
A data do primeiro día de maio non foi casualidade: en América, as contratas facíanse precisamente nese día; os obreiros de Chicago, que traballaban de 14 a 16 horas diarias, sen vacacións, sen domingos nin festivos, reivindican ese ano a xornada dos tres oitos: 8 horas de traballo, 8 de descanso, 8 para a educación; desde logo, ningún obreiro deberá traballar máis de oito horas por día, afirman os sindicatos; perante a negativa dos patróns, foron á folga xeral con manifestacións, piquetes e discursos por toda a cidade.
A represión foi atroz: houbo obreiros presos, feridos e até mortos nos confrontos coa polícia.
O día 3, a folga seguía. Diante da fábrica McCormick-Harvester, a policía disparou contra os operarios, causando 6 mortos, 50 feridos e centos de detidos. Os líderes sindicais convocaron como resposta unha concentración de traballadores o 4 á tarde, nun ambiente de grande tensión.
Ao final da manifestación, a policía cargou contra os manifestantes, mallando neles. Unha bomba estourou no medio dos gardas, matando e ferindo varios; os reforzos policiais, que dispararon indiscriminadamente, causan centenas de mortos de todas as idades, incluídos nenos, na chamada Matanza de Haymarket.
Nos días seguintes a represión aumentou ferozmente: co estado de sitio e a prohibición de saír á rúa, houbo millares de traballadores detidos, sedes sindicais incendiadas, e matóns pagos polos patróns que entraban nas casas dos obreiros, mallándoos e destruíndo o que tiñan como escarmento. Os líderes sindicais foron xulgados nunha farsa que só procuraba erradicar a resistencia obreira e garantir o poder da patronal e o sistema; con probas e testemuños falsos, cinco sindicalistas foron condenados á forca; os outros, á cadea perpetua.
Un dos condenados á morte, Spies, dixo no seu alegato: Se co noso enforcamento pensan que están a destruír o movemento obreiro [...], cólguennos. Aquí terán apagado unha faísca, pero [...] en todas partes as chamas medrarán. É un lume subterráneo e vostedes non poderán apagalo!
Seis anos despois da sentenza, o Estado de Illinois, presionado polas protestas contra a infamia do proceso, anulou as condenas e liberou os sobreviventes.
O Congreso Obreiro de 1890 propuxo unha gran manifestación internacional simultánea en todos países pola redución da xornada a 8 horas; como nos Estados Unidos xa se fixara para o 1º de maio unha manifestación similar, optouse por manter a data; á celebración da xornada reivindicativa dos dereitos dos traballadores iríanse incorporando durante o século XX obreiros da case totalidade dos países do mundo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario