06/06/08

Visitamos un luthier

Organizada polo Departamento de Música, realizamos unha visita ao obradoiro de instrumentos musicais Xaneco, en Outeiro de Rei, que leva desde 1990 elaborando instrumentos e dando a coñecer a percusión tradicional.

Arriba, unha vista do obradoiro: a ferramenta e a mesa de traballo.

O luthier mostrou ao grupo os diferentes instrumentos confeccionados no obradoiro. Arriba, o tamboril; abaixo, o pandeiro. Nos dous casos, as materias primas foron a madeira e mais a pel de cabuxa.

O mestre mostra a seguir unhas tarrañolas,

...varias clases de castañolas,

...as culleres, feitas á man a partir dunha soa peza de madeira,

...o charrasco, máis habitual no suroeste de Galicia,

...e por fin, o máis complexo, elaborado e rico de todos: unha preciosa zanfona.

Abaixo, vista da zanfona, herdeira do organistrum medieval: durante os séculos do esplendor lírico galego-portugués acompañou os trobadores e xograres nas cortes, antes de entrar ela mesma en decadencia e servir de acompañamento só aos cegos dos cantares.

Grazas ao mestre Santalices, a zanfona é hoxe un elemento indispensable da nosa música.


Unha parte do grupo posa para o blog antes da visita ao obradoiro de Xaneco.

03/06/08

Recomendamos...

Gran libro dos retratos de animais, de Svjetlan Junakovic, que hoxe vos recomendamos, foi concibido como proba de que, ao longo da historia, os animais, vestidos coas súas mellores galas, posaron para os máis considerados e reputados retratistas.
Lonxe dos manuais convencionais, a verosimilitude dos retratados e as explicacións dos cadros que o ilustrador croata nos ofrece, xogan cunha base histórica, pero na que os animais son os verdadeiros protagonistas.
As explicacións que acompañan a obra ofrecen información sobre a época, o artista, o animal retratado... que serán a chave para quen desexe afondar no coñecemento dos cadros orixinais, punto de partida dos retratos.

02/06/08

Recomendamos...

...esta vez un comic, ou mellor dito, toda unha serie: O gato do rabino, de Joann Sfar.

Un rabino ten un gato que, tras comer un loro, pode falar. Desde aquela, o felino muda para sempre, e discute cos homes sobre a relixión, os costumes ou o sexo. Ama por riba de todo a súa querida ama, a filla do rabino, e a súa retranca vital é notable e deliciosa.

29/05/08

Visita a El Progreso

Os alumnos e alumnas de 3º de ESO do IES de Rábade visitaron as instalacións que o diario El Progreso ten no polígono industrial do Ceao (Lugo); acompañáronos os profesores Carmen Muñoz, Ángeles Serrano, Marta Cobas e Luís Pereira, dos Departamentos de Lingua Española e Lingua Galega, respectivamente.

Os alumnos recibiron explicacións detalladas do funcionamento da maquinaria e de como se elabora o xornal desde que se produce a noticia ao momento en que, unha vez distribuído, o diario chega ao punto de venda. (Arriba, o alumnado dun dos grupos posa na rotativa do diario. Abaixo, pouco antes de subir ao bus)


24/05/08

Obxectivo: voar!

"Voar! Un soño finalmente feito realidade grazas ao desenvolvemento das ciencias, o perfeccionamento da tecnoloxía e o valor dos pioneiros".
Tanto se estás interesado como se non, recomendámosche visitar a Exposición Obxectivo Voar!, en Lugo: Praza Nova (Avda. Ramón Ferreiro, xunto ao Seminario) até o 01/07/2008. Horario: De martes a vernes, de 12.30 a 14.00 e de 17.00 a 21.00. Sábados, domingos e festivos: de 11.00 a 14.00, e de 17.00 a 21.00. Luns non festivos, pechado.

21/05/08

Contacontos

Como conclusión á Semana das Letras Galegas, o Equipo de Normalización Lingüística do noso Instituto invitou o pasado venres, 16 de Maio, ao contacontos Cándido Pazó a pasar unha hora de humor e diversión connosco.
Trabalinguas recitados a unha velocidade inverosímil, unha explicación a cámara lenta do efecto boomerang ou o conto daquel mozo alcumado Chepudo, que tiña unha moza que era bruxa, foron algúns dos momentos da actuación dun cómico que a todos divertiu.

20/05/08

A estraña desaparición de Uxío Novoa

É o momento de publicar o relato de Jessica Regueiro, alumna de 4º curso de ESO, que obtivo o segundo premio no Certame de Relatos convocado polo Equipo de Normalización Lingüística.

Corría o ano 1956 cando ocorreu a historia que agora vos vou contar...-os netos de Xoán estaban moi atentos á historia que o seu avó lles estaba a contar-.

Todos na aldea lle tiñan un gran aprezo a Uxío, o home máis vello do lugar. Creo que ata estaría no certo se dixese o home máis vello de todo o concello. Tiña cento nove anos. Si, como o oídes, cento nove anos...e non vos vaiades pensar que estaba todo cheo de enrugas, esbrancuxado... para nada, estaba fresco como unha rosa!

