11/05/22

"É un día normal para Nerea"

Así se titula o conto que obtivo o 1º Premio no Nivel 1 (alumnado de 1º e 2º de ESO) do Concurso de Relatos convocado polo Equipo de Normalización e Dinamización Lingüística, o Departamento de Lingua e a Biblioteca do noso Instituto. A autora é Cristina Pena Guerra, alumna de 1ºESO-A.

É un día normal para Nerea; levántase pronto pola mañá e mira pola ventá, seu avó xa está traballando fóra, deben de ser as sete da mañá. Nerea non ten sono, polo tanto decide levantarse, a pesar de que hoxe non ten que ir á escola e normalmente eses días queda na cama ata as oito ou nove. O primeiro que fai é vestirse, pon roupa cómoda, xa que hoxe lle apetece ir dar un paseo. Logo vai almorzar, e a continuación lava os dentes e a cara. Despídese de seu pai, é a única que está na casa, debido á viaxe de traballo na que está súa mai.

Diríxese ao seu querido soutom, ao que ten tanto cariño, pois leva indo todas as semanas dende moi pequena. Cando vai paseando encontra un vulto na terra que nunca vira, hoxe decidiu ir polo camiño que nunca colle, pero aínda así chamoulle a atención. Colle unha rama do chan e comeza a cavar. Despois dun pouco encontra unha caixa que lle resulta moi familiar, parécese a unha que tiña seu avó, pero non sabe onde. Antes de abrila, quere asegurarse de que é como a de seu avó, e vai correndo á casa. O primeiro lugar onde mira é o faiado, pois alí sempre hai cousas vellas que ninguén usa, e non se arrepinte, a caixa estaba alí. Compara as caixas, son completamente iguais. Na caixa de seu avó sabe perfectamente o que hai: unha chave, pero nunca soubo para que era. Agora dáse de conta, é para abrir a outra caixa. É moi doado abrila, e dentro encontra unhas fotos. Hai un rapaz e unha rapaza, o rapaz recórdalle moito a seu avó. De repente chega seu pai, e dille que hai que ir comer. Nerea dáse présa, intenta non mancharse moito, pois no lugar no que está hai moitísimos vermes e sempre está sucio. 

Hai de comer luras. Aproveita esta oportunidade para preguntarlle a seu avó pola caixa, e despois de moito insistir consegue que llo diga. A rapaza coa que estaba era súa avoa, da que ninguén soía falarlle. Morrera de moi nova nun accidente de avión. Seu avó cóntalle que uns días antes do accidente gardaran alí esa caixa para vela dentro duns anos, e dende aquela non a volvera ver, pois pensaba que estaba perdida. Agora Nerea xa o sabe, e ten ganas de ir á clase para contarllo ás súas amigas, coas que ten unha gran amizade.

Cristina Pena Guerra mostra o diploma acreditativo

Ningún comentario:

Compromisos

Sempre que for posible, neste blog informaremos da autoría de textos, fotos e demais material audiovisual, que en todo caso é empregado con finalidade educativa e sen lucro. Se houber algo suxeito a dereitos de autor ou outras restricións, por favor, facédenolo saber para retirármolo o antes posible.
Por outro lado, os autores do blog non son responsables dos comentarios que os lectores poidan enviar. Todos aqueles comentarios obscenos, ofensivos contra persoas, crenzas ou ideas, ou contrarios á Lei serán eliminados en canto teñamos coñecemento deles.
Avísanos para axudarnos a cumprir estes compromisos.