Onte pola mañá, o almorzo fíxose complicado cando soubemos da morte de Marjane Satrapi aos 56 anos de idade. A autora iraní-francesa asentou nas nosas memorias un mecanismo que fai que oír o seu nome sexa pensar inmediatamente nunha palabra: Persépole.
Persépole, símbolo colectivo iraní, foi a capital do Imperio Persa na dinastía aqueménida, vai uns dous mil cincocentos anos, e o que queda dela é Patrimonio da Humanidade desde o ano 1979. Como lembranza deste pasado glorioso e identidade do seu país, Marjane Satrapi deulle este nome á súa novela gráfica publicada entre os anos 2000 e 2003. Esta obra foi un éxito a nivel mundial na época na que a novela gráfica empezaba a consolidarse no mundo da cultura como algo máis que un enredo para xente nova e abordaba temas cunha perspectiva máis profunda e cunhas temáticas que abandonaban os tópicos tradicionais do mundo do cómic. Este proceso xa viña de atrás a nivel de público de masas con "Maus" de Art Spiegelmann, onde o nazismo e o Holocausto foran tratados con detalle; sendo dúas das novelas gráficas máis influíntes da historia.Pero volvendo a Marjane Satrapi, imos dar un salto no tempo e ir ao inicio da súa vida e a época que se nos conta en Persépole, o que vén sendo todo o mesmo, xa que a obra é un relato da súa infancia e xuventude no Irán da época. Nacida en 1969, contaba dez anos de idade cando a Revolución Islámica dos aiatolás derrocou o shá Reza Pahlavi en 1979; parte dunha familia acomodada que apoiaba a revolución contra o shá, Satrapi, foi vivindo os cambios que trouxo a revolución no día a día. A radicalización relixiosa da revolución fixo cambiar a postura da familia cara unha crítica contra a falta de liberdade que ía impoñendose no país. A represión contra os que non estaban de acordo co novo goberno, a invasión do radicalismo relixioso nos ámbitos da vida diaria, con signos como a obrigatoriedade do veo nas mulleres e para rematar, a guerra con Irak como parte do enfrontamento de bloques xeopolíticos e como aglutinador interno a favor do goberno, fixeron que o clima social no que vivía a pequena Marjane cambiara moito en pouco tempo e non para mellor.
| (primeira páxina de Persépole) |
Como xa dixemos, a súa familia era de clase acomodada e mandouna estudar ao Liceo Francés de Teherán ata que as autoridades revolucionarias suprimiron os colexios bilingües. Con 14 anos de idade, foi enviada a Viena, en Austria, para poder completar unha educación secundaria laica e vivir nun ambiente máis aberto e libre que o do Irán daquel momento. Voltou a Irán para estudar Belas Artes e despois emigrou a Francia para seguirse formando en Estrasburgo.
Traballando en París como ilustradora de literatura infantil, foi entrando no mundo da banda deseñada, onde o artista David B. animouna a facer algo neste terreo coas súas lembranzas de infancia e xuventude en Irán. Ese algo foi Persépole, que se converteu nun éxito mundial, gañando numerosos premios e sendo adaptada ao cine en forma de película de animación coa propia Satrapi como codirectora no 2007.
Ademais desta obra, que eclipsa o resto da súa produción, non debemos esquecer outras como "Bordados" ou "Pollo con ciruelas", nas que aborda temas como a vida das mulleres en Irán ou historias familiares dos seus antepasados. Conta tamén cunha filmografía na que se adapta esta última obra e na que tamén destaca unha revisión biográfica da figura de Marie Curie.
Colaborou tamén en diversos foros a nivel político, tendo sempre moi presente a situación do seu país de orixe e sendo unha voz crítica contra as inxustizas que aínda hoxe en día se viven alá, axudando a denunciar feitos de abuso contra os dereitos das persoas e dando altavoz para que a comunidade internacional non esqueza o que sucede en Irán.
A nivel internacional tivo moitos recoñecementos, sendo un dos máis destacados o Premio Princesa de Asturias de Comunicación e Humanidades do ano 2024. O goberno francés nomeouna para a Lexión de honra ese mesmo ano, condecoración que rexeitou ante o que consideraba "actitude hipócrita de Francia cara Irán" polo trato de favor a fillos de oligarcas iranianos.
Onte, un ano despois do falecemento do seu marido, o actor, guionista e produtor, Mattias Ripa, e segundo citou a súa familia, incapaz de superar a tristura polo amor da súa vida, faleceu en París, tinguindo de loito o mundo do comic, ese loito que identificamos coa roupa escura que adoitaba vestir, e ese negro do branco e negro que caracteriza a Persépole, e que máis alá da estética tivo unha razón de ser moi simple: a editorial que lle deu a oportunidade non era precisamente rica e só publicaba obras en branco e negro.

Ningún comentario:
Publicar un comentario