03/10/11
Recortes, desilusión
14/09/11
Para María Dolores
Comezamos o curso con tristeza.
Temos que despedir á compañeira Mª Dolores Martínez Tobío, docente no IES Luis Seoane de Pontevedra e responsable da biblioteca escolar do centro. Hai só uns meses que Mª Dolores nos puxo a Salvar Libros por centros de toda Galicia. Salvar os libros que valen a pena, as linguas nas que se escriben eses libros, as bibliotecas nas que se gardan... a memoria dunha mestra que día a día traballou a favor da cultura e a educación.
Este é un documento colaborativo como tantos outros nos que Mª Dolores adoitaba participar co seu habitual entusiasmo. Desgraciadamente convocounos hoxe a súa despedida e pensamos nesta pequena homenaxe que xorde da mesma rede que ela axudou a tecer. Canto tempo e ilusión dedicados a Biblioiris, a súa bitácora vinculada á biblioteca escolar do instituto! Por iso os nosos blogs lamentan hoxe a súa ausencia. Por iso esta entrada será publicada por moitos outros centros, ademais dos que aquí figuran. Esperamos que este documento saiba representar tamén a tantas persoas que, desde a rede PLAMBE das bibliotecas escolares galegas, desexan expresar o seu pesar e as súas condolencias á familia e amigos da nosa compañeira. Son tantos os centros que a súa relación excede as dimensións deste documento.
Grazas Mª Dolores polas palabras, polas reflexións, polas propostas, polo tempo, polo que fixemos xuntos e que permitirá seguir camiñando pola ruta das bibliotecas escolares.
Cristina Novoa
Pilar Sampedro
Asesoría Bibliotecas Escolares
13/09/11
In memoriam
Transmigración
Esta enerxía xa non vai ter fin,
non foi creada nin será destruída.
Irá ocupando diferentes vidas,
transformándose en emocións alleas
tatuadas noutros corpos paralelos,
en simultáneas procesións
sen pausa.Nun cálido universo apaixonado
voume dosificando con usura,
ata que chegue a hora de voltar,
canso e feliz,
ó punto de partida.Lois Pereiro, Poemas da morte sobrevivida a forza de paixón e sabotaxes.
28/06/11
Estatísticas curso 2010-2011
26/06/11
Estatísticas de lectura
Ouitra invitación da Spraguecshool
16/06/11
Lecturas para o verán
06/06/11
A Insoportable Levedade das Bibliotecas Escolares Galegas
Ante a previsible retirada de formadores específicos no ámbito das bibliotecas escolares no Servizo de Formación do Profesorado, no Centro Autonómico de Formación e Innovación e nos centros de formación e recursos dependentes da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, segundo o borrador da orde que convocará concurso público de méritos para cubrir postos de persoas directoras e asesoras nestes centros queremos manifestar o seguinte:
Hai proxectos que nacen marcados pola vulnerabilidade e a razón desta circunstancia non ten nada que ver coa falta de rigor ou a pouca entrega das persoas que os poñen en marcha. Máis ben ten que ver co feito de que nacen destinados a nadar contra corrente. Con todo, esa é a principal razón da súa existencia: xorden porque responden a unha necesidade non satisfeita pero compartida por un número crecente de persoas que senten que é posible compartir e facer viable o proxecto xuntos. Así naceu o movemento que cristalizou na iniciativa que todos coñecemos como PLAMBE. De xeito que dende hai algúns anos, esa iniciativa levou o mellor da creatividade e o esforzo de moitos docentes que xenerosamente regalaron o seu tempo e a súa capacidade de formar equipos e ilusionar a outros docentes en centros e centros de toda a nosa comunidade. Xuntos aprendemos a ser rigorosos e esixentes nos nosos proxectos, a crear espazos de aprendizaxe colaborativo, de cambios de estratexia, de achegamento ás novas tecnoloxías, de racionalización na xestión da información. Que ninguén se equivoque: os responsables das bibliotecas escolares non son seres evanescentes perdidos en vanas quimeras que tentan “roubar” horas a materias “importantes” para que o alumnado esmoreza entre mundos de ficción. Nada máis lonxe da realidade. Nun centro onde hai un equipo que xestiona a biblioteca de forma eficaz nótase. Os fondos adquírense con criterio, establécense acordos para xestionar a información, créanse espazos de colaboración e docencia compartida. Non é doado porque a maquinaria educativa ten unhas inercias difíciles de combater. A pesar de todo, estes docentes fórmanse e exercen a súa dura misión en horas non retribuídas, roubadas ás súas familias, ao descanso, ao lecer. Fomos coordinados con rigor e seriedade pola Asesoría de Bibliotecas Escolares pero sempre nos faltou o marco legal axeitado. A nosa misión é dura porque queda moito por definir. Na nosa inxenuidade e boa fe esperabamos conseguir progresivamente tempos e formación para seguir mellorando na nosa función se demostrabamos que eramos rigorosos e eficaces. Os nosos méritos como colectivo son dabondo coñecidos polos nosos gobernantes e acreditados por diferentes administracións e ámbitos a nivel estatal. Os numerosos e constantes premios anuais de boas prácticas concedidos polo Ministerio de Educación y Ciencia non caeron do ceo. Durante todos estes anos a formación recibida foi fundamental para levar a cabo actuacións rigorosas e enfocadas na dirección correcta.