Aparentemente ata tiña mellor aspecto ca min, e mirade que eu aínda non son maior, que apenas teño os cincuenta.
Pois iso, como vos ía contando, que estaba moi ben, non se lle sabía de enfermidade ningunha; tampouco é que el o dixera, pois éravos un home moi reservado. Un home de poucas palabras. Soamente falaba se lle ían falar e para iso dicía o xusto. Iso si, era un home moi directo. Todo o que se lle pasaba pola cabeza, así cho soltaba.

Moitas veces víanse rapaces, así coma vós, por diante da súa casa. Ían alí preguntarlle cousas para algún traballo da escola. Pois debedes saber que Uxío era un home moi sabio... coitado... foise para a tumba con tantos segredos... dóeme moito falarvos del, era un bo home pero hai cousas que nunca se poderán explicar... xa me fun polas ramas, por onde ía? Si, si, é verdade, ía dicindo que era moi sabio, vivira moitas historias na súa propia pel, guerras, fames, enfermidades... fora un home moi traballador, nacera no seo dunha familia moi pobre e, co tempo, acabou sendo moi importante e sempre se fixo respectar.

Sempre estaba só, nunca se lle coñeceu nin muller nin fillos nin nada... A partir dun día deixou de falarse coa xente, non saía á rúa nin para dar o seu paseo diario. Tiña as fiestras pechadas, as persianas baixas...aínda que algunha vez se lle vía subir un pouco a persiana e espreitar o que ocorría na rúa pola fiestra.

Contan que un día de noite se oían berros e ruídos como se estivesen a escachar con todo. Dende ese día non se volveu saber nada máis del, nin sequera o volveron ver espreitar pola fiestra.
Centos de rumores se empezaron a estender por toda a aldea. O único tema de conversación que había era “a estraña desaparición de Uxío Novoa, o centenario da aldea”.

Á semana seguinte non se vían naquela rúa máis que policías, xente aglomerada... Todos intentaban saber algo. A xente metíase polo medio de todo, empurrábanse uns ós outros...aquilo parecía unha casa de tolos, filliños.

Todos estaban preocupados, notábase a tensión no ambiente. Había temor na mente da xente... e, por se fose pouco, esta situación durou alomenos tres días.

O 27 de xuño de 1956 enterraron a Uxío Novoa. O cemiterio estaba cheo, a pesar do mal tempo que estaba a facer. A todo o mundo lle estrañou que estivese a chover daquela maneira en pleno verán.

As malas linguas aínda hoxe din que Uxío estaba tirado no chan do salón cos ollos cheos de sangue. Din que este se volveu tolo! Din que toleou, por iso tiña todo tirado polo chan. Aínda os hai que afirman con toda seguridade, e ata poñen a man no lume que a Uxío se lle meteu o demo no corpo por algún erro que tivo no pasado.

Pero quen sabe! iso non hai forma de xustificalo... os vellos sómosche o demo, e a algúns gústalles moito saber e falar da vida dos demais.

19/05/08

O remate do fin

Comezamos hoxe a publicación dos textos premiados nos certames convocados polo Equipo de Normalización Lingüística do IES Río Miño de Rábade. O primeiro desta serie é o titulado O remate do fin, e está asinado por David Grande, de 1º de Bacharelato.

Creo que era martes, si, era martes 10 de Setembro do ano dous mil un, pasaron case sete anos, pero o asunto segue a quitarme o sono. É posible que ti que les non o creas ou penses que a cordura xa non xace en min, pero asegúroche que o que vou a contar é certo.

Eu tampouco cría no sobrenatural, de xeito que o meu sempre se caracterizou por ser un pensamento racional, sen grandes artificios de nivel espiritual, pero este suceso marcoume de tal forma que en min produciuse un cambio substancial e profundo deses que non teñen volta de folla, dos que unha vez realizados son irreversibles.

Creo que no fondo estaba seguro desde o principio aínda que en multitude de ocasións dubidei que o feito fora veraz porque o meu raciocinio non estaba aclimatado a esa clase de sobresaltos de carácter espiritual, pero eu sei que non me engano e se algo creo, algo é (disque son moi intuitivo), polo que sei que o que pasou sucedeu e por moito que intente negalo ou escondelo a aliñación de acontecementos predestinados dende ese momento, ou quizás previamente? terán lugar por orde cronolóxica antes ou despois. Asemede teño a seguridade do que estou a confesar debido a que dos catro terríbeis vaticinios que ese día coñecín tres xa sucederon e polo tanto aventuro que o último e peor de todos os agoiros se producirá, porque está marcado e ante eso non se pode loitar, será practicamente contra o único pero fronte a evidencia e a verdade non se pode combater e menos se ó que queres opor resistencia está relacionado con aquilo ó que todo ser humano teme e ó que toda persoa chega independentemente da súa posición social, idade, sexo, etnia, raza ou calquera outro elemento distintivo.

