30/10/25

A todos e todas, un moi feliz (e terrorífico) Samaín (ou Halloween)

Adiviñas. Saberás...?

As adiviñas son máis que simples xogos, conectan coas tradicións orais galegas e permítennos observar o mundo con ollos curiosos. Neste artigo As chaves da lingua recolle unha selección de adiviñas do libro ¿Que cousa é cousa…? Libro das adiviñas de Paco Martín, todas relacionadas co outono.

Serás quen de adiviñalas todas? Se non, neste enlace tes a solución


Adiviñas

Alto coturiño,
verde coma o liño;
sabe como o mel
e amarga como o fel.

Alto está,
barbas ten
ri e guinda
o que contén.

Entre coto e recoto
hai un boi xoto;
non hai home nin muller
que lle bote un cordel.

Toda a noitiña me tes
posta de boca para arriba
agardando que me metas
un cacho de carne viva.

No alto estou,
ladróns vexo vir;
coa miña carapucha
non podo fuxir.

Ten pelexo como a xente,
e é moi boa para comer;
chega polo mes de Santos
e todo o ano a tes.

Zancarrandullo andaba na festa,
no medio inchaba,
no rabo roncaba,
tiña orellas e zangoneaba.

Ten un milleiro de dentes
e non come que só fende.

Que cousa é,
para adiviñar é,
que ten dúas caras
e as dúas enrugadas?

En alto nacín,
entre a terra e o ceo;
se algunha vez me río
téñocho todo perdido.

Que será unha cousiña, cousa
que cando dá o sol encóllese,
e cando chove estalícase
tornando a auga co carrelo?


Alto me vin,
baixo me vexo,
e aló arriba
quedoume o pelexo.

 

28/10/25

Metemos medo!

Aquí tedes unha pequena mostra fotográfica da decoración do Samaín na nosa biblioteca:

(Os nosos seres das sombras que axexan desde a
escuridade a aqueles que se portan mal entrando
na nosa biblioteca facendo ruídos indebidos.
Coidado, pode que os bibliotecarios volos envíen
para facervos unha visita inesquecible)

Por outro lado, temos o posto das nosas bibliotecarias e bibliotecarios:


E como non, as recomendacións literarias para pasar un bo anaco de medo:


Aprende galego






 

27/10/25

Nabos e cabazas

A nosa biblioteca organiza un concurso de decoración de cabazas, que serán expostas esta semana do Samaín. Animádevos, deixade voar a parte máis terrorífica e creativa da vosa imaxinación, e entregade as vosas creacións na biblioteca.

(Nabo esculpido a modo de cabeza de fantasma.
Foto do Museo Nacional de Irlanda)

Se vos preguntades a que obedece este costume, teriamos que lembrar de onde procede esta festividade e as súas adaptacións nas culturas que coñecemos, a nosa e a anglosaxona que nos ten colonizados a través dos medios de comunicación e entretemento.

Tradición católica
Na inmensa maioría de culturas antigas xa se rendía culto ou facíase lembranza das figuras dos nosos antepasados falecidos. No século X, un frade benedictino, Odilón de Cluny, recolleu un costume que levaba anos funcionando en zonas de Alemaña e instituíu un día sinalado a tal efecto, o 2 de novembro. A Igrexa de Roma foino xeralizando a partires do século XVI, enlazando co Día de Tódolos Santos que se celebraba o 13 de maio e cambiou para o 1 de novembro, e así foi chegando ata a festividade que hoxe coñecemos como o Día dos Fieis Defuntos. Desta festividade, e coa exportación do catolicismo polos conquistadores europeos a América, xurdiron outras tan vistosas e cheas de cor como o Día dos Mortos de México que tantas veces temos visto en documentais, series ou películas como esa fermosa xoia da animación tan recomendable que é Coco.

Samaín/Halloween. Viaxe de ida e volta
Na tradición celta, a noite do Samhain (fin do verán, en gaélico) era especial, xa que a fronteira entre o mundo dos vivos e o dos mortos diluíase nas sombras e as ánimas do outro lado. Existía o costume de facer fogueiras para protexer aos vivos (e queimar os restroballos da fin da tempada da colleita, que era a razón practica e menos espiritual do asunto) e outros rituais de orixe pagá.
O das cabazas veu cando a tradición deu o salto para os Estados Unidos a mediados do s. XIX cos emigrantes, maioritariamente irlandeses, que fuxían das grandes fames provocadas pola crise das pragas que arrasaron os cultivos de patacas en Irlanda e Gran Bretaña. E despois, como todo o que nos chegou do outro lado do Atlántico vía cine e televisión, recuperamos a festa como Halloween e desde uns anos atrás, coa súa denominación orixinal, aínda que con toda a parafernalia importada, tampouco imos poñernos tan puntillosos, que o que queremos é andar de troula.
(Halloween é unha contración da tradución do Día de Tódolos Santos, All Hallows' Eve, a súa véspera para ser exactos.)
Pero aínda non explicamos o das cabazas e tampouco o título desta entrada, así que imos co tema.
O das cabazas fíxose nos EE.UU. pola abundancia deste cultivo, pero a tradición orixinal deste lado do Atlántico usaba nabos, como o da foto. Podedes consultar aquí a historia de Jack-o'-Lantern, da que existen varias versións, pero coincidentes en que andaba deambulando entre o ceo e o inferno (non foi moi bo en vida e non o querían no ceo, pero tivo un problema co demo que tampouco acabou ben e tamén quedou excluido do inferno) alumeando cunha vela no interior dun nabo esculpido a modo de lámpada como podería ser o da foto. Esta lenda acabou fundíndose coa tradición das fogueiras e acabou xerando o costume de poñer nabos alumeando o exterior das casas e os camiños na noite do Samaín para protexer aos vivos das ánimas que visitaban este lado aproveitando que a fronteira entre ambos mundos desaparecía.

Unha vez dada esta pequena nota histórica, lembrámosvos outra vez que podedes participar no concurso de decoración de cabazas, e por suposto, se alguén quere presumir de fidelidade histórica, tamén pode traer un nabo. Oíche Shamhna shona!

Nova páxina de xogos en galego


 Aprender galego pode ser moito máis doado cando o facemos xogando. A plataforma Cursos.gal ofrece unha serie de xogos en galego pensados para reforzar vocabulario e mellorar a comprensión escrita mentres te divirtes.

Nesta páxina de As chaves da Lingua atoparás sopas de letras, enforcados e encrucillados, todos eles deseñados para que practiques palabras sobre animais, plantas, tradicións, vivenda, xogos, deportes e moito máis.

Encrucillados en galego

Se che gustan os retos de palabras, os encrucillados son para ti. Trátase de resolver definicións e completar o taboleiro practicando vocabulario galego dun xeito entretido e estimulante.

Os encrucillados están pensados para todas as idades e niveis, polo que son unha ferramenta útil tanto para estudantes de galego como para persoas que simplemente queiran pasar o tempo.

Xogar aquí!

Sopas de letras en galego

As sopas de letras son un clásico que nunca falla. Son perfectas para ampliar vocabulario, mellorar a atención e reforzar a memoria.

Cada sopa de letras está adaptada para distintos niveis, polo que tanto se estás a estudar galego como se queres repasar, sempre terás un reto á túa medida.

Xogar aquí!

Enforcados en galego

O xogo do enforcado é ideal para practicar a ortografía. Tes que adiviñar a palabra agochada antes de esgotar as vidas.

Ademais, cada partida permíteche descubrir vocabulario temático: animais, deportes, plantas, tradicións e moito máis. Un método perfecto para aprender sen te decatares.

Xogar aquí!



