Que o tempo pon a cada un no seu lugar, diso non me cabe dúbida.

Pero non o conseguín, nin sequera así: estaba vivo.
Atopáronme rápido e nin sequera tiveron que hospitalizarme, despois todo eran preguntas... pero as respostas? Eu sabía as respostas.
Dezasete anos, tres deles metido no mesmo... a droga. Inda non entendo como me deixei levar, como acabei así... e non falo do intento de suicidio.
Por suposto, as saídas dos venres non eran a mesmo sen meterme algo, sen ser o valente que se atrevía a todo. Valente, si, claro... covarde! Iso é o que son.
Pero, que tiña de malo aquilo? Só era diversión...
Só era diversión a ese 24 de xaneiro. Recórdoo perfectamente, foi o mesmo de sempre ata as catro da mañá, eu estaba fóra de min, necesitaba algo máis, saín do bar, collín un coche que estaba fóra e coas chaves no contacto e marchei. Eu non tiña carné, nin sequera a idade para telo pero non importaba, sabía conducir. Acelerei, era como se estivese borracho, non vía nada, non sabía a onde ir, non sabía o que buscaba, só conducía. Metinme nunha estrada secundaria e... non a vin... maldita sexa... aquela rapaza cruzou sen que me dese tempo a frear, e atropeleina. Vina no chan, tirada..., pero non parei. Non! Covarde! Por que non parei? Quizais así se salvase...
Ó día seguinte mirei o xornal, ninguén vira nada, non se sabía quen era o condutor, só se atopara a R.C.V., de 22 anos, morta.
E pasaron dous meses, e non podía máis... Intentei o do acantilado, pero iso non me matou.
E agora? Agora si!
Aquí estou, na cama deste hospital, sumido nos meus pensamentos, nos meus recordos, morrendo...
A vida pedíame un axuste de contas... eu debíalle algo.
Hai uns días tiven un accidente... outra vez a mesma historia, non? Si, pero esta vez eu son o que saíu mal parado.
Só quero que todos saiban quen foi o que matou a Rocío, que todos saiban por que me tirei, que todos saiban como arruinei a miña vida e a dunha rapaza nunha noite de esmorga... e que saiban tamén que me arrepinto, que non agardo que todos me perdoen, porque nin eu mesmo me perdoaría.
- Algo máis?
- Non.
- Se consegues saír desta agárdanche uns cantos anos na cadea.
Ningún comentario:
Publicar un comentario