O xeito en que se me presentou esta realidade foi ademais estraña porque eu rara vez soño, ou polo menos non acostumo recordar o que Hipnos me adianta e en caso de recordalo teño unha lixeira idea distanciada e abstracta con escasos detalles. Pero esta vez foi diferente, foi unha visión gravada en min a fogo lento cunha nitidez asombrosa, como se en vez dun soño aquilo o estivese vivindo na miña propia pel e coa total atención dos meus sentidos.

Recordo que ese día deitárame tarde despois de cear cuns amigos no mesón “A teipa torta”, un restaurante das aforas da cidade, e xa alí tiña un presentimento, unha anticipación de que algo terríbel ía suceder. Ó chegar á casa eran as tres da mañá e non me tiña de pé porque é certo que bebera unha cantidade de viño por riba do límite ó que acostumo facelo e o día anterior non durmira moito debido a un traballo atrasado que me agardaba na oficina.

O caso é que mentres durmía sentín unha presenza, había algo ademais de min no meu cuarto, un ser, un espírito ou algo demoníaco e tenebroso que se escapaba á miña mente científica que quería ou buscaba algo. Eu era consciente disto, seino porque eu quixen espertar, pero unha forza superior facíame permanecer en tránsito entre o mundo dos soños e o da realidade. Penso que berrei, resistinme, loitei pero algo impedíame espertar e obrigábame a permanecer alí empurrándome contra a cama mentres choraba de impotencia imaxinando o que aquel elemento malvado e terríbel, que me estaba empezando a asustar, podía estar a facer.

De repente e sorprendentemente produciuse un acontecemento análogo ó anterior, unha forza externa comezou a tirar de min cara fóra da cama afundíndome no solo nunha especie de inframundo sinistro creando en min a sensación de estar a despoxarme do meu corpo converténdome nun ser espiritual alleo a este mundo terreal. Nese intre, espontaneamente vin unha luz vermella alaranxada antes de percibir un son agudo e punzante que xamais escoitara. Todo o demais sucedeu moi rápido, sentín unha dor de cabeza insoportable e perdín toda a miña enerxía e ganas de vivir sendo algo vulnerábel, case inexistente, antes de comezar a ver toda a miña vida por diante a velocidade ultrasónica.
Ata aquí sucedeu algo normal dentro da anormalidade xa que acontecementos semellantes foron vividos por outras persoas, ou polo menos estas denunciaron tal, chegándose a identificar a visión da túa vida en imaxes como unha reacción producida polo corpo previa á morte, pero o que verdadeiramente me asombrou foi que tras ver o momento da miña vida na que me deitaba esa mesma noite a sucesión de imaxes continuou ó longo dun tempo futuro que segundo os meus cálculos está a piques de esgotarse no que fun testemuña de catro acontecementos que sucederían tempo despois, antes de oír o teléfono, volver en min e aparecer na miña cama suando e co meu corazón palpitando a unha velocidade incalculable. Estes acontecementos non se me revelaron de forma literal polo que nese momento non coñecía o seu significado pero si intuín que era un mal agoiro cara o futuro.

Non fun capaz de conciliar o sono, para sermos sinceros nin o intentei, saín apresuradamente da miña habitación antes acolledora e nese momento inhóspita e lúgubre e dirixinme cara o salón acendendo tódalas luces ó meu paso, non sen antes prepararme unha bo tazón de tila para calmar os nervios que afloraban en min. Non sei canto tempo pasei alí sentado no sofá coa mirada perdida en dirección á televisión, que puxera para evadirme do meu problema, sen éxito ningún xa que non lle prestei a máis mínima atención, pero o que si aseguro é que nesa enésima parte da miña vida perdín unha boa porción dela e envellecín alomenos unha década pensando o que podían significar aquel soño; dúas árbores xigantescas partidas por un raio prexudicando a un numeroso grupo de formigas que saían e se unían a uns escaravellos e arañas que invadían todo o territorio visible, sendo atacados estes dous últimos por dous novos raios antes de aparecer unha gran diversidade de insectos que se devoraban ata non quedar ningún.

Despois dun tempo pensando tranquiliceime e cando xa estaba convencido de que o que presenciara sería o máis rutinario dos soños que se poden vivir sucedeu algo que falseou a miña teoría; non serían as nove da mañá cando un avance informativo de especial urxencia facíame saber que os edificios máis altos do mundo, como eran as “Torres Xemelgas” en Nova York, estaban a ser derrubadas polo secuestro dun avións estrelados contra elas por parte dunha famosa asociación de terroristas islámicos con milleiros de persoas mortas, e eso era o primeiro que vin no meu soño; as grandes árbores derrubadas con miles de formigas mortas e feridas e o
A caída das torres desencadeou unha serie de desequilibrios a nivel mundial que remataron no inicio da guerra de Iraq na que ós Estados Unidos se lle xuntaron o Reino Unido e España invadindo a zona e matando a unha gran cantidade de iraquís co fin de capturar a un dos líderes islámicos máis consagrados, o que encaixaba bastante ben coa idea de formigas, escaravellos e arañas invadindo o que atopaban ó paso.

