28/01/26

Xogos de mesa

 

Os xogos de mesa son unha excelente forma de pasar o tempo en compañía, aprender novas habilidades e divertirse. Se a todo isto lle sumamos a posibilidade de xogar en galego, o pracer é dobre. 

Neste artigo, con As chaves da Lingua vas descubrir algúns dos mellores xogos en galego.




Cursos.gal

Cursos.gal ofrece unha serie de xogos en galego pensados para reforzar vocabulario e mellorar a comprensión escrita mentres te divirtes.

Nesta páxina atoparás sopas de letras, enforcados e encrucillados, todos eles deseñados para que practiques palabras sobre animais, plantas, tradicións, vivenda, xogos, deportes e moito máis.

Pensatermos

A Mesa pola Normalización Lingüística lanzou Pensatermos, un xogo ameno e gratuíto para entreterse a calquera hora do día e que consiste en formar palabras a través de sete letras, sendo unha delas de uso obrigatorio.

Wordle galego

Wordle Galego é un xogo en liña de adiviñanza de palabras onde os xogadores teñen que descubrir unha palabra oculta de cinco letras nun máximo de seis intentos. O obxectivo é atopar a palabra correcta usando a lóxica e as pistas proporcionadas por cada intento. Hai dúas versións do Wordle, a primeira é máis doada porque na segunda versión as palabras poden levar acento.

Logaliza



O xogo Logaliza é similar a Worldle, mais nesta ocasión amosa imaxes representativas de comarcas galegas. Os xogadores teñen catro intentos con pistas sobre a distancia e dirección para adiviñar o lugar.

GaliGuessr

Galiguessr é un quiz interactivo de xeografía de Galicia en que tes que adiviñar distintas localizacións. O obxectivo é marcar no mapa o punto que cres correcto e gañar puntos segundo a proximidade á localización real. Podes escoller entre diferentes modos de xogo, como comarcas, concellos, vilas e cidades, ríos, natureza ou 100 % azar. É unha ferramenta perfecta para explorar Galicia, aprender xeografía e divertirse.

Aplicacións para o móbil

Ximnasio Léxico

RAG creou unha innovadora aplicación de xogos lingüísticos baseada no seu propio Dicionario, dispoñible para dispositivos móbiles en Android e iOS chamada Ximnasio Léxico.

Esta aplicación ofrece dúas modalidades principais: adestrar e competir. Unha vez que as persoas xogadoras se senten preparadas, poden pasar á competición, que está estruturada en tres niveis de dificultade (inicial, medio e superior), o que garante un reto adecuado para cada nivel de coñecemento da lingua galega.

Xogos de mesa en galego

Pido Papas



Pido Papas é unha web que ofrece pasatempos en galego, como sopas de letras e escape rooms para imprimir, dirixidos a todas as idades.

Vacaloura

Vacaloura é un xogo de mesa para aprender, practicar e mellorar coñecementos sobre lingua galega. Serve tanto para galegofalantes como neofalantes.

O xogo do picapau

O xogo do picapau é un xogo de mesa para poñen a proba os coñecementos sobre Galicia e sobre cultura xeral. Estas preguntas estrutúranse en catro bloques ou áreas temáticas: lingua e literatura; ciencias, xeografía e recursos; historia, cultura, persoeiros e tradicións; e cultura xeral. As tres primeiras categorías están centradas especificamente en Galicia.

O xogo complétase con xogos-desafío que poñen a proba diferentes habilidades das persoas participantes, como o debuxo ou a mímica.

Ti non es de aquí?

Ti non es de aquí? ten un formato parecido ao Trivial para poñer a proba os coñecementos sobre 5 áreas temáticas sobre Galicia (xeografía, lingua, literatura, historia, deporte…).

Baralla Galega

Baralla Galega é un xogo de cartas que versiona os catro paos da baralla tradicional coa vieira, a cunca de viño, o fouciño e o pemento de Padrón como os catro elementos representativos da nosa cultura popular.

Cordadas

Cordadas é un xogo creado por Muki no cal poden participar de 2 a 6 xogadores e aínda que a temática sexa a escalada e o alpinismo, calquera pode xogar xa que se basea nun código de cores. 

MemoFEM

MemoFem é un xogo de memoria feito por Avezar. Consta de 32 fichas correspondentes a 16 científicas e inventoras salientables e un póster cunha breve biografía sobre cada unha delas.

O gatipedro

Gatipedro é un xogo de axilidade mental onde os xogadores deben desfacerse das cartas o máis rápido posible. As cartas están baseadas en lendas de oito seres mitolóxicos galegos e deben ser colocadas de acordo coas súas historias.

Videoxogos en galego

Xogalego é un catálogo que recompila todos os videoxogos dispoñibles en galego. Cada ficha inclúe información detallada: plataformas onde está dispoñible, xénero, ligazóns de descarga…

Ningún comentario:

Compromisos

Sempre que for posible, neste blog informaremos da autoría de textos, fotos e demais material audiovisual, que en todo caso é empregado con finalidade educativa e sen lucro. Se houber algo suxeito a dereitos de autor ou outras restricións, por favor, facédenolo saber para retirármolo o antes posible.
Por outro lado, os autores do blog non son responsables dos comentarios que os lectores poidan enviar. Todos aqueles comentarios obscenos, ofensivos contra persoas, crenzas ou ideas, ou contrarios á Lei serán eliminados en canto teñamos coñecemento deles.
Avísanos para axudarnos a cumprir estes compromisos.