22/01/26

Novidades da biblioteca

Hoxe traemos un breve repaso por algunha das últimas incorporacións que temos no catálogo da biblioteca, algunhas delas novidades editoriais e outras non tanto, pero que aínda chegaron agora.


"La selva de los números" (Ricardo Gómez, 2000)
Para os máis novos do instituto, aínda que tamén pode ser interesante para os maiores, un libro que fala da importancia das matemáticas e a creatividade na resolución de problemas, así como de valores a ter en conta na vida diaria.

"Alicia en el país de las ideas" (Roger-Pol Droit, 2025)
Unha viaxe de introdución á filosofía nesta viaxe imaxinaria da man de Alicia, unha rapaza que nos levará polo mundo adiante a coñecer aos filósofos máis coñecidos na busca dunha frase que defina a súa vida e lle sirva para facer unha tatuaxe. Cal será?

"Na sala dos espellos" (Liv Strömquist, 2021)
Este título que fai lembrar a Kraftwerk, trae unha novela gráfica na que o tema é a relación que temos coa nosa imaxe, a tiranía que impón a sociedade sobre a mesma e un interesante repaso histórico das posibles orixes destas tendencias e da construción dos parámetros que temos para considerar atractiva a outra persoa.

"Made in Galiza" (Sechu Sende, 2007)
Un libro de relatos no que podemos ir reflexionando sobre o que somos como sociedade e os diversos aspectos que van sumando ata resumir o que somos os galegos. Todo desde un punto de vista que ben podería estar a medio camiño entre as observacións dun antropólogo e as dun humorista.

"Planilandia" (Edwin Abbott, 1884)
Un clásico da novela científica que baixo a aparencia dunha fantasía matemática sobre o manexo das dimensións e a percepción do mundo agocha unha sátira da sociedade victoriana británica de finais do século XIX, época da que data este pequeno relato.


Ningún comentario:

Compromisos

Sempre que for posible, neste blog informaremos da autoría de textos, fotos e demais material audiovisual, que en todo caso é empregado con finalidade educativa e sen lucro. Se houber algo suxeito a dereitos de autor ou outras restricións, por favor, facédenolo saber para retirármolo o antes posible.
Por outro lado, os autores do blog non son responsables dos comentarios que os lectores poidan enviar. Todos aqueles comentarios obscenos, ofensivos contra persoas, crenzas ou ideas, ou contrarios á Lei serán eliminados en canto teñamos coñecemento deles.
Avísanos para axudarnos a cumprir estes compromisos.