16/06/25

7 flores para descubrir esta primavera

 A primavera énchese de cores, arrecendos e pequenas marabillas que, ás veces, pasan desapercibidas. Neste artigo de As chaves da Lingua queremos prestarlle atención ás flores silvestres que forman parte da nosa paisaxe e tamén da nosa lingua. Moitas teñen múltiples nomes e algúns veñen con historia.

Velaquí tes 7 flores para redescubrir esta primavera e para chamalas polo seu nome.

O nome das flores en galego

Abeluria

Tamén coñecida como balocoborletacroquededaleiraestalotemilicroque ou sanxoán, é unha flor silvestre de cor violeta ou rosada, con pintas no interior que semellan deseños feitos a man. Crece nos claros dos montes e nas beiras dos camiños, onde chama a atención pola súa forma de campá.

O nome croque vén dun xogo moi popular: collelas e estoupalas na cabeza dalgún incauto, como quen dá un pequeno croque. Por iso, a moita xente tráelles lembranzas da súa infancia.

Cala

A súa flor branca, elegante e envolvente, parece sacada dun cadro. A cala, de nome científico Zantedeschia aethiopica, tamén é coñecida como cartuchocornos ou flor do xerro, dependendo da zona.

É unha das flores máis recoñecibles, presente en xardíns e cemiterios, mais tamén aparece en lugares húmidos e sombríos. Ten unha presenza serena, case solemne, que a converte nun símbolo de pureza, paz e elegancia.

Caravel

caravel, coas súas puntas rizadas e ese arrecendo intenso, foi sempre unha flor presente en celebracións, procesións e alfombras florais. Hai variedades brancas, rosas… mais o vermello leva consigo algo máis. Foi o símbolo da Revolução dos Cravos en Portugal, o 25 de abril de 1974, cando se colocaba nos fusís como sinal de liberdade.

Chorima

Se pensas na primavera en Galicia, seguro que pensas en montes cubertos de toxos. E cando florecen, vístense de chorimas, esas flores amarelas que tamén recibe o nome de chorida, segundo a zona.

Un detalle curioso é que os seus pétalos son comestibles. Poden engadirse a ensaladas ou usarse como decoración en pratos e teñen un lixeiro sabor doce.

Herba de namorar

Pequena, cunha flor de cor rosa e follas estreitas, a herba de namorar é un símbolo do amor nas zonas costeiras de Galicia. Medra entre pedras e zonas salgadas, onde poucas plantas se atreven a crecer. Leva séculos inspirando versos e declaracións. Din que regalar unha é prometer algo máis que amizade.

Neste artigo tes a lenda da herba de namorar. Bótalle unha ollada!

Mexacán

Tamén coñecido como carreloleitaregaleitarugaleitugapaciporca ou tarrelo, o mexacán é o nome popular galego para o Taraxacum officinale, esa flor silvestre que todos sopramos de cativos para pedir un desexo. A súa flor é amarela e cando se transforma nunha bóla de sementes brancas, énchese de maxia. Medra en calquera campo, beirarrúa ou fenda do chan, como símbolo de resistencia e presenza constante.

Ten propiedades medicinais recoñecidas dende hai séculos. É unha flor humilde, mais chea de vida e tradición.

Papoula

papoula é unha desas flores que non precisan presentación. Coa súa cor vermella intensa, como unha labarada no medio dos campos, anuncia a primavera con forza e delicadeza ao mesmo tempo.

É unha flor silvestre, fráxil, de pétalos finos como o papel, que bailan ao mínimo sopro de vento. Medra entre os cultivos, nas beiras dos camiños e, ás veces, semella que está onde non a chamaron… pero sempre queda ben.

Planta que debes coñecer si ou si

Hortelá

Non é só unha planta de cheiro fresco e intenso. A hortelá ou menta brava é tamén un remedio de sabedoría popular: se algunha vez te rozaches cunha ortiga, seguro que alguén che dixo que colleras un pouco de hortelá para aliviar a picadura. E funciona! Crece espontánea nas hortas e zonas húmidas e sempre dá gusto atopala.

