06/06/25

Concurso de microrrelatos: 1º Premio. Nivel 1

 Para Lara García Pérez foi o 1º premio do Nivel 1 (1º e 2º de ESO) do Concurso de Microrrelatos convocado polo Departamento de Lingua  e o EDL para celebrar o Día das Letras Galegas 2025

 

A avoa é pura alegría. Ninguén lle quita o sorriso da cara. Tanto lle ten a situación, que sempre escoitarás as súas gargalladas resoar polo aire. Mamá dime que cando a avoa morra, as flores da súa tumba xamais se secarán grazas ás súas bágoas de tanto rir, aínda que eu non lle vou poñer rosas ou algo diso, senón que poñerei silveiras cada semana como ela pediu.

A verdade é que non sei por que estou a falarvos da futura futurísima morte da miña avoa, xa que está aquí, ó meu carón, na cociña de leña, preparando o seu caldo de grelos feiticeiro.

Ela toma moi en serio a elaboración deste delicioso manxar. Sempre segue os mesmos pasos: pon a auga a ferver con todas esas verduras propias da súa horta que a min non me chaman moito; mentres, ata o mandil nas costas cun bonito lazo parecido ao que sempre me fai nos zapatos para ir xogar con Carlota, a miña galiña preferida; despois acende a radio vella do avó que está gardada na vitrina xunto coas súas fotos enmarcadas e as antigas pertenzas do avó. 

A avoa sempre escolle a mesma cadea de radio, na que soan cantigas galegas. Ela di que hai anos a súa voz era tan incríbel como a das cantareiras que escoitamos xuntas. A avoda di que agora non está en condicións de seguir o seu ritmo de ensaio, mais que a paixón e o amor pola arte da súa terra descansará con ela para sempre.

Ningún comentario:

Compromisos

Sempre que for posible, neste blog informaremos da autoría de textos, fotos e demais material audiovisual, que en todo caso é empregado con finalidade educativa e sen lucro. Se houber algo suxeito a dereitos de autor ou outras restricións, por favor, facédenolo saber para retirármolo o antes posible.
Por outro lado, os autores do blog non son responsables dos comentarios que os lectores poidan enviar. Todos aqueles comentarios obscenos, ofensivos contra persoas, crenzas ou ideas, ou contrarios á Lei serán eliminados en canto teñamos coñecemento deles.
Avísanos para axudarnos a cumprir estes compromisos.