21/06/10

A viaxe

Hoxe publicamos o relato de Sandra Carballido Regueiro, alumna de Bacharelato do noso centro, que recibiu o primeiro premio do Concurso de Relatos convocado polo ENDL do Instituto.
O relato titúlase A viaxe, e a ilustración que acompaña este post é, naturalmente, de Joan Miró.


Esta noite fora de tolos, case non dera durmido. A viaxe que ía emprender hoxe semellaba ser longa e pesada.
Custáralle moito decidir se ir ou non. Pero esa viaxe era importante: era, quizais, o seu futuro.
Levaba xa moitos anos incómodo coa súa vida, precisaba un cambio. E para lograr ese cambio tiña que irse dese lugar.
Pasara moitos traballos nestes últimos tempos: un divorcio que xa semellaba que se ía converter niso o mesmo día da súa voda; un traballo que non lle gustaba e polo cal recibía un soldo miserable a pesar do gran esforzo que facía; un pequeno apartamento no que case non se daba andado e do que agora estaban a punto de botar por non pagar o aluguer; o alzhéimer de seu pai, que ocupaba todo o tempo que lle quedaba libre despois de traballar... Eran moitas cousas xuntas.
Por iso precisaba un cambio.

Non lle levara moito tempo facer a maleta, pois non quería levar recordos, só quería deixar o seu pasado atrás, esquecelo. Por iso, decidiu non meter fotos na súa maleta. Decidiu non levar, nin sequera, roupa e zapatos. Xa atoparía no seu destino todo o que precisaba.
A viaxe, ademais, non lle custara moito, economicamente falando.
O que máis lle custaba, aínda que non quixese admitilo, eran as despedidas.
Despedirse de seu pai, enfermo, fora difícil. Pero sabía que a el non lle custara tanto, pois a enfermidade borraba os recordos recentes rapidamente e, ademais, seu pai nin sequera recordaba que ese estraño que se despedía era o seu fillo.
Así pois, o único que tiña que facer era deixar ó seu proxenitor en boas mans. Levouno xunto da súa irmá, pero estaba moi ocupada cos seus negocios como para ocuparse dun vello enfermo –esas foran, literalmente, as súas palabras-. Non tiña ninguén máis a quen acudir, así que o levou a unha residencia para anciáns, a pesar de non ter diñeiro para pagala. Pero os servizos sociais non podían deixar só a seu pai.
Entón, todo estaba solucionado.
Non quería despedirse dos veciños, pois nin sequera os consideraba veciños. Eran persoas que vivían ó lado da súa casa e que se dedicaban a falar sobre a súa vida dende que o vían saír polo portal ata que o volvían a ver saír ó día seguinte. Iso son veciños? El cría que non. Eu tamén penso que non.
E iso era todo, non tiña máis familia e nin sequera amigos, porque a súa apertada axenda non lle deixaba tempo para as relación sociais.

Así que, xa estaba. Decidiu dar unha volta pola rúa. Ver os rapaces que xogaban no parque, sentir o vento que o azoutaba na cara nas tardes de inverno, sentir o arrecendo a café que saía do bar da esquina. Porque, saír á rúa e ver o que os seus ollos querían ver era o que desexaba. Sen preocupacións, sen ataduras: libre.

Eses foron os últimos momentos antes da viaxe.
Na miña opinión, esa viaxe non era o mellor que el podía facer, era unha mala solución. Non, nin sequera estou seguro de que fora unha solución. Era fuxir. Era renderse.
Pero ninguén podía persuadilo, así pois, seguiu camiñando ata a ponte. Deu un paso adiante, dous pasos. E xa non había ponte, só abismo.

Ningún comentario:

Compromisos

Sempre que for posible, neste blog informaremos da autoría de textos, fotos e demais material audiovisual, que en todo caso é empregado con finalidade educativa e sen lucro. Se houber algo suxeito a dereitos de autor ou outras restricións, por favor, facédenolo saber para retirármolo o antes posible.
Por outro lado, os autores do blog non son responsables dos comentarios que os lectores poidan enviar. Todos aqueles comentarios obscenos, ofensivos contra persoas, crenzas ou ideas, ou contrarios á Lei serán eliminados en canto teñamos coñecemento deles.
Avísanos para axudarnos a cumprir estes compromisos.