Pasado isto eu empecei a entender o que se me indicou aquela noite e que todo ía camiño dun desastre final, do remate do fin, pero pese a todo eu resistíame a crelo e dicíame a min mesmo que o das torres e a guerra serían só unha mera coincidencia chegando a un punto no que poría a man no lume asegurándoo xa que o tempo pasaba e nada ocorría. Eran tempos prósperos, e a humanidade coma min recuperábase do golpe que supuxera o 11-S, nome que se lle adxudicou a data da caída das torres.

Pero novamente a miña intuición fallou e pasados dous anos e medio, os mesmos terroristas atentaron en Madrid na estación de trens provocando unha catástrofe de gran magnitude con centos de mortos precisamente o día anterior das eleccións xerais en España. Foi entón cando as miñas dúbidas se disiparon, e aínda máis cando pouco despois, outro atentado, esta vez no metro de Londres, provocaba unha centena de mortos e o mundo tremía. Isto encaixaba perfectamente co ataque dos raios ós escaravellos e arañas e instintivamente descifrei o significado da última porción do sono; o remate do fin que tanto temera estaba próximo.

O tempo pasou ata os nosos días e agora o noso mundo está a caer no cuarto e peor dos males, facilitado pola crise económica que se está a producir a nivel mundial, que desencadeará unha crispación interna e externa en todos os países, producindo enfrontamentos entre as persoas da mesma e diferentes nacións, xerando a temida terceira guerra mundial que se constituirá na máis sanguinolenta de todas as vistas, e producindo miles de millóns de mortos e a destrución da humanidade e do noso planeta. Nesta guerra non haberá líderes nin aliados, cada un loitará pola súa causa e o mundo será vítima do egoísmo e egocentrismo humano que serán os responsables da súa propia destrución e a de todo canto posúen ó antepoñer o ter ó ser.

Creo que debo deixar constancia disto que estou a dicir para que o mundo o coñeza e se quere cambie o remate do fin, quizás son o profeta destinado a salvar o mundo, e só desexo que me decatara a tempo da miña misión e que a humanidade teña salvación.

16/05/08

Nao

Velaí vén pola ribeira
a barca dos namorados.
Ai, amor!
como camiña lixeira.

Nin trae remos nin trae velas,
a barca dos namorados,
ai, amor!
que a gobernan as estrelas.

Abule, que velaí vén
a barca dos namorados,
ai, amor!
para nos levar tamén.

(X.M. Álvarez Blázquez: Canle segredo)

Letras Galegas 2008

Á entrada da Biblioteca, e en conmemoración do homenaxeado este ano, Xosé M. Álvarez Blázquez: unhas xestas amarelas, os seus versos, e a imaxe do poeta.

15/05/08

Cronoloxía de Álvarez Blázquez


  • 1915: Nace o 4 de febreiro en Tui.

  • 1931: Inicia a carreira de Maxisterio en Pontevedra. Ese ano (14 de abril) é o da proclamación da II República Española.

  • 1932: Abril, primeiro poemario do autor, que funda a revista literaria Cristal, que só durará un ano.
  • 1933: Empeza a militar na Federación de Mocidades do Partido Galeguista.
  • 1936: Ingresa no Partido Galeguista. Inicia por libre a carreira de Filosofía e Letras, que nunca terminará. Comeza a guerra civil: como consecuencia, o pai do autor, o doutor Álvarez Limeses, foi encarcerado e posteriormente fusilado en Tui (o 10 de outubro).

  • 1937: Sancionado con suspensión de emprego e soldo polo goberno de Franco, Álvarez Blázquez é desterrado á escola de Coreses, na provincia de Zamora, á que non se chega a incorporar porque ser chamado a filas como médico militar no cuartel de San Caetano en Santiago de Compostela.

  • 1939: Volta a Coreses até 1941, ano en que pide a excedencia para regresar a Galicia.

  • 1945: Vive e traballa en Vigo, na Confraría de Pescadores. Queda finalista do premio Nadal de Novela (o mesmo ano que gañou Carmen Laforet) con En el pueblo hay caras nuevas, que se publica este mesmo ano.

  • 1946: Casa con María Luísa Cáccamo Frieben, con quen andando o tempo terá seis fillos.

  • 1947: Estrea as súas únicas obras teatrais, nos teatros García Barbón de Vigo e Jovellanos de Xixón respectivamente: El zapato de cristal. Cuento escenificado e Los pazos altivos. Comedia en tres actos en verso.

  • 1948: Funda a librería-anticuario Monterrey e posteriormente a Editorial Monterrey.

  • 1949: Chegan os primeiros recoñecementos, sendo nomeado membro correspondente da R.A.G. e Comisario de Excavacións Arqueolóxicas de Vigo. Publica, xa en galego e co seu irmán Emilio, Poemas de ti e de min.

  • 1950: Publica Roseira do teu mencer, adicado á súa filla Colorín, que morrerá en 1970.

  • 1952: Una cabaña en el cielo e a monumental Escolma da poesía medieval I. Escola medieval galego-portuguesa. A segunda parte desta antoloxía (Escolma da poesía galega II. A poesía dos séculos XIV a XIX) publicarase en 1959.

  • 1954: O Centro Galego de B. Aires concédelle o premio Pondal polo seu poemario Canle segredo. Posteriormente publica Romance do pescador peleriño.

  • 1955/56: Segue a publicar como novelista en castelán Las estatuas no hablan e Crecen las aguas (premio Pérez Galdós).

  • 1958: O seu traballosobre Martín Códax, cantor del mar en Vigo obtén o Premio de Biografía da Asociación da Prensa de Vigo.

  • 1960/64: Seguen os recoñecementos, as publicacións e os premios, entre eles o Ramón Mourente e varios máis nos Jogos Florais Minho-Galaicos de Guimarães. Ingresa como numerario na Real Academia Galega, ocupando a vacante de Aquilino Iglesia Alvariño, cun discurso de ingreso sobre "Cantares e romances vellos prosificados". Funda cos seus irmáns Edicións Castrelos. Publícanse as súas novelas Mauro el barquero e La ciudad y los días.

  • (Reunión da RAG. O autor é, entre os sentados, o 2º pola dereita)

  • 1966: Trasládase coa muller e os fillos a Oviedo por motivos laborais.

  • 1967: Regresa a Vigo e crea as coleccións O Moucho e Pombal, que chegarán a ser moi populares.

  • 1968: Profesor de Formación Humanística no Politécnico Marítimo-Pesqueiro de Vigo. A Deputación da Coruña prémiao polo seu labor como investigador e editor.

  • 1969: Imparte conferencias en Buenos Aires, Mendoza e Mar de Plata como invitado de honra do Centro Galego bonaerense.


  • 1970: Segue co seu labor arquolóxico no Castro de Vigo e na illa de Toralla.

  • 1971: A pega rabilonga e outras historias de tesouros. Premio Cidade de Vigo polos seus artigos sobre a cidade publicados no Faro de Vigo.

  • 1976: Publica Canle segredo. É nomeado Cronista Oficial da Cidade de Vigo.

  • 1981: Membro do Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento e xefe do departamento de Historia de Vigo do Museo Quiñones de León. Concédeselle o Pedrón de Ouro.

  • 1982: Publica Alexandre Bóvedra. Apunte biográfico, sendo secuestrada a edición por motivos políticos.

  • 1985: Falece en Vigo, o 2 de marzo.
  • 13/05/08

    Teresa Moure

    A autora de Benquerida catástrofe e de Herba moura (novela galardoada cos premios Xerais e da Crítica), entre outras obras e premios, veunos visitar para ofrecernos unha charla.

    10/05/08

    Correlingua

    O día 9 de Maio, co lema "Galego e Galicia, todo un", e pese á choiva incesante, o IES Río Miño participou nunha nova edición do Correlingua polas rúas e a Muralla de Lugo.


    Os alumnos, congregados nas escaleiras do Bispado, na luguesa Praza de Santa María.


    Baixo o paraugas, na Muralla, con Conchita, unha das profesoras acompañantes.

    09/05/08

    Atletas da lingua

    (Publicado no diario El Progreso o 8 de maio de 2008)

    Aguias imperiais

    Hoxe, presentouse a webcam que, instalada no Parque de Cabañeros, permite seguir en directo a actividade dunha parella de aguias imperiais e o pito (nacido o 14 de abril pasado) até o momento en que abandone o niño.
    Con esta iniciativa preténdese concienciar a sociedade da importancia de conservar a especie, exclusiva da nosa Península, que estivo á beira da extinción e da que actualmente se contabilizan 234 parellas, entre Castela-A Mancha, Andalucía, Castela e León, Extremadura e Madrid (recentemente comezou a estenderse tamén por Portugal). Os principais perigos que ameazan esta ave son velenos e tendidos eléctricos.

    Se queres asomarte ao niño, só tes que entrar en http://www.aguilaimperial.org/

    06/05/08

    Premiados

    Achégase a celebración do Día das Letras Galegas e o xurado dos concursos convocados polo Equipo de Normalización Lingüística do Instituto, que coordina a profesora Isabel Pardo, fixo pública a lista de premiados, que agora nós difundimos desde aquí.

    CONCURSO "ILUSTRACIÓN DA REVISTA DO CENTRO"

    • 1º Premio: Jessica Regueiro Fernández (4ºESO)
    • 2º Premio: Noemí Cobas Campos (4ºESO)
    • 2 Accésits: Jorge Freire Vizcaíno e Carmen Fernández Vilanova (os dous de 4ºESO)

    CONCURSO DE RELATOS CURTOS

    • 1º Premio: David Grande Prada (1º Bacharelato) por O remate do fin.
    • 2º Premio: Jessica Regueiro (4ºESO) por A estraña desaparición.
    • 3º Premio: Beatriz Veiga Cruz (2ºESO) por A raíña da morte.

    CONCURSO DE LEMAS A PROL DO GALEGO

    • 1º Premio: Lucía Díaz, Cristina Lombao e Noelia Rodríguez (4ºPDC)

    Os traballos premiados iranse publicando nesta blog sucesivamente. Só resta enviar os nosos parabéns a todas e todos os premiados.