Sabemos das cuantiosas axudas que a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, destina a outros proxectos, dos incentivos para a elaboración de contidos dixitais por parte das empresas editoriais, entre outras iniciativas. Non sería tamén interesante fomentar a produción de materiais propios e promover desde cada centro a estandarización de procedementos que axuden a xestionar a información entre o noso alumnado sen confiar todo a eses materiais externos que proceden da industria editorial, por valiosos que poidan ser? Por que non seguir aproveitando a experiencia e valía dos equipos das bibliotecas escolares nestes cometidos?. O noso empeño sempre foi crear nos centros pequenos focos que tentan estender esas boas prácticas de innovación e excelencia. Non entendemos este novo e repentino xiro na política de formación desta Dirección Xeral. Non nos parece xusto posto que, podemos dicir honestamente que, pola nosa banda, cumprimos con fartura. Ao desmantelar as estruturas que nos sosteñen o deterioro será proporcional ao entusiasmo e o esforzo investidos: inmenso e imparable. Algúns lembramos como o noso Conselleiro lanzou un bico ao aire ao despedirse dos asistentes aos últimos encontros despois dunhas entusiastas palabras de eloxio polos éxitos logrados polas bibliotecas escolares galegas a nivel estatal. Onde quedou ese entusiamo? Que interpretación debemos facer? O noso país pode permitirse tirar pola borda todo este traballo? E nós?. En que situación quedaremos agora diante das nosas comunidades educativas se despois de tanta insistencia é a propria Consellería a que nos invisibiliza?.
Colectivo dos equipos das bibliotecas escolares integradas no PLAMBE (Plan de Mellora das Bibliotecas Escolares Galegas)
28/04/11
Maxia e animación á lectura
Carlos é natural de Rábade, mago dende neno e relacionado co mundo das artes e a literatura. É licenciado en Filoloxía Inglesa, fundador da editorial Tris-Tram, home de teatro (compañía Matapiollos), coautor, con Antón Cortizas e Jacobo Fernández, de Abrapalabra, función e libro cos que percorre toda Galicia animando ós rapaces a ler.
Entretido, espóntáneo, dinámico e interesante, soubo manter en todo momento a atención do noso alumnado. Como mostra do seu bo facer vaian estas imaxes.
27/04/11
Discurso de Ana María Matute, Premio Cervantes 2011
A necesidade da imaxinación para estar viva, a reivindicación do conto como xénero maior, a maxia que encerra a expresión "Había unha vez...", pinceladas da súa experiencia vital... tecen unha conferencia deliciosa que merece a pena escoitar. Inserímola a continuación.
12/04/11
Encontros de Bibliotecas Escolares 2011
Sen dúbida, o mellor de todo, a clausura a cargo de D. Xosé Neira Vilas. Soubemos de primeira man como mercou libros "contra reembolso, con cartos gañados honradamente, vendendo cornello na feira", libros que seu pai lle permitiu seguir mercando "moderadamente"; o seu labor en prol da literatura, xunto con Anisia Miranda, a súa compañeira xa falecida; o respecto co que se trata ós mestres en países pouco desenvolvidos e a súa opinión sobre a nugalla dos nosos/as adolescentes.
A súa vitalidade, simpatía, entusiasmo e conciencia de galeguidade podedes comprobala na intervención que enlazamos aquí.
Video streaming by Ustream
22/03/11
Un trobador moderno
Eis algunhas fotos da súa actuación no noso Centro.
16/03/11
Movida no IES Fontem Albei
08/03/11
Escritoras Premio Nobel

Enlazamos unha interesante páxina enviada por José Mª Lores, do IES San Paio. Mostra nunha liña do tempo as literatas galardoadas co Premio Nobel. Iníciase este percorrido coa escritora sueca Selma Lagerlöf no 1909, autora de "A marabillosa viaxe de Nils Holgersson", entre outras obras. Para saber máis sobre este asunto, pincha aquí.
20/01/11
Boletín de novidades
16/01/11
Resultados préstamo 1º trimestre
Alédanos contar coa vosa presencia na biblioteca. Noraboa para vos, rapaces!.
07/11/10
Plan Anual de Lectura 2010-2011
Este documento recolle as actuacións previstas nas diferentes áreas para favorecer o rendemento do noso alumnado en lectoescritura e investigación. Se todo sae ben, ó rematar este curso serán lectores un pouco máis competentes; é dicir, saberán entender mellor o que len, extraer a información, elaborala e expresar de forma máis axeitada o que pensan e senten.
Así o desexamos!
05/11/10
Variacións sobre a lectura

Máis de 1100 persoas asistimos no Pazo de Congresos de Santiago ós III Encontros de Bibliotecas Escolares Galegas.
Todo o programa foi de interese, pero cabe destacar a conferencia de apertura a cargo de Teresa Colomer, responsable do equipo de investigación de GRETEL, da Universidade Autónoma de Barcelona. Co título "Unha infancia de 500 libros" propón para os rapaces un conxunto de lecturas "clásicas": o folclore, os títulos máis valorados da literatura infantil e o inicio á lectura das grandes obras patrimoniais.
Javier Celaya, socio-fundador do portal cultural Dosdoce.com e director de varios masters na Universidade de Alcalá, analizou os hábitos de acceso á información e a xestión do coñecemento a partir da aparición de internet.
Das experiencias de centros, cabe destacar polo seu interese a de Miguel Rico, do IES de Monterroso e a de Palma Aparicio, do IES Rey Pelayo de Cangas de Onís.
A organización, co esmero e o bo facer de sempre. Grazas por tanto e tan bo traballo.
15/10/10
Premios Alma
Os escritores galegos Agustín Fernández Paz e Juan Farias figuran entre os 175 nominados aos premios de literatura infantil e xuvenil Astrid Lindgren Memorial (tamén chamados Alma), que outorga o goberno sueco desde 2002 en homenaxe a Astrid Lindgren, a escritora máis popular do país nórdico e creadora, entre outros, do personaxe de Pippi Langstrump.O premios Alma outórganse como recoñecemento a unha vida ou carreira de creación adicada ao mundo literario infantil e xuvenil, polo que entre os candidatos pode haber ilustradores, por exemplo.
O xurado formado por escritores, críticos literarios, bibliotecarios e ilustradores dará a coñecer o nome do gañador o próximo mes de marzo, en Vimmerby, localidade natal da autora sueca; o premio, consistente en cinco millóns de coroas (medio millón de euros), será entregado posteriormente en Estocolmo.
Desde a Nosa Biblioteca, ao tempo que apoiamos a candidatura dos dous escritores galegos, tamén lles desexamos toda a sorte posible.
(Na foto, Astrid Lindgren, falecida en 2002)
13/10/10
05/07/10
Baila e le connosco
29/06/10
Recomendacións de lectura verán 2010
22/06/10
Bágoas de loita
Era unha tarde de xullo. O sol quentaba as rúas de Santiago de Compostela, os peregrinos agrupábanse na entrada da catedral e fixeime na fachada dunha casa. Vina apoiada nunha fiestra, con eses cabelos rubios, da cor do ouro. Estaba lendo, ai a lectura!, ese mundo onde todo é posible, ser policía e ladrón, labrego e mariñeiro...
