás árbores froiteiras. Mais, sabes como se chaman realmente as árbores que dan froita en galego?

Neste artigo de As Chaves da Lingua , imos explorar os nomes das árbores froiteiras en galego, dende as máis coñecidas até algunhas curiosidades que quizais nunca escoitaches.

abeleira

A árbore que dá abelás pode chamarse abeleira ou abraira, dependendo da zona. A abeleira é unha árbore ou arbusto de folla caduca, moi común nos bosques galegos, especialmente en zonas húmidas e sombrizas.

albaricoqueiro

A árbore que dá albaricoques chámase albaricoqueiro, nome que procede do árabe al-barqúq, que á súa vez vén do latín tardío praecoquum, que significa “maduro cedo”, en referencia á súa rápida maduración.

ameixeira

A árbore que dá ameixas é a ameixeira, mais existen varias variantes segundo a especie, como ciroleira, que dá cirolas, claudieira, que produce claudias (ameixas amareladas e doces), e fatoeiro, outro nome tradicional para certas variedades. As ameixeiras son moi apreciadas tanto polo seu froito, utilizado en sobremesas, marmeladas e pratos salgados, como pola súa beleza ornamental. Adaptadas ao clima atlántico, estas árbores son comúns en hortas e leiras galegas.

amendoeira

A árbore que dá améndoas en galego chámase amendoeira, nome que vén do latín amygdalaria, derivado de amygdala, palabra de orixe grega (amýgdalon).

castiñeiro

A árbore que dá castañas é o castiñeiro, castañeiro ou castiro. Esta árbore é unha das máis emblemáticas de Galicia, formando parte da paisaxe rural e da cultura tradicional dende hai séculos.

Ademais da súa importancia gastronómica, o castiñeiro tamén se valora pola súa madeira, utilizada na carpintaría e na construción. Cada outono, a recollida de castañas segue a ser un evento especial, celebrado en festas tradicionais como o Magosto.

cerdeira

A árbore que dá cereixas chámase cerdeira. A cerdeira é unha das árbores froiteiras máis valoradas, tanto pola súa espectacular floración primaveral como pola calidade dos seus froitos doces e saborosos.

figueira



A figueira é a árbore que dá os figos. Existen variedades como a bevereira, que dá dous froitos ao ano: as béveras, que maduran a comezos do verán, e os figos de outono, que maduran a finais de setembro polo San Miguel, coñecidos tamén como migueliños.

laranxeira

A laranxeira é unha árbore perenne de orixe asiática, cultivada en moitas partes do mundo polo seu froito doce e zumarento. En Galicia, non é tan común como noutras rexións de clima mediterráneo, mais pode atoparse en xardíns e hortas dalgunhas zonas máis cálidas, como as Rías Baixas.

limeira

A limeira é unha árbore cítrica moi próxima ao limoeiro, mais os seus froitos, as limas, son máis pequenas, arredondadas e de cor verde ou amarela clara cando maduran.

limoeiro

A árbore que dá limóns é o limoeiro. O seu nome vén do latín medieval limonium, que á súa vez procede do árabe laymūn, reflectindo a orixe oriental desta árbore. Malia non ser unha árbore tradicionalmente galega, hoxe en día é común atopar limoeiros en hortas e xardíns, onde achegan non só froita senón tamén sombra e un aroma inconfundible.

maceira

A árbore que dá mazás en galego pode chamarse maceira, mazaira, maciñeira, macira ou mesmo pomar, dependendo da zona. O froito, a mazá, ten unha orixe etimolóxica moi curiosa, xa que non procede directamente do latín mālum, senón que deriva de “māla matiana”, unha expresión latina que designaba unha variedade de mazás moi apreciada na Roma antiga. O nome proviña de C. Matio, un personaxe da época ao que se lle atribúe a súa popularización.

mangueira

A árbore que dá mangas é a mangueira. O nome chegou a nós a través do portugués difundido en Europa polos navegantes portugueses no século XVI.

marmeleiro

A árbore que dá marmelos é o marmeleiro, nome que procede do latín melimelum, que á súa vez vén do grego melímēlon, que significa “mazá doce”. Esta denominación reflicte o parentesco do marmelo con outras froitas como a mazá e a pera.