24/10/25

Expresións galegas que fas mal

O frío

Xa empeza a chegar o frío, especialmente polas mañás na nosa biblioteca, que goza dun microclima polar como ben saben os integrantes do equipo da mesma.
En Galicia hai unha chea de palabras para falar do frío e neste artigo extraído de "As chaves da lingua"  temos unha ampla mostra das mesmas que servirán para deixarvos estremecidos, aterecidos, sentir calafríos e notar os dedos encandecidos e o frío ata nos ósos se tedes que facer un exame para recordar toda a información que proporciona. En fin, que para ir abrindo camiño pola secafría e axudar a aqueles lectores máis frientos a entrar en calor imos lembrar antes de nada unha cousa que é fundamental na nosa lingua: "En Galicia o frío non se fai, xa vén feito", dito que nos recorda o uso dos verbos en relación co clima, no que moi frecuentemente observamos o calco do castelán utilizando o verbo facer no canto de usar a forma correcta co verbo ir.

Abrigadoiro
Un lugar para resgardarse do vento, a chuvia ou o frío, en galego chámase abrigadoiro, abeiradoiro, abeiro, abrigo, acolleito, acubillo ou refuxio.

Acurrunchar
Acurruncharseacuruxarse ou engruñarse descríben a acción de encoller o corpo para protexerse do frío, dun ataque ou mesmo para esconderse. Esta postura é moi típica nos días fríos, cando buscamos abrigo baixo unha manta ou nos pechamos sobre nós mesmos para conservar a calor.

Arrecer
Cando nos quedamos entumecidos a causa do frío, en galego podemos utilizar os versos arreceraterecer ou entanguecer.

Azourido/a
En galego, azouridoazuído ou lívido son adxectivos que describen a pel denegrida, amoratada ou esbrancuxada polo frío ou por un malestar físico. Se algunha vez pasaches moito frío e quedaches coa cara ou coas mans pálidas ou azuladas, xa sabes o que significa estar azourido.

Bracuñar
Bracuñar ou tremelicar son verbos galegos que significan tremer co frío. Describen ese movemento involuntario que fai o corpo cando tenta loitar contra as baixas temperaturas.

Calafrío
Cando sentimos un tremor repentino e unha sensación de frío intensa, podemos falar dun calafrío ou dun chucho.

Carambelo
Un carambelo refírese tanto á capa de xeo que se forma sobre unha superficie líquida cando fai moito frío como ás pingas de auga conxeladas que quedan colgando de tellados, árbores ou outros obxectos ao conxelarse a auga que cae. É común atopar carambelos nos días máis fríos do inverno, cubrindo lagoas ou pendurando dos beirados das casas, creando fermosas pero xeadas imaxes. As palabras carambo, caramelo e candea tamén describen estas formacións xeadas tan típicas dos invernos galegos e os termos cadornocalistro ou lazo tamén se poden utilizar para describir a capa de xeo.

Desaferrecer
Desarrefecer ou desentumecerse significa recuperar a axilidade ou o movemento despois de pasar frío. Usámolo cando as mans, os pés ou o corpo quedan ríxidos polo frío e necesitan calor para volver á normalidade.

Encandecer
Cando unha parte do corpo queda tesa a cousa do frío, en galego usamos os verbos encandecer, entalar ou entumecerse.

Engabuñar
En galego, engabuñar(se) é un verbo que describe o efecto do frío sobre o corpo, deixándoo ríxido ou insensible. Por exemplo: Pon o gorro para que non se che engabuñen as orellas. Tamén podemos dicir engaimar(se), entalar(se) ou entumecer(se).

Friaxe
friaxe é o frío do ambiente, esa sensación de aire frío que se nota no exterior e que, en días de inverno, pode calar no corpo e facer necesaria unha boa capa de roupa para combatela.

Friento/a
As persoas que son especialmente sensibles ao frío ou que sempre teñen frío denomínanse en galego frientas ou friorentas. Son aquelas que, incluso con temperaturas suaves, precisan abrigarse máis que o resto.

Secafría
secafría é unha brétema densa acompañada de moito frío, típica das mañás de inverno. Este fenómeno mestura humidade e baixa temperatura, creando unha sensación que cala ata os ósos e fai tremer incluso aos máis preparados.

23/10/25

Concurso de Microrrelatos

 O Equipo da Biblioteca e o de Dinamización da Lingua Galega do IES Río Miño convocan un 

Concurso de microrrelatos.

As bases que rexen este certame son:

    1. Poderá participar todo o alumnado do Centro. Cada participante poderá presentar un único 

microrrelato.

    2. Os microrrelatos deberán ser presentados escritos en lingua galega e á man.

    3. Temática: Sensibilización fronte á violencia de xénero.

    4. Extensión máxima de 100 palabras.

    5. Os microrrelatos entregaranse ao titor ou titora ou ao profesor/a de Lingua Galega correspondente.

    6. O prazo de admisión finaliza o mércores 20 de novembro.

    7. O xurado estará composto por membros do Equipo da Biblioteca e o de DLG e o seu fallo será  

inapelable.

    8. Concederanse dous premios por nivel, isto é:

Nivel 1 para o alumnado de 1º e 2º de ESO

Nivel 2 para o alumnado de 3º e 4º de ESO

Nivel 3 para o alumnado de 1º e 2º de Bac

Os premios consistirán nun diploma e mais un vale de 20 € para material escolar para o primeiro  

clasificado/a, e de diploma e vale de 15 € para material para o segundo clasificado/a en cada categoría.

    9. A decisión do xurado darase a coñecer na Biblioteca do Centro o luns 25 de novembro no segundo

 lecer e será publicada no blog da Biblioteca xunto cos relatos.

    10. A participación no presente certame supón a aceptación destas bases.

Moitas grazas.

17/10/25

Mes de Outubro: os seus refráns

Outubro chega co arrecendo da terra mollada, coas primeiras noites frías e cos ourizos das castañas espallados polos soutos. É un mes de transición, o verán xa quedou atrás e o inverno comeza a asomar. A xente do rural miraba ao ceo e ás colleitas para marcar o ritmo da vida e desa observación naceron refráns que aínda hoxe perduran.

Neste artigo os de As chaves da lingua recollemos algúns deses refráns galegos de outubro para descubrir que nos contan sobre o tempo, as colleitas e os costumes.

Refráns de outubro

  • A lúa de outubro a sete cubre e se chove, nove.
  • A verdura de san Simón dá para o amo e mais para o ladrón.
  • Áncoras ao fondo, que chega san Simón.
  • As avenidas de san Simón, antes ou despois sonadas son.
  • Polo Pilar, os nabos na terra e o viño a envasar.
  • Por san Quintín castañas ao rolín.
  • Por san Xudas e san Simón, collidas as uvas son.
  • Santiago manda o pan, san Migueliño manda o viño, san Francisco manda a landra e san Andrés o touciño.

15/10/25

Longo velorio

Este luns pasado celebrouse a décima edición do Día das Escritoras, iniciativa da Biblioteca Nacional de España que leva en marcha desde o ano 2016 para compensar a discriminación histórica da muller no campo da literatura.

A data escollida é variable, non ten un día fixo, senón que corresponde ao luns máis próximo á data de hoxe, 15 de outubro, festividade de Santa Tareixa de Ávila, que ademais de ter ascendido aos altares, tamén e recordada por ser autora de varias obras de carácter místico e espiritual.

A polémica en torno aos seus escritos e a orixe da súa inspiración podería dar pé a derivar esta entrada a chismorreos do máis diverso, pero ímonos centrar nun feito obxectivo e que podería causar un certo asombro baixo o punto de vista dos nosos costumes de hoxe en día.

Teresa Sánchez de Cepeda Dávila y Ahumada (sen nome non estaba) morreu na tarde do xoves 4 de outubro e foi enterrada o venres 15 de outubro. Este longo, moi longo, velorio é algo que non se leva hoxe en día, especialmente desde o paso da pandemia do 2020, no cal os protocolos funerarios fixeron posible estar vivo un día e enterrado ao día seguinte sen ter que cometer delictos graves.

A tradición ata non vai moito tempo facía que desde o falecemento dunha persoa ata o seu enterro tiveramos dous ou tres días. A causa deste período de tempo ten a súa orixe no medo a ser enterrados vivos que tiñan os nosos antepasados debido á falta de coñecemento por parte da ciencia médica para detectar casos de morte aparente, o que facía prudente este prazo para esperar os primeiros signos da descomposición, feito que tamén nos dá a orixe histórica do uso das flores nos velorios como disfrace de posibles malos olores. En casos excepcionais, como podían ser monarcas ou outros funerais de estado, o prazo podía alongarse para permitir a presenza de outras autoridades con viaxes longas para asistir a estes funerais.

Entón, que pasou neses dez días do velorio da santa abulense? En realidade, NADA, literalmente. Se ledes con atención dous parágrafos antes coas datas e botades contas, pódese aprezar que se o día 4 foi xoves, é imposible que o 15 fose venres. Pero como di o eslogan dunha marca deportiva, nada é imposible, e neste caso, tampouco. Só temos que poñer un dato clave omitido ata aquí, o ano do seu falecemento foi 1582.

Cal é a particularidade deste ano? Pois que xusto entre eses dous días tivo lugar en España e boa parte de Europa o cambio do calendario xuliano ao calendario gregoriano, promovido polo papa Gregorio XIII, no que para axustar o desfase de calendario que se viña producindo pouquiño a pouco, como grans dun reloxo de area, desde o século I a.C. tomouse a decisión de que os días do 5 ao 14 de outubro de 1582 non existirían, pasando dierectamente do solpor do día 4 ao amencer do día 15.

Este cambio non foi uniforme polo mundo adiante (de feito, había rexións na propia Europa nas que o ano non empezaba en xaneiro) e tardou séculos en ser máis ou menos universal. Iso deu lugar a feitos tan curiosos como que a Revolución de Outubro en Rusia comezara o noso 7 de novembro de 1917 porque alá o calendario vixente aínda era o xuliano.

Se repasasemos os calendarios polo mundo adiante, poderiamos atopar moitos datos e datas deste tipo, pero esa é outra historia e debe ser contada noutra ocasión, polo que hoxe chegamos ata aquí con esta historia e poñémoslle un punto final, ou punto e seguido, quen sabe! 

10/10/25

Premio Nobel 2025

Un ano máis, e como xa vén sendo case tradición, a Academia Sueca segue a súa busca do "Talento e gusto" lonxe dos libros de Murakami e neste 2025 a caprichosa fortuna foi conceder os seus favores a Hungría na persoa deste señor con aspecto de intelectual bohemio e formal, nado no 1951 e que atende polo  dificilmente pronunciable nome para os non maxiarfalantes de László Krasznahorkai.

Pouco despois de ser anunciado, declarou: "Mi inspiración más profunda es la amargura. Me entristece profundamente pensar en el estado del mundo de hoy. Vivimos tiempos muy oscuros y necesitamos mucha más fuerza para sobrevivir que antes."

Pois iso, que se buscades optimismo e alegría fácil, aquí non vai ser. Sen contar que a súa prosa ten como unha das características destacadas as frases longas e inacabables, tanto que fan que os escritos de Saramago semellen mensaxes de móbil.

Como curiosidade, a súa primeira e máis coñecida novela "Tango satánico" de 1985 foi levada ao cine polo director tamén húngaro Béla Tarr en 1994, tendo a ben crear unha obra en branco e negro de nada máis e nada menos que sete horas e dezanove minutos. Algo a ter en conta por aqueles que prefiren ver a película en vez de ver o libro, neste caso igual non compensa.

05/10/25

Vidas de santos

"San Froilán, mete a rella e tira o pan"
(refrán tradicional que recomenda comezar coa sementeira do centeo no inicio do outono)

Como cada ano, nesta data celébrase San Froilán, día sinalado na contorna do noso centro e referencia festiva de parte do noso alumnado. Aparte da ameaza para a supervivencia do polbo como especie e o ambiente festivo que inunda a cidade de Lugo e arredores, o impulso de botarnos á rúa para festexar o que sexa, calquera pretexto é bo, fai que moita xente esqueza a pregunta obvia: Quen foi san Froilán?

