A Real Academia Galega mantén activa dende o pasado mes de xaneiro a sección dedicada á protagonista do Día das Letras Galegas 2024, na que reúne distintos contidos divulgativos sobre a súa vida e a súa obra. Entre eles destacan a serie documental web Luísa Villalta, a rebelión da palabra, seis episodios nos que máis dunha vintena de voces trazan un retrato coral sobre a poeta, narradora, ensaísta e articulista coruñesa á que a institución lle dedica o vindeiro 17 de maio; e a biografía da homenaxeada que asina a académica de número ana Romaní.
Primavera das Letras é outro dos proxectos centrais da RAG arredor da autora, neste caso con materiais concibidos para o público infantil. Nesta web a Academia ofrece Violino, Inglesa e o libro xigante. Pequena biografía de Luísa Villalta, unha historia de Xoán Babarro e Ana María Fernández ilustrada por Óscar Villán, así como actividades interactivas ou fichas para colorear.
A través de Primavera das Letras, a RAG convoca ademais o concurso escolar Contádenos o voso Día das Letras 2024. A iniciativa diríxese a todos os centros escolares que impartan educación infantil e primaria e ao alumnado con necesidades especiais de apoio educativo, que poderán presentar os seus traballos sobre Luísa Villalta e a celebración da gran festa da nosa cultura ata o vindeiro 7 de xullo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario