Con este título que nos proporcionou Manuel Rodríguez Coedo de 2º de ESO, presentámosvos os relatos gañadores do concurso de microrrelatos organizado polo EDLG do IES Río Miño con motivo da data do 25N para visibilizar e denunciar a violencia de xénero.
Categoría I
Algún día estas feridas deixarán de levar a pegada dos teus golpes.
Algún día os teus berros deixarán de encher os meus silencios.
Algún día o medo non decidirá por min.
Algún día cambiarei o meu disfraz de vítima polo de supervivente.
Algún día vivirei sen a túa sombra, dona da miña vida.
Só algún día…
2º premio: (Mario García Pérez, 1º B)
Pechou a porta do medo e abriu unha nova porta á liberdade.
Por primeira vez
puido gozar do seu novo camiño da felicidade e viu a diferenza entre
o control e o amor.
3º premio: (Marcos Herrera Salvador, 3º PDC)
Como dixo Malala Yousafzai: “Tiñamos dúas opcións, estar caladas e morrer ou falar e morrer. E decidimos falar”. Non vas quedar calada cando podes dicilo todo e se o deixas pasar despois nunca o dis.
Falar, aínda que dea medo.
Categoría II
1º premio: Unha folla humana (Mauro Díaz Lastra, 4º A)
Unha folla cae da árbore con inocencia e felicidade ao chan. Observou a paisaxe, ata que viu un pé.
Pensou que o pé ía contemplar a súa fermosura, pero comezou a pisoteala sen piedade, soamente por diversión e despois foise deixándoa no chan rota e triste, aínda que non era unha folla…
2º premio: (Adriana Folgueira Campello, 4º B)
Era só unha nena.
Era só unha pequena con medo a chegar á casa,
con medo de que el estivese alí.
Unha pequena que se facía invisíbel,
invisíbel coas súas palabras,
invisíbel entre as súas mans.
Unha pequena que acabou por ser un recordo.
3º premio: (Carmen Fernández Manso, 1º B)
Ao principio todo é bonito, mais...
Ao principio esa máscara víaa con ollos de amor,
agora véxoa con ollos de medo.
O sentimento de amor rematou
despois do primeiro negrón.
Ningún comentario:
Publicar un comentario