milgrandeira

A milgrandeira, aínda que non é moi popular en Galicia, é a árbore que dá granadas ou milgrandas e o nome desta froita procede do latín Punica granatum.

nespereira

A árbore que dá nésperas chámase nespereira. O seu froito, ademais de néspera, tamén recibe os nomes de níxaro ou nixo en diferentes zonas de Galicia. A nespereira é unha árbore de orixe asiática que se adapta ben aos climas temperados, polo que é máis frecuente no sur de Galicia e nas zonas costeiras.

nogueira

A árbore que dá noces chámase nogueira. Trátase dunha árbore de grande porte e folla caduca, moi apreciada tanto polo seu froito como pola calidade da súa madeira.

oliveira

A árbore que dá olivas chámase oliveira. Trátase dunha das árbores máis emblemáticas do Mediterráneo, mais tamén se pode encontrar en Galicia, especialmente no sur, en zonas como Quiroga ou Ourense, onde o clima é máis seco e cálido.

pereira

A árbore que dá peras en galego chámase pereira. É unha árbore moi cultivada en Galicia, especialmente en hortas e leiras familiares, xa que as súas froitas son resistentes e adaptadas ao clima atlántico.

pexegueiro

A árbore que dá pexegos en galego chámase pexegueiro. O froito, o pexego, caracterízase pola súa pel aterciopelada e a súa polpa doce e zumarenta. En moitas partes de Galicia tamén se coñece a variante pavía, que designa un tipo de pexego de carne máis firme e sabor intenso.

plataneiro

A árbore que dá os plátanos en galego pode recibir varios nomes: plataneiro, bananeira ou, simplemente, plátano. Aínda que en Galicia o plátano non é unha froita de cultivo tradicional, en zonas con climas máis cálidos, como as Rías Baixas, pódese ver algunha bananeira ornamental.

kiwi

A árbore que dá os kiwis chámase kiwi, igual que o seu froito. O seu nome procede dunha adaptación do inglés kiwifruit, termo acuñado no século XX. Curiosamente, kiwi xa existía como palabra antes de designar esta froita, pois en maorí é o nome dun paxaro autóctono de Nova Zelandia. O nome do froito adoptouse porque a súa pel marrón e con peluxe lembraba a aparencia deste animal.

11/06/25

Como cada ano...

13 paxaros para descubrir esta primavera

 Coa chegada da nova estación é unha gozada escoitar os paxariños ao amencer. Por iso mesmo As chaves da lingua, a seguir,  nos fala dalgunhas das aves máis frecuentes na nosa terra acompañadas de cantares e refráns que amosan a súa presenza na cultura popular galega.

Xílgaro

Nome: (Carduelis carduelis) barroso, picacardos, pintasilgo, pintaxilgo ou xílgaro

Canta tu, gorxa de xílgaro,
que a do merlo xa cantou;
o cantar é alegría,
eu sempre a cantar estou.

Pardal

Nome: (Passer domesticus) gorrión ou pardal

Por riba dunha cerdeira
estaba un pardal cantando
e mofábase de min
por ire por ti chorando.

Refráns:

  • Cada pardal co seu igual.
  • Por medo ós gorrións, non quedan sen sementar os leirós.

Bubela

Nome: (Upupa epops) bubela, galo merdeiro, galo merdento ou galo merdoso

Refráns:

  • Cando canta a bubela, amaña todo para a sega.
  • Cando oias a bubela, deixa os bois e colle a gavela.
  • Se en marzo non canta o cuco, nin en abril a bubela e a ruliña non rulea, mala colleita se espera.
  • Se por San Xosé a bubela non vén, catala morta ou algo ten.

Anduriña

Nome: (Hirundo rustica) andoriña ou anduriña

Refráns:

  • Amigo polo seu proveito, andoriñas no teito.
  • Andoriña a rente da auga, choiva na cama.
  • Andoriña que alta voa non teme que chova.
  • Andoriña que voa a rentes da terra, chuvia venta.
  • Anduriñas arrentes da auga, chuvia na praia.

Cegoña

Nome: (Ciconia ciconia) cegoña

Refráns:

  • Día de San Paio, a cegoña nos prados.
  • O día de San Xoán saen os cegoniños a voar.
  • Por San Paio, cegoniños nos agros.
  • Por San Xoán pitos de cegoña a revoar.

Corvo

Nome: (Corvus corax) corvo

Din que a reina está sentada
que ten a barriga dura:
vai traer para Maio
un corvo e mais unha rula!

Refráns:

  • Cando o corvo canta e o carballo zoa, Virxe Nosa Señora, case sabe a broa!
  • Cando o corvo corvea, o lobo rodea.
  • Corvos en bandada, ou sombra ou preada.
  • Corvos veñen, preada hai.

Cuco

Nome: (Cuculus canorus) cuco

Catro aves voadoras
son as que pasan o mar:
a anduriña e mailo cuco;
a rula i o paspallás.

Refráns:

  • Coa chegada do cuco vén o pan ó suco.
  • En abril sae o cuco do cubil.
  • Entre marzo e abril o cuco ha de vir.

Paporrubio

Nome: (Erithacus rubecula) paparrubio, paparruxa, paporroi, paporroibo, paporroxo, paporrubio, peizoque, paifoco ou pisco.

O pisco e maila carriza
trataron unha beillada,
cando o pisco daba voltas
a carriza punteaba.

Di a tradición que cando chegaba o inverno e as neves cubrían o Cebreiro, as avoas ao ver un paporroibo dicíanlles aos cativos: “estes paxariños veñen visitarnos para lembrarnos que por moi cativo que sexas, se levas o lume ben acendido no corazón, non hai frío que te conxele”.

Pega

Nome: (Pica pica) pega, pega rabuda ou pega rabilonga

Canta a rula, canta a rula,
canta no niño da pega:
non sei se será sinal
de que vén a morte negra.

Refráns:

  • Onde a pega ten o ollo, alí ten o seu ovo.
  • Quen anda ás pegas atópaas brancas e negras.
  • Tanto pica a pega no trobisco, que creba o pico.

Carrizo

Nome: (Troglodytes troglodytes) carriza, carrizo, garrizo, pitorrei ou tinque.

Sei dun niño de carrizo
no cañoto dun repolo,
déronme as mozas con il,
levaron cañoto e todo.

Teño un niño de carrizo
metidiño nunha xesta,
se as nenas me dan con el
Ai, meu Deus!, que teñen festa.

Curuxa

Nome: (Tyto alba) curuxa

Canta a curuxa no souto:
coitadiño do que espera
polo que está nas maus doutro!

Refráns:

  • Auga noitega, curuxa tardega.
  • Curuxa noiteira, malladores á eira.
  • Curuxa tardega, auga noitega.

Miñato

Nome: (Buteo buteo) bexato, bouxato, buxato, buxarelo, bouxarelo, miñato, lamego ou lamote.

Refráns:

  • Mal anda o miñato cando ten as ás rotas e o papo sano.
  • O miñato ponse fraco vendo os paxaros e cobizándoos.

Lavandeira

Nome: (Motacilla alba) albardeira, alindadora, costureira, labradora, lavandeira, lavandisca, pastoriña, paxariña da neve ou rebandoira.

06/06/25

O home do saco (Proxecto Competencial 1ºESO-B)

Concurso de microrrelatos: 1º Premio. Nivel 1

 Para Lara García Pérez foi o 1º premio do Nivel 1 (1º e 2º de ESO) do Concurso de Microrrelatos convocado polo Departamento de Lingua  e o EDL para celebrar o Día das Letras Galegas 2025

 

A avoa é pura alegría. Ninguén lle quita o sorriso da cara. Tanto lle ten a situación, que sempre escoitarás as súas gargalladas resoar polo aire. Mamá dime que cando a avoa morra, as flores da súa tumba xamais se secarán grazas ás súas bágoas de tanto rir, aínda que eu non lle vou poñer rosas ou algo diso, senón que poñerei silveiras cada semana como ela pediu.

A verdade é que non sei por que estou a falarvos da futura futurísima morte da miña avoa, xa que está aquí, ó meu carón, na cociña de leña, preparando o seu caldo de grelos feiticeiro.

