19/11/26

Falece Xosé Luis Méndez Ferrín



Xosé Luís Méndez Ferrín faleceu onte aos 88 anos. Escritor, autor central da literatura contemporánea galega en moi diversos xéneros, profesor, poeta e militante nacionalista encarcerado.

Naceu en Ourense en 1938 e a súa infancia localizouse entre o domicilio familiar en Ourense e a casa paterna en Vilanova dos Infantes, en Celanova. En 1949 trasladouse coa familia a Pontevedra, onde rematou os estudos medios. En 1955 principiou os estudos de Filosofía e Letras en Santiago de Compostela e en 1957 publicou o seu primeiro poemario, Voce na néboa. Segue en Madrid os estudos de Filoloxía Románica, na especialidade de español. Alí funda con Reimundo Patiño, Ramón Lorenzo, Bernardino Graña e Xosé Fernández Ferreiro o grupo Brais Pinto, e ao rematar a carreira exerce como profesor no Colexio Fingoi de Lugo até obter a cátedra de Lingua e Literatura Española no Instituto Santa Irene de Vigo en 1965, onde permaneceu até se xubilar. 

Autor de libros de poesía, relatos, novela, teatro, artigos xornalísticos, ensaio filolóxico e literario, con obras como Os corvos, a figueira e a fouce de ouro, Retorno a Tagen Ata, Antón e os inocentes, Amor de Artur, Poesía enteira de Heriberto Bens, De Pondal a Novoneyra, Percival e outras historias,O crepúsculo e as formigas, Arrabaldo do norte, Elipsis e outras sombras, Arnoia, Arnoia, Bretaña Esmeraldina e, principalmente, Con pólvora e magnolias (1976), renovación e cumio da lírica galega dos 70.


Ningún comentario:

Compromisos

Sempre que for posible, neste blog informaremos da autoría de textos, fotos e demais material audiovisual, que en todo caso é empregado con finalidade educativa e sen lucro. Se houber algo suxeito a dereitos de autor ou outras restricións, por favor, facédenolo saber para retirármolo o antes posible.
Por outro lado, os autores do blog non son responsables dos comentarios que os lectores poidan enviar. Todos aqueles comentarios obscenos, ofensivos contra persoas, crenzas ou ideas, ou contrarios á Lei serán eliminados en canto teñamos coñecemento deles.
Avísanos para axudarnos a cumprir estes compromisos.