Bo día, lectores e demais xente que pisades a nosa biblioteca!
Hoxe é 23 de abril e celebramos un dos días grandes deste espazo do centro. Pero, por que hoxe e non outro día calquera do ano?
Orixe
A orixe da celebración pódese situar na Cataluña do século XV, na chamada Diada de Sant Jordi, data na que os namorados tiñan como costume regalar ás súas amadas unha rosa vermella, símbolo do sangue do dragón que matou San Jordi/Xurxo (ver despois a explicación completa).En febreiro de 1926, o goberno de Miguel Primo de Rivera aprobou a celebración do Día do Libro, que empezou sendo o 7 de outubro, aniversario do nacemento de Miguel de Cervantes, pero xa no 1930, alguén caeu na conta de que podía ser un bo punto comercial xuntar a tradición de regalar rosas coa feliz coincidencia de que a morte de Cervantes tamén fora o 23 de abril, co cal a tradición modificouse e nun xesto de igualdade pouco común na época, as namoradas tomaron como costume agasallar aos seus amados cun libro en correspondencia co de recibir rosas.
O dragón
Di a lenda que San Xurxo foi un soldado romano orixinario da Capadocia (actual Turquía), o que crea confusión con outro Xurxo de Capadocia (arcebispo arriano que usurpou o arcebispado de Alexandría medio século despois da morte do primeiro). Seguindo a lenda, durante a persecución dos cristiáns por parte do emperador Diocleciano, Xurxo formaba parte da garda persoal do emperador e despois de confesar a súa fe, negouse a renunciar a ela, polo que foi executado por orde do emperador o 23 de abril do ano 303.
Moito máis tarde, no século IX, xorde a lenda do dragón. A historia pode formar parte dun mito común a varias culturas e que tomaría varias formas. Neste caso conta que, no que sería hoxe Beirut, capital do Líbano, un dragón fixo o seu niño nunha fonte de auga que abastecía ao lugar. Os habitantes do lugar tiñan que ofrecer sacrificios diarios para alimentar o dragón e que este lles permitira ter auga, pero o que empezou sendo un par de ovellas pasou a ser un ser humano, ata que un día chegou a tocarlle ser ofrenda á princesa filla do rei local, a cal, cando estaba a punto de ser devorada pola besta foi salvada por Xurxo, que pasaba por alí nunha viaxe a cabalo (nin as pelis hollywoodienses teñen tal sentido da oportunidade), salvou á princesa e matou o dragón. E aquí é onde aparece a rosa, que brotou no chan onde foi derramado o sangue do dragón. (Se estas alturas non se ve o porqué de repetir tanto a palabra lenda, xa non sabemos que máis se pode explicar.)
Shakespeare
 |
| (Shakespeare. imaxe de Wikipedia) |
Despois destes datos, xa temos claro que o que se di de que o Día do Libro veña da conmemoración da morte no mesmo día de William Shakespeare e Miguel de Cervantes ten unha parte de verdade. pero non é así e a razón xa está explicada
aquí. De todas maneiras, ímoslle dar outra volta ao asunto.
Para empezar, Shakespeare e Cervantes non morreron o mesmo día. Nominalmente si, pero non na realidade, porque Inglaterra aínda non tiña adoptado o calendario gregoriano en 1616, non o fixeron ata 1752, mentres que España xa levaba uns trinta anos vixentes. Polo tanto, William Shakespeare, morreu un 23 de abril, pero, a efectos do noso calendario, o seu 23 de abril foi o 3 de maio de Cervantes, e cando o inglés morreu, o español xa levaba dez días enterrado.
Como curiosidade macabra, lembrar que o autor inglés morreu o día do seu aniversario, xa que tamén nacera un 23 de abril. Na súa tumba deixou un epitafio no que quedaba claro que quería descansar eternamente: "Bos amigos, polo amor de Xesús, deixádevos levar, de escavar os ósos
aquí encerrados! Bendito sexa o home
que perdoe estas pedras, E maldito sexa o que
mova os meus ósos."
O da efectividade da maldición non está comprobado, pois hai investigadores que sosteñen que o cranio do escritor foi roubado da tumba a finais do século XVIII.
Pola contra, o da tumba de Cervantes non estaba tan claro, hai hoxe unha sepultura no convento das Trinitarias en Madrid na que hai unha mestura de ósos de supostamente ata quince persoas diferentes e, tamén supostamente, unha delas sería o autor do Quixote e o resto, familiares varios.
Ningún comentario:
Publicar un comentario