A natureza fala. Só hai que saber escoitala… e nomeala. Se saes ao campo esta primavera, intenta recoñecer algunha destas flores e, sobre todo, chámaas polo seu nome en galego. Porque a lingua tamén florece cando a usamos!

13/06/25

Os mellores dicionarios de galego: recursos para falar e escribir mellor

 Cando falamos de dicionarios en galego, o primeiro que lle vén á cabeza a moita xente é o da Real Academia Galega. E con razón, é un recurso de referencia imprescindible. Pero hoxe co artigo de As Chaves da Lingua queremos ir un chisco máis alá.

Hai moitos outros dicionarios e ferramentas complementarias que poden ser tremendamente útiles tanto para quen xa fala galego con soltura como para quen está aprendendo. Dicionarios de sinónimos, bancos terminolóxicos, tradutores, dicionarios de pronuncia… En resumo, unha chea de recursos para escribir mellor, falar con máis precisión e evitar castelanismos.

Velaquí unha selección dos mellores dicionarios en galego que paga a pena coñecer.

Dicionario Castelán-Galego de Rinoceronte Editora

Se estás tentando escribir en galego sen caer nos castelanismos máis comúns, este é o teu aliado. Un recurso fundamental para traducir palabras do castelán ao galego, feito con coidado e sensibilidade lingüística. Axuda a atopar a forma máis adecuada en galego, sen caer en traducións literais ou interferencias do español. Ideal para persoas que escriben profesionalmente ou están en proceso de aprendizaxe.

Preme aquí para velo.

Digalego

Un dicionario moi completo que vai máis alá das simples definicións. Ademais de explicar o significado das palabras, inclúe frases feitas, expresións idiomáticas e mesmo refráns, o que o converte nun recurso estupendo para mergullarse na riqueza do galego falado e escrito. Perfecto para estudantes, profesorado ou calquera persoa curiosa coa lingua.

Preme aquí para velo.

TERGAL

Se escribes ou traduces en ámbitos científicos, técnicos ou especializados, este é o teu recurso clave. TERGAL é un banco de datos terminolóxico que recolle as denominacións galegas recomendadas para termos técnicos, con información conceptual, definicións claras e equivalencias noutras linguas (castelán, inglés, portugués…). É moi útil para evitar préstamos innecesarios e manter a terminoloxía rigorosa e en galego.

Preme aquí para velo.

BUSCatermos

Moi semellante ao TERGAL, BUSCatermos é outro recurso terminolóxico orientado ás linguas de especialidade. Destaca pola súa navegación intuitiva e a actualización constante dos rexistros. Ideal para profesionais, tradutores e tamén para docentes ou estudantes que traballen con textos técnicos.

Preme aquí para velo.

Dicionário Estraviz

Un dos dicionarios máis completos do galego dispoñibles en liña. A súa particularidade é que segue a normativa do galego reintegrado, polo que as buscas hai que facelas tendo en conta esta escrita. Aínda así, é unha fonte riquísima de información etimolóxica, sinónimos, variantes dialectais e moito máis. Moi útil para persoas interesadas na historia da lingua e na súa relación co portugués.

Preme aquí para velo.

Dicionario de pronuncia da lingua galega

Se queres saber como se pronuncia correctamente unha palabra en galego, este dicionario é o que necesitas. Inclúe transcrición fonética e opcións de audio, o que é perfecto para alumnado estranxeiro, para profesorado ou para persoas que queiran mellorar a súa expresión oral.

Preme aquí para velo.

Dicionario de sinónimos da lingua galega

Non che gusta andar repetindo sempre as mesmas palabras nos teus textos? Queres enriquecer o teu vocabulario? Este dicionario ofrece sinónimos e opcións máis precisas segundo o contexto. Moi útil para escritores, redactores, xornalistas ou calquera persoa que traballe co idioma.

Preme aquí para velo.

Dicionario de dicionarios

Dicionario de dicionarios (DdD) é unha colección de obras lexicográficas galegas dos séculos XIX e XX. Reúne nunha mesma plataforma unha ampla selección de dicionarios históricos, terminolóxicos e dialectais, ofrecendo un acceso rápido e sinxelo ás diferentes visións e usos da lingua galega ao longo do tempo. Máis que un dicionario tradicional, o DdD funciona como un gran buscador que permite consultar múltiples fontes de maneira simultánea, sendo unha ferramenta valiosísima para estudantes, investigadores, tradutores e amantes da lingua que desexen coñecer con detalle a riqueza e a evolución do galego.

Preme aquí para velo.

12/06/25

O trasno (Proxecto competencial 1ºESO)

O nome das árbores froiteiras en galego: da abeleira ao kiwi

 O galego, como lingua enraizada na terra e no mundo rural, conta cun léxico riquísimo para referirse ás árbores froiteiras. Mais, sabes como se chaman realmente as árbores que dan froita en galego?

Neste artigo de As Chaves da Lingua , imos explorar os nomes das árbores froiteiras en galego, dende as máis coñecidas até algunhas curiosidades que quizais nunca escoitaches.

abeleira

A árbore que dá abelás pode chamarse abeleira ou abraira, dependendo da zona. A abeleira é unha árbore ou arbusto de folla caduca, moi común nos bosques galegos, especialmente en zonas húmidas e sombrizas.

albaricoqueiro

A árbore que dá albaricoques chámase albaricoqueiro, nome que procede do árabe al-barqúq, que á súa vez vén do latín tardío praecoquum, que significa “maduro cedo”, en referencia á súa rápida maduración.

ameixeira

A árbore que dá ameixas é a ameixeira, mais existen varias variantes segundo a especie, como ciroleira, que dá cirolasclaudieira, que produce claudias (ameixas amareladas e doces), e fatoeiro, outro nome tradicional para certas variedades. As ameixeiras son moi apreciadas tanto polo seu froito, utilizado en sobremesas, marmeladas e pratos salgados, como pola súa beleza ornamental. Adaptadas ao clima atlántico, estas árbores son comúns en hortas e leiras galegas.

amendoeira

A árbore que dá améndoas en galego chámase amendoeira, nome que vén do latín amygdalaria, derivado de amygdala, palabra de orixe grega (amýgdalon).

castiñeiro

A árbore que dá castañas é o castiñeirocastañeiro ou castiro. Esta árbore é unha das máis emblemáticas de Galicia, formando parte da paisaxe rural e da cultura tradicional dende hai séculos.

Ademais da súa importancia gastronómica, o castiñeiro tamén se valora pola súa madeira, utilizada na carpintaría e na construción. Cada outono, a recollida de castañas segue a ser un evento especial, celebrado en festas tradicionais como o Magosto.

cerdeira

A árbore que dá cereixas chámase cerdeira. A cerdeira é unha das árbores froiteiras máis valoradas, tanto pola súa espectacular floración primaveral como pola calidade dos seus froitos doces e saborosos.

figueira



figueira é a árbore que dá os figos. Existen variedades como a bevereira, que dá dous froitos ao ano: as béveras, que maduran a comezos do verán, e os figos de outono, que maduran a finais de setembro polo San Miguel, coñecidos tamén como migueliños.

laranxeira

laranxeira é unha árbore perenne de orixe asiática, cultivada en moitas partes do mundo polo seu froito doce e zumarento. En Galicia, non é tan común como noutras rexións de clima mediterráneo, mais pode atoparse en xardíns e hortas dalgunhas zonas máis cálidas, como as Rías Baixas.

limeira

limeira é unha árbore cítrica moi próxima ao limoeiro, mais os seus froitos, as limas, son máis pequenas, arredondadas e de cor verde ou amarela clara cando maduran.

limoeiro

A árbore que dá limóns é o limoeiro. O seu nome vén do latín medieval limonium, que á súa vez procede do árabe laymūn, reflectindo a orixe oriental desta árbore. Malia non ser unha árbore tradicionalmente galega, hoxe en día é común atopar limoeiros en hortas e xardíns, onde achegan non só froita senón tamén sombra e un aroma inconfundible.

maceira

A árbore que dá mazás en galego pode chamarse maceiramazaira, maciñeiramacira ou mesmo pomar, dependendo da zona. O froito, a mazá, ten unha orixe etimolóxica moi curiosa, xa que non procede directamente do latín mālum, senón que deriva de “māla matiana”, unha expresión latina que designaba unha variedade de mazás moi apreciada na Roma antiga. O nome proviña de C. Matio, un personaxe da época ao que se lle atribúe a súa popularización.

mangueira

A árbore que dá mangas é a mangueira. O nome chegou a nós a través do portugués difundido en Europa polos navegantes portugueses no século XVI.

marmeleiro

A árbore que dá marmelos é o marmeleiro, nome que procede do latín melimelum, que á súa vez vén do grego melímēlon, que significa “mazá doce”. Esta denominación reflicte o parentesco do marmelo con outras froitas como a mazá e a pera.

milgrandeira

milgrandeira, aínda que non é moi popular en Galicia, é a árbore que dá granadas ou milgrandas e o nome desta froita procede do latín Punica granatum.

nespereira

A árbore que dá nésperas chámase nespereira. O seu froito, ademais de néspera, tamén recibe os nomes de níxaro ou nixo en diferentes zonas de Galicia. A nespereira é unha árbore de orixe asiática que se adapta ben aos climas temperados, polo que é máis frecuente no sur de Galicia e nas zonas costeiras.

nogueira

A árbore que dá noces chámase nogueira. Trátase dunha árbore de grande porte e folla caduca, moi apreciada tanto polo seu froito como pola calidade da súa madeira.

oliveira

A árbore que dá olivas chámase oliveira. Trátase dunha das árbores máis emblemáticas do Mediterráneo, mais tamén se pode encontrar en Galicia, especialmente no sur, en zonas como Quiroga ou Ourense, onde o clima é máis seco e cálido.

pereira

A árbore que dá peras en galego chámase pereira. É unha árbore moi cultivada en Galicia, especialmente en hortas e leiras familiares, xa que as súas froitas son resistentes e adaptadas ao clima atlántico.

pexegueiro

A árbore que dá pexegos en galego chámase pexegueiro. O froito, o pexego, caracterízase pola súa pel aterciopelada e a súa polpa doce e zumarenta. En moitas partes de Galicia tamén se coñece a variante pavía, que designa un tipo de pexego de carne máis firme e sabor intenso.

plataneiro

A árbore que dá os plátanos en galego pode recibir varios nomes: plataneiro, bananeira ou, simplemente, plátano. Aínda que en Galicia o plátano non é unha froita de cultivo tradicional, en zonas con climas máis cálidos, como as Rías Baixas, pódese ver algunha bananeira ornamental.

kiwi

A árbore que dá os kiwis chámase kiwi, igual que o seu froito. O seu nome procede dunha adaptación do inglés kiwifruit, termo acuñado no século XX. Curiosamente, kiwi xa existía como palabra antes de designar esta froita, pois en maorí é o nome dun paxaro autóctono de Nova Zelandia. O nome do froito adoptouse porque a súa pel marrón e con peluxe lembraba a aparencia deste animal.

Compromisos

Sempre que for posible, neste blog informaremos da autoría de textos, fotos e demais material audiovisual, que en todo caso é empregado con finalidade educativa e sen lucro. Se houber algo suxeito a dereitos de autor ou outras restricións, por favor, facédenolo saber para retirármolo o antes posible.
Por outro lado, os autores do blog non son responsables dos comentarios que os lectores poidan enviar. Todos aqueles comentarios obscenos, ofensivos contra persoas, crenzas ou ideas, ou contrarios á Lei serán eliminados en canto teñamos coñecemento deles.
Avísanos para axudarnos a cumprir estes compromisos.