Ela toma moi en serio a elaboración deste delicioso manxar. Sempre segue os mesmos pasos: pon a auga a ferver con todas esas verduras propias da súa horta que a min non me chaman moito; mentres, ata o mandil nas costas cun bonito lazo parecido ao que sempre me fai nos zapatos para ir xogar con Carlota, a miña galiña preferida; despois acende a radio vella do avó que está gardada na vitrina xunto coas súas fotos enmarcadas e as antigas pertenzas do avó. 

A avoa sempre escolle a mesma cadea de radio, na que soan cantigas galegas. Ela di que hai anos a súa voz era tan incríbel como a das cantareiras que escoitamos xuntas. A avoda di que agora non está en condicións de seguir o seu ritmo de ensaio, mais que a paixón e o amor pola arte da súa terra descansará con ela para sempre.

05/06/25

As Parcas (Proxecto Competencial 1ºESO)

Concurso de microrrelatos: 1º Premio. Nivel 2

 Daniel Longarela Núñez obtivo o 1º premio do Nivel 2 (3º e 4º de ESO) no Concurso de Microrrelatos convocado polo Departamento de Lingua  e o EDL para celebrar o Día das Letras Galegas.

 Na aldea de Xesteira, xunto á silveira que bordea o río, vivía unha cantareira chamada Lúa. Cada mañá, vestía o seu mandil de liño azul e saía a cantar coas mans cheas de flores. A súa voz espallaba alegría polos camiños, facendo sorrir aos vellos e bailar aos nenos. Dicían que era feiticeiro o seu canto, que tiña maxia antiga. As mulleres collían flores mentres a escoitaban, e os homes paraban de traballar só por sentila. Un día desapareceu entre as árbores, deixándonos só o eco da súa melodía, que aínda hoxe frota no ar, pura e doce coma un segredo.

04/06/25

Mitos de Auga (Proxecto Competencial 2ºESO)

Concurso de Microrrelatos: 2º Premio. Nivel 1

María Nogareda Sánchez, de 1ºESO B foi premiada co 2º premio do Nivel 1 (1º e 2º de ESO) no Concurso de Microrrelatos convocado polo Departamento de Lingua  e o EDL para celebrar o Día das Letras Galegas.

Recordo as tardes na casa d amiña avoa, unha muller que sempre desprendía alegría no seu rostro. Aquela lonxeva muller que defendía o noso idioma, o galego, soía dicir que a linguaxe era un feitizo, dicía que a forma na que nos expresamos descríbenos como persoas, e que deberiamos falar nesta lingua que nos acompaña desde que somos cativos.
Un día sentei con ela no xardín, a miña avoa sempre soía poñerse á sombra, preto dunha silveiras, comezou a contarme unha historia dunhas mulleres ás que nomeaban cantareiras; a miña avoa dicía que eran un claro exemplo de esperanza, xa que segundo ela os mozos de hoxe en día xa non nos decatamos do importante e esencial que é a terriña galega. Contaba que as cantareiras cos seus mandís, os seus panos e as súas zocas cantaban melodías fermosas que enfeitizaban a todo aquel que as oíra.
Lembro que cando marchei da súa casa quedei pensando como hoxe en día non seguimos defendendo o galego, porque agora parece que case non importa a nosa lingua; seguín reflexionando e decateime tamén de que na actualidade somos libres para expresarnos como queiramos, pero en tempos anteriores non foi así, pero de todos xeitos no pasado houbo quen defendeu a lingua, porque o galego é un símbolo da cultura e sempre formará parte de nós.

02/06/25

Concurso de microrrelatos: 2º Premio. Nivel 2

 Olivia Vázquez Zapata obtivo o 2º premio do Nivel 2 (3º e 4º de ESO) no Concurso de Microrrelatos convocado polo Departamento de Lingua  e o EDL para celebrar o Día das Letras Galegas

 

Cada vez que visito a casa da miña avoa non podo evitar recordar con moita nostalxia todos os momentos que vivimos xuntas.

Recordo que ela era unha excelente cantareira e pretendía que eu tamén o fose, e, aínda que naqueles momentos non o apreciei, agora daría todo por deixar que ela me ensinase.