Ademais de ser o patrón da cidade de Lugo compartindo tal honra coa Virxe dos Ollos Grandes e dar nome a un potencial herdeiro ao trono de España, sabemos que Froilán naceu en Lugo no ano 832 (ou 833, depende das fontes consultadas) no Regueiro das Hortas, no actual Barrio do Carme, na ruta primitiva do Camiño de Santiago.

A pesar de vir dunha familia acomodada, dase a circunstancia de ter nacido fóra do recinto da Muralla, que era onde adoitaban vivir os nobles da cidade naqueles tempos. Os primeiros anos da vida de Froilán transcorren en Lugo formándose como sacerdote, aínda que non chega a ser ordenado como tal.

Con dezaoito anos, marcha cara o Bierzo vivindo como eremita na gruta de Ruitelán, no concello de Vega de Valcarce, predicando entre os habitantes da zona e organizando xunto con Atilano de Tarazona (futuro San Atilano) pequenas comunidades monásticas polos montes de León. Entre os dous evanxelizaron a zona e hoxe quedan pegadas tan importantes do seu paso como os mosteiros de San Salvador de Távora ou Santa María de Moreruela, ambos en Zamora.

A súa fama era tal entre o pobo, que á morte do bispo de León, Vicente, no ano 900, o rei Afonso III recibe a demanda popular do nomeamento de Froilán como bispo da diocese leonesa. Un dato curioso foi que Froilán ainda non era sacerdote, polo que na cerimonia de toma do báculo de bispo houbo que ordenalo antes como sacerdote.

(San Froilán na catedral lucense. Imaxe de Quincemil. El Español)

Parece que o seu mandato como bispo estivo caracterizado por un carácter xusto, benevolente, sendo defensor dos pobres, dos débiles e dos doentes; todo isto ata 5 de outubro de 905, día no que faleceu, sendo soterrado na catedral antiga de León. Anos máis tarde, no reinado de Ordoño II, o seus restos foron trasladados á catedral nova, a Pulchra Leonina, que ten unha campá chamada A Froilana. Por certo, tamén é patrón de León.

Como todo santo trae milagres ás costas, podemos preguntar cales foron os de San Froilán. Xunto cos habituais de sanar enfermos e salvar colleitas, cabe destacar o milagre do lobo. No seus desprazamentos, Froilán adoitaba ir acompañado dun burro, que ademais facía as labores de besta de carga. Un lobo intentou atacar o burro un día que Froilán estaba recollendo pedras para levantar unha ermida e Froilán non só detivo o ataque, senón que domesticou o lobo, que lle axudou a carrexar coas pedras e xa non se separou del, camiñando sempre a carón da súa perna dereita. Este feito é a orixe da representación dun lobo xunto ó santo nalgunha esculturas.

E finalmente, onde queda Lugo en toda esta historia? Ata aquí pode parecer que Froilán naceu en Lugo como podería ter nacido en calquera outro lugar e xa está, pero isto non explica o porqué de tanto festexo e veneración á beira do Miño. Pois resulta que na Idade Media era toda unha tendencia o tema das reliquias de santos, e dalgunha maneira, un anaco da tibia de San Froilán acabou chegando a Lugo, o que foi creando devoción. Esta reliquia sae do museo da catedral de Lugo tódolos 5 de outubro para formar parte da misa de 12. Tamén hai outro óso pequeno do santo que está na sacristía da catedral permanentemente.

E ata aquí, a historia de por qué boa parte da comunidade educativa do IES Río Miño de Rábade anda estes días de festa pola cidade de Lugo.




Compromisos

Sempre que for posible, neste blog informaremos da autoría de textos, fotos e demais material audiovisual, que en todo caso é empregado con finalidade educativa e sen lucro. Se houber algo suxeito a dereitos de autor ou outras restricións, por favor, facédenolo saber para retirármolo o antes posible.
Por outro lado, os autores do blog non son responsables dos comentarios que os lectores poidan enviar. Todos aqueles comentarios obscenos, ofensivos contra persoas, crenzas ou ideas, ou contrarios á Lei serán eliminados en canto teñamos coñecemento deles.
Avísanos para axudarnos a cumprir estes compromisos.