    05/05/08

    Certame "María Soliño"

    O IES María Soliño de Cangas convoca o XXIV certame de Poesía que leva o seu nome, con 2 categorías: para alumnado de E.S.O. e para alumnado de Bacharelato e Ciclos de grao medio.
    Concederanse tres premios en cada categoría, de 200€, 100€ e 50€, respectivamente.
    Cada participante presentará 3 copias, mecanografadas, dun mínimo de tres poemas e un máximo de cinco, naturalmente escritos en lingua galega.
    O traballos remitiranse ao I.E.S. María Soliño (Monte Carrasco, nº 3 / 36940 CANGAS)
    nun sobre no que constará unicamente un seudónimo e a categoría á que pertence. Dentro dese sobre irán os poemas e unha plica cos seguintes datos: nome, enderezo, teléfono, centro no que cursa estudos e certificado de estar matriculado no centro.
    O prazo de entrega rematará o día 10 de Xuño.
    O fallo do xurado farase público no acto da entrega de premios, que terá lugar entre o 16 e o 20 de Xuño no IES María Soliño.
    Recordámosvos que para calquera dúbida, o teléfono do Instituto é o 986301082.

    28/04/08

    Mobilízate

    A Mesa pola Normalización Lingüística da Zona de Lugo convoca o concurso “Mobilízate pola lingua. Polo dereito a vivirmos en galego” para fomentar entre a mocidade a reflexión sobre a dificultade de vivirmos exercendo os nosos dereitos lingüísticos como galegas/os. Os participantes, mozas e mozos de ata 99 anos, poden concorrer individualmente ou por equipos cun vídeo de duración non superior a 2 minutos, no que recollan situacións, reais ou dramatizadas, que expresen as dificultades para empregar con normalidade o galego na vida cotiá. O traballo poderá ser rexistrado en calquera soporte informático e realizado con calquera medio de gravación, mesmo o móbil. Os arquivos enviaranse a amesalugo@hotmail.com antes das 18'00 do 14 de maio.
    Para máis información, dirixirse á MNL, Cova da Terra, R/das Nóreas, nº 12, Lugo, (620 56 57 12, ou en amesalugo@hotmail.com)

    27/04/08

    Biblioteca I


    ...E outro máis!

    O IES de Celanova convoca o XX CERTAME LITERARIO "CELSO EMILIO FERREIRO" que se rexerá polas seguintes bases:

    PARTICIPANTES: todos os alumnos de ensino medio de Galicia que así o desexen.
    As obras presentadas, inéditas e en lingua galega, poderán optar polas seguintes

    MODALIDADES:
    A) RELATO CURTO, de tema libre e cunha extensión máxima de dous folios mecanografados a dobre espazo.

    B) POESÍA: un conxunto de dous poemas de tema libre.

    PRESENTACIÓN: os aspirantes enviarán o orixinal e catro copias. En cada traballo figurará un pseudónimo ou lema en lugar do nome real do autor. Os datos persoais (nome, idade, enderezo, teléfono, curso e centro onde cursa estudios) deberán ser introducidos nun sobre pechado que acompañará os traballos e levará escrito no exterior o pseudónimo e o título da obra. Os traballos, xunto coa plica, enviaranse ó IES CELANOVA
    rúa FERNÁNDEZ LOSADA S/N
    32800 CELANOVA-OURENSE
    988 431 565/988 431 460

    PRAZO : a data límite de presentación de obras é o día 9 de maio de 2008.

    PREMIOS:
    Concederase en cada modalidade un premio de 150,00 €, diploma acreditativo do certame e a publicación das obras premiadas na revista do centro "O Poleiro" e na revista “Onde o mundo
    se chama Celanova” .
    No caso de que ningún dos dous premios recaese no IES CELANOVA poderíanse conceder dous accésit de 60,00 € cada un ós dous mellores traballos presentados por alumnos deste centro.

    Correspóndelle ó XURADO, que estará formado por membros da comunidade escolar, a interpretación destas bases.
    O FALLO darase a coñecer durante a celebración dos actos conmemorativos do Día das Letras Galegas no IES CELANOVA que terán lugar no mes de MAIO DE 2008.

    26/04/08

    Outro concurso

    A páxina web Galicia Encantada convoca un orixinal concurso titulado Lugares con lenda, co obxectivo de que localices, coa axuda dos mapas de Google, algunhas pistas, e a túa propia intuición, os lugares máxicos do país propostos polos organizadores e que atoparás aquí.

    25/04/08

    Lingua de amor

    O Consello da Xuventude presentou en Lugo a segunda edición do concurso de declaracións amorosas vía correo electrónico Lingua de Amor; para participar só hai que rexistrarse no enderezo http://www.linguadeamor.eu/ e enviar alí a declaración de amor en galego; a data límite é o 14 de maio de 2008. Infórmate aquí.

    24/04/08

    Viaxe a Vetusta

    Os quince membros do Clube de Lectura Ponte Vella, acompañados das profesoras Lupe Enríquez e Carmen Muñoz, visitamos Oviedo o día 7 de abril para coñecer os lugares nos que se desenvolve a novela La Regenta, de Leopoldo Alas, Clarín.
    Despois dunha bonita viaxe pola costa cantábrica, chegamos a Vetusta, o nome que recibe a cidade na obra. Ás portas da Catedral esperábanos o noso guía, que con moita amenidade foi mostrándonos os sitios máis emblemáticos e dándonos moitos e curiosos detalles. Vimos a capela onde Ana Ozores -a protagonista- confesaba co Maxistral: o casino; os edificios que albergarían a casa da Rexenta, do Maxistral e o palacio dos Vegallana; a casa onde viviu o autor; o edificio da Universidade, na que Clarín foi catedrático de Dereito Natural...
    No noso percorrido vimos tamén a Praza do Fontán, o Parque de San Francisco, o Teatro Campoamor (alí ten lugar cada ano a entrega dos Premios Príncipe de Asturias) e algunhas das numerosas esculturas que adornan as rúas. E, como non, subimos ao monte Naranco porque non podíamos deixar de admirar dúas xoias do prerrománico asturiano, San Miguel de Lillo e Santa María do Naranco. Desde alí hai unha vista impresionante de toda a cidade e destaca o futuro Palacio de Congresos que está construíndo o famoso arquitecto Santiago Calatrava.
    Compramos afamados doces ovetenses (carbayones e moscovitas) e regresamos pola noite, encantados da nosa viaxe e desexando que haxa outra ocasión de coñecer máis lugares bonitos.

    23/04/08

    Juan Gelman



    GELMAN (Buenos Aires, 1930), poeta honesto e comprometido, defensor dos dereitos humanos e firme opositor á ditadura do seu país durante a década dos 80, recibe hoxe o Premio Cervantes de 2007.

    22/04/08

    Día da Terra

    O Día da Terra celébrase cada 22 de abril desde 1970, pero a historia desta conmemoración iníciase cando nos anos 60 o senador americano Gaylord Nelson , que presionaba para que o asunto medioambiental formase parte da axenda John F. Kennedy, aproveitando as protestas contra a guerra de Vietnam, convoca unha gran manifestación para que o país expresase a preocupación polo medio ambiente a nivel nacional.
    Así, no equinoccio de primavera de 1970, celebrouse por primeira vez o Día da Terra,e millóns de persoas responderon á convocatoria establecendo nas súas comunidades, universidades e colexios plataformas de difusión e discusión sobre o medio ambiente e os seus problemas.
    Aquela presión social deu froitos: ese mesmo ano, Nixon crea a Axencia de Protección Medio Ambiental (EPA), coa misión de protexer o medio ambiente e a saúde pública; o Congreso americano promulga a Acta do Aire Limpo (Clean Air Act) establecendo estándares seguros sobre calidade do aire, emisións e polución contaminante; e igualmente o senador Nelson funda a Rede do Día da Terra (EDN) para promover a celebración do día da Terra como instancia de reflexión e acción en favor do medio ambiente, favorecendo o compromiso cívico dos escolares, educar os ciudadáns como consumidores responsables e mobilizar os medios de comunicación, escolas e gobernos locais en accións de protección medioambiental.

    14/02/08

    San Valentín 08


    Despois do éxito do San Valentín no curso pasado, volvemos organizar este ano outro semellante, pero esta vez as mensaxes foron cartas de amor en galego e en castelán, citations d'amour e love letters, seleccionadas entre as que lle escribiron ós seus amados e amadas algúns personaxes célebres da historia.
    Tamén desta vez foron expostas nos paneis da entrada e fotocopiadas para poder seren enviadas a quen queremos.

    Algúns alumnos pensaron que este ano non se celebraría, e viñan dispostos a facer o que fixese falta para axudaren. Aproveitamos as mans que se nos brindaron, e colaboraron connosco no reparto das misivas e na recollida de toda a exposición. Como ocorre na maioría destas ocasións, os rapaces foron xenerosos e, ademais, pasárono moi ben.

    Os Paneis de San Valentín-08

    Velaquí algúns dos paneis expostos no vestíbulo do Centro. Conteñen cartas de amor, poemas, textos de formas e tamaños variados pero cunha temática común.
    Só darás lido os paneis se fas click sobre as fotos...






    Miro cara ó camiño e véxote vir
    e vexo os teu engurrados pantalóns emerxer
    de todas as néboas e brumas e correr cara a min. Sen ti non podería ver nin oír nin pensar nin vivir. Quérote e non permitirei que esteamos separados unha noite máis mentras duren as nosas vidas.

    Estar sen ti é como pedir clemencia a unha tormenta ou matar a Beleza ou facerse vello. Teño tantas ganas de bicarte e non sei como decirche ata que punto.
    …tes que esforzarte por
    sentir o moito que te quero, o inanimada que me quedo
    cando te vas… Volve pronto a min.

    Non podería soportar estar sen ti…

    (Da carta de Zelda Sayre a Francis Scott Fitzgerald)
    Ayer te besé en los labios.
    Te besé en los labios. Densos,
    rojos. Fue un
    beso tan corto
    que duró más que un relámpago,
    que un milagro, más.
    El
    tiempo
    después de dártelo
    No lo quise para nada
    ya, para nada
    lo
    había querido antes.
    Se empezó, se acabó en él.

    Hoy estoy
    besando un beso;
    estoy solo con mis labios.
    Los pongo
    no en tu boca,
    no, ya no
    -¿adónde se me ha escapado?-.
    Los pongo
    en el beso que te
    di
    ayer, en las bocas juntas
    del beso que se besaron.
    Y dura este beso
    más
    que el silencio, que la luz.
    Porque ya no es una carne
    ni una boca
    lo que beso,
    que se escapa, que me huye.
    No.
    Te estoy besando más
    lejos.

    PEDRO SALINAS (La voz a ti debida, 1933)
    Al abrir los ojos, mi pensamiento ha volado
    hacia ti, ¡oh amor mío
    inmortal! Ora lleno de esperanza, ora melancólico y triste,
    interrogo al destino y le pregunto qué nos reserva.
    No puedo vivir sino
    todo contigo o completamente separado de ti.
    De modo que he resuelto
    irme lejos , hasta que pueda volar a tus
    brazos, y sentarme contigo en
    un mismo hogar. Entonces mi alma,
    envuelta en tu amor, podrá elevarse a
    las regiones celestes.
    Sí, yo debo
    partir,¡es necesario! Tú te resignarás, pues conoces la fidelidad de mi corazón.
    ¡Jamás otra mujer lo poseerá!
    ¡Jamás!...
    …Es menester que cierre
    ahora esta carta si quiero que llegue a ti…
    Estate tranquila y ámame. Hoy como ayer,
    mi alma ha volado hacia ti y he
    llorado.
    ¡Adiós a ti, a ti, mi vida, mi todo! ¡Oh, tesoro mío! Ámame siempre
    y no desconozcas jamás el corazón fiel de tu amado.
    ¡Eternamente
    tuyo! ¡Eternamente mía! ¡Eternamente uno de otro!


    De la carta de Ludwig van Beethoven a Teresa Brunswick
    (7 de julio de 1807)

    22/01/08

    Visita a Lugo

    O día 16 de xaneiro fomos a Lugo os alumnos/as dos seguintes cursos: 3ºPDC co profesor Luís Pereira, 4ºPDC coa profesora Ángeles Serrano, e tres alumnas de Cultura Clásica, que ían ver a Casa dos Mosaicos xunto a nós, coa profesora Ana Rico.
    Cando chegamos ao Museo tivemos que esperar un pouco para entrar porque tamén había outros colexios, pero xa dentro reunímonos co encargado da actividade, un señor moi amable que nos explicou o que tiñamos que facer: formariamos catro grupos e teriamos que movernos por todo o Museo Provincial para poder responder as preguntas sobre o libro que leramos días antes.
    O grupo que gañase tería o mellor premio, pero os outros tamén levarían algo; tamén nos repartiu un folleto coas 20 preguntas sobre o libro e un plano do Museo, e deunos de prazo até as 11’15 para volvernos ver na sala 17 e comprobar os acertos.
    Non tivemos demasiada sorte porque nós non gañamos; en cambio, os premios que nos deu o señor do Museo non estiveron mal: aos dun equipo deulles un marcapáxinas, aos do outro unha libreta boa para facer chuletas. Houbo dous equipos gañadores con empate, que levaron o premio máximo: un bolígrafo elástico.

    Despois fomos á Casa dos Mosaicos, que está na rúa das Dulcerías, xunto á Praza Maior: entramos e atendeunos unha moza moi amable, que nos explicou moi brevemente o se ensinaba naquel museo subterráneo, sobre todo os mosaicos e como foi construída a casa sobre as ruínas romanas; despois púxonos unha proxección nunha pantalla na que se explicaba a historia e a orixe romana da cidade.
    Non estivo nada mal a visita, porque unha cousa é que cho conten e outra vivilo e velo en persoa.

    A excursión foi moi divertida: pasámolo moi ben e divertímonos e aprendemos moito.
    Pensamos que se podería repetir o ano próximo.


    Mª del Rocío Ruíz Rodríguez 3ºPDC
    Iván Rodríguez Veiga 3ºPDC

    Compromisos

    Sempre que for posible, neste blog informaremos da autoría de textos, fotos e demais material audiovisual, que en todo caso é empregado con finalidade educativa e sen lucro. Se houber algo suxeito a dereitos de autor ou outras restricións, por favor, facédenolo saber para retirármolo o antes posible.
    Por outro lado, os autores do blog non son responsables dos comentarios que os lectores poidan enviar. Todos aqueles comentarios obscenos, ofensivos contra persoas, crenzas ou ideas, ou contrarios á Lei serán eliminados en canto teñamos coñecemento deles.
    Avísanos para axudarnos a cumprir estes compromisos.