Cando eu chegaba da escola, ía con ela ao xardín a coller do tendedeiro, que estaba algo máis adiante da enorme silveira que ocupaba o patio, un mandil moi parecido ó dela.

Ela pasaba toda a tarde recitando cancións que parecían mesmo feitizos, e a pesar de que non volverei vivir eses momentos, sempre os recordarei cunha enorme alegría. 

29/05/25

Concurso de relatos: alumnado premiado

 Os alumnos e alumnas que resultaron premiados no CONCURSO DE RELATOS CURTOS que como cada ano convoca o EDNL en colaboración co Departamento de Lingua Galega do IES Río Miño de Rábade polo DÍA DAS LETRAS GALEGAS son os seguintes:

Nivel 1 (1º e 2º ESO):

  • Primeiro premio (diploma e vale de 15,00 €): Lara García Pérez (2º ESO B) 
  • Segundo premio (diploma e libro en galego): María Nogareda Sánchez (1ºESO B) 

Nivel 2 (3º e 4º ESO) :

  • Primeiro premio (diploma e vale de 15,00 €): Daniel Longarela Núñez (3º ESO A) 
  • Segundo premio (diploma e libro en galego): Olivia Vázquez Zapata (3º ESO B) 

Parabéns a todos e todas. Proximamente iremos publicando aquí os relatos premiados.

20/05/25

Día Mundial das Abellas

 As abellas son imprescindibles para a supervivencia dos ecosistemas

🐝 O 75% de cultivos dependen de polinizadores
🐝 Sen elas estarán en perigo 25.000 especies de plantas 𝗖𝗮𝗱𝗮 𝗲𝘀𝗽𝗲𝗰𝗶e conta

As chaves da lingua: a ver, a ver...

 

Hai erros que se ven por todas partes, e a confusión entre haber e a ver é un dos máis comúns, tanto en galego como en castelán. A pesar de que soan igual, teñen significados moi distintos e nunca se poden empregar de maneira intercambiable. Neste artigo explicamos de forma clara e sinxela cando usar cada un para que non volvas dubidar.



Cando se usa “haber”?

O verbo haber en galego úsase en contextos moi concretos. Por exemplo, para indicar existencia.

Exemplos:

  • Debe haber moita xente na festa.
  • Pode haber máis dunha resposta a esa pregunta.

Cando se usa “a ver”?

A expresión a ver está composta da preposición a + o verbo ver e utilízase en múltiples contextos. Aquí tes os usos máis habituais:

Para expresar expectativa ou intención de comprobar algo:

  • A ver se chove mañá.
  • A ver cando nos vemos!

Para pedir que alguén mostre ou faga algo:

  • A ver, ensíname esa foto!
  • A ver como che quedou o traballo.

Para chamar a atención ou iniciar unha frase:

  • A ver, explicocho outra vez.
  • A ver, non me quedou claro o que dixeches.

Como sinónimo de imos ver ou vexamos:

  • A ver que podemos facer para solucionalo.
  • A ver como saímos disto!

En todos estes casos, a ver mantén a idea de mirar, observar ou esperar algo. Se se pode substituír por imos ver, significa que vai con “v”, nunca con “h”!

Truco rápido para evitar o erro.

Se tes dúbidas entre escribir haber ou a ver, proba a substituílo por imos ver ou vexamos:

  • A ver se mañá vai sol. (Imos ver se mañá vai sol.) ✅
  • Debe haber unha ducía de persoas agardando. (Debe imos ver unha ducía de persoas agardando.) ❌

A partir de agora, xa non hai escusas para escribir mal estas dúas formas!

Compromisos

Sempre que for posible, neste blog informaremos da autoría de textos, fotos e demais material audiovisual, que en todo caso é empregado con finalidade educativa e sen lucro. Se houber algo suxeito a dereitos de autor ou outras restricións, por favor, facédenolo saber para retirármolo o antes posible.
Por outro lado, os autores do blog non son responsables dos comentarios que os lectores poidan enviar. Todos aqueles comentarios obscenos, ofensivos contra persoas, crenzas ou ideas, ou contrarios á Lei serán eliminados en canto teñamos coñecemento deles.
Avísanos para axudarnos a cumprir estes compromisos.