12/05/21

Paseo polas lembranzas, de Isara Longarela (3ºESO A): 2º Premio do Nivel 1 do Concurso de Relatos

Era a unha da mañá e os meus ollos castaños non se daban pechado. Xa tiña setenta anos e estaba soa. O meu

marido morrera na Habana e a miña filla fórase a Alemaña en busca de traballo.

Xogando con estes pensamentos, decateime de que tiña un álbum de fotos no armario, fun por el e mireino detidamente, era de coiro e en letras douradas,tiña gravadas as miñas palabras favoritas: “Madía leva”. Xa non lembraba por que me gustaban tanto...Abrino. Os meus sentimentos, que levaba tanto tempo agochando, estouparon, e saíron dende a gorxa ao exterior. 

Pasei chorando uns minutos, pero lembrei o que me dicía a miña nai: “ Os sentimentos non son malos, pero hai que saber controlalos”. E así fixen, seguín pasando páxinas ata chegar onde, probablemente, o meu corazón quería dende o principio : as fotos de meu único e fermoso bebé.

Pechei os ollos, e cando os volvín a abrir, xa non estaba no meu cuarto. Si , ero o mesmo, pero había algo diferente, un berce, cunha nena revoltosa e un pouco bulebule que non paraba de chorar. Eu achegueime a modiño ao leito de madeira e mireina ;sentín o meu corazón bater con forza. Era a miña pequena, a miña rula! Cando o bebe mirou para min, deixou de chorar , e os nosos corazóns lateron á par. Quedamos así uns minutos, sentindo a maxia do amor verdadeiro, o que só existe entre unha filla e a súa nai; logo collina no colo e aloumiñeina no nocello, e empezou a rir. Eu xa sabía que o ía facer porque aí era onde tiña cóxegas. O seu riso levoume de volta á realidade. Maldecín polo baixo perder aquel riso, pero despois de cavilar un cacho decateime de que aínda non o perdera, que non estaba soa, que as cousas podían cambiar. 

Esta vez, cando fun deitarme, puiden pechar os ollos, sabendo que cando espertara ía ser un novo día para arranxar as cousas.

Ningún comentario:

Compromisos

Sempre que for posible, neste blog informaremos da autoría de textos, fotos e demais material audiovisual, que en todo caso é empregado con finalidade educativa e sen lucro. Se houber algo suxeito a dereitos de autor ou outras restricións, por favor, facédenolo saber para retirármolo o antes posible.
Por outro lado, os autores do blog non son responsables dos comentarios que os lectores poidan enviar. Todos aqueles comentarios obscenos, ofensivos contra persoas, crenzas ou ideas, ou contrarios á Lei serán eliminados en canto teñamos coñecemento deles.
Avísanos para axudarnos a cumprir estes compromisos.