A tristeza inundaba o ambiente. Unha partida de homes ía ao fronte de batalla a combater, pero ela parecía que nada lle afectaba, ata que unha bágoa cristalina saíu dos seus ollos e foi baixando pola súa meixela. Un home cunha mochila ao lombo e uniforme de militar ía cara a praza, onde os militares se mesturaban no ambiente coa xente que ía abrazar ao Santo. Cantos volverían? Non o sei, pero o que si sei é que eses homes, todos e cada un deles, loitaba polas súas familias e por Galicia.
A Berenguela da catedral resoou doce veces, ó tempo no que o botafumeiro despedía ese aroma característico, e os homes partiron, todos eles expresando con bágoas toda a dor que sentían.
Ao día seguinte todo transcorría normal, ata que me crucei con ela. Era imposible non mirala, e non o puiden evitar. Achegueime a falarlle, fomos a un café da rúa San Pedro e estivemos conversando. Non dixo nada do outro día e eu, por medo a entrometerme, non lle preguntei. Paseamos pola praza de Praterías, ela mirábame e eu respondía as súas miradas, en momentos así sobran as palabras. Colleume da man, entrelazou os seus dedos cos meus e fixo ademán de bicarme, pero os dous sabiamos que estaba mal, non podiamos nin sequera collernos da man, pero o noso amor levounos á equivocación.
Comecei o día pensando nela, fun buscala pero dixéronme que non podía vela, e tamén, que como se nos ocorrera ir da man en público o primeiro día que nos viamos, e aínda peor, sen nos casar. Ese día foi o máis mouro que pasara, fíxoseme eterno, pero cando xa estaba desesperado vina aparecer. Díxome que a perdoaran con tal de que non volvera a pasar.
Non saímos da miña casa, por medo a quedar mal e deshonrar as nosas familias. Tomamos uns cafés mentres planeabamos o noso futuro. Pode parecer cedo, pero nos tempos nos que estamos convén preparar as cousas con antelación para poder aforrar.
Unha semana despois chegoume unha carta, tiña que ir combater, non tiña suficiente cun home, que agora lle tiñan que mandar a guerra ao único amor da súa vida.
Díxenlle que volvería, non sabía dentro de canto, pero que volvería. Ela despediume da única forma que neses momentos se podía facer, chorando.
Día a día visitaba os lugares nos que estivo comigo, coa ilusión de volverme ver dentro duns meses.
Estaba eu no fronte cando me alcanzou unha bala, impactou no meu peito, sentín angustia, dor, e o último que fixen foi dicirlle a un compañeiro que comunicara na casa da muller que eu amaba as seguintes palabras: "Quérote e sempre te quererei".
A miña amada xa perdera esperanza algunha, non saía da casa, refuxiábase na lectura, o único ca podía illar desa angustia de non poder saber o que queres coñecer.
Día a día ía á praza para ver se viña o seu home, pero eso nunca chegou a pasar.
Unha fría mañá de xaneiro, no que o sombrizo día presaxiaba unha mala nova, viu unha cara coñecida entre os militares, era seu pai, quen xa volvera de combater. Traía con el unha carta, sería del?
O seu pai deulla, cunha cara non moi boa, abriuna e cada palabra que lía, era unha puñada no seu corazón. Dicía que Manuel Rodríguez Noira, morrera en combate.
Ao final da carta, escrita con moi mala caligrafía, estaba a mensaxe que Manuel antes de morrer lle enviara “sempre te quererei”.
Volveu saír esa bágoa, e volveu esvarar pola súa meixela
21/06/10
A viaxe
O relato titúlase A viaxe, e a ilustración que acompaña este post é, naturalmente, de Joan Miró.

Custáralle moito decidir se ir ou non. Pero esa viaxe era importante: era, quizais, o seu futuro.
Levaba xa moitos anos incómodo coa súa vida, precisaba un cambio. E para lograr ese cambio tiña que irse dese lugar.
Pasara moitos traballos nestes últimos tempos: un divorcio que xa semellaba que se ía converter niso o mesmo día da súa voda; un traballo que non lle gustaba e polo cal recibía un soldo miserable a pesar do gran esforzo que facía; un pequeno apartamento no que case non se daba andado e do que agora estaban a punto de botar por non pagar o aluguer; o alzhéimer de seu pai, que ocupaba todo o tempo que lle quedaba libre despois de traballar... Eran moitas cousas xuntas.
Por iso precisaba un cambio.
Non lle levara moito tempo facer a maleta, pois non quería levar recordos, só quería deixar o seu pasado atrás, esquecelo. Por iso, decidiu non meter fotos na súa maleta. Decidiu non levar, nin sequera, roupa e zapatos. Xa atoparía no seu destino todo o que precisaba.
A viaxe, ademais, non lle custara moito, economicamente falando.
O que máis lle custaba, aínda que non quixese admitilo, eran as despedidas.
Despedirse de seu pai, enfermo, fora difícil. Pero sabía que a el non lle custara tanto, pois a enfermidade borraba os recordos recentes rapidamente e, ademais, seu pai nin sequera recordaba que ese estraño que se despedía era o seu fillo.
Así pois, o único que tiña que facer era deixar ó seu proxenitor en boas mans. Levouno xunto da súa irmá, pero estaba moi ocupada cos seus negocios como para ocuparse dun vello enfermo –esas foran, literalmente, as súas palabras-. Non tiña ninguén máis a quen acudir, así que o levou a unha residencia para anciáns, a pesar de non ter diñeiro para pagala. Pero os servizos sociais non podían deixar só a seu pai.
Entón, todo estaba solucionado.
Non quería despedirse dos veciños, pois nin sequera os consideraba veciños. Eran persoas que vivían ó lado da súa casa e que se dedicaban a falar sobre a súa vida dende que o vían saír polo portal ata que o volvían a ver saír ó día seguinte. Iso son veciños? El cría que non. Eu tamén penso que non.
E iso era todo, non tiña máis familia e nin sequera amigos, porque a súa apertada axenda non lle deixaba tempo para as relación sociais.
Así que, xa estaba. Decidiu dar unha volta pola rúa. Ver os rapaces que xogaban no parque, sentir o vento que o azoutaba na cara nas tardes de inverno, sentir o arrecendo a café que saía do bar da esquina. Porque, saír á rúa e ver o que os seus ollos querían ver era o que desexaba. Sen preocupacións, sen ataduras: libre.
Eses foron os últimos momentos antes da viaxe.
Na miña opinión, esa viaxe non era o mellor que el podía facer, era unha mala solución. Non, nin sequera estou seguro de que fora unha solución. Era fuxir. Era renderse.
Pero ninguén podía persuadilo, así pois, seguiu camiñando ata a ponte. Deu un paso adiante, dous pasos. E xa non había ponte, só abismo.
10/06/10
Premio
O blog que o concede explica que nos distingue "Porque a rapazada deste instituto amosa a quen queira velo que o Galego é un idioma vivo, vello pero novo, con historia e con futuro, para pensar, para falar e para vivir, “de letras” e “de ciencias”, para ser e para estar".
Cuns argumentos coma estes, a satisfacción e o orgullo son dobres.
Sinceramente, grazas.
01/06/10
Prazas maiores

Se queres, podes acceder a través da páxina web http://www.blogger.com/mcu.es, ou directamente pulsando aquí.
17/05/10
Uxío e a lingua
14/05/10
Novoneyra e a memoria histórica
“Desde neno escoitei unha historia aterradora que, corenta anos despois, Uxío retoma para facer un romance: "Manoel de Ribadaira" e así recuperar a memoria histórica. Como en moitos lugares de Galicia, e non só de Galicia, no Courel tamén se practicaban "paseos" contra aquelas persoas que estaban baixo sospeita. Manoel Cela foi unha delas.
No noso "cole" fixemos un traballo sobre este poema. Dividímolo en secuencias e unha compañeira do equipo de biblioteca fixo as ilustracións. Con ese material fixemos unha exposición. Para compartilo con vós, elaboramos esta presentación"
13/05/10
Correlingua 2010

08/05/10
Bolboretas nas meixelas
Compromisos
Por outro lado, os autores do blog non son responsables dos comentarios que os lectores poidan enviar. Todos aqueles comentarios obscenos, ofensivos contra persoas, crenzas ou ideas, ou contrarios á Lei serán eliminados en canto teñamos coñecemento deles.
Avísanos para axudarnos a cumprir